O concepto de Occidente


Cando pensamos hoxe en día en “Occidente”, pensamos en sistemas políticos que están baseados na democracia representativa e o liberalismo económico, en sociedades de dereito que respetan os principios de liberdade que os filósofos da Ilustración branderon para cuestionar o autoritarismo e a superstición; por iso, tamén cando pensamos en “Occidente” temos a sensación de estar diante de pobos nos que o laicismo e as liberdades de expresión e imprenta están garantidas. Mais Occidente é unha construción ideolóxica que ten pasado por diversas fases, nas que se foron engadindo significados ligados á herdanza histórica (a civilización “clásica” grecorromana), relixiosa (Estados fundamentalmente cristianos que loitaron en tempos contra o Islam) e económica (a meirande parte dos territorios están vencellados ao predominio do capitalismo de mercado).

Porén, o concepto foi variando a través do tempo e do espazo. A historiadora Naoíse Mac Sweeney, que é un bo exemplo de identidade contemporánea, “nin de aquí nin de alá”, unha arqueóloga mestiza (filla de irlandés e chinesa) que rompe co choque de civilizacións proposto por Huntington. No seu libro “Occidente”, a autora válese das biografías e contextos históricos de 14 personaxes -na meirande parte pouco coñecidos- para trazar a evolución do concepto ao longo da historia. Comeza con Heródoto, o “pai da historia”, de orixe anatólica, que describíu a identidade grega antiga en base á lingua, os santuarios, os sacrificios aos deuses e o estilo de vida dunhas polis que marcaban as diferenzas cos “bárbaros” ou estranxeiros. Todos temos en mente o esplendor cultural da Atenas de Pericles, mais non hai que esquecer que aquela democracia tiña pouco de liberal, e o sistema político constituía unha decepción para Heródoto. Occidente non ten unhas raigames exclusivas, dado que o imperio romano foi unha nación mestiza, de grande extensión, que abranguía espazos de Europa, Asia e África; Roma era unha cidade multicultural, fundada polos descendentes da antiga Troia de Asia Menor, unha cidade non europea. De feito, os musulmáns de Bagdad, unha vez que o Imperio Romano caeu, tamén se consideraron herdeiros da antigüedade, gardaron os saberes dos vellos filósofos e reinterpretaron a Aristóteles; os bizantinos consideráronse directos herdeiros dese mundo clásico, subsistindo en Constantinopla durante un milenio, gardando alí os principais textos gregos.

Xa na Idade Media europea aparecen escritos que tratan de xustificar a primeira translatio imperii, e Godofredo de Viterbo vía na dinastía dos Hohenstaufen -a familia de Federico Barbarroxa- aos verdadeiros herdeiros do mundo clásico latino, que xa tiñan pasado polo tamiz carolinxio. As Cruzadas foron tempo de enfrontamento relixioso, de reivindicación do cristianismo como base do mundo occidental, ben que houbo igrexas cristiás en Etiopía, en Exipto, os ortodoxos gregos separáronse do dogma romano,… A comezos do século XIII, o abismo que separaba aos mundos grego e latino era máis insalvable que o que distanciaba aos cristianos dos mahometanos.

Será o Renacemento o momento en que se volva reivindicar a cultura grecorromana como base da antigüedade clásica, unha fusión que se observa claramente na obra de Tullia d’Aragona. A colaboración co mundo islámico podería terse dado doutro xeito se a correspondencia entre Safié Sultán e a raíña Isabel I de Inglaterra tivese continuidade cos seus descendentes, mais non foi así; en tempos de afirmación do anglicanismo, os británicos preferían ser turcos antes que papistas, mais foron os Habsburgo os que -presentando a batalla de Lepanto de 1571 como un combate heroico entre dúas civilizacións radicalmente opostas, Europa contra Asia, a cristiandade contra os infieis- incorporaron o matiz relixioso á construción do concepto de Occidente. Sería no século XVII Francis Bacon quen contribuiría a engadir ao relato a experimentación, a exploración e a Ilustración, quen poñería as bases dunha civilización occidental asentada no espírito científico e no progreso; a filosofía política deste tempo engadíu a defensa dos dereitos naturais como base da noción “occidental”, que se afirmaría co imperialismo europeo, “civilizador” e cristianizador, portador das “luces” a todo o mundo conquistado, idea que tamén defendería William Gladstone no século XIX.

A superioridade da raza branca foi estimulada polo discurso dos pais fundadores dos Estados Unidos de América, entre os que Joseph Warren desempeñou un papel significativo, pois xustificou a noción dunha nova traslatio imperii desde Europa ás terras norteamericanas, agora portadoras do destino manifesto duns patriotas liberados da opresión británica e defensores da emancipación dos brancos, malia que escravas negras intelixentes como Phillis Wheatley poidesen cuestionar a superioridade racial da poboación WASP.

Xa no século XX xorden as visións que permiten cuestionar as ideoloxías tradicionais nas que se basea Occidente, e entre elas destaca a de Edward Said, que vivíu no contexto da guerra fría -elemento que restrinxíu a civilización occidental aos países capitalistas e non comunistas- e do enfrontamento árabe-israelí a raíz da creación do Estado de Israel tras o Holocausto nazi; criticou a visión polarizada occidental contra outras civilizacións e fomentou a colaboración cultural para poñer fin ao enfrontamento de civilizacións.

Hoxe en día, Occidente síntese ameazado por outras civilizacións que loitan contra a súa minguada potencia: o islamismo militante de Daish, a Rusia de Putin e a China contemporánea son polos que compiten e cuestionan o dominio occidental. China, por exemplo, promove unha visión que se alonxa do choque de civilizacións. No seo do Foro de Civilizacións Antigas (FCA), creado en Atenas en 2017, unha serie de “grandes civilizacións antigas” (Grecia, China, Bolivia, Exipto, India, Irán, Irak, Italia, México e Perú) afirmaron unha visión máis atemporal ca dinámica, na que a idea de translatio está ausente. Por iso, a autora, lonxe de considerar que estea atacando a Occidente, considera que debe reformularse a historia desta civilización -que ten o valor extra de mudar e influir- en base a coñecer a diversidade dos elementos que a configuran en cada período.

O ensaio de Naoíse Mac Sweeney é altamente recomendable como lectura, non se dubide.

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑