Arquivos da categoría Século XXI

Homo sovieticus

revolución rusa, que Richard Pipes define como “o acontecemento histórico máis importante do século XX” (ben que el califica a revolución bolxevique como “golpe de Estado”), é este ano motivo de lembranza.

O centenario dos feitos coincide cunha Rusia controlada por Putin, despois de que o Imperio esmorecese en 1991. Na ollada recente de Svetlana Aleksiévich, ese homo sovieticus, extinto, anceia un tsar; os ideais comunistas son lembranzas dun Partido residual; a escritora bielorrusa recolle moi especialmente a voz das mulleres rusas para lembrar un territorio que ten pasado por ben diferentes gobernantes e “influencers”: Rasputín, Lenin, Stalin, Gorbachov, Putin(tal e como a batalla de ERB consigna).

Continuous change

A historia do presente, o período máis recente da nosa existencia, está claramente marcada pola eclosión de novos movementos sociais que teñen profundas raigames no pasado, como poidan ser o feminismo e o ecoloxismo. Outros toman forza en acontecementos coetáneos, tal e como poidan ser os movementos antiglobalización.

Toda unha serie de acontecementos está a marcar a nosa existencia con novas propostas de pensamento e acción que permiten comprender as forzas que moven as sociedades, ao tempo que os estados poderosos se confrontan estratexicamente en áreas xeopolíticas cheas de novos intereses e tensións, ás veces determinadas pola loita contra o narcotráfico, o tráfico de armas ou o control das rutas marítimas do comercio internacional.

En suma, atopámonos nun período de cambio continuo, no que os acontecementos son transmitidos en directo e dun xeito inmediato a través dunha sociedade-rede [ver o primeiro capítulo do libro de Castells] que nos implica a todos sen excepción.

* Consulta un vello artigo.

* Consulta a nosa presentación.

Autoritarismo e totalitarismo

En pleno século XXI, o culto á persoalidade sigue presente no ámbito político. Non hai que ir tan lonxe para atopar o Turkmenistán de Nyýazow, líder autoproclamado Turkmenbashi en 1993 (“líder de todos os turcománs”), sobrevivinte na era post-soviética, ata a súa morte en 2006. Grazas ao finés Arto Halonen, que filmou “Shadow of the holy book”, (“A sombra do libro sagrado”) coñecemos mellor a mensaxe do inspirador do Ruhnama, libro no que se reescribe a historia do país e se adoutrina á maioría suní de clans nómades. É a verdadeira expresión da presenza dun autoritarismo ditatorial, que ademáis se ten convertido en manual de escola para os nenos turcománs.

O autoritarismo é unha modalidade de exercicio da autoridade que impón a vontade do que exerce o poder en ausencia dun consenso que se poida construir de xeito participativo; en consecuencia, orixina unha orde social opresiva e carente de liberdade e autonomía. A sociedade preindustrial está marcada por unha forte autoridade e xerarquía en todas as ordes -relixiosa, política, económica,…-, cunha indiscutida autoridade masculina e paterna dentro da familia -patriarcado, paternalismo, machismo-, fronte a graos cada vez maiores de liberdade existentes nas sociedades industrial e postindustrial.

En política, o autoritarismo caracterízase pola concentración de poder en mans dun líder ou unha pequena elite que non é “constitucionalmente responsable diante do corpo do pobo”, baseándose no “exercicio arbitrario do poder sen consideración doutros corpos” que o poidan limitar -por exemplo, mediante a separación de poderes- e cunha inexistencia de mecanismos que permitan a efectiva alternancia no poder, como as eleccións libres multipartidistas.

Coñecemos como totalitarismos as ideoloxías, movementos e reximes políticos onde a liberdade está seriamente restrinxida, e o Estado exerce todo o poder sen divisións nin restricións.

Os reximes totalitarios diferéncianse doutros reximes autocráticos por seren dirixidos por un partido político que se comporta como partido único e se funde coas institucións do Estado; estes reximes, polo xeral, exaltan a figura dun personaxe que ten poder ilimitado -que acada todos os ámbitos- e que se manifesta a través dunha autoridade exercida xerarquicamente; estes reximes impulsan un movemento de masas -co apoio das cales se afirman no goberno- no que se pretende encadrar a toda a sociedade, co propósito de formar unha persoa nova nunha sociedade perfecta; estes reximes fan uso intenso da propaganda e de distintos mecanismos de control social e de represión, como a policía segreda.

Mussolini (que utilizou por primeira vez o termo “totalitarismo”) evidenciou todo isto no eslogan “todo no Estado, todo para o Estado, nada fóra do Estado, nada contra o Estado”.

Xa en 1951, tivo lugar a publicación da obra clásica que describe e analiza os dous movementos totalitarios máis importantes do século XX: o nazismo e o estalinismo. Trátase de “As orixes do totalitarismo”, de Hannah Arendt. O libro analiza o ascenso do antisemitismo en Europa central e occidental a comezos e mediados do século XIX, engadindo unha análise do novo imperialismo -que acontece entre 1884 e o inicio da Primeira Guerra Mundial-, para examinar a fondo o panxermanismo e o paneslavismo como fase previa ao xurdimento de movementos que sustituiron aos partidos políticos.

“Mentres que todos os grupos políticos dependen dunha forza proporcionada, os movementos totalitarios dependen da pura forza do número, ata tal punto que os reximes totalitarios parecen imposibles, incluso baixo circunstancias polo demáis favorables, en países con poboacións relativamente pequenas. Despois da primeira guerra mundial barreu Europa unha vaga intensamente antidemocrática e proditatorial de movementos semitotalitarios e totalitarios; os movementos fascistas extendéronse desde Italia a case todos os países da Europa central e oriental (a parte checa de Checoslovaquia foi unha das excepcións notables); sen embargo, incluso Mussolini, que tan orgulloso se amosaba do termo «Estado totalitario», non tentou establecer un completo réxime totalitario, e contentouse cunha ditadura e un réxime unipartidista. Ditaduras semellantes non totalitarias xurdiron na Rumanía da preguerra, en Polonia, os Estados bálticos, Hungría, Portugal e a España de Franco. Os nazis, que posuían un infalible instinto para advertir semellantes diferenzas, acostumaban a comentar con desdén as imperfeccións dos seus aliados fascistas, mentres que a súa xenuina admiración polo réxime bolchevique de Rusia (e o partido comunista en Alemania) só admitía parangón e era equilibrada polo seu desprezo ás razas de Europa oriental. O único home por quen Hitler sentía un «incalificado respeto» era «Stalin, o xenio”.”

H. Arendt: Los orígenes del totalitarismo“.

“Os movementos totalitarios son organizacións de masas de individuos atomizados e illados. En comparación con todos os demáis partidos e movementos, a súa máis conspicua característica externa é a esixencia dunha lealdade total, irrestrinxida, incondicional e inalterable do membro individual.”

H. Arendt: Los orígenes del totalitarismo“.

Sirva como exemplo de denuncia do totalitarismo e dos seus métodos, así como da oposición firme dun cidadán que se separa da masa, o inicio de “Historia dun alemán”, as memorias de Sebastian Haffner escritas en 1939 e publicadas en 2000, despois da súa morte un ano antes.

Diríase que os reximes autocráticos tenden a desaparecer nos nosos días, mais hai quen considera que se encubren para adaptarse ao novo ambiente. ¿É a súa unha estratexia camaleónica? ¿Ou é que verdadeiramente a democracia está a espantalos?

“A Revolución dos cravos foi o comezo do que o profesor Samuel Huntington bautizou como “a terceira vaga da democratización”. A primeira vaga producírase no século XIX, coa ampliación do sufraxio e a aparición das democracias modernas en Estados Unidos e Europa occidental, mais sufríu unha serie de reveses en vésperas da Segunda Guerra Mundial, co ascenso das ideoloxías totalitarias. A segunda vaga, que chegou despois da guerra co restablecemento da democracia en Europa, tivo unha curta vida. O comunismo e os reximes monopartidistas implantáronse en toda Europa oriental e en moitos estados que viñan de obter a súa independencia. A terceira vaga ten sido duradeira e tivo un meirande alcance xeográfico.”

M. Naím: El fin del poder“.

* Visualiza un video recente con Kim Jong Un de protagonista.

* Consulta o Global Report 2011 de CSP sobre conflitos, governanza e fraxilidade estatal. Consulta o mapa interactivo co informe de Polity IV correspondente a 2011 para caracterizar os reximes políticos de cada Estado.

* Consulta o Mapa da Liberdade 2014 elaborado por Freedom House. E consulta o informe de base desta organización sobre a democracia por continentes.

* Olla a nosa presentación sobre este tema.

Crimea’s patchwork

Nos tempos de Catalina II de Rusia, o Imperio ocupou Crimea  (1783), despois de que -tras a guerra ruso-turca de 1768 a 1774, na que Rusia conquistou boa parte do espazo ucraíno- este territorio permanecera durante un tempo erixido en kanato “independente” e sumido en loitas internas. O interese por acceder ao Mediterráneo levou ao Imperio Ruso a controlar a península, que máis tarde sería obxecto dunha contenda internacional que ten sido catalogada por Orlando Figes como a primeira “Grande Guerra”.

“O nome da guerra de Crimea non reflicte a súa escala global e a súa enorme importancia para Europa, Rusia e esa área do mundo – que se extende desde os Balcáns ata Xerusalén, desde Constantinopla ata o Cáucaso- que chegou a definirse pola Cuestión Oriental, o problema internacional plantexado pola desintegración do Imperio otomano. Tal vez sería mellor adoptar o nome ruso da guerra de Crimea, a “Guerra Oriental”  (Vostochnaia voina), que cando menos ten o mérito de relacionala coa Cuestión Oriental, ou incluso chamala a “Guerra Turco-Rusa”…

A guerra empezou en 1853 entre forzas rusas e otomanas nos principados do Danubio de Moldavia e Valaquia, o territorio da actual Romanía, e propagouse ata o Cáucaso, onde os turcos e os británicos alentaron e apoiaron a loita das tribos musulmanas contra Rusia, e desde alí extendeuse a outras áreas do Mar Negro. En 1854, coa intervención dos británicos e franceses á beira dos turcos e a ameaza dos austríacos de unirse a esta alianza antirrusa, o tsar retirou as súas forzas dos principados e o combate trasladouse a Crimea. Mais houbo outros diversos escenarios de guerra entre 1854 e 1855: o mar Báltico, onde a Royal Navy planexaba atacar San Petersburgo, a capital rusa; o Mar Branco, onde bombardearon o mosteiro de Solovetsky en xullo de 1854, e incluso a liña costeira siberiana do Pacífico.”

Orlando Figes: Crimea. A primeira grande guerra“.

Bastión dos rusos brancos despois da revolución de outubro de 1917, Crimea converteuse en república autónoma en 1921, dentro da URSS, se ben sería despois rebaixada á categoría de oblast (rexión ou provincia), e transferida en 1954 á RSS de Ucraína. En 1997 -despois de anos de defender que Crimea nunca formara parte de Ucraína, Rusia recoñece a soberanía de Ucraína sobre a cidade de Sebastopol, se ben nela está instalada a principal base da flota rusa no Mar Negro.

Sebastopol exemplifica ben o patchwork étnico de Crimea actual -sumida hoxe nunha escalada de tensión que afecta ás relacións internacionais-, na que rusos e ucraínos predominan por enriba doutras variadas demografías: tártaros, armenios, xudeus,… Toda unha serie de comunidades que exemplifican ben o carácter multiétnico de boa parte da Europa da ribeira do Mar Negro.

0_crimea_grupos_etnicos_telesurtv_net

Apartheid e post-apartheid

O sistema de segregación racial do apartheid foi unha política vixente en Sudáfrica durante boa parte da segunda metade do século XX. Tivo os seus antecedentes na instalación dos afrikáners -predominantemente de orixe holandés, mais tamén francés e alemán- desde o século XVII en torno ao Cabo de Boa Esperanza; aínda que derrotados polos británicos a finais do século XIX nas guerras dos bóers, tomaron as rendas políticas do dominio británico de Sudáfrica, especialmente tras a vitoria do Partido Nacional en 1948. Unha serie de leis a comezos dos anos 1950 instauraron as medidas esenciais do apartheid: establecemento de zonas segregadas en distritos urbanos, praias, autobuses, escolas, hospitais; prohibición dos matrimonios interraciais; creación dos bantustáns,… Contra esta política segregacionista rebeláronse especialmente os membros do Partido Comunista Sudafricano e os do Congreso Nacional Africano; un grupo de acción (Umkhonto we Sizwe) foi creado para combater a política do apartheid. Xulgado por actos de sabotaxe no proceso de Rivonia, Mandela -líder do CNA- entrou no cárcere, onde pasaría máis de 9.000 días antes da súa liberación.

* Consulta “Invictus”, o poema de Henley, en español.

“1985 foi un ano de esperanza para o mundo, mais non para Sudáfrica. Mijail Gorbachov chegou ao poder na Unión Soviética, Ronald Reagan tomou posesión como presidente para un segundo mandato e os dous líderes da guerra fría celebraron o seu primeiro cumio, o indicio máis firme en corenta anos de que as superpotencias podían convencerse mutuamente de aparcar as súas estrataxemas para a destrución recíproca asegurada. Mentres tanto, Sudáfrica avanzaba na direción oposta. As tensións entre os militantes antiapartheid e a policía estouraron na escalada máis violenta de hostilidades raciais desde que os casacas vermellas da raíña Vitoria e os rexementos do rei Cetshwayo se aniquilaron mutuamente na salvaxe carnicería da guerra anglo-zulú de 1879. A direción do CNA, no exilio, animaba aos seus partidarios no interior a que se alzasen contra o goberno, mais tamén levaban a cabo a súa ofensiva noutras frontes: a través dos poderosos sindicatos, as sancións económicas internacionais e o illamento diplomático. (…)

Nese clima, ese ano, Mandela lanzou a súa iniciativa de paz. Convencido de que as negociacións eran a única forma de rematar definitivamente co apartheid, decidíu afrontar o reto só e, como se viu despois, coas mans atadas.”

John Carlin: El factor humano“. [ver nube].

[E desde aquí invitámosvos a que disfrutedes da leitura do libro de Carlin, proposta para este curso académico]…

Mandela foi liberado o 11 de febreiro de 1990 -o mesmo día, 11 anos despois, da chegada do ayatolá Jomeini a Irán para poñerse á fronte da revolución islámica- e traballou a carón do entón presidente De Klerk para conseguir unha democracia multirracial que foi instaurada tras as eleccións con sufraxio universal de 1994. Despois do aplastante triunfo do CNA, Mandela converteuse no primeiro presidente negro de Sudáfrica e loitou nos seus 5 anos de presidencia por dar forma á “nación arco da vella”.

Pasada aquela euforia, Nadine Gordimer reflexiona, en “Mellor hoxe que mañá” (2013) sobre o desencanto instalado na sociedade post-apartheid, cunha parella mixta de clase media que tiña formado parte de Umkhonto antes do final do apartheid e vive, na primeira década do século XXI, os avatares políticos dunha Sudáfrica marcada pola corrupción, o crecemento da desigualdade social e da inseguridade cidadá, o incremento do paro e do SIDA ou a emigración das elites, unha Sudáfrica post-apartheid onde as promesas rotas do CNA e a política de empoderamento dos negros conleva a propia ruptura dentro do partido maioritario, no que o zulú Zuma -aquel ao que lle tocou dar ao mundo a nova da morte de Mandela– asoma como presidente do país (2009) en medio de acusacións de corrupción e violación.

“¿Cal é a diferenza entre non facer nada e admitir, por máis que te opoñas desesperadamente, que aquilo no que crías e polo que loitabas non empezou sequera a aplicarse -unha vez acadado, non pudo poñerse en práctica- ao cabo de quince anos e agora dexenera cada día? ¡Oh! Esa puta letanía da Vida Mellor, cantas veces hai que enfrontar aos mortos con ela, aos camaradas que morreron polo Mercedes último modelo, as mansións de inverno ou as residencias de verán, os pelotazos millonarios dos acordos de venda de armas e os contratos de construción de casas novas das que as paredes se agretan como a faciana dun ancián. ¿Quen tería o pesadelo premonitorio de acabar noxento e desprovisto de todo o preciso para seguir, a luta continua?

Nadine Gordimer: Mejor hoy que mañana.

* Lembrade que o himno actual de Sudáfrica, creado en 1997, é unha fusión do Nkosi Sikeleli + Die Stem.

CNI e CNA

Dentro do movemento antiimperialista desatado nas colonias xogaron un papel importante algúns partidos que teñen consolidada a súa influencia nos respectivos países de orixe.

Destes partidos fixamos a atención agora en dous: o Congreso Nacional Indio (CNI) e o Congreso Nacional Africano (CNA).

O Congreso Nacional Indio ou Partido do Congreso foi fundado en 1885, o mesmo ano da Conferencia de Berlín. Este partido liderou o movemento de independencia indio que xa se tiña manifestado inicialmente coa revolta dos cipaios en 1857. Mais o momento de eclosión do CNI vai ser a partir da Primeira Guerra Mundial, despois de ter regresado Gandhi á India (1915); este líder sería despois o artífice da desobediencia civil -que xa tiña ensaiado en Sudáfrica, onde vivíu entre 1893 e 1915- como método de acción para acadar a independencia. A marcha do sal de 1930 é o comezo desta política activa que desembocaría no “Quit India” e a independencia da India, outorgada por Gran Bretaña en 1947. Con escasas interrupcións, o CNI dominou a política hindú desde a independencia, e mantense no poder en 2014.

En Sudáfrica, colonia tamén británica desde a segunda guerra bóer -finalizada en 1902-, fundouse o Congreso Nacional Africano en 1912 co obxectivo de defender os dereitos da maioría negra do país. A partir da instauración do rexime do apartheid, co dominio do Partido Nacional Afrikaaner, en 1948, o CNA tivo que loitar contra a política de segregación racial e “colonización interior” por parte da minoría branca. En 1955 -o mesmo ano de celebración da conferencia de Bandung-, o CNA asinou a “Carta da Liberdade”, documento que presenta unha serie de demandas para a creación dunha Sudáfrica sen distincións raciais, obxectivo que non foi posible ata a liberación de Mandela e a convocatoria de eleccións libres para 1994. Desde entón, o CNA domina a escena política sudafricana, se ben sufríu en 2008 a escisión do COPE (Congreso do Pobo).

“O comunista manifesto”

A pantasma do comunismo parece percorrer o mundo -xa non só Europa- 5/3 de século despois da publicación do Manifesto Comunista. E agora xa non como traxedia nin como farsa, senón como estética. A caída do PC (Partido Comunista) a mans do pc (personal computer) deixa no imaxinario colectivo Ostalxia e pervivencias dun Eastern que tería sido inaugurado por Steinbeck e Capa co Diario de Rusia...

Debulla todas estas reflexións Iván de la Nuez en “El comunista manifiesto”, un paseo pola influencia do comunismo na cultura contemporánea, desde as propostas de José Antonio Hernández Díez ou o colectivo PSJM [ver] ata as fotografías de Eric Lusito [ver], pasando pola recreación teatral de Marx no Soho, de Howard Zinn [ver] ou a inclusión da faciana do propio Marx nunha tarxeta Mastercard… E sendo posible seguir un curso on-line sobre “O capital” con David Harvey.

4_jose_antonio_hdez_diez_marx

En suma, que o neoliberalismo terá “enterrado” ao comunismo, mais a difusión do código libre na web, o panfleto de Hessel, a mercadotecnia ou a filmografía seguen a recrear un “comunismo manifesto” que combate.

“En resumo, a sombra do comunismo proxéctase sobre o presente como nostalxia e como materia crítica, como a ilusión polo mundo do traballo manual e como a culminación imaxinaria doutra vida posible, como crítica ao mercado e como vinganza polas atrocidades daqueles reximes. Toda unha secuencia de arqueoloxías diversas nas que non se busca a restauración dun sistema senón o resarcemento dunha posibilidade, acaso minúscula, de vivir doutro xeito.”

Iván de la Nuez: “El comunista manifiesto”.

“Acaso esa posdemocracia califique ese momento en que a democracia debe lidiar -e non sempre en igualdade de condicións- con outras “cracias” puxantes que lle gañan terreo e constrúen os planos da política actual.

Desde a “Cleptocracia” (poder organizado de roubo e desfalco do Estado) ata a “Petrocracia” (baseada no poder do petróleo). Desde a “Quirocracia” (o imperativo social, e enorme negocio, da cirurxía estética) ata a Narcocracia (ese poder do narcotráfico que non pode circunscribirse a un asunto delictivo e abarca horizontes políticos e incluso xeopolíticos). Desde a “Aristocracia” (mantida aínda con todos os seus privilexios en boa parte de Europa) ata a “Ladrillocracia” (poder alcanzado pola especulación do solo e as súas respectivas burbullas inmobiliarias). Todo isto sen esquencer, na rede, o apoxeo da “Anonimocracia” (que vai desde o acto de xustiza ou vinganza dos que non teñen “nome” ata os trolls) ou o declive da “Meritocracia” (noutros tempos reverenciada como medida de progreso en calquera sociedade liberal).”

Iván de la Nuez: “El comunista manifiesto”.

G8

G8-2013-Northern-IrelandPor primeira vez en 1973, hai 40 anos, os ministros de finanzas dos seis países máis industrializados daqueles tempos (Estados Unidos, Xapón, Alemania, Italia, Francia e o Reino Unido) reuníronse para analizar o estado da política e as economías internacionais e tentar unificar posicións con respecto ás decisións tomadas a nivel político e económico no mundo; a este club engadíuse en 1976 Canadá e, en época máis recente (2002), Rusia, para conformar así o G8.

Estes días ven de celebrarse en Irlanda do Norte o cumio nº 39 de tan excelso grupo, politicamente relevante, economicamente con menos peso a medida que pasan os días e as horas.

G8 leaders pose for a group photograph at the G8 Summit, at Lough Erne, in Northern Ireland¿Non hai algo de rancio nesa fotografía de líderes do G8? Analicemos a imaxe iconograficamente para ver canto nos lembra a unha panorámica antiga -de ¿1945 / 1957 / 1973…?- reactualizada:

O centro ocúpano o líder de prestixio (o presidente norteamericano, Obama), á beira do anfitrión (o primeiro ministro británico, Cameron): mais non, non son Churchill e Roosevelt a bordo do USS Augusta en agosto de 1941, cando suscribiron a Carta do Atlántico. Sen embargo, os que están máis próximos a eles son o primeiro ministro de Rusia, Putin (a URSS xa non existe, Stalin morreu hai 60 anos) -velaí os principais aliados daquela Segunda Guerra Mundial- e o francés Hollande -que non encarna a De Gaulle ideoloxicamente, pero que se mantén auxiliando ás grandes potencias que resistiron ao fascismo-. Á beira de Hollande está Harper, representante dunha consolidada democracia como é a canadiana -mais case a última en chegar a este club de pudentes; Rusia chegou máis tarde, pero ocupa un posto de poder herdado da vella significación soviética-.

Será a casualidade -e resulta así porque as antigas potencias do Eixo xa son formalmente auténticas democracias-, pero case nos extremos atópanse os representantes das antigas potencias fascistas: Merkel como primeira ministra alemana, Abe como primeiro ministro xaponés, e, no outro extremo, o italiano Letta.

Tan só nos extremos aparecen, simetricamente, os representantes dunha laureada aínda que depauperada institución: o presidente da Comisión Europea, Duräo Barroso; e o presidente do Consello Europeo, Van Rompuy.

¿E que dicir do poder político por sexos, a estas alturas do século XXI? Pois ollade ben: está claro que só se ve un 10% de poder feminino. Quizás estamos a afondar no rancio.

Nas iconografías de poder e relevancia (a Última Cea de Leonardo éraa), o centro está ocupado polos personaxes principais; nos extremos pérdense os detalles… ¿Foi irrelevante a colocación dos mandatarios? ¿Ou estamos diante dun retrato de poder da nosa época? Ao fondo non aparecen as marxes do Elba que atravesara Carlos V para derrotar aos protestantes en Mühlberg; ao fondo está o Lough Erne Resort -á beira do lago Erne-, no Condado de Fermanagh (Irlanda do Norte).

* Unha imaxe ben vale cen palabras.

* E Obama foi a Berlín.

Xeopolítico / Ilícito

Hai case unha década, Moisés Naím aventurouse a contarnos “como traficantes, contrabandistas e piratas están a cambiar o mundo” nesta postguerra fría, era da globalización e transnacionalización.

Quizás aínda non poidamos dubidar de que -tal e como sinalaba Samuel Huntington, as nacións-estado siguen a ser os axentes máis poderosos nos asuntos mundiais, mais é ben certo que o comercio ilícito e a economía internacional teñen moitas “sendas escuras” que escapan ao control e ollos dos cidadáns. E o poder das mafias e da economía ilícita cobran cada vez máis carta de natureza nunha época na que os lazos globais xa emerxen por enriba das identidades nacionais ¿ou civilizacións? A campaña de AVAAZ amósanos que non somos tan diferentes nunha ou noutra beira do planeta.

* Consulta o pearltree que che propoñemos.

China emerxe

Primeira potencia demográfica mundial, segunda economía da Terra e segundo Estado en superficie, China pasou de ser un país feudal ata 1911 a unha potencia que, como sinalaba Deng, é “un país, dous sistemas”; isto é, no económico coordínanse capitalismo de iniciativa privada e economía estatal dirixida, e no político -velaí o segundo sistema, realmente- subsiste unha estrutura de partido único inspirada no comunismo soviético.

A China imperial foi barrida pola revolución Xinhai; a nacionalista enfrontouse á loita maoísta e perdeu; e aqueles sospeitosos de revisionistas durante a Revolución Cultural comandaron a reforma capitalista na China recente. Unha enorme “volta de torca” para volver a poñer a China na senda de ser o patrón do mundo.

Eu identifícome coa revolución de Sun Yat-Sen e coa de Mao Zedong. ¿Por que? Porque antes non eramos [refírese a China] nada. Todas as potencias do mundo invadíronnos, apoderáronse de China, utilizárona como botín político. Ensinaron aos chineses a consumir opio para compensar a balanza comercial, porque China tíñaos inundado de porcelana, de seda, de inventos… Corromperon aos chineses coa droga. Francia e Inglaterra mantiveron a súa opulencia a costa do sangue de China. ¿Como non vou querer a revolución?” Harry Sun fala coa ollada fita nos ollos do seu interlocutor mentres repite, case verba por verba, o discurso oficial do Partido Comunista de China sobre a cicatriz que deixou a zoupa occidental no Imperio do Centro. Sobre estas bases patrióticas discurre a súa argumentación sobre a identidade e o valor de ser chinés.”

J.P. Cardenal e H. Araújo: La silenciosa conquista china.

Clickade na imaxe para ver a presentación:

11_wordle2

* ¿Apetéceche probar os teus coñecementos previos nun wordshoot?

* Le o artigo de Augusto Soto “China: disidencia y ciberespacio”, no Real Instituto Elcano.

* “China, un país en construcción”, por J. Reinoso.

Renuncia un Xefe de Estado

A Cidade do Vaticano é o Estado máis pequeno do mundo, con apenas 44 Ha. (das que o 7% están ocupadas pola basílica de San Pedro). Con 832 habitantes censados en 2011, o Estado Vaticano é a sé dunha monarquía absoluta e electiva que leva xa 265 Papas (aínda que desde a creación propiamente do Estado Vaticano só teñan gobernado, ata a data, 7).

O Estado Vaticano creouse en 1929, unha vez asinados os Pactos de Letrán ou Pactos lateranenses o 11 de febreiro daquel ano entre o representante italiano (o primeiro ministro, Mussolini) e o da Santa Sé (o secretario de Estado, Gasparri) -cando Bieito XVI non tiña nin 2 anos de idade-; estes acordos proporcionaron o recoñecemento mutuo entre o daquela Reino de Italia e a Santa Sé, pois os Estados Pontificios -gobernados polo Papa ata 1870- foran absorbidos no proceso de reunificación italiana. 

No 84º aniversario da sinatura dos Pactos de Letrán, Bieito XVI ven de renunciar voluntariamente á Xefatura do Estado -algo único na historia oficial deste Estado-, de xeito que -nunca mellor dito-, a partir de hoxe “quédanlle dúas audiencias” antes da convocatoria dun novo cónclave.

* Consulta un gráfico de El País sobre o proceso de elección do novo Papa.

“Le ultime due riforme sulle norme elettorali sono state fatte da Giovanni Paolo II e da Benedeto XVI. Nel 1996 papa Wojtyla promulgò la costituzione apostolica Universal dominici gregis, con la quale si abbandonava la regola della maggioranza del due terzi stabilita nel 1179. Il pontefice temeva el rischio que unha minoranza di blocco (pari al 34 per cento dei voti, o più) potesse inchiodare il conclave per un tempo indefinito, con tutte le imaginabili conseguenze negative anche in termini di immagine.

La sua riforma stabiliva che, trascorsi inutilmente tredici giorni di votazione, la maggioranza assoluta dei cardinali (il 51 per cento) decidesse come proseguire, cioè se continuare con la maggioranza dei due terzi, passare alla maggioranza assoluta oppura al ballottaggio fra i due candidati più votati. Anche questa regola, comme ogni legge elettorale, aveva un suo punto debole nella possibilità che una parte dei cardinali aspettasse pazientemente il trascorrere delle prime votazioni tenendo in caldo il suo candidato, per tirarlo fuori non appena si fosse passati alla maggioranza simplice.

Nell’aprile 2005 il cardinale Ratzinger ha beneficiato di questa legge. (…)

Diventato papa, Benedetto XVI si è affrettato a cambiare la regola di Wojtyla ripristinando la maggioranza dei due terzi e stabilendo che, trascorsi inutilmente tredici giorni, si passi al ballottaggio dei due nomi più forti, sempre però mantenendo il quorum dei due terzi.”

Corrado Augias: I segreti del Vaticano.

Evocando unha loita

“Nós, o pobo dos Estados Unidos, declaramos hoxe que a máis evidente das verdades, que a todos se nos creou igual, é a estrela que aínda nos guía; igual que guiou aos nosos antepasados a traverso de Seneca Falls, e Selma, e Stonewall; igual que guiou a aqueles homes e mulleres, tanto dos que se cantaron loubanzas como dos que non, os que deixaron as súas pegadas ao longo deste grande Parque, para escoitar a un predicador dicir que non podemos camiñar sós; para escoitar a un Rei proclamar que a nosa liberdade individual está vencellada inextricablemente á liberdade de cada un dos habitantes da Terra.”

Fragmento do discurso de Barack Obama na toma de posesión do 2º mandato (Washington, 21 de xaneiro de 2013).