Arquivos da categoría Hidroloxía

Recursos hídricos en España

3_mapa_recursos_hidricos_2012España é un país de contrastes hídricos. Á abundancia de auga na España húmida oponse o déficit crónico deste recurso nas cuncas mediterráneas.

Ás aportacións de auga para o caudal dos ríos (que proveñen das precipitacións de choiva, da auga de desxeo nival, da auga retida en lagos e lagoas -con escasa capacidade de almacenaxe no noso país-, das augas subterráneas e da infiltración) presentan en España unha forte irregularidade, tanto anual como interanual [constátao con datos de comezos deste ano hidrolóxico, procedentes de AEMET].

Para paliar os déficits crónicos de auga acudíuse á regulación antrópica da auga, que se manifesta:

a) na auga encorada: case 60.000 hectómetros cúbicos de auga recollidos en 1.300 encoros -dos cales 900 son de grandes dimensións- supoñen aproximadamente o 50% da auga que discorre polos nosos ríos;

b) nas transferencias e transvases entre cuncas, das que a máis importante é a do Texo ao Xúquer e Segura;

c) na desalazón de augas mariñas e salobres, especialmente na zona árida do SE peninsular, Baleares e Canarias, ademáis das grandes aglomeracións urbanas do litoral;

d) na depuración de augas, especialmente significativa nos usos urbanos, domésticos e industriais, mais con grandes dificultades nos usos agrarios.

3_mapa_encoros_espanha

En España, a direción da política de augas corresponde ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, con competencias principais na elaboración do Plan Hidrolóxico Nacional (o correspondente a 2001 apostou pola realización de transferencias permanente de auga desde as cuncas con superávit a outras con déficit, o fomento da desalazón de auga do mar e dos retornos -facilitando a implantación de depuradoras- e a orientación cara á eficiencia nos consumos agrarios e domésticos), a aprobación dos Plans Hidrolóxicos de cada Cunca, a elaboración do Plan Nacional de Regadíos e a elaboración do Plan Nacional de Calidade da Auga para o Saneamento e a Depuración.

* Consulta un comentario sobre o mapa de recursos hídricos en 2012.

* Consulta un tema sobre recursos hídricos en España en Sociales Digital Canarias.

Auga sen control

A auga é esencial para a vida. Na Carta de Zaragoza de 2008 incidíase na necesidade de mellorar a salvagarda da súa potabilidade e garantir o desenvolvemento sostible.

A auga é un recurso escaso en moitos lugares do mundo, e veno sendo nas áreas de desenvolvemento turístico e hortícola do Mediterráneo español. Mais ás veces -fronte á escaseza de auga- sobreveñen as traxedias vencelladas ás precipitacións torrenciais… E entón a auga, esa fonte de vida, provoca a traxedia: asulaga, arrasa, destrúe (e non se pode aproveitar para regadíos futuros, porque a meirande parte pérdese por dramática escorrentía – ver dicionario de Mariano Aguilera-).

A auga de mar tamén pode causar, por mor dos seísmos submarinos, traxedias flagrantes derivadas dos tsunamis (en 2011, en Xapón e, hai uns anos, o devastador do SE asiático -en 2004, momento no que se contextualiza o film de Juan Antonio Bayona presentado estes días no Festival de San Sebastián-).

Diversidade hídrica

1. Cunca fluvial ou hidrográfica é a porción de terreo que drena a un colector principal (río ou lago), limitada por unha liña de cumes ou divisoria de augas – liña desde a que as augas correntes flúen en direccións opostas, e que soe coincidir cos niveis máis elevados de determinados sistemas montañosos-.

2. Estiaxe é o caudal mínimo que acada un río ou lagoa en determinadas épocas do ano, debido específicamente á seca. O termo deriva de estío ou verán, período do ano en que se producen as mínimas precipitacións no clima mediterráneo, predominante na Península Ibérica. A estiaxe está asociada non só ao déficit de precipitacións, senón tamén ao incremento da evapotranspiración por elevación das temperaturas medias.

3. Marisma é un ecosistema húmido con prantas herbáceas que medran na auga. A marisma, próxima ao mar, inúndase con augas doces e mariñas, que ao mesturarse producen auga salobre. Habitualmente aparece separada do mar por medio dunha restinga ou cordón litoral.

 

Recursos hídricos en España

Nun Estado de características esencialmente mediterráneas como España, no que a estacionalidade das precipitacións e as acusadas estiaxes provocan habituais déficits hídricos, o incremento na sobreexplotación de acuíferos e as demandas económicas de auga sempre en aumento contribúen á necesidade dunha política hídrica orientada cara ao desenvolvemento sostible.

Aínda que esa política hídrica teña tradición histórica, e aínda que a preocupación pola mellor xestión dos recursos hídricos teña unha inflexión significativa na política rexeneracionista de comezos do século XX, o debate de candente actualidade pasa pola mellor xestión dos recursos hídricos, pola política de transvases e as súas posibles alternativas, pola rexeneración dos acuíferos e a restauración de ríos, en definitiva: por unha xestión sostible da auga, un ben escaso que chega ás nosas billas cada día para dispormos dela con responsabilidade… Só hai que ver o medo que entrana ver que non chove do ceo e os encoros minguan a cada paso que o estío se prolonga en exceso.

* Consulta unha breve presentación sobre a problemática dos recursos hídricos en España.

* Aprende algo máis sobre os reximes fluviais en España.

* Consulta unha información sobre os humedais españois, a cargo do MMA. E lembra o que publicamos sobre lagos e humedais en España hai anos.

* Infórmate sobre o PHN (Plan Hidrolóxico Nacional) e a “outra batalla do Ebro” neste especial de El Mundo.

* Consulta unha páxina de WWF sobre a restauración de ríos e outros temas de interese.

* Olla un vídeo sobre a recuperación das Tablas de Daimiel.

Os transvases teñen historia

   

Conta Gil Olcina que os primeiros transvases de augas en España datan da época baixomedieval, cando se documenta a solicitude da vila de Lorca para transferir augas ao seu regadío doutras cuncas (1370). E, aínda que o litoral mediterráneo e SL experimentan a construción de encoros para rego xa nos séculos XVI e XVII, e a política ilustrada potenciou a construción de canles en Castela e Aragón, non será ata o século XIX cando a política hidrolóxica experimente un avance significativo, sobre todo a partir da creación das Divisións Hidrolóxicas (1865), reconvertidas no século XX en Divisións de Traballos Hidráulicos.

O Plan Xeral de Canles de Rego e Pantanos (1902) fomentou a preponderancia dos regadíos interiores. Coa ditadura de Primo de Rivera créanse as Confederacións Sindicais Hidrográficas, das que a primeira que viu a luz foi a do Ebro (1926). O I Plan Nacional de Obras Hidráulicas (1933) pretendía correxir dous desequilibrios: o hidrográfico entre as vertentes atlántica e mediterránea e a marxinación da zona mediterránea resultante do Plan de 1902; o transvase Texo-Segura que se deducía daquel plan non se faría realidade ata 1979, ano en que víu a luz a canle -de 286 km de lonxitude e caudal de 33 metros cúbicos por segundo- que levaría auga desde o encoro de Bolarque (río Texo) ata o de Talave (río Mundo).

Promulgada a Lei de Augas en 1985, o Anteproxecto do Plan Hidrolóxico Nacional (1993) postulaba a posibilidade de transvasar auga do Ebro a comunidades levantinas como Valencia e Murcia, mais os grandes trasnvases quedaban supeditados a unha declaración de interese xeral que non se producíu polos enfrontamentos entre comunidades cedentes e beneficiarias dos devanditos transvases. O Plan Hidrolóxico Nacional incidía tamén nunha racionalización dos usos da auga, o aforro no consumo da mesma e a potenciación da política de desalgadoras -promovida en grande medida polo programa A.G.U.A. actual- para paliar o déficit hídrico das provincias máis afectadas.

A xestión da auga en España, ademais dunha parte fundamental do desenvolvemento económico do Estado, ten sido un tema de longa controversia política e enfrontamento entre xentes de diversas comunidades (como se pode ollar nos vídeos desta anotación), mais de ineludible prioridade canto ás medidas a adoptar, pois o déficit hídrico amplíase coa africanización do clima peninsular. Olla o mapa de situación “actual” da cuestión publicado por El País en abril de 2008:

Lagos e humedais en España

    

Dos case 2.500 lagos que existen en España, moitos teñen carácter estacional e son de reducidas dimensións. En gran parte dos casos, o ser humano actuou sobre eles desecándoos con fins agrícolas. Poñemos algúns exemplos destes lagos e humedais segundo a súa orixe:

Orixe Causa Exemplo Localización
Tectónica Afundimento por fallas ou pregas La Janda Cádiz
Glaciar Obstrución morrénica  Lago de Sanabria Zamora
Erosión (ibóns e estanys) Ibón de Estanés Huesca
Cársica Disolución da caliza Lagoas de Ruidera Ciudad Real / Albacete
Arreica Afundimento tectónico Gallocanta Zaragoza
Litoral Acción mariña Albufeira  Valencia
Marismas do Guadalquivir Sevilla / Huelva / Cádiz

Estas lagoas poden ser permanentes -sobre todo na España húmida e os sistemas cársicos do Prepirineo e cuncas altas do Texo, Guadiana, Xúquer e Segura-, lagoas de auga doce de variable distribución, e lagoas salobres nas áreas máis áridas do Douro, Ebro, Guadiana, Segura e Guadalquivir (un exemplo destas é a citada de Gallocanta).

Bacías hidrográficas

Presentámosvos a continuación, en imaxes, algunhas características das bacías hidrográficas da Península Ibérica. Nelas conflúen os ríos cortos e caudalosos da vertente cantábrica con outros máis longos, nos que se mesturan diversos reximes fluviais (como o Douro e o Ebro) e aqueles mediterráneos máis curtos e con significativas estiaxes.

bacia_cantabrica1   bacia_minho1  bacia_douro1  bacia_texo1 

bacia_guadiana1  bacia_guadalquivir1  bacia_atlantica_andaluza1  bacia_mediterranea_andaluza1

bacia_segura1  bacia_xuquer1  bacias_catalanas2  bacia_ebro1

Consulta, no seguinte documento, as solucións tradicionais dadas ao problema da escaseza de auga nas diferentes confederacións hidrográficas e outras cuestións a ter en conta sobre este tema.

A auga en España

 

A auga é un ben escaso. E consumimos moita a diario. Segundo o INE, a media de consumo por habitante ao día en España no ano 2006 era de 160 litros; ben é certo que o maior consumo se produce alí onde menos precipitacións hai, isto é, na metade sur peninsular -coa salvedade do abundante consumo medio en Asturias e Cantabria-. Como curiosidade, en 2007 fomos o séptimo país do mundo en consumo de auga mineral por habitante (120 litros ao ano).

Como territorio predominantemente mediterráneo, España vese sometida a secas periódicas, que tenden a agudizarse ante a perspectiva do cambio climático global. O ano 2005 resultou ser o máis seco desde 1947, ano no que comezaron a rexistrarse de xeito fiable as choivas. E debido a iso, as reservas de auga nos encoros reducíronse de xeito notable. Nalgunhas áreas litorais de escasa pluviometría tense que recorrer de xeito significativo á desalación como proceso para potabilizar a auga (a instalación de plantas desaladoras iniciouse en 1964 en Lanzarote, e en 2006 xa había en España máis de 700), de xeito que a produción de hectómetro cúbico diario pódese case triplicar entre 2004 e 2009 (pasando de 1,4 a 3,4 hectómetros cúbicos diarios). Mais a solución á problemática da auga pasa por diversas medidas nas que administracións e particulares estamos implicados: moderar o consumo -desorbitado no caso de instalacións turísticas como os campos de golf do sur-, reducir as perdas por roturas, fugas e averías, incrementar a depuración de augas residuais,… O problema da escaseza de auga é máis acuciante no SL, e o Plano Hidrolóxico Nacional é motivo de disputa política constante a este respecto.

* Consulta un recente informe sobre a auga en España realizado polo INE e tamén o máis recente informe sobre coxuntura ambiental publicado por Hispagua, sobre reservas de auga e recarga de acuíferos.