Xapón, China e India son tres xigantes económicos en Asia. Cada un deles tivo, ten ou terá o seu momento de esplendor.
Xapón, modernizado desde a Revolución Meixí, a finais do século XIX, chegou a converterse na segunda maior economía do mundo en 1978, tralos USA. Pero a burbulla económica impulsada polo crecemento excesivo do índice Nikkei estourou a comezos do s. XXI. Unha grande dificultade que ten este Estado para manterse na cabeza da economía mundial é a súa tendenza ao profundo declive demográfico (en 2050 haberá máis persoas maiores de 80 anos ca nenos en Xapón), non compensado pola inmigración -da que os xaponeses desconfían. Outro problema pode ser non ter acadado unha verdadeira paz cos seus viciños, especialmente no caso de Corea do N.
Moito se ten escrito sobre cando China adiantará aos USA para converterse na maior potencia económica mundial: 2015, 2020, 2025,…? Se ben China medra máis en PIB cada ano ca os USA, este último país mantén aínda un PIB p.c. ben superior (China ocupa o posto 73º no mundo en 2019). Aínda que China é o país máis poboado do mundo, en breve será superado pola India en efectivos demográficos. Pero China tamén ten problemas de futuro: renunciou á súa política de fillo único en 2015 polo avellentamento da poboación; os recursos petrolíferos e de gas natural son francamente insuficientes; a contaminación hídrica está moi extendida; moitas zonas rurais chinesas carecen de instalacións sanitarias modernas.
India superará a China en habitantes na década de 2020. O desequilibrio entre sexos -por mor do aborto selectivo de nenas- acada un valor de 1,12 varóns por muller (en China é 1,15; no mundo, a media establécese en 1,06). India e China están no posto 80 de corrupción no mundo, dunha lista de 180 -ben que India é unha democracia e China un país autoritario; a fenda entre ricos e pobres é moi severa (en India está o rañaceos Antilia, de 27 plantas -completado en 2012, a residencia privada máis cara do mundo). Mentres China mantén un control férreo sobre Internet, grandes logros tecnolóxicos en USA son levados a cabo por enxeñeiros indios. Entre China e India hai un conflito latente pola fronteira himalaia… É de esperar que non estoure!
Estes tres Estados albergan 2.400 millóns de persoas, un terzo da poboación mundial. E parecen transicionar de cara a conseguir un posto ben alto no conxunto das economías mundiais.