Natureza e medio ambiente en Galicia

1. Esteiro é a parte máis ancha e profunda da desembocadura dun río no mar aberto ou no océano -habitualmente con praias a ambas beiras-, xeralmente en zonas onde as mareas teñen amplitude ou oscilación. Os esteiros orixínanse pola entrada de augas mariñas durante a pleamar, mentres que durante a baixamar todas as augas comezan a entrar a grande velocidade no mar ou océano, o que contribúe a limpar e profundizar o seu cauce, deixando, ás veces, grandes zonas de marismas.

2. A landa é unha formación vexetal de matogueira, característica da rexión eurosiberiana e degradación do bosque mixto atlántico. Está formada por matogueiras como a xesta, o toxo e o breixo, podendo acadar os 3 m. de altura. É característica da España húmida, asentándose sobre solos pobres e pouco aptos para o cultivo.

3. Unha ría é un val fluvial sumerxido baixo o nivel do mar a causa da elevación deste. A orixe xeomorfolóxica está relacionada cun asulagamento do val fluvial relacionado con movementos isostáticos e un afundimento tectónico asociado á rede de fracturas preexistentes. No caso galego, as fracturas tardihercínicas están na orixe da orientación da meirande parte das nosas rías.

4. Un tómbolo é un accidente xeográfico sedimentario que forma unha estreita língua de terra entre un illote, illa ou grande rocha alonxada da costa e terra firma, ou entre dúas illas ou illotes. A orixe está na acumulación areosa producida pola acción das mareas, que foron creando un espazo de unión entre áreas anteriormente alonxadas. 

Diversidade bioxeográfica

1. A laurisilva é un bosque nuboso subtropical, propio de lugares húmidos, cálidos e sen xeadas, con grandes árbores, que en España se dá nas illas Canarias, máis concretamente nas vertentes setentrionais das illas occidentais de maior elevación, alí onde o “mar de nubes” -determinado pola afluencia dos alisios- permite o seu crecemento.. A cuberta vexetal caracterízase pola exuberancia, con presenza de árbores perennifolias que poden acadar ata os 40 m. de altura.

2. Maquis ou maquia é un ecosistema de matogueira mediterránea, formación de especies perennifolias, principalmente arbustivas, que soe refuxiarse sobre solos silíceos. Os madroños, as xaras, os brezos, lentiscos, romeus e outras especies son características desta formación, de maior porte xeralmente que as garrigas.

3. Vexetación clímax, natural ou climácica é a vexetación que se ten establecido por si mesma nun determinado ambiente, cunhas determinadas condicións climáticas, sen intervención da man do home; é, polo tanto, unha vexetación en estado de equilibrio dun ecosistema local, a que medra de xeito espontáneo sen intervención antrópica. Hoxe en día, por mor das repoboacións forestais e outros mecanismos da silvicultura, está en retroceso en todos os ecosistemas do planeta.

4. Vexetación antrópica é aquela que sustitúe á vexetación natural por mor da sustitución de especies operada polo ser humano, que ten introducido novas especies vexetais para un aproveitamento agrícola ou silvopastoril mediante sistemas de repoboación forestal, entre outros. Un exemplo ben característico en Galicia é a presenza masiva do eucalipto no litoral, utilizado esencialmente na industria papeleira e de taboleiros. Moitas veces, a vexetación introducida inclúe especies invasoras:

Cliseries

Unha cliserie é un gráfico que representa o escalonamento da vexetación en función da altura e orientación dunha montaña ou sistema montañoso. Nela soe representarse a vexetación natural ou climácica, eludíndose en grande medida a vexetación antrópica -introducida sobre todo mediante as repoboacións forestais.

* Velaquí algúns comentarios de cliseries.

* Consulta este recurso de Carlos Guallart para diferenciar os pisos vexetais nas distintas montañas da Península Ibérica.

Bosques en España

Sempre podemos dubidar daquela aseveración de Eslava Galán cando contaba que “un esquío que se propuxese aparecer no libro Guinness dos récords podía atravesar o país saltando de árbore en árbore, sen tocar terra máis que para recoller algunha que outra gulosa noz”. Segundo este panorama da antigüidade ibérica, a nosa xeografía estaría chea de aciñeirais, sobreirais e carballeiras, e hoxe ben temos a sensación de que apenas restan.

A superficie forestal en España está en torno aos 18 millóns de hectáreas; un pouco máis da terceira parte (35,9%) da superficie total é forestal. Pero tamén é certo que ocupamos o 13º posto en Europa canto á superficie forestal por cada 1000 habitantes (en España é un total de 408 Ha/hab, segundo informa a FAO), moi lonxe de países nórdicos como Finlandia, Suecia, Noruega, Estonia e Letonia -nos que a superficie forestal por habitante sempre rebasa as 1000 Ha.

Sen embargo, segundo o informe “Situación de los bosques y del sector forestal en España” que se ven de facer público no V Congreso Forestal Español de Ávila, no noso Estado hai uns 17.804 millóns de árbores (isto supón case 400 árbores per cápita); máis de 10.000 millóns de exemplares novos foron plantados desde 1975. A intensa reforestación en España é consecuencia da transformación de múltiples áreas agrícolas e gandeiras por mor das estratexias forzadas pola Política Agraria Común (PAC). Xunto con China -seguindo datos da FAO- somos o segundo país máis reforestador do mundo.

E todo isto a pesares dos lumes forestais, que detraeron unha media de máis de 94.000 Ha anuais de superficie arborada no período 1975-1995, e seguiron a devastar unha media de 34.000 Ha anuais entre 1995 e 2005: a frioleira de máis de 2 millóns de Ha. en 30 anos.

Estes datos non deben esconder outro ben significativo: a metade da superficie forestal española está desarborada. Especies como os carballos e as sabiñas son as especialmente ameazadas canto á súa conservación.

Consulta o Informe sobre a Situación dos Bosques no mundo 2009, elaborado pola FAO.

“Home”

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) vense de estrear “Home”, a película que, a través das imaxes aéreas, e dirixida por Yann Arthus Bertrand, nos conciencia do papel complexo que xoga o ser humán no difícil equilibrio do planeta. Todo se acelera: a poboación triplícase nos últimos 150 anos, a enerxía dependente dos combustibles fósiles é maioritaria, os fertilizantes químicos contaminan o solo agrícola, as especies adaptadas aos climas desaparecen en beneficio doutras máis produtivas, moreas de plásticos invaden o espazo, fabricar carne antes que o crecemento natural dos animais é unha rutina, a nosa vida depende do petróleo, o automóbil reduce as distancias, o modelo dos países ricos esténdese por todo o mundo grazas ás imaxes da televisión, canto máis se desenvolve o mundo máis se acelera a demanda de enerxía,… Moitas verdades que doen e intranquilizan son expresadas a través da mirada dun fotógrafo que sempre se caracterizou por amosarnos a beleza.

O documental, na senda do Colapso de Jared Diamond, advírtenos da difícil compatibilidade entre  crecemento económico e equilibrio ambiental. Esta lección de xeografía xa dispoñible en youtube (en francés e tamén en español) é imprescindible para concienciarnos dos problemas ambientais dos nosos tempos, todos eles creados e ampliados pola man do homo sapiens.

Lagos e humedais en España

    

Dos case 2.500 lagos que existen en España, moitos teñen carácter estacional e son de reducidas dimensións. En gran parte dos casos, o ser humano actuou sobre eles desecándoos con fins agrícolas. Poñemos algúns exemplos destes lagos e humedais segundo a súa orixe:

Orixe Causa Exemplo Localización
Tectónica Afundimento por fallas ou pregas La Janda Cádiz
Glaciar Obstrución morrénica  Lago de Sanabria Zamora
Erosión (ibóns e estanys) Ibón de Estanés Huesca
Cársica Disolución da caliza Lagoas de Ruidera Ciudad Real / Albacete
Arreica Afundimento tectónico Gallocanta Zaragoza
Litoral Acción mariña Albufeira  Valencia
Marismas do Guadalquivir Sevilla / Huelva / Cádiz

Estas lagoas poden ser permanentes -sobre todo na España húmida e os sistemas cársicos do Prepirineo e cuncas altas do Texo, Guadiana, Xúquer e Segura-, lagoas de auga doce de variable distribución, e lagoas salobres nas áreas máis áridas do Douro, Ebro, Guadiana, Segura e Guadalquivir (un exemplo destas é a citada de Gallocanta).

Vexetación peninsular

     

A Península Ibérica, situada entre os dominios vexetais eurosiberiano e mediterráneo, integra unha enorme biodiversidade que está en retroceso, a pesar das repoboacións forestais levadas a cabo e a recuperación da vexetación clímax en moitas áreas onde se abandonaron as prácticas agrícolas. Os incendios forestais e a tala indiscriminada, que teñen consecuencias directas no cambio climático, fan que a superficie forestal se reduza, consagrándose os bosques do norte da Península -especialmente os navarros, vascos e cántabros- como os de maior riqueza.

“Como agora, o país era montuoso, mal comunicado e proclive ás secas e ás inundacións, aos veráns abrasadores e aos xeados invernos, mais, segundo parece, aínda non prendera nos seus habitantes a paixón arboricida, e os aciñeirais e sobreirais, os faiais e as carballeiras abundaban ata tal punto que un esquío que se propuxese aparecer no libro Guinness dos récords podería atravesar o país saltando de árbore en árbore, sen tocar terra máis que para recolleitar algunha que outra golosa noz.”

 

J. Eslava Galán: Historia de España contada para escépticos.

 

“Cunha extensión de en torno a 2,7 millóns de hectáreas, en Portugal, España, Alxeria, Marrocos, Italia, Túnez e Francia, os sobreirais representan un dos mellores exemplos de interacción entre as persoas e a natureza da rexión. Nestes territorios, os bosques de alto valor para a conservación combínanse con sistemas agrícolas, que integran usos de agricultura extensiva, forestales, de pastos, caza e usos recreativos. Ademais de proporcionar unha fonte de ingresos para centos de miles de persoas na rexión, os sobreirais conteñen unha rica biodiversidade, incluíndo especies en perigo de extinción. Con todo, durante a última década, políticas mal orientadas, a xestión forestal inadecuada e un cambio no mercado do corcho resultaron nunha degradación e perda destes hábitats únicos.”

 

 

Revista Ecosistemas, setembro 2005.

 

 

“Os eucaliptos fan a súa aparición en Europa rexión a mediados do século XIX traídos por monxes e naturalistas. En Galicia, as primeiras sementes de eucalipto foron enviadas por Frei Rosendo Salvado, evanxelizador de terras australianas, á súa familia en Tui. A excelente adaptación do eucalipto ás condicións ecolóxicas da Cornixa Cantábrica e a súa utilización en diversas actividades, como a mineiría, xerou o interese dos propietarios forestales. Na actualidade, a maior parte do consumo vai dirixido á industria celulósica (CEASA en Navia ou ENCE en Pontevedra) e, en menor medida, para a fabricación de parquet e taboleiros de fibras (ECAR en Mondoñedo, FINSA en Santiago, TABLICIA en Lugo ou UNEMSA en Carballo) e outros usos como bateas ou postes.”

 

 

 www.agrobyte.com

 

 

vexetacion_espana_distribucion_1 vexetacion_espana_distribucion_2 vexetacion_espana_distribucion_3 parques_nacionais_espana  rede_natura_2000

* Consulta os parques nacionais, parques naturais e reservas da Biosfera existentes en España. Anota as diferenzas entre parque natural e nacional e identifica as características e localización das tres figuras de protección na nosa comunidade autónoma.

 

A superficie de territorio englobada nos parques nacionais de España, que se empezou a delimitar alá por 1918 -momento da declaración da Montaña de Covadonga e Ordesa como primeiros parques nacionais, ao abeiro da Lei de 1916, inclúe 90 anos despois un total de 3454,45 kilómetros cadrados, isto é, pouco máis do correspondente a toda a illa de Tenerife. Máis das 2/3 partes do territorio delimitado dentro desta superficie teñen sido declaradas con esta figura de protección desde o ano 1981.

 

* Consulta a Rede Natura 2000 en España.

 

* Pincha aquí  para ver o enlace sobre vexetación do curso académico 2007-08.

 

Pegada e débeda ecolóxicas

O día 5 de xuño foi establecido pola ONU, desde o Cumio de Estocolmo en 1972, como o “Día Mundial do Medio Ambiente”, como xeito de concienciarnos ante o deterioro continuo das condicións ambientais do planeta no que vivimos.

Ante a proximidade do evento, é unha boa ocasión para acudirmos á web do Observatorio da Débeda na Globalización e, por outra banda, calcular a nosa pegada ecolóxica.

* Consulta e resume os vídeos publicados en www.elpais.com con motivo do Día Internacional do Medio Ambiente 2008.

* Anota as ideas fundamentais que se citan no manual de boas prácticas ambientais publicado por SOGAMA.

Medio ambiente en España

   

Se todo ser humano mantivese o nivel de consumo dos terrícolas máis ricos, o planeta apenas podería satisfacer as necesidades duns 600 millóns de individuos, dado que os recursos non son inesgotábeis.

En España, a degradación ecolóxica ven aumentando a un ritmo vertixinoso. Aínda que todos sabemos que a dispoñibilidade de auga se reduce, o modelo urbanístico que impulsa altos consumos nos lugares onde a auga é máis escasa consolídase. A xeración de enerxía está directamente asociada cos emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) que causan o cambio climático. Outros indicadores asociados ao consumo, como a xeración de lixo, foi en aumento. O fomento do veículo privado como medio de transporte incrementa tamén a emisión de contaminantes á atmosfera. Todos estes datos póñense de manifesto no informe sobre contaminación feito público por Greenpeace en febreiro de 2008 e no recentemente publicado “Atlas medioambiental” de Le Monde Diplomatique.

* Consulta a última entrega do vocabulario de Xeografía para este curso académico.

Visita á costa de Dexo

costa de Meracosta de Dexo

O 31 de marzo teremos unha xornada de coñecemento do contorno marítimo dese fragmento da costa da Morte que está no litoral setentrional do concello de Oleiros: o monumento natural Costa de Dexo. A visita permitiranos tamén coñecer DEMARLOSA e o porto de Lorbé.

Visita virtualmente a galería de fotos do monumento natural.

Unha vez que fomos, ben podemos todas e todos escribir a nosa “carta desde Dexo” para contar a experiencia. Velaí vai a miña:

“Alá entre os cantís suben as ondas e baten forte para converterse en espuma, a mesma que estaba a piques de engulir as embarcacións nos cadros de Hokusai. Un manto de néboa chea de salitre invade o Portiño de Dexo e sobrepasa os golfiños de Kaydeda para internarse en terras nas que se sementan patacas á beira dos pexegueiros que prometen abundancia para agosto. Antes de chegar a Punta Roza pasamos por un camiño entre eucaliptos, estes colonizadores natos da nosa terra húmida, plantados como varas fascistas en abas de pendente suave. Os silencios dos devanceiros observáronnos desde o castro de Punta Roza. Están aí, baixo terra, á espera de ser exumados para revivir vellas historias de cuncheiros. Mentres, nós cruzamos o camiño que deixa á nosa dereita o lameiro, emprendemos a marcha entre piñeiros e eucaliptos cara á finca dos cabalos, e imos alá abaixo, enriba da Cova do Ladrón, para ver as ondas encrespadas batendo contra os xistos. Ría de Ares, acolledora de barcos varados á espera de entrar en porto, ben te divisamos, ben te vemos como observamos o porto de Ferrol, mais iremos a Occidente, onde furnas máis recollidas fan de casa para aniñar gaivotas e cormoráns. Paremos aquí un momentiño, un intre para ver esa violenta onda que anega O Corval, cun mar enfurecido, mar bravío e tumultuoso que noutro tempo acolleu a pescadores de Dexo, os mesmos que subían a terra as súas barquiñas con guindastres, os que dicían con razón aquilo de “quen pasou a Marola, pasou a mar toda”, porque aquí a auga bate con moita forza, con excesiva forza. Mais o panorama ben merece un día de contemplación, un tempo de percorrer sendeiros, un tempo de lecer e ledicia. Este día entra na memoria con portas de espuma, con ventos airados e arrecendo de primavera.”

Vexetación, ríos e solos en España

España está a cabalo entre tres rexións bioxeográficas diferentes: a eurosiberiana, a mediterránea e a macaronésica. Os pisos vexetais modifícanse en áreas de montaña, dando lugar a cliseries específicas en cada sistema montañoso. Tamén son específicas as formacións correspondentes ós bosques e matogueiras de ribeira, máis hidrófilos,  e nos que están presentes alisos, aveleiras, bidueiros, sauces e outras especies ripícolas.                          

                                              Consulta un cadro-resumo sobre a vexetación en EspañaCliseries vexetais nos sistemas montañosos españois

Consulta unha interesante web sobre a distribución da vexetación na península Ibérica.

Visita un catálogo de plantas invasoras en España.

Dá unha volta pola rede de parques nacionais de España e coñece as características da súa flora.

Visualiza a base de datos do proxecto Anthos, elaborado polo CSIC, para comprobar a distribución das diversas plantas na Península Ibérica. Busca específicamente información sobre características e distribución dos seguintes xéneros: Abies alba, Abies pinsapo, Alnus glutinosa, Betula alba, Castanea sativa, Chamaerops humilis, Corylus avellana, Dracaena draco, Eucalyptus globulus, Fagus sylvatica, Juniperus thurifera, Pinus halepensis, Pinus pinaster, Quercus ilex, Quercus robur, Quercus suber, Salix alba.

Consulta documentos interesantes do Ministerio de Medio Ambiente: a conservación da biodiversidade a través do establecemento da Rede Natura 2000, a loita contra a desertificación ou a prevención e loita contra os incendios forestais.

Sitúa os principais ríos españois con este material interactivo de Enrique Alonso.

Consulta un documento sobre os reximes fluviais dos ríos españois aloxado na rede educativa aragonesa, e outro sobre os tipos de solos da península. Consulta unha clasificación de solos establecida polo Soil Survey Staff de Estados Unidos e usada por Hispagua, en función das aptitudes agrícolas do terreo.

Coñece dun xeito pormenorizado a cartografía cos ríos de Galicia.

Realiza exercicios de repaso sobre os ríos de España

“Earth”

“Earth”, a película

O día 26 de outubro de 2007 estréase en España o film Earth. Nestes tempos de necesaria concienciación ecolóxica, as historias presentadas pola BBC teñen que facernos pensar na necesidade de contribuir a salvar o planeta. Para nós, urbanitas esquecidos do “espectáculo da vida” (e a morte, como se alude no documental), as imaxes desta película deben aleccionarnos sobre a difícil estabilidade dun planeta como  o que habitamos. E debe ser un aldabonazo ás nosas conciencias para conservar o que nos queda del. Nun estilo diferente á “Verdade incómoda” que nos amosou Al Gore, verdadeiramente espectacular en imaxes, o documental é un paseo xeográfico pola Terra -ó longo dun ano natural e de polo norte a polo sur-, ó tempo que presenta en estado puro a loita pola supervivencia de moitas especies animais que, de seguir así, só sobrevivirán nos zoos (a duras penas, por certo).

O director Alastair Fothergill e o equipo da Unidade de Historia Natural da produtora inglesa de televisión BBC veñen de realizar un documental sobre a vida no noso planeta. En tempos nos que o debate sobre o cambio climático se acrecenta e son cada día máis notables as chamadas de atención sobre o deterioro das condicións de vida na Terra, unha banda sonora de excepción composta por George Fenton e interpretada pola Orquestra Filarmónica de Berlín baixo a batuta de Simon Rattle acompáñanos  de polo Norte a polo Sur e descóbrenos multitude de historias animais e vexetais. 98 minutos de elaboradísimo balance visual farannos disfrutar da beleza do noso planeta.
O argumento ten por base o impacto de hai cinco mil millóns de anos, cando un enorme asteroide chocou contra o novo planeta Terra. O impacto foi tan tremendo que fixo que todo o planeta se ladeara un ángulo de vinte e tres graos e medio. Pero lonxe de ser unha catástrofe, este accidente cósmico foi crucial para a creación da vida e o mundo tal e como o coñecemos hoxe en día. Sen a inclinación da Terra, non teriamos unha variedade tan espectacular de paisaxes, nin extremos de frío e calor. Non existirían as estacións e, o que é máis importante, non se darían as condicións perfectas para a vida. Cando o equipo da longametraxe Terra partiu para contar a historia do noso planeta, tomou ao Sol como guía. A viaxe comeza cerca do Polo Norte, con 24 horas de escuridade durante o inverno. O Sol só aparece por primeira vez sobre o horizonte en marzo.
Aquí atopamos a unha osa polar que pasou o inverno baixo a neve e vemos ós osiños que se aventuran por primeira vez baixo a luz do día.
Máis ó sur das xeadas terras árticas, tres millóns de caribúes en Canadá percorren máis de tres mil km en busca de pastos frescos, o que supón a migración terrestre máis longa sobre a Terra. As vastas manadas viaxan axexadas por famentos lobos ao longo de todo o camiño.
A 2.000 km. do Polo Norte, os raquíticos arbustos marcan a “liña arbórea” do noso planeta: o punto máis setentrional no que poden crecer as árbores. Aquí comeza a Taiga, o bosque de coníferas máis importante do mundo. Esta solitaria masa arbórea esténdese sen interrupción polo hemisferio norte, cun terzo do número total de árbores existentes sobre a Terra. Na primavera, tras o desxeo, o osíxeno de todo o mundo aumenta grazas a estas árbores. Durante gran parte do ano é un paraíso cuberto pola neve, de cando en cando contaminado polas pegadas. Os animais que viven nela, como o solitario lince, son auténticos espíritos silvestres.
A 2.400 km. do Polo Norte hai suficiente luz solar como para sustentar bosques de folla ancha con campaniñas, rouxirois, raposos e cervos. Na primavera podemos ver como os poliños de pato mandarín dan os seus primeiros e valentes saltos desde o seu niño, no alto das copas das árbores. E no inverno, cando as árbores de folla caduca perden a súa follaxe , alcanzamos a ver ao felino máis raro do mundo. Un leopardo de Amur e o seu cachorro sobreviven a baixísimas temperaturas.
Cara ao ecuador, onde o Sol brilla 12 horas todos os días e chove bastante, hai vida en abundancia. As selvas tropicais cobren só un tres por cento do noso planeta, pero son o fogar de máis da metade de toda a súa flora e fauna. Só en Papúa Nova Guinea existen 42 especies diferentes de aves do paraíso, cunha extraordinaria variedade de divertidas exhibicións para o apareamiento.
No Kalahari, polo contrario, o Sol cae de plano sobre o árido deserto. Aquí atopamos a unha nai elefanta coa súa cría recentemente nacida que se desprazan coa súa familia en busca do paraíso do delta do Okavango. Tras días de marcha en busca de auga e alimento, os elefantes atopan un pequeno abrevadeiro. Pero deben compartir a prezada auga cunha manda de leóns. ¿Canto durará a súa precaria tregua?
O sol tamén rexe a vida nos océanos. É aquí onde nos penetramos na etapa final da nosa viaxe. Nas augas tropicais próximas ao Ecuador atopámonos cunha balea chepuda e a súa cría recentemente nada. Cando o baleato acada os cinco meses de idade, esta familia de dous membros parte cara á migración de maior duración de calquera mamífero mariño: máis de 6.000 km. desde os trópicos ata o extremo máis meridional do noso planeta. Seguimos ás baleas no seu encontro con algúns dos espectáculos máis impresionantes dos océanos, e vemos como se forman violentas tormentas sobre os mares tropicais.
Para dispor deste excepcional documental foron necesarios cinco anos de produción filmando en 200 localizacións en 26 países durante 4.500 horas sobre o terreo con máis de 40 equipos de especialistas

As localizacións inclúen: Península Antártica; Arxentina; Illa Banks, Canadá; Val de Danum, Borneo; Val do Everest, Nepal; Gabón, Golfo de México; Himalaya, Nepal; Xapón; Deserto do Kalahari, Botswana; Val de Kali Gandaki, Nepal; Karakórum, Paquistán; Bosque Kibale, Uganda; Laponia, Suecia; Territorios do Noroeste, Canadá; Delta do Okavango, Botswana; Costa do Pacífico, California, EE.UU.; Rurutu, Polinesia Francesa; Deserto do Sahara, Níxer; Illa Seal, Sudáfrica; Svalbard, Noruega; Reino Unido; Venezuela; Vermont, EE.UU.; Vladivostok, Siberia; Highlands Occidentais, Papúa Nova Guinea.