Arquivos da categoría Xeografía urbana

Off the road

A poucos días das eleccións presidenciais norteamericanas, aconsellamos un paseo polos Estados Unidos de Norteamérica da man do xornalista Andy Robinson.

Analizando as vicisitudes políticas do contexto actual, Robinson adéntrase nas veas abertas de USA, un país no que a dolarocracia  intenta impoñer candidatos e medidas políticas. Moitas delas non chegan a solucionar os graves problemas aos que se enfronta esa sociedade: a desigualdade social, a redución da clase media, a inmigración clandestina, o consumo de drogas, a segregación racial, o cambio climático,…

Nunha viaxe que percorre cidades simbólicas (a metrópole do xogo, Las Vegas; a cidade menos sustentable do planeta, Phoenix; a cidade dividida, Nova Iorque; a cidade-tumba, Detroit; a vila que outrora fora emblema da loita gay, San Francisco; o extrarradio, exemplificado en Ferguson; a cidade-mercado, Miami), marcadas en maior ou menor medida pola crise inmobiliaria e os procesos de xentrificación, Robinson descúbrenos un panorama urbano cheo de contrastes, un país marcado polos excesos das políticas neoliberais e a concentración de riqueza e poder nas mans duns poucos privilexiados; en suma, un laboratorio da crise global -sobre todo, occidental- dos nosos tempos.

Mais este país tamén podería estar na base de futuras solucións, con políticas diferentes. Por iso, a referencia ao estado de Vermont se torna precisa.

Advertisements

Ámsterdam

Ámsterdam, a Venecia do Norte, é unha aglomeración urbana de 1,5 millóns de habitantes, pouco máis da metade deles vivindo no núcleo central. A capital holandesa dá ao Norte á baía do Ij e sitúase á beira do río Amstel. A cidade, que tivo no XVII o seu século de ouro, destacada como urbe aberta e tolerante por tantos autores, é inspiración tamén para moitas narracións (ver parte dun libro de Geert Mak en google.books).

“O río imprime o seu signo como unha estampa nas terras costeiras, e inscribe nelas a  súa forma como un consumado calígrafo. Unha vez que o vimos, xa non podemos facer abstración: ao longo dos séculos, o plano de Ámsterdam foise convertindo nun signo cada vez máis complexo, un carácter chinés ampliado continuamente, sen mudar nunca de significado. A terra é o papel, a auga é a tinta. Como un mestre oriental, o río debuxou o primeiro trazo, sen esforzo, con precisión, un signo de extremada sinxeleza. Agora tócalles aos homes seguir escribindo. O calígrafo que forman xuntos ten tempo de sobra, nada menos que oitocentos anos, e o signo que vai aparecendo é un labirinto de canles concéntricas e que se cruzan, unha rede de vías acuáticas e obras defensivas, un cosmos contido en sí mesmo, un semicírculo máxico que imporá o seu selo ao mundo. O eixo sígueno formando o río e as augas nas que desemboca, que unen a cidade co mundo, mais entre estas augas, e nas súas beiras, a cidade dase a forma que ten agora. Cada liña do debuxo é historia: económica, política, catastral. Cada pincelada do calígrafo ven ditada por relacións de poder, guerras, cambios económicos, descubrimentos, ánimo de lucro, defensas, consolidacións. O anel de canles que van repetíndose á beira do mar convírtese nunha das fortalezas máis poderosas de Europa; (…)”
Cees Nooteboom: Ámsterdam.”

” Os países que permiten traballar como é debido non abondan. Teñen primeiro que tolerar que un estude o que queira, sen exclusións, sen que o trono e o altar consideren que os seus intereses se ven perxudicados polos pensamentos que ten formado. O mundo católico vese, pois, eliminado de entrada do espazo mental viable. Os puntos de vista autónomos, inidiferentes para a autoridade, nunca xurdirán antes da liña que vai de Bruxelas a Brindisi pasando por Metz, Zurich e Bolonia. Ademáis, aínda que o absolutismo e o catolicismo non tivesen pechado esas rexións ás libres indagacións da mente, o seu clima teríaas feito insoportables para Descartes. O calor agóbiao, confúndelle as ideas. Alemaña é o teatro sanguento das contradicións internas de Europa, das ambicións políticas, dos conflitos relixiosos que a deixarán exangüe. Cando se esperte do pesadelo da Guerra dos Trinta Anos, esgotada, aínda dividida, sen Estado central, sen destino nacional, deberá limitarse a filosofar mentres Inglaterra e Francia se afanan en culminar as dúas revolucións máis grandes de Occidente, a económica e a política. Dinamarca está demasiado lonxe, Suecia é esaxeradamente fría. En canto Descartes se instalou alí, en 1650, morreu.

Quedaba unha estreita franxa costeira, á beira do mar do Norte, onde experimentar a aptitude do home para formar pensamentos certos, para chegar a ser, co mesmo aceno, “como dono e posuidor da natureza”. Eran os Países Baixos.”

Pierre Bergounioux: Una habitación en Holanda.”

* Consulta un plano interactivo da cidade.

* Le musée d’Anne Frank.

* Le Rijksmuseum [audioguide du musée -ZIP- / audioguide des chefs d’oeuvre de Vermeer -ZIP-]. 10 chefs d’oeuvre de ce musée.

* Le Musée Van Gogh [audioguide des chefs d’oeuvre de Van Gogh -ZIP-]. 10 chefs d’oeuvre de ce musée.

* Le Musée Nemo.

* Consulta máis en: #ToAmsterdam.

#Fame

O Obxectivo do Milenio número 1 para 2015 -enunciado pola ONU- é “erradicar a pobreza extrema e a fame. Pero, por moito que as estatísticas disfracen os resultados dos ODM, a fame está lonxe de ser erradicada: 800 ou 900 millóns de persoas no mundo pasan fame e sofren malnutrición, 8.000 rapaces morren cada día por esta causa. E o problema acaba sendo alarmante en moitos países do Sahel ou da África Negra, o OutroMundo -como alerta o Global Hunger Index de 2014.

Nun libro sementado de datos, cifras e historias particulares, Martín Caparrós percorre o mundo para dar conta dun dos grandes problemas actuais: a fame, expresión máxima da desigualdade crecente da que se nutren as nosas sociedades. E faino partindo daquela información que Jean Ziegler nos aportou en “Destrución masiva”, que contaba como a agricultura, no mundo actual, podería alimentar a 12.000 millóns de persoas (e o planeta alberga menos de 8.000 millóns). Pero os intereses globais da economía actual non facilitan a equitativa distribución desa produción alimentaria; a tese de Caparrós é que a causa da fame está na actual distribución da riqueza entre a poboación mundial (e aquí ven a incidir nunha cantinela que ben coñecemos grazas a Thomas Piketty).

Caparrós percorre o mundo para testemuñar os estragos da fame: de Níxer a Sudán do Sur, onde a acción de MSF se fai tan necesaria; das chozas de Madagascar ás vilamiserias de Bangladesh; dos suburbios de Bos Aires aos comedores sociais dos arrabaldos de Chicago -para atopar no incremento da obesidade a “faciana pobre” dos países ricos. Á beira de enclaves rurais como Madaua -en Níxer- sobresaen outros moitos bidonvilles e slums –Dharavi en Mumbai, Kamrangirchar en Daca, José León Suárez en Bos Aires- tan ben retratados por Mike Davis en “Planeta de cidades miseria”. Pero tamén se achega o xornalista á Bolsa de Chicago, o lugar onde o negocio de futuros sobre materias primas agrícolas desestabiliza o menú diario de tanta xente, sobre todo desde que -tras o estourido da crise da burbulla inmobiliaria-, en 2008, fose alí onde se elevasen dun xeito notable o prezo dos alimentos, como consecuencia da especulación financeira que os levou a seren novos valores refuxio de diferentes fondos de investimento: o lugar onde se negocia e incrementa o prezo dos cereais básicos de consumo humano (aínda que en boa medida se destinan a nutrir animais ou fabricar agrocombustibles). E iso repercute de xeito negativo, especialmente, en países do OutroMundo, nos que o orzamento investido en comida por parte da xente está, de media, entre o 50 e o 80% da renda mensual.

“El hambre” é unha obra que evita e combate as teses neomalthusianas defendidas por Alan Weisman en La cuenta atrás”, que equilibra relato literario, testemuñas directas e información obxectiva; unha investigación que obriga a reflexionar sobre os nosos hábitos diarios en relación coa comida e a solidariedade, sobre a necesidade de políticas redistributivas máis dignas e xustas,… É un libro que non pode deixar indiferente, que xa podemos considerar entre os nosos imprescindibles.

* Consulta extractos da obra en #Fame.

A toda costa

A Lei de Costas regula, en España, a protección e utilización do dominio público marítimo-terrestre, e moi especialmente da beiramar. No aspecto da protección do litoral, a Lei de 1988 non resultou dunha aplicación moi efectiva, tal e como denunciaba o Informe Auken en 2009 (o cal pedía “unha moratoria para todos os plans urbanísticos que non respetan os criterios de sustentabilidade medioambiental e responsabilidade social…”).

A nova Lei de 2013 introduciu a regularización de case 13.000 vivendas que eran consideradas ilegais pola anterior norma, ao rebaixar a servidume de protección de 100 a 20 m., o que significa ademáis que outras 140.000 vivendas establecidas en solo urbano por debaixo deses límites de servidume se poidan acoller tamén á amnistía de obras correspondente. Na zona de servidume de protección queda prohibido o levantamento de cercas e peches, o verquido de residuos, a publicidade ou a explotación de xacementos de áridos; só algunhas actividades como o cultivo ou as instalacións deportivas cubertas se autorizan “por razóns de utilidade pública”.

Sexa como fore, a destrución do litoral en España por sobreurbanización acada límites insospeitados en moitos concellos. Como revela a organización ecoloxista Greenpeace, “entre os anos 1987 e 2005 destruíronse 2 Ha. ao día só nos primeiros metros de costa”. No informe anual de 2013 “Destrución a toda costa”, publicado por esta organización, analízanse algunhas das causas máis significativas do deterioro do noso litoral: a construción de vivendas en urbanizacións difusas, a creación de zonas de infraestruturas de transporte e a creación de superficies comerciais ou zonas industriais. En conxunto, na provincia de Málaga, 2/3 do litoral están urbanizados, e 3/5 partes do litoral de Alacante e Barcelona tamén.

Greenpeace alértanos dos riscos que a urbanización do litoral entraña diante do quentamento global que os científicos advirten (e que pode ter consecuencias tan negativas para a destrución de instalacións na beiramar como consecuencia do sucesivo paso de frontes e cicloxéneses explosivas que aconteceron durante o inverno de 2014 -especialmente no litoral septentrional-).

 

 

Axentes e planeamento urbano

13_axentes_solo_urbanoMúltiples son os axentes sociais que interveñen na configuración do espazo urbano, mais son realmente os poderes públicos os que establecen a normativa esencial para a planificación urbanística.

Aínda que a lexislación urbanística española se remonta ao século XIX, no que se promoveron lexislacións de ensanche e reforma interior das poboacións, é no século XX cando se aproban normativas que delegan nos concellos a actividade urbanística (Estatuto Municipal de 1924) e cando se ditan as sucesivas Leis do Solo.

Partimos da Lei do Solo de 1956, que establecía a división do solo en urbano (aquel situado en zonas consolidadas pola edificación, ou ben que conta con servizos urbanísticos como o alcantarillado e o suministro de electricidade), de reserva urbana (susceptible de urbanización mediante plans parciais) e rústico (vencellado á construción agropecuaria). Nesta Lei aparecen unha serie de figuras de planeamento urbanístico, como os plans nacionais, os provinciais, os de ordenación municipal ou comarcal, os plans especiais, parciais,… co obxecto de establecer directrices específicas a diferentes escalas.

A Lei do Solo de 1975 deu paso á calificación do solo en catro categorías esenciais: solo urbano (SU, aquel que está consolidado ou conta coas dotacións esenciais de abastecemento de auga e electricidade), solo urbanizable programado (SUP, cunha programación de edificación en base a un ou dous cuatrienios), solo urbanizable non programado (SUNP, previsto para necesidades futuras) e solo non urbanizable (SNU, reservado, eliminando o aproveitamento mínimo que a anterior lei concedía). Os novos Plans de Ordenación inclúen esencialmente os Plans Xerais Municipais, instrumento esencial de planeamento urbanístico.

Aínda que se promulgou unha nova Lei en 1990, esta resultou derogada en boa medida pola sentencia do Tribunal Constitucional de 1997, por mor de invadir boa parte das competencias que correspondían ás CCAA desde a implantación dos distintos Estatutos de Autonomía.

A Lei do Solo de 1998 establece un réxime do solo no que se definen o solo urbano, solo urbanizable e solo non urbanizable, que coincide en esencia coas categorías anteriormente establecidas.

Outra Lei do Solo de 2008 establece o mandato para que as Administracións reserven o 30% do solo residencial das novas unidades de actuación para vivendas suxeitas a un réxime de protección pública, vivendas protexidas.

As diversas modificacións do planeamento urbanístico concorren nun tempo de crecemento continuo da edificación, que acada, a comezos desta década, un parque de vivendas de case 26 millóns. Cun incremento continuo dos prezos no período 1994-2007, a “burbulla inmobiliaria”, que se atopa na orixe da crise económica actual, estourou en 2008, momento que supón a brusca caída da demanda e a caída continua dos prezos da vivenda no noso Estado (ata a actualidade -2014-).

* Consulta unha visión crítico-cómica da crise inmobiliaria en España: “Españistán”, por Aleix Saló.

* Consulta o valor das vivendas no portal invertia e en pisos.com.

“Urbanalizar”

11_urbanizacion_vivendas_adosadas_2011

…E velaquí o que di Chirbes sobre a “sobreurbanización” do litoral mediterráneo na súa última novela:

“A beira do mar non foi un lugar hospitalario e, excepto nalgúns promontorios, permaneceu deserta ata hai unhas décadas, en que se empezou a edificar non importa en que sitio. En Misent, sen ir máis lonxe, hai urbanizacións a carón da praia que se chaman La Laguna, Las Balsas, Saladar ou El Marjal, e nas que os viciños se queixan de que se lles inundan as casas cada vez que chega a gota fría de outono. Pero a quen se lle ocorre mercar un bungalow nun sitio que se chama así. Os nomes dos lugares gardan memoria do que foron. Lameiros. Charcas. Fangais. Balsas para a explotación de sal. Meu pai sentíu especial desprezo pola xente que merca chalets e apartamentos neses terreos gañados ao encoro. En realidade, desprezou a cantos chegaron á comarca atraídos pola chamada do mar. Golfos. Aventureiros. Especuladores. A costa é un sitio pernicioso, dicía. O mar trae ou atrae o lixo, aquí instálase o pior. Desde sempre: charlatáns, trileiros, matóns.”

Rafael Chirbes: “En la orilla”.

* Le un artigo-reseña sobre a urbanización en base á “ideoloxía clorofila”, por Horacio Capel.

Regla rango-tamaño

A regla rango-tamaño é un instrumento de análise e interpretación que permite comparar a posición xerárquica das cidades nun sistema urbano, en relación co que podería considerarse a súa distribución ideal. Nela pártese da relación inversa que se observa entre a posición de calquera cidade dentro do sistema urbano xeral (1ª, 2ª, 3ª,…) e a súa poboación.

11_regla_rango_tamanho_espanha_2012

O sistema urbano español, en 2012, a partir da táboa presentada, corresponde a un de tendencia bicéfala (neste caso dada a importancia significativa de Madrid e Barcelona dentro do conxunto urbano) con certa deriva cara á rede policéntrica, dados os seus valores nunha posición máis próxima a 25 que a 100 no índice de primacía.

¿E que sucede en Galicia? Collamos os datos das entidades singulares de poboación reflectidos no Nomenclátor de 2012:

11_regla_rango_tamanho_galicia_2012A rede urbana galega é claramente policéntrica, cun índice de primacía de 35,62, notablemente expresivo da concentración urbana -especialmente en A Coruña e Vigo, mais tamén en Santiago de Compostela e Ferrol-Narón- na franxa occidental da comunidade.

O sistema urbano

1. Unha área suburbana é  un espazo periférico das zonas metropolitanas no que se produce unha gradual transición cara ás áreas rurais. Nestes espazos prodúcense mesturas de usos do solo (residenciais, industriais, comerciais, agro-silvo-pastorís,…) que conlevan a heteroxeneidade da poboación e unhas densidades demográficas máis reducidas que na urbe central. Os movementos pendulares son continuos cara á urbe central, dada a vinculación laboral e funcional dos residentes nestes espazos de “banlieue”.

2. Unha área metropolitana é unha rexión urbana que engloba unha cidade central que dá nome a área e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e servizos, todo organizado de xeito centralizado.

3. Nos Planos Xerais de Ordenación Urbana establécense criterios de cualificación do solo. O territorio soe dividirse en solo urbano -aquel que está constituído polos espazos edificados e practicamente compactados- (consolidado e non consolidado); solo urbanizable – susceptible de edificarse seguindo uns criterios de altura e densidade de edificación, así como servizos para a comunidade-; solo non urbanizable (aquel que está protexido por diversos motivos, entre os cales destacan a protección de espazos naturais e agrarios).

4. Un Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) é un instrumento de ordenación integral do territorio. Entre os seus principais cometidos está o de clasificar o solo, definir os elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio (como poden ser fixar os espazos libres, de equipamento comunitario, os sistemas xerais de comunicación, etc.), establecer unha programación de desenvolvemento e execución do plan así como o período de vixencia e as circunstancias da súa revisión, fixar medidas de protección do medioambiente, etc. O alcance deste instrumento de planificación soe ser municipal, pasando a denominarse Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

5. Unha Unidade Veciñal de Absorción  (UVA) é a denominación oficial dunha serie de barrios de vivendas promovidos polo Instituto Nacional da Vivenda (INV) e a Obra Social do Fogar (OSH) coa finalidade de combater o chabolismo nas grandes cidades, en especial Madrid e Barcelona, a raíz da aprobación da Lei do Solo (1957) e do Plan Nacional de Vivenda (1961). Constitúen un paradigma da pobreza do planeamento urbano e da política de vivenda pública baixo o franquismo. Foron construídas estas unidades en localizacións periféricas, mal comunicadas, sobre solo rústico adquirido a baixo prezo e incumprindo o planeamento existente. Aínda que foron concebidas como asentamentos provisionais (de non máis de 5 anos), remataron consolidándose e caracterizándose por unha relativamente baixa densidade poboacional. A tipoloxía de vivendas escollidas foi a de bloques de planta baixa e piso en ringleira, e baixísima calidade de construción.

6. Xentrificación (termo británico: gentrification) é o proceso co que coñecemos as transformacións producidas no interior de certos barrios do casco histórico, mediante as cales estes sectores antes marxinais e con poboación de escasos recursos se ve substituída por grupos sociais de alto poder adquisitivo. Estes grupos levaron a cabo a rehabilitación e posta en valor de espazos centrais que adquiren un novo pulo por mor da súa centralidade. A revalorización do solo residencial do casco histórico a finais do século XX está asociada a este proceso, aínda que nos cascos históricos conviven grupos de baixo nivel de renda e alugueres de renda antiga en edificacións moito máis deterioradas.

Nagoia en Gran Vía

Desperta a Gran Vía, desperta o corazón de Bilbao: tráfico (automóbiles,autobuses, metro) botan cara á rúa a primeira hora da mañá a xente de todas as idades que vai traballar, pasear, na contorna deste boulevard que parte da Praza Circular… Edificios decimonónicos planexados a altura axeitada disfrutan co son da txalaparta nun espazo que tamén é corazón turístico, espazo de lecer e presas, espazo de grande densidade de poboación diurna… o auténtico CBD da cidade (ben se ve aos executivos portando os seus traxes e ordenadores).

Rachel Weisz é Eva/Hipatia

 

Cando en abril de 2004 a revista Esquire nos presentou a Rachel Weisz espida e tentadora, como se de Eva coa serpe enroscada se tratase, aínda faltaban anos para o seu protagonismo na “Ágora” de Amenábar. Naquel momento, o fotógrafo James White recolleu unha referencia simbolista, a do pintor alemán Franz Von Stuck, que pintou varias recreacións da femme fatale en obras como “Sensualidade” (1891). A fotografía forma parte, neste intre, da exposición “As bágoas de Eros”, no Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid.

A Rachel Weisz tocoulle asumir o papel dunha Hipatia sensual, probablemente inspirada na imaxe literaria que nos transmite Charles Kingsley en “Hipatia, ou os últimos esforzos do paganismo en Alexandría” (1853), a dunha muller bela, elocuente e modesta; a mesma beleza sensual que recreou o prerrafaelita Charles William Mitchell en 1885, cando a pintou espida diante do altar do sacrificio.

A imaxe atractiva da matemática, un tanto decadente e recargada, enlaza moi ben co ambiente dunha cidade en declive como a que transmite Amenábar de Alexandría a finais do século IV e comezos do V da nosa era. Esa Alexandría gloriosa, cosmopolita e crisol de culturas que tiña daquela pouco máis de 700 anos de vida e que hoxe en día, segundo os expertos, é unha das cidades máis expostas aos riscos do cambio climático.

* Consulta unha breve presentación sobre Alexandría.

Convén salientar tamén o paralelismo compositivo das obras de Charles William Mitchell e James White, preocupándose ambos por un motivo iconográfico que non estivo ausente dos tratamentos mitolóxicos e relixiosos: o corpo feminino espido.

“Home”

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) vense de estrear “Home”, a película que, a través das imaxes aéreas, e dirixida por Yann Arthus Bertrand, nos conciencia do papel complexo que xoga o ser humán no difícil equilibrio do planeta. Todo se acelera: a poboación triplícase nos últimos 150 anos, a enerxía dependente dos combustibles fósiles é maioritaria, os fertilizantes químicos contaminan o solo agrícola, as especies adaptadas aos climas desaparecen en beneficio doutras máis produtivas, moreas de plásticos invaden o espazo, fabricar carne antes que o crecemento natural dos animais é unha rutina, a nosa vida depende do petróleo, o automóbil reduce as distancias, o modelo dos países ricos esténdese por todo o mundo grazas ás imaxes da televisión, canto máis se desenvolve o mundo máis se acelera a demanda de enerxía,… Moitas verdades que doen e intranquilizan son expresadas a través da mirada dun fotógrafo que sempre se caracterizou por amosarnos a beleza.

O documental, na senda do Colapso de Jared Diamond, advírtenos da difícil compatibilidade entre  crecemento económico e equilibrio ambiental. Esta lección de xeografía xa dispoñible en youtube (en francés e tamén en español) é imprescindible para concienciarnos dos problemas ambientais dos nosos tempos, todos eles creados e ampliados pola man do homo sapiens.

Slums de Mumbai

  

O barrio chabolista de Garib Nagarde recibe como heroes aos protagonistas do filme Slumdog Millionaire despois do éxito nos Oscar 2009 da película.

É o momento de lembrar que Mumbai (antiga Bombay), con máis de 19 millóns de persoas en 2004, é a quinta cidade máis poboada do planeta. Mais a urbanización desta e outras cidades do Terceiro Mundo prodúcese á marxe da industrialización, co que se xeneran multitude de áreas hiperdegradadas (estas áreas, na India, medran un 250% por enriba da poboación total; máis da terceira parte da poboación total india, en 2003, vivía en áreas urbanas hiperdegradadas; en Mumbai [ver contribución de Heinz Nissel no artigo de GeoCrítica dedicado ás metrópoles no proceso de globalización] mesmo, o mercado formal da vivenda presenta un déficit de 45.000 vivendas anuais, co que se incrementa a poboación dos slums, chegándose en Dharavi -retratado por Jonas Bendiksen– ao millón de persoas actualmente). Os datos proporcionados por Mike Davis na súa imprescindible obra Planeta de cidades miseria inciden nas diversas problemáticas das áreas hiperdegradadas como os slums de Mumbai: non hai infraestruturas básicas, as clases medias desprazan coas reformas urbanísticas aos pobres cara a áreas cada vez máis insalubres, a auga embotellada acada prezos con marxes de beneficio criminais (do 4000% nas áreas hiperdegradadas de Mumbai), a difusión das enfermidades é consecuencia da falta de hixiene e polo tanto retornan á nosa retina aquelas imaxes de pobreza descritas por Dickens para os barrios proletarios do Londres do século XIX.

“O cineasta Prahlad Kakkar, o autor de Bumbay, un documental sobre os cuartos de baño, manifestaba nunha entrevista a un atónito xornalista que “en Bombay a metade da poboación non ten un cuarto de baño onde cagar, así que o fan ao aire libre. Iso ven sendo cinco millóns de persoas. Se cada un caga medio kilo de merda, iso fai dous millóns e medio de kilos de merda todas as mañás.”

Mike Davis: Planeta de cidades miseria.

“Un recente estudo sobre a poboación infantil das áreas hiperdegradadas de Dacca puxo de manifesto que “case a metade dos nenos entre 10 e 14 anos estaba a producir ingresos co seu traballo, só o 7 por 100 entre 5 e 16 anos ía á escola”. Dacca ten o maior número de nenos traballadores de toda Asia, uns 750.000, e as súas ganancias proporcionan a metade dos ingresos dos fogares encabezados por mulleres e a terceira parte dos ingresos en fogares nos que hai un varón. Aínda que Bombay presume dos seus altos niveis de asistencia escolar, Arjun Appadurai atopa que “a súa xigantesca economía de restaurantes e servizos depende dun grande exército de nenos traballadores”.

Mike Davis: Planeta de cidades miseria.

Ensanches

O crecemento da cidade industrial, frente á compacidade das mazás dos cascos históricos, realízase seguindo planimetrías ortogonais con viais anchos (ata 20 metros, 10 para beirarrúa, 10 para calzada) que permiten a instalación da burguesía e as novas clases proletarias que se insertan no medio social urbano. O plan de Ensanche de Ildefons Cerdà para Barcelona (1860) foi considerado por moitas cidades españolas como modelo a seguir. O Plan Cerdà propoñía unha imaxe futura de Barcelona dez veces maior, ben asentada sobre o plano entre o mar e os pobos dos contornos, aos que quere integrar e sobrepasar, e compatibilizando a vida urbana coa preexistente no campo. Daquela perspectiva de 1863 pasouse a unha densificación progresiva do espazo edificado na actualidade.

En A Coruña proxéctase o ensanche coa finalidade de solucionar os problemas da vivenda e da circulación, mellorar a hixiene coa creación duns servizos axeitados de alcantarillado, pavimentado e abastecemento de auga. O concurso proxectado en 1880 polo Concello gañouno Juan Ciorraga. Así, un casco histórico que apenas dispuña de 800.000 metros cadrados para albergar a case 35.000 habitantes, ampliouse a partir de 1887 cun trazado ortogonal de rúas nas que as vivendas non superaron os cinco pisos de altura e artelladas en torno ás prazas de Galicia e Ourense. O segundo ensanche teria lugar a partir de 1910. Estes ensanches, preferente asentamento da burguesía, posúen hoxe unha función esencialmente residencial para clases medias e altas, combinada con especializacións no comercio e servizos, que outorgan a estas áreas importantes valores catastrais no conxunto urbano.

Acompañamos esta introdución ao tema cunha serie de imaxes e datos extractados da tese de doutoramento de Mª José Piñeira Mantiñán sobre A estrutura urbana da Coruña, publicada en 2005. Facémonos eco das alturas de edificación no primeiro ensanche e outros aspectos de carácter xeral que proporcionan información sobre densidades demográficas, valores catastrais, usos do solo e percepción da imaxe urbana coruñesa no seu conxunto:

ensanche_corunha_alturas corunha_densidades_demograficas_2001 corunha_valores_catastrais_1996 corunha_usos_do_solo1 corunha_imaxe_urbana

Herdanzas urbanas

O plano urbano delata a herdanza viaria e socio-cultural do pasado no espazo. Moitas veces, o emprazamento dos principais núcleos urbanos obedeceu a factores defensivos, administrativos e comerciais, aos que se foron engadindo outros: industriais, culturais, turísticos,… que completan as funcións urbanas e deixan pegada na súa planimetría. Aos modelos irregulares (casco histórico de Toledo) hai que engadir outros ortogonais (Ensanche de Barcelona -le un artigo de Josep Suriol en Scripta Nova ao respecto da súa planificación-) ou radiocéntricos (casco histórico de Vitoria).

Toledo, por exemplo, é unha cidade de orixe prerromana que se asentou sobre un cerro á beira do Texo, ben dotado para a defensa e ben situado de cara ás comunicacións. Nela confluiron desde un principio as funcións administrativa e política (en tempos visigóticos, sendo cidade imperial con Carlos I e capital actual de comunidade autónoma), a relixiosa e a cultural (sobre todo despois da súa consideración como cidade patrimonio da humanidade a partir de 1986), que aparella tamén a función turística. No seu casco histórico, amurallado (a muralla posúe unha triple función: defensiva, fiscal -asegura o pago de impostos- e sanitaria -illa a cidade en caso de epidemias-), o trazado é comprimido, irregular -cun trazado de rúas estreitas e tortuosas, que en boa medida conservan a herdanza islámica -adarves, pequenas prazas, patios-; trama pechada e compacta -con edificación tradicional de baixa altura, na que se usa fundamentalmente pedra, ladrillo e enrellado-; usos do solo tradicionalmente residenciais, comerciais e artesanais; como boa parte dos cascos históricos ten unha serie de problemas baseados no deterioro dos edificios históricos e a saturación de equipamentos e comercios que esixiron a creación do Real Patronato da Cidade de Toledo en 1998, coa vontade de poñer en práctica políticas de rehabilitación. O crecemento urbano producido despois da súa conversión en capital provincial (1833) e a industrialización da cidade propiciou a expansión mediante un ensanche de escasa importancia -extramuros-, debido ao escaso desenvolvemento demográfico e económico da cidade. Na segunda metade do século XX, na fase de evolución da cidade post-industrial, Toledo aglutina toda unha serie de novas funcións e características no que antes era a periferia urbana: áreas residencias e barrios construidos espontáneamente, equipamentos e infraestruturas necesitadas de grandes espazos (praza de touros, universidade laboral, centros sanitarios) e áreas industriais, ademais do crecemento de urbanizacións periféricas a xeito de polígonos ou con vivendas unifamiliares que deixan a súa pegada na área xa rururbana.

A morfoloxía urbana de Toledo pódenos servir de exemplo para tentar comprender a evolución doutras cidades españolas, que a grandes trazos reproducen os diversos espazos herdados: casco histórico, ensanche, barrios contemporáneos, áreas industriais e de equipamentos, zona rururbana. Será bo que consultedes ao respecto o vocabulario de xeografía urbana xa publicado neste blogue con anterioridade.

Hoxe en día, os cascos históricos están sometidos a procesos de gentrificación e inmigración a un mesmo tempo, tal e como xa aclarou Alba Sargatal nun artigo de Scripta Nova, tomando como exemplo o barrio do Raval de Barcelona.

Entre nós, algunhas vilas como Betanzos conservan bastante marcada na súa planimetría a impronta do casco histórico -tal e como podemos apreciar neste documento elaborado por Juan Luis Dalda para o Proxecto Terra-. Tamén é importante a presenza da cidade histórica en Compostela, e a súa conservación dá lugar a diversas intervencións tamén analizadas polo profesor Dalda; neste senso, aclárase que “a política de recuperación urbana da cidade histórica de Compostela está dirixida a acadar un reequilibrio demográfico e a manter a diversidade social”.

Outras veces, debido a circunstancias meteorolóxicas adversas, non quedan centros históricos que protexer. Máis ben hai que refacelos, tal e como aconteceu en Santander en 1941, despois do devastador incendio de febreiro daquel ano. Observa o vídeo que o lembra -emitido por TVE o 15 de febreiro de 2009-, á beira doutros sobre problemáticas dos centros históricos, entre os que se inclúe un de muchoviaje.com visitando o Madrid dos Austrias e plantexando en certo xeito o problema da “musealización” deste espazo urbano:

   

Aproximación urbana

       densidades_urbanas_espanha_1998

Xa nos aleccionou Emrys Jones en “Metrópoles” sobre o longo camiño percorrido pola urbanización, desde a antiga revolución neolítica definida por Gordon Childe ata as urbes das grandes civilizacións hídricas nacidas á beira do Indo, do Tigris ou do Nilo; xa nos informou do crecemento urbano baixomedieval vencellado á expansión do comercio en cidades como Venecia e Florencia e nos advertiu que Pekín foi probablemente a primeira cidade en superar o millón de habitantes nos inicios do século XVIII; e despois veu a industrialización e a expansión urbana. O mundo desenvolvido europeo tomou a dianteira e cidades das latitudes medias avanzaron rápidamente cara ao seu status de metrópoles. A finais do século XX, o crecemento urbano expándese polos trópicos dun xeito acelerado, creando ese planeta de cidades miseria que Mike Davis relata con eficacia e Jonas Bendiksen exemplifica nas súas fotografías de slums. En efecto, por primeira vez na historia mundial, a poboación urbana superou en 2008 á poboación rural, mais o fenómeno prodúcese especialmente a costa do crecemento incontrolado das megacidades do Terceiro Mundo.

España é un país cunha poboación urbana superior ao 80%, mais na definición do espazo “urbano” podemos ter en conta diversos criterios: a) o tamaño (así, todos os núcleos con máis de 10.000 habitantes poden ser considerados urbanos) e a densidade de poboación; b) as actividades económicas exercidas pola poboación (no ámbito urbano priman as actividades secundarias e terciarias, aínda que fóra deste criterio poderían ser consideradas urbanas as “agrocidades” andaluzas, con predominio do traballo agrícola); c) certos criterios culturalistas -tendo en conta a presenza notoria de edificios emblemáticos e formas de organización específicas- e sociolóxicos -cada vez máis difuminados debido á expansión do fenómeno da cidade difusa e a presenza de modos de vida urbanos en todo o territorio-; d) criterios histórico-administrativos que privilexiarían a aqueles núcleos con “categoría”  ou “título” de cidades sobre outros que non os teñen; e) a idea de considerar as cidades como un sistema organizador do territorio, sobre o que exercen funcións directrices, entrando en contacto con outros sistemas urbanos que á súa vez se xustapoñen no territorio.

Tendo en conta este último criterio, adoptamos a reflexión que Juan Luis Dalda fai sobre o mapa de distribución de densidades de poboación na Península Ibérica en 1998:

“En particular, resulta ilustrativa a análise dos intervalos de densidade entre 200 e 800 hab/km2 referidos ás delimitacións municipais e comparados no ámbito da Península Ibérica. Da lectura do mapa son de salientar dous rasgos xerais: o forte contraste, coa excepción de Madrid, entre o interior e o litoral peninsular, e o carácter policéntrico, insular pero expansivo, dos principais sistemas urbanos. Identifícanse territorialmente os sistemas do Norte: a rexión Centro de Asturias, a sub-rexión de Santander-Torrelavega e o sistema urbano vasco. No arco mediterráneo, o sistema litoral catalán liderado pola rexión metropolitana de Barcelona e o sistema levantino valenciano-murciano. No Sur, os sistemas urbanos das cidades andaluzas: o oriental, o malagueño e o do Guadalquivir, con tendencia a enlazar co emerxente sistema do Algarve portugués. Na fachada occidental é de salientar a forte presenza dos sistemas litorais atlánticos portugueses, dos que o do Sur, con centro en Lisboa, é máis capitalino e concentrado -en analoxía co madrileño- e o do Norte, con centro en O Porto, é máis territorial, expansivo e difuso, abarcando nunha grande extensión: no sur até Aveiro, no interior até Amarante-Vila Real, no norte até Póvoa de Varzim e Braga.”  A estes sistemas habería que engadir o litoral galego, que enlaza co do Norte de Portugal.

Juan Luis Dalda: Identidade e ordenación do territorio. Proxecto Terra.

 

Litoral de Oleiros

Google Earth é unha ferramenta de indubidable valor de cara ao estudo da Xeografía. As paisaxes, o ager e o saltus, as redes viarias, as tramas urbanas, os diferentes usos do solo, percíbense con claridade a través das imaxes de satélite que difunde este programa. Ante a proximidade dunha conferencia complementaria do programa mardeoleiros, sobre a planificación urbanística e a xestión do litoral por parte de técnicos do concello de Oleiros, poñemos á vosa disposición imaxes aéreas actualizadas do noso litoral, a distintas escalas, accesibles en Google Earth:

LorbéCosta NorteCosta de MeraMeraMorro de CanideSanta CruzBastiagueiroPerilloPerillo e r�a do BurgoR�a do Burgo

Espazos urbanos

Se no conxunto do planeta Terra a poboación urbana supera xa en porcentaxe á poboación rural, nos países desenvolvidos a urbanización é aínda máis notoria. Case 8 de cada 10 españois, segundo estimacións de 2005, son contabilizados como poboación urbana, se ben este concepto debe ir xa máis alá dos criterios de funcionalidade e administrativos (importantes, sen dúbida, como amosa o dato de que a 1 de xaneiro de 2006 só 3 dos 20 núcleos máis habitados do Estado español non sexan capitais de provincia), e sobre todo dos criterios cuantitativos censais (calquera municipio con máis de 10.000 habitantes en España pode ser considerado urbano), para abranguer novos conceptos como o de “cidade difusa” ou “rexión urbana”, máis adaptados a un territorio no que resulta imposible delimitar con claridade onde rematan as periferias urbanas e comeza o mundo rural.

Sistema urbano español
Segundo a importancia de cada unha das cidades dentro do sistema urbano español, pódense englobar nalgún dos seguintes niveis xerárquicos:
Metrópoles nacionais
Madrid e Barcelona son as dúas únicas cidades que teñen consideración de metrópoles nacionais. Teñen un maior peso demográfico, conforman extensas áreas metropolitanas e englóbanse entre as principais urbes europeas e mundiais. Como cabezas do sistema urbano español teñen unha serie de características que as diferencian do resto:
– Concentran a maior parte das sedes de grandes empresas, o que as sitúa como centros de toma de decisións empresariais.
– Teñen unha gran diversificación económica con prestacións moi especializadas, como os servizos financeiros e os servizos ás empresas, e concentran as principais empresas dedicadas aos sectores máis punteiros, como a alta tecnoloxía.
– Posúen unha densa rede de transportes e comunicacións que lles permite comunicarse de forma rápida co resto do sistema urbano español, europeo e mundial.
– Madrid, como capital do Estado, é ademais un importante centro administrativo e de toma de decisións de carácter político.
Metrópoles rexionais
Coinciden coas cidades que teñen entre 300.000 e 1.000.000 de habitantes. Entre elas atópanse importantes centros económicos como Valencia, Sevilla, Zaragoza, Málaga, Bilbao e Las Palmas de Gran Canaria.
Estas cidades manteñen importantes fluxos coas metrópolis nacionais a través dunha densa rede de transportes, e teñen unha forte influencia sobre o resto da súa rexión. Son o eixo económico das súas Comunidades Autónomas, concentrando importantes industrias e servizos moi produtivos, como o comercio e os servizos financeiros. Algunhas destas cidades son, ademais, importantes centros administrativos, pois cumpren funcións sanitarias, educativas e culturais, e contan coa presenza de institucións autonómicas. Tamén poden ser importantes centros turísticos, como Málaga ou Valencia.
Submetrópoles rexionais
Neste terceiro nivel aparecen un bo número de cidades que superan os 200.000 habitantes. Manteñen importantes fluxos coas metrópoles nacionais e rexionais e actúan como centros de servizos das súas provincias e áreas de influencia máis próximas. Destacan Vigo, San Sebastián, Xixón, Oviedo, Granada ou Alacante.
Outras cidades
O resto de cidades medias e pequenas cumpren distintas funcións terciarias, sobre todo comerciais, de carácter provincial. Algunhas delas creceron debido á súa evolución como centros industriais.”

Fonte: www.kalipedia.com

* As áreas urbanas españolas teñen moi diversas funcións, entre as que cabe salientar as económicas, administrativas e culturais. Algunas cidades como Cáceres, Santiago de Compostela ou Salamanca, debido á importancia do seu legado histórico, acadaron a calificación de cidades patrimonio da humanidade:

Segundo as conclusións do Atlas Estatístico das Áreas Urbanas de España 2006, realizado polo Ministerio da Vivenda, “España consolida o seu carácter urbano. O 80 por cento da poboación ocupa o 20 por cento da superficie total de España.
A localización e distribución das áreas urbanas mostra unha tendencia á concentración no interior peninsular ao redor de escasos núcleos (Madrid, Zaragoza, Sevilla,…) e a unha litoralización do fenómeno urbano.
Respecto da ocupación de chan (unha das novidades nesta edición do Atlas respecto das de 2000 e 2004), se se toma como referencia o período 1987-2000, podemos observar como hai cidades cuxa superficie creceu máis da metade do que ata entón ocupaban: así, por exemplo, a área urbana de Murcia creceu máis dun 78 %, a de Alacante-Elxe fíxoo máis do 67 % e a de Madrid case o 50 %.
Máis da metade da poboación española migrou nalgún momento da súa vida, e atópase residindo nun municipio distinto do que naceu.
O principal destino da poboación estranxeira son as Grandes Áreas Urbanas (onde se concentran máis de 3,5 millóns de estranxeiros). Con todo, son as Pequenas Áreas Urbanas as que presentan uns maiores niveis de concentración con algúns datos rechamantes, sobre todo en áreas costeiro-turísticas. A maior concentración de poboación envellecida atópase nas áreas non urbanas, mostrando os efectos da emigración histórica cara a áreas urbanas.
En canto ás vivendas constátase a existencia dunha elevada proporción de vivendas secundarias e baleiras en España, por encima do 30% do conxunto de vivendas familiares. Así mesmo, destaca a crónica diminución a que aparece sometido, logo dos anos cincuenta do pasado século, o conxunto de vivendas de aluguer en España.
En canto aos fogares, asistimos a un descenso continuado do seu tamaño generalizable para todas as comunidades españolas. No ano 1960 o tamaño medio do fogar español era de 4 membros. En 2001 o tamaño medio pasou a 2,85 membros por fogar, aínda superior á media europea que está ao redor de 2,4 membros para ese ano.
A información referente a estrutura e concentración da propiedade do chan sen edificar é outra das novidades que se incorpora por primeira vez ao Atlas. Así, conclúese que en Murcia, As Palmas e Madrid é onde as dez principais persoas físicas teñen unha maior extensión de chan urbano non edificado.”

* Le un interesante artigo publicado en Geocrítica sobre o uso de Google Earth para recoñecer diferentes tramas urbanas.

* Aproxímate ao comentario dos planos urbanos e a evolución urbanística a partir deste material do Proxecto Terra sobre Santiago de Compostela.
* Canto aos problemas actuais das cidades, convén fixarse en aspectos como o abastecemento enerxético e a potenciación de enerxías renovables para combatir o cambio climático desde ámbitos locais, os problemas de abastecemento de auga nas cidades españolas, a sostibilidade urbana, a contaminación atmosférica e acústica ou a especulación do solo urbano.

* Le os seguintes documentos e realiza unha síntese dos principais problemas das cidades españolas na actualidade:

– Consulta a web da Red Española de Ciudades por el Clima para ver exemplos de boas prácticas canto ó uso eficiente dos recursos enerxéticos e do transporte.

– Achégate á información que Hispagua ofrece sobre as principais empresas de abastecemento de augas no ámbito municipal español e un artigo publicado en Geocrítica sobre o abastecemento de auga na cidade de A Coruña.

– Consulta o artigo “Cara a unha cidade verde”, da revista Consumer, sobre a sostibilidade urbana.

– Resume un artigo de El País sobre a contaminación atmosférica nas cidades españolas.

– Le un artigo da revista Consumer sobre a contaminación acústica e os seus efectos.

– Resume un artigo de El País sobre a especulación do solo nas cidades españolas.

– Consulta a web do Ministerio de Vivienda para informarte das actuais políticas urbanísticas, a Lei do Solo e axudas para que os xoves accedan ás súas primeiras vivendas.

** Visualiza un documento sobre imaxes urbanas e tramas comentadas.

*** Consulta o vocabulario de Xeografía Urbana deste tema.

Cambios no litoral

Tivemos ocasión estes días de aludir e investigar os grandes impactos producidos pola urbanización turística e os cambios no uso do solo no litoral mediterráneo. Velaquí uns exemplos significativos destes impactos:

1. Na seguinte imaxe dobre compróbase como cambiou o litoral da cidade alacantina de Benidorm entre 1961 e 2006, pasando de albergar unha poboación censada de pouco máis de 6.000 habitantes en 1960 a 67.000 aproximadamente en 2006 (aínda así, durante o verán, a poboación multiplicouse neste último ano por 7). O resultado é a desaparición do tradicional núcleo de pescadores, con casas baixas e escaso nivel de edificación, en beneficio duns rañaceos que inclúen o hotel máis alto de Europa e unha densidade de edificación notabilísima:

2. O mesmo sucede na Manga do Mar Menor (Murcia), cunha ringleira de palmeiras á beira do areal a comenzos dos anos 1960 que se ve sustituída por unha morea de edificios que albergan ós turistas a comenzos do século XXI.

* Le este artigo publicado en El País (31 de outubro de 2007) sobre a Manga do Mar Menor e resume as ideas principais a partir destas actividades: Manga do Mar Menor

3. Este crecemento turístico con forte impacto ambiental non é exclusivo do litoral mediterráneo español. A outros  niveis prodúcese no litoral galego, no cantábrico,… Nin é exclusivo de España. Velaquí un exemplo de como ten sido riguroso en apenas unha década no medio do deserto; trátase da expansión urbanística de Dubai, a capital dos Emiratos Árabes Unidos: