Unha Escandinavia ao sol?

Sempre se tivo a impresión de que os escritores estranxeiros, hispanistas reputados, contribuiron a elaborar unha imaxe singular do “excepcionalismo” español. Por iso, ben se agradece unha visión que encadre o noso Estado dentro do contexto internacional, explicando o acontecer histórico de España dentro de movementos globais que xustifican os cambios sociais, políticos, económicos e culturais. Así o fai Michael Reid en España, unha análise da nosa recente historia á luz dos conflitos políticos que se tecen: o peso dos nacionalismos periféricos, a presenza da herdanza franquista hoxe en día, o cuestionamento do éxito da Transición, a importancia da memoria histórica, a trascendencia da inmigración, os problemas económicos,…

Nun dos capítulos, Reid analiza os profundos cambios na sociedade española ao longo dos case últimos 50 anos. E empeza lembrando a conversa de Franco co xeneral Vernon Walters en 1971, cando o ditador lle espetou que “vou deixar algo que non atopei ao asumir o goberno deste país hai corenta anos… a clase media. Dígalle ao seu presidente [Nixon] que confíe no bo sentido do pobo español, non haberá outra guerra civil”. O desarrollismo dos anos 1960 expandera un grupo social aberto ao cambio de mentalidade e parecer. E a sociedade española modernizouse, indubidablemente grazas á chegada da liberdade e a democracia. 

España completou a transición demográfica a unha velocidade extraordinaria, e a taxa de fertilidade caeu con impacto: dos 2,9 fillos por muller en 1975 pasouse a 1,2 en 2001; neste contexto, a inmigración (14% dela correspondía, en 2021, á comunidade marroquina) ten que converterse nunha salvación, será necesaria para manter as pensións do futuro (han de facer falla 6 ou 7 millóns de traballadores extras cotizando en 2040). Malia que sigue a ser un país no que unha elevada porcentaxe de xoves permanece ata os 30 anos na casa materna -a familia extensa é, para o autor, predominante en España, e base para a cohesión social. 

O peso da Igrexa católica continúa a ser importante -como amosa o feito de que Cáritas auxiliase a 1,4 millóns de persoas na pandemia, ou que case a metade da poboación escolar curse a materia de Relixión, ou que a Igrexa xestione 3.300 edificios históricos-, ben que a sociedade española avance cara á secularización e xa só a metade da poboación se defina como católica e só o 20% vaia a misa con regularidade. Tradicións como as procesións de Semana Santa e as festas patronais, con representación das autoridades políticas a carón das eclesiásticas, explicitan o papel aínda significativo da institución na vida cotiá.

Un enorme avance ten acontecido no papel público da muller, que pasou dun rol subordinado ao varón durante a primeira parte da ditadura franquista a unha integración progresiva no mundo laboral -por mor de leis que permitiron o exercicio de profesións antes reservadas aos homes. Foi verdadeiramente na Transición cando a muller adquiríu máis dereitos, con leis como a do divorcio (1981) e a do aborto (1985) e coa incorporación ao exército (1988). Hoxe hai máis mulleres que homes na universidade, un 43% das mulleres adultas traballa fóra do fogar -fronte ao 54% dos varóns-, e 31% dos consellos de administración das empresas do IBEX-35 está constituido por mulleres. A minoría homosexual tamén víu recoñecer a despenalización das súas relacións (1979) e o dereito ao matrimonio (2007). 

A España da Transición observou como a poboación se concentrou máis (o 90% da xente vive no 30% do territorio), e a España baleirada perde dinamismo, malia ter mellor conexión wifi ca moitas cidades en Europa; as infraestruturas priorizadas pola acción política, en especial a alta velocidade ferroviaria, son responsables dunha especie de apartheid das comunicacións, e as reclamacións de partidos de ámbito rexional tardan tempo en ser escoitadas. 

O ecoloxismo arraigou na sociedade. Ben que a declaración dos primeiros parques nacionais (Picos de Europa e Ordesa) foi en 1918, a expansión da protección natural (25% do territorio) é recente. Pero quedan moitos frentes nos que actuar e concienciarse: só o 3% da poboación considera o cambio climático un problema serio -malia que os modelos pronostican que será o Mediterráneo occidental a área na que maiores riscos climáticos se poderán producir en Europa, malia que unha quinta parte do noso territorio estea en risco de desertificación-, e un 28% da costa está ocupada por construcións humanas. A aprobación de leis de descarbonización para cumplir cos obxectivos da Axenda 2030 é un paso adiante.

A sociedade española actual ten unha calidade de vida superior á do comezo da Transición; a xente medrou en estatura e esperanza de vida; a cuarta parte dos fogares son unipersoais; dous terzos da poboación vive en pisos -porcentaxe só superada na eurozona por Letonia; medra o número de mascotas de xeito relevante; redúcese a cantidade de licenzas de caza e medra a oposición á tauromaquia, á que xa chamara Emilia Pardo Bazán “a demencia nacional”. En suma, España é máis feminista, máis ecoloxista, máis animalista… Xa se asemella a unha Escandinavia con sol.

  • Consulta algúns extractos de #España.

Ecos limiaos (9)

Fíxose Portugal no Vez. En 1140 afrontáronse os exércitos de Afonso I de Portugal e Alfonso VII de Castela. Foi nunha xusta, un bufurdium que tería forma de torneo entre os mellores soldados de cada bando, e que concluiría coa vitoria portuguesa, antecedente do recoñecemento da independencia lusa, co tratado de Zamora (1143). Salvouse o afluinte do Limia de portar augas de sangue, foi testemuña do verdadeiro nacemento dun novo reino.

Augas arriba de Arcos de Valdevez, unha aldea de perfil de labrega espállase pola aba meridional do Vez, compartindo desde 2017 –con outras seis aldeas lusas– a categoría de marabilla rural. Chámase Sistelo, ten toda a freguesía apenas 200 habitantes, e tíldana en moitas webs como “o pequeno Tibet portugués”; inflúen nesta denominación os socalcos que humanizan a paisaxe desde tempos medievais, cando esta antiga póvoa construíu un sistema agrario no que se aplanaban pendentes -retidas por muros de cantería erguidos con esforzo- para cultivar cereais e legumes de autosubsistencia, que deron paso a un aproveitamento para o millo traído de América no século XVI -e que deixa profunda pegada nos hórreos/espigueiros que se acantoan a carón do lavadoiro, e as patacas. En suma, conformouse unha paisaxe cultural de subsistencia, que hoxe muda en pasteiros para o aproveitamento bovino. As razas cachena e barrosa deambulan por eidos e montes, ascenden en verán ás “brandas” ou refuxios de transhumancia, producen carne en terras que foron “de pan levar”, axexadas polos lobos da Peneda Gerês e por éguas e cabalos que viven nestas terras rocallosas e mestas de matogueira; os baldios da montaña tamén producen madeira e pasto, nestas terras que culminan a máis de 1300 metros de altitude.

Os socalcos de Sistelo inclúen canles de regadío outrora utilizadas como sistema de rego comunitario ben distribuido. E escaleiras de pedra que hoxe son trilhos que levan das “inverneiras” ás “brandas” e aos muiños, que crean percursos nos que as rodeiras dos vellos carros se funden coas pegadas dos excursionistas urbanos, promovendo un turismo crecente e animoso, paseante tamén das pasarelas de madeira a carón do río.

As terras de Sistelo e Padrão foron colonizadas por seis parellas a partir de 1271, cando Afonso III lles deu carta foral para traballar o monte ermo que lles había de servir para labrar os socalcos e aproveitar a auga das corgas. Ben tempo máis tarde, un indiano rico, Manuel António Gonçalves Roque, fixo cartos no Brasil e edificou o castelo de Sistelo no século XIX; queda na memoria a súa filantropía e o edificio neo-renacentista que, rehabilitado, alberga agora o Centro de Interpretación da Paisaxe Cultural desta área.

Emerxencia climática

O libro “Emerxencia climática”, escrito por Andreu Escrivà, aproxímanos sen rodeos á problemática actual do cambio climático antropoxénico. Xa en 1912 un xornal das antípodas publicaba unha nova sobre o risco de incremento de dióxido de carbono á atmosfera. As empresas de combustibles fósiles ocultaron á opinión pública as consecuencias do seu consumo crecente, malia que a ciencia do cambio climático advirte xa delas desde hai tempo.

Escrivà rebate os mitos climáticos con datos e experiencias: o Sol non está aumentando a súa cantidade de radiación; os volcáns non emiten as maiores cantidades de dióxido de carbono á atmosfera; os ciclos naturais de cambio climático son de milleiros de anos, e o quecemento actual do planeta intensificouse bruscamente desde a revolución industrial; as glaciacións chegarán a longo prazo, e o quecemento global non ha de salvarnos delas; tanta calor como nos veráns actuais non houbo, desde que hai rexistros, as noites tórridas e tropicais en clima mediterráneo increméntanse de xeito significativo; os modelos climáticos non erran, e predin o que acontecerá con certa uniformidade; de feito, as predicións meteorolóxicas son cada vez máis fiables, e o mesmo acontece cos modelos climáticos a longo prazo; o incremento de dióxido de carbono na atmosfera non beneficiará a todas as plantas,…

A poboación negacionista adopta distintas posturas: negacionismo por desinformación, por dogma, por conveniencia…Mais os impactos do cambio climático antropoxénico son ben reais: quéntase o Ártico e acadáronse 38° de máxima en Siberia en 2020; as anomalías no círculo polar ártico superan os 10 graos nos últimos tempos; Groenlandia verque ao océano 7 piscinas olímpicas de auga de fusión de xeo cada segundo; fúndese o permafrost, provocando inestabilidade nos edificios e nas infraestruturas; a degradación da criosfera é un dos impactos máis preocupantes do quecemento global. Máis de 600 millóns de persoas viven na actualidade en zonas costeiras de baixa elevación (ZCBE), área netamente ameazada polo cambio paisaxístico en breve; o nivel do mar xa subíu 24 cm desde finais do século XIX, dos que 10 foron desde 1993; xa hai atolóns do Pacífico que desapareceron, ou pobos de Alaska que tiveron que retirarse terra adentro, en Bangladesh reconvertíronse terras de cultivo en piscifactorías, por mor das inundacións frecuentes. O calor extremo de 2003 provocou a morte de 70.000 persoas en España, máis de 3.000 só en España; 2023 foi, ata agora, o ano máis cálido desde que hai rexistros, e os veráns alónganse e intensifícanse. Os océanos absorberon o 90% do calor xenerado polo incremento dos GEI, están en ebullición; a alteración dos ecosistemas dos corais leva á ruptura do seu equilibrio e o seu “branquexamento”. Os fenómenos extremos acentúanse: o calor que antes soportabamos unha vez cada medio século experimentarémolo 14 veces no mesmo período, no futuro; as choivas intensas que sufriamos antes unha vez cada 10 anos aumentarán un 70%, e os episodios de seca duplicaranse. O quecemento, xunto con outras alteracións ambientais de orixe humana, está a provocar un empobrecemento dos solos; a agricultura enfróntase a múltiples retos: a salinización das zonas costeiras, a desaparición de algunhas especies polinizadoras; as colleitas resíntense e, con elas, a srguridade alimentaria. Vivimos inmersos na sexta extinción; o cambio climático engade unha presión insoportable a milleiros de especies, das que o oso polar resulta emblemática; as especies vexetais migran en altura, mais cando non se poida escalar máis, a desaparición destas poboacións vexetais e a fauna asociada a elas será unha consecuencia final; os lumes forestais vólvense de maiores dimensións e son máis difíciles de controlar: son de sexta xeración; a “sabanización” da cunca do Amazonas é outro risco do cambio climático. A alteración dos ecosistemas e a migración latitudinal de especies como o mosquito tigre poden incrementar o risco de expansión de enfermidades tropicais; os riscos derivados dos desastres naturais e os impactos na saúde mental tamén están aí. Non faltan, dentro dos impactos, as migracións climáticas, que poderían levar -a finais do século XXI- a un tercio da humanidade desprazada do seu lugar de orixe.

As diferentes COP organizadas pola ONU desde 1995 insisten, a partir dos informes do IPCC, e sobre todo desde 2015 (Acordo de París), en poñer o límite nun quecemento que non vaia máis alá de 1,5°C, como máximo 2°C; para iso é precisa a descarbonización da economía, na que a responsabilidade recae no sistema capitalista, pero tamén se precisa da resposta responsable individual. Debúxase diante de nós un futuro distópico, no que semella que o ser humano está abocado á catástrofe climática, mais non ten por que ser así. O futuro pasa realmente pola transición enerxética, por eliminar a nosa dependencia dos combustibles fósiles e afianzar un mix no que as renovables gañen peso; a transición agrícola tamén esixirá dedicar menos espazo á gandería estabulada, un maior destino das producións ao abastecemento humano, a rexeneración dos solos e unha pesca máis sostible. Restaurar os ecosistemas degradados e apostar pola conservación da natureza é unha das accións máis intelixentes que podemos levar a cabo. A transición ecolóxica implixa un cambio na mobilidade, que debe circular cara ao predominio do transporte colectivo e a peonalización das urbes (as “cidades de 15 minutos” e as “supermazás” son exemplos destes obxectivos), dado que o transporte hoxe en día emite o 16% dos GEI, e a contaminación actual por transporte produce 7 millóns de mortes anuais no mundo.

Hai que cambiar de sistema. Un crecemento infinito nun planeta finito é, a todas luces, imposible. Imponse o decrecemento, reducir o consumo de recursos e de enerxía. A emerxencia climática é real, as proclamas de Greta Thunberg e as protestas de Just Stop Oil e Scientist Rebellion están xustificadas. Falar dela é o primeiro paso para tomar conciencia colectiva.

• Consulta https://climatica.coop/

Galicia, distrito industrial

A suite de “Unha nova Olanda” é unha longa conversa de Antón Baamonde co CEO de Rodiñas, Daniel Hermosilla, en torno ao potencial industrial de Galicia nunha nova época de relocalización, que impulsa a UE nun contexto post-pandémico e de conflitualidade xeopolítica puxante. E así xorde Galicia, distrito industrial, un libro que nos aproxima a unha realidade galega insuficientemente coñecida e valorada.

Galicia xa tivo en tempos unha ampla actividade transformadora, na que o aproveitamento téxtil do liño e os curtidoiros acompañaron á primeira experiencia siderúrxica en España -a iniciativa do marqués de Sargadelos- e á expansión do sector das conservas de peixe no século XIX, un século despois de seren montados os grandes estaleiros de Ferrol. Houbo, polo tanto, alicerces para a diversificación industrial de hoxe en día, que arranca da instalación de Citroën en Vigo a partir de 1958 e o éxito finisecular de Inditex, multinacional global asentada en Arteixo. 

A política do desarrollismo, cos seus polos de desenvolvemento en A Coruña, Vigo e Vilagarcía de Arousa, volcou a densidade demográfica galega cara ao Oeste, ao longo dun Eixo Atlántico que se arraiga no Norte de Portugal. Uns 7 millóns de habitantes entre Ferrol e Porto constitúen a base dun polo económico que debería facer da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal unha economía de aglomeración potente e competitiva. Porque a Galicia industrial faise eco dunha Galicia urbana que debe implementar a innovación en diversos sectores, nos que a nosa terra ten materia prima: as conservas de pesca, as enerxías renovables, a produción forestal, os lácteos,…

Unha mesta malla de PEMES debería configurar un distrito industrial no que todas as empresas se concatenen e colaboren. Velaí unha receita de futuro para un país que ten máis poboación activa e xenera máis PIB no sector secundario que a media estatal. 

O libro conta tamén cun anexo actualizado de empresas por áreas xeográficas.

• Consulta extractos de #GaliciaDistritoIndustrial.

Nin unha, nin grande, nin libre

Nicolás Sesma, na súa obra “Ni una ni grande ni libre”, traza un relato de historia total sobre a ditadura franquista, valéndose de innumerables referencias historiográficas e documentos diversos, que beben de fontes fílmicas, literarias, cancións, curtametraxes, historias gráficas, discursos e banda deseñada para construir un mosaico da realidade da época. É unha historia do réxime a través da perspectiva interior, multipolar e chea de matices, embebida nunha visión internacional dos acontecementos; a través desta última explícase mellor a supervivencia dun réxime de orixe fascista, nunha época de desenvolvemento das organizacións supranacionais e a extensión das democracias.

Nin unha. A España franquista non foi monocroma, malia a continua presenza de falanxistas en postos de relevancia. A filiación fascista de Falanxe houbo de camuflarse trala derrota das potencias do Eixo na Segunda Guerra Mundial -como se escondeu a pintura de Zuloaga que retrataba ao xeneralísimo en camisa azul-, e reemprazala polo palio católico -que acolleu a Franco en cerimonias relixiosas a cotío. Máis alá, dentro das propias filas, da influencia tecnocrática do Opus Dei e a disputa entre “aperturistas” e “inmobilistas” en tempos do desarrollismo, a oposición ao réxime tamén tomou forma no interior -con adeptos á causa monárquica e rebeldes maquis en loita nas montañas, con sindicalistas clandestinos e grupos terroristas violentos, con estudantes e obreiros reivindicativos- e no exterior, pasando polo moderantismo de Salvador de Madariaga, as forzas opositoras “contuberniadas” en Munich, o goberno republicano no exilio, os nacionalistas periféricos en defensa dunha identidade propia, os “juanistas” e un PCE que mudou a loita armada pola estratexia do “entrismo”. O desapego da igrexa postconciliar, e mesmo a vontade de transformación final no seo do exército, tamén constataron a perda de integridade da ditadura.

Nin grande. Ben que nacía coa ampulosidade reivindicativa das vellas glorias imperiais, o réxime cedeu ás presións internacionais da época e renunciou a manter a colonización de territorios norteafricanos vencellados ao antigo protectorado -non sen manter guerras ocultadas como a de Sidi Ifni-, ao tempo que deixou abandonado o Sahara Occidental no crepúsculo da ditadura, e xa tiña concedido a independencia a Guinea Ecuatorial en tempos da vaga descolonizadora promovida pola ONU. A España franquista obsesionouse con recuperar Xibraltar, co que se pechou a verxa en 1969; a ditadura contaba con recibilo a cambio de participar á beira da Alemania nazi na contenda 1939-45, mais a Hitler non lle interesaba a axuda dunha feble potencia marítima como España, xa escarnecida desde o desastre do 98. A ditadura sumíu ao Estado nunha longa noite de pobreza: economicamente, España non recuperou o nivel de renda per cápita de 1935 ata o ano do final das cartillas de racionamento (1952). Nesa aciaga década dos 40, a fame e o estraperlo moldearon unha época de autarquía na que inventos singulares como o gasóxeno querían ocultar a febleza tecnolóxica e o subdesenvolvemento patrio, con múltiples mendigos nas rúas. O desarrollismo dos anos sesenta supuxo un crecemento encardinado na onda xeral das “Treinte Glorieuses”, ben que a renda per cápita non superaba, en 1975, o 70% da media da UE -e iso que moitas remesas de emigrantes auxiliaron o PIB español deses tempos.

Nin libre. Se algo se constata no período 1939-75 en España, é que a represión foi continua, sen freo. Abundantes tribunais militares reprenderon o anticomunismo e a masonería, enviáronse ao exilio voces contrarias ao réxime e executáronse antigos republicanos, xoves militantes socialistas, dirixentes do PCE, anarquistas, terroristas,… Foron as mulleres as que, na sombra en moitos casos, sofreron as consecuencias diarias dun réxime machista que non lles permitía -ata 1970- traballar fóra da casa unha vez casadas; as que, cos seus homes no cárcere, exerceron a protesta soterrada contra a ditadura; as que, no bando perdedor, dando cos seus ósos no cárcere, foron desposuidas dos seus fillos, dados en adopción a “xente de ben” e pudinte. A liberdade é un don apreciable e meritorio, que a ditadura apostillou en algunha lei fundamental como o Foro dos Españois (1945), mais a lei ben se encargaba de lembrar antes os deberes e as obrigas.

Cun ritmo narrativo que non acouga, #NinUnhaNinGrandeNinLibre é un nobre exercicio de historia comparada, que engancha a quen le desde a primeira cita. A nosa historia non se entende sen o contexto internacional no que se insire. Á altura da metade do século XX, a interdependencia xa era norma. Nengún Estado podía vivir realmente illado da súa contorna. A ditadura militar de Franco, un réxime fascista asimétrico, estableceu lazos e navegou contra todo e contra todos, mais o “feito biolóxico” da morte do Caudillo abriría as portas a cambios consecuentes coa nosa localización xeográfica e natureza evolutiva dos Estados limítrofes. Xa antes tiñan caído as ditaduras portuguesa e grega.  

Autarcie et pénurie

Après la guerre civile, l’Espagne vit une période d’autarcie économique et d’isolationnisme international; l’Espagne devient un régime anachronique par rapport à l’Europe occidentale. Du premier moment, on réserve le marché intérieur à la production nationale, le protégeant de toute concurrence extérieure, et on amorce une politique économique autossufisante, héritée du fascisme italien et du national-socialisme allemand -qui propose le remplacement des importations par des usines nationales avec un faible niveau de productivité. Le boycott international à l’Espagne après la Seconde Guerre Mondiale sera aussi une cause qui détermine la mise en place de cette politique. Ce sera le modèle de la dictature pour toujours?

Le plus haut niveau de dirigisme économique et d’interventionnisme étatique dans la vie économique du pays se cristallise sous forme du décret-loi de septembre 1939, d’après lequel tout investissement industriel doit être soumis à un régime d’autorisation préalable, et dans le INI, Instituto Nacional de Industria, créé le 25 septembre 1941, afin de propulser une économie de guerre basée sur les industries lourdes. Tout le réseau des services tombe aussi dans les mains de l’État: la nationalisation des chemins de fer (RENFE) et des transports routiers est immédiate à partir de la Ley de base de ordenación ferroviaria y de los transportes por carretera de 1941.

En plus, pendant les années 1940, la société civile espagnole a subi des maladies épidémiques -responsables aussi d’une mortalité infantile élevée- et des famines dérivées de la pénurie alimentaire et des bas salaires (60% plus bas que ceux de 1935), du rationnement, de la corruption des classes dirigeantes franquistes et d’une économie de guerre préparée à tous les effets pour participer dans la Seconde Guerre Mondiale à côte des forces de l’Axe. Le marché noir (“estraperlo”) fonctionne notamment pour les articles de consommation, car en 1943, même un 30% de la récolte était vendue selon ce système. La pénurie devient très sérieuse dans les villes -où le manque d’habitations, à cause de la destruction de la guerre, est important- ce qui provoque l’exode urbain et une “ruralisation” importante de la société.

Le slogan officiel disait Pas un Espagnol sans pain, pas une maison sans lumière”, mais les restrictions électriques étaient quotidiennes, le rationnement de pain au bord de l’inanition (de 100 à 150 gr. par tête et jour), l’approvisionnement des usines très faible (cela va provoquer les premières grèves dans les usines textiles de la Catalogne, les métallurgiques à Madrid et la sidérurgie basque). Seulement l’aide argentine, d’après le Protocole Franco-Perón (avril 1948) assure l’envoie de tonnes de blé, maïs, coton, oeufs et viande. C’est la “politique de remplacement” qui part au secours de la dictature franquiste.

Si jusqu’à la fin de la Deuxième Guerre Mondiale l’adoption d’une politique autarcique était nécessaire, à partir de la victoire des Alliés elle est déjà un modèle non viable: les Accords de Bretton Woods (1944) et le Plan Marshall (1947) dessinent un nouveau cadre économique international, axé sur le capitalisme et l’économie de marché, duquel l’Espagne sera exclue à cause de son régime politique. Il faudra atteindre les années 1950 (le revenu par tête ne dépasse pas celui de l’avant-guerre jusqu’en 1952) pour assurer l’entrée de l’aide nord-américaine et l’intégration future au capitalisme libéral. Et alors, cela sera assuré à partir du plan de stabilisation économique de 1959?

Blog en WordPress.com.

Subir ↑