Arquivos da categoría Música

Verán

Estío é, no ensino, sinónimo de lecer e descanso. Pero de seguro que estará ben que aproveitemos todos este tempo para seguir aprendendo (lendo, visitando, escoitando, escudriñando, vendo,…). Porque todo tempo é bo para facelo. Non deixedes de descansar, mais non deixedes de sentir curiosidade. Xa nolo dixo Xurxo Mariño hai uns días, e é o mellor consello que se pode dar na adolescencia.

Aproveitemos para escoitar a música que nos gusta e rodearnos da xente que máis queremos. É tempo de lecer e aventura. Se se combinan ben, volveremos todos en setembro con inmensas gañas de seguir participando en proxectos interdisciplinares, de compartir coñecementos e experiencias. Por favor, cando volvamos, que non veñamos dun mundo raro!!!

Bo verán 2017 a todas e todos.

Bora Bora

“A clave está en dous procesos que acontecen de xeito simultáneo: por unha banda, esas illas estanse afundindo pouco a pouco e, por outra banda, os corais que forman o anel au seu arredor están medrando de xeito vertical para compensar o afundimento e así manterse na zona de augas superficiais. Este mecanismo foi proposto por Charles Darwin, que tamén foi un importante xeólogo. Na Polinesia Francesa, por exemplo, as illas son antigos volcáns con varios millóns de anos de idade (Moorea ten aproximadamente 1,5 m.a.; Raiatea entre 2 e 3 m.a.; e Bora Bora algo máis de 3 m.a.). As illas afúndense porque a placa tectónica na que están sentadas, neste caso a placa do Pacífico, no seu movemento cara ao noroeste sofre un proceso de subsidencia. Todo o conxunto vaise indo a pique pouco a pouco. Pola súa banda, os corais son organismos vivos aos que lles gusta a auga temperada e a luz solar, de tal xeito que se o sitio no que están se afunde -e polo tanto se mete en zonas con menos luz e auga máis fría-, eles tenderán a medrar cara arriba para manterse á mesma altura respecto do nivel do mar.”

Xurxo Mariño: Terra.”

Xa nos conta Mariño que a illa central de Bora Bora leva ben tempo afundíndose, o que non deixa de ser unha excusa para escoitar unha bela composición de Yuri Borin.

Baleirado

O punto máis profundo medido nos océanos terrestres é o abismo ou fosa Challenger, nas illas Marianas, no Pacífico noroccidental. Cunha presión máis de 1.000 veces superior á da superficie, o abismo atópase a case 11.000 m baixo o nivel das augas. En 2012, o sumerxible Deepsea Challenger tocou fondo nel.

Randall Munroe plantexou a hipótese de baleirar os océanos a partir dun burato neste lugar, e concluíu cun imaxinario mapamundi no que, baleirados 5 km de altura da superficie actual dos océanos, a auga permanecería estancada entre múltiples espazos continentais de países baixos. Iso suporía aproximadamente baleirar a metade dos océanos, o que había de alterar notablemente o clima e os ecosistemas, de xeito ben difícil de predecir. Outra de xeografía-ficción!!!

En todo caso, podemos lembrar que dos pés á cabeza do planeta Terra -a parte tocable da cortiza terrestre, a pel da litosfera-, do abismo Challenger ao cumio do Everest, hai case 20 km de distancia en liña recta, isto é, como se fósemos de Coruña a Ferrol (tamén en liña recta).

Seguindo os parámetros do corpo ideal do Doríforo de Policleto, e aplicando a analoxía sobre a cortiza terrestre litosférica, velaquí a posición de algúns puntos de interese a nivel xeográfico:

corpo_humano_cortiza_terrestre

Asústame

Asústame un mundo no que haxa xente que queira vivir á marxe da integración. Que rexeite de xeito maioritario a idea dunha Europa unida que tanto loubara J. Rifkin.

Asústame que a reacción se impoña ao avance, que os temores triunfen sobre as esperanzas. Non semellan os tempos da globalización tempos de proteccionismo.

Asústame que estes tempos de século se queiran semellar aos comezos do século anterior. Eu, que vivín nos mellores tempos da humanidade, teño medo de que regresemos á cova.

Asústame que a humanidade evite o espírito crítico e a colaboración. Os nosos antergos fixeron cousas boas para seguir pola senda da busca e do avance, da integración e da colaboración. Por favor, que non se perda!

Agardo que o verán de 2016 despexe dúbidas e medos. Hai 100 anos Europa queimaba vidas no Somme e Verdun. É tempo de que as vidas se queimen adiantando en coñecementos e sorrisos, en VIVILAS!

Ponte Maceira

Entre os concellos de Ames e Negreira, unha ponte do século XIII de 5 ollos -o central rematado en arco oxival- e 2 máis pequenos aproveita os piares dunha ponte de época romana. Tiñan que pasar os pelegríns por ela cando continuaban o camiño marítimo de Santiago, indo cara a Fisterra.

En Ponte Maceira comezou a que hoxe se coñece como “batalla de Altamira ou de Ponte Maceira”, episodio de enfrontamento entre os Moscoso e o arcebispo de Compostela co fin de controlar o val de Amaía.
Neste lugar gravaron o video do seu single “Cantiga da montaña” Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que veñen de gañar o Premio da Música Independente ao mellor álbum en galego. Noraboa!

Contraste / Lamento

“A Península Ibérica posúe unha complexa orografía e un relevo moi accidentado, o que, ademáis de reducir as posibilidades de cultivo, tivo outra consecuencia transcendental como é dificultar o transporte e os intercambios. A topografía impuxo grandes obstáculos ao transporte interior na época preindustrial, a causa dos fortes desniveis, as acusadas pendentes e os pasos accidentados en desfiladeiros e canóns, o que facía máis difícil e máis costoso que no resto do continente o mantemento de estradas e camiños e máis frecuente o bandoleirismo e a inseguridade. Outra consecuencia desta topografía torturada e dos obstáculos nas comunicacións foi unha acentuada fragmentación territorial da actividade económica. A finais do Antigo Réxime, España era un dos países con pior estrutura viaria de Europa. A finais do século XIX, o atraso seguía a ser evidente.”

J. Maluquer de Motes: La economía española en perspectiva histórica.”

Non debeu pensar moito niso Ibn ‘Arabi, o mestre sufí de orixe murciana no que Sami Yusuf se ten inspirado neste último disco.

Crítica dos privilexios

Pierre-Auguste Caron de Beaumarchais, dramaturgo francés e home de fortuna, afronta -en “As vodas de Fígaro” o triunfo dos humildes sobre dos poderosos, a vitoria da moral sobre o privilexio de ser nobre. E así nolo lembra o protagonista na famosa alocución do V acto, na que pon de manifesto a falta de correspondencia entre intelixencia e nobreza, ademáis de denunciar o absurdo dos privilexios de berce e as dificultades dun membro do Terceiro Estado para chegar a ser algo:

Porque sodes un gran señor crédesvos un gran xenio. (…). Nobreza, fortuna, rango, posición, todo iso é o que vos fai ser tan arrogante. Pero que fixestes para merecer esas fortunas? Tomástesvos a molestia de nacer, e nada máis. Polo demais, sodes un home bastante ordinario. Canto a min, meu Deus, perdido entre a escura multitude, hei ter que usar de máis ciencia e expedientes tan só para subsistir dos que se usaron nos últimos cen anos para gobernar a toda España. (…). Esfórzome para seguir unha carreira honorable e en todas partes véxome rexeitado. Aprendo a química, a farmacia, a cirurxía, e toda a influencia dun gran señor apenas basta para poñerme na man unha lanceta de veterinario.”

Beaumarchais. As vodas de Fígaro. 1784.

🙂 Con música de Mozart e libreto de Lorenzo da Ponte, a ópera do mesmo título sería estreada en Viena o 1 de maio de 1786.

* Fígaro era barbeiro.

Ponthus et Sidoine

Vers la fin du XIVème siècle, un écrivain breton anonyme rédigeait le Roman de Ponthus et de la Belle Sidoine, afin de distraire les fils de la noblesse bretonne.

Le roman raconte l’histoire du fils du roi suève de Galice Thibour [à vrai dire, au niveau historique, il y a une période d’ombres dans le royaume suève de Gallaecia: on ne connait pas le prénom d’une bonne partie des rois de 469 à 550: cela peut toujours nourrir la littérature]. Pendant le Vème ou VIème siècle, une grande armée musulmane commandée par le sultan de Babylone débarque à La Corogne avec l’intention de conquérir le pays: la défaite est totale; Thibour meurt au combat; Ponthus, son fils, peut à peine s’échapper avec treize chevaliers fidèles, et il rentre en Bretagne, où Ponthus deviendra un homme remarquable; là, il s’éprend pour la fille du roi de Bretagne, Sidoine. Après la trahison d’un de ses compagnons galiciens, Gannelet, il se réfugie dans la forêt magique de Brocéliande, à la manière des chevaliers du cycle arthurien et du magicien Merlin.

On a découvert cette histoire grâce à Pierre Joubin, du Comité Bretagne-Galice. Et puis on a recherché sur le blog toujours intelligent de Manuel Gago.

Merci, Pierre. C’est une belle légende de jumelage galicien-breton pour ce moment de confraternisation avec un Commenius Regio.

Danzón

“Non, estamos en Caracas, cidade tropical, deslavazada, turbulenta, caótica; no país de Chávez e as súas horrísonas arengas radiofónicas (perdón, anunciei que non falaría del, e aquí estou), nunha sala digna do primeiro mundo, cunha orquestra sinfónica de primeiro mundo -é así, sen dubidalo: a Simón Bolívar, dirixida polo carismático, enxundioso Gustavo Dudamel. Non importa se se lanzan sobre Beethoven, Mahler ou o Danzón nº 2 do mexicano Arturo Márquez: a febre é a mesma, o compromiso, o éxito. Non todo é salvaxe, burdo, corrupto en América Latina. Non todo está crispado en Venezuela.”

Jorge Volpi: El insomnio de Bolívar.

Μικρασιάτικο

Terra de Troia, terra de Fócea, Asia Menor… Grazas a Eleftheria pola súa voz:

“O que el [Homero] cantou, ¿foi pura imaxinación?

¿Foi obra de fantasía esa escadra de mil duascentas naves lanzadas ao rescate de Helena, a raíña nacida dun ovo de cisne?

¿Inventou Homero iso de que Aquiles arrastrou ao seu vencido Héctor, atado a un carro de cabalos, e lle deu varias voltas arredor da cidade sitiada?

E a historia de Afrodita envolvendo a Paris nun manto de néboa máxica cando o viu perdido, ¿non terá sido delirio ou produto da ebriedade?

¿E Apolo guiando a frecha mortal cara ao calcañar de Aquiles?

¿Sería Odiseo, alias Ulises, o creador do inmenso cabalo de madeira que enganou aos troianos?

(…) Esas mulleres e eses homes, e esas deusas e eses deuses que tanto se nos asemellan, ciumentos, vingativos, traidores, ¿existiron?

Quen sabe se existiron.

O único seguro é que existen.”

Eduardo Galeano: “Espejos”.

Queda Zapata…

“Mentres Pancho Villa, eufórico cuatreiro, incendiaba o norte de México, Emiliano Zapata, melancólico arrieiro, encabezaba a revolución do sur.

En todo o país, os campesiños alzábanse en armas:

– A xustiza subíu ao ceo. Aquí xa non está – dicían.

Para baixala, pelexaban.

Que remedio.

Ao sur, o azucre reinaba, tralas murallas dos seus castelos, e o millo vivía nas pedreiras. O mercado mundial humillaba ao mercadiño local, e os usurpadores da terra e da auga aconsellaban ao seus despoxados:

– Sementen en macetas.

Os alzados eran xente da terra, non da guerra, que suspendían a revolución por semente ou por colleita.

Sentado entre os viciños que falaban de galos e cabalos á sombra dos loureiros, Zapata escoitaba moito e pouco dicía. Mais este calado logrou que a boa nova da súa reforma agraria alborotase as comarcas máis lonxanas.

Nunca a nación mexicana foi tan cambiada.

Nunca a nación mexicana foi tan castigada por cambiar.

Un millón de mortos. Todos, ou case todos, campesiños, aínda que algúns vestisen uniforme militar.”

Eduardo Galeano: “Espejos”.

“Naceu, din, cunha manciña tatuada no peito.

Morreu acribillado por sete balazos.

O asasino recibíu cincuenta mil pesos e o grao de xeneral de brigada.

O asasinado recibíu a unha multitude de campesiños, que chapeu na man visitaron a súa morte.

Dos seus avós indios herdara o silencio.

Non dicían nada, ou dicían:

-Pobriño. (…)”

Eduardo Galeano: “Espejos”.