O ano sen turismo

Por mor da pandemia mundial de COVID-19, a caída anual do PIB en España en 2020 foi a terceira máis intensa do último século e medio, e foi dun 11,1%. Nada que ver coa caída do PIB turístico, que foi espantosa: un 68,9%. A balanza de pagos, tradicionalmente compensada polo sector turístico (un dos máis puxantes no noso Estado -se non o que máis), non contou esta vez co seu aporte.

A evolución da aportación ao PIB por parte do turismo, na década de 2010, foi sempre á alza, e chegou en 2019 ao 12,4%; en 2020, a aportación superou apenas o 4%. Todas as cifras certifican o afundimento: dos 83,5 millóns de turistas estranxeiros chegados en 2019 pasouse a apenas 19 millóns en 2020 (cifras propias de 1968, cando España botaba a andar como mercado turístico no ambiente internacional).

As cifras están en consonancia co que a OMT certifica a nivel mundial, e pode que a recuperación non se produza ata que a mobilidade se restaure nas nosas vidas. Esta pandemia está a ter efectos severos sobre moitos postos de traballo que dependen das viaxes de lecer, e eliminará a curto prazo parte do negocio. Cabe preguntarse se a medio e longo prazo tamén mudará os nosos hábitos turísticos… Ou ¿España seguirá esperando?

Se 1816 foi o ano sen verán, 2020 foi o ano sen turismo -cando menos ao nivel que viñamos acostumándonos. Se da erupción do Tambora xurdíu -en diferido- o mito de Frankenstein, ¿que monstro biónico poderá xurdir desta pandemia?

Turismo

O turismo é un subsector económico en crecemento continuo desde a Segunda Guerra Mundial. E non deixa de medrar, producindo ás veces consecuencias ben negativas. Consulta os datos de turistas en 2017.

España é un dos países máis dependentes do turismo. A chegada de visitantes supera á poboación local, as tipoloxías turísticas son ben variadas, o Estado posúe unha diversidade singular, mesmo chea de tópicos.

O turismo válese esencialmente do crecemento e mellora da rede de transportes para o seu crecemento: avións, trens, cruceiros,…

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑