Arquivos da categoría Medio ambiente

Incendios en Galicia

Galicia é unha comunidade autónoma cunha especial aptitude para a produción forestal. Dúas terceiras partes da superficie forestal teñen un aproveitamento silvícola. Un terzo das propiedades constitúenas os montes veciñais en man común, outrora roturados para estivadas e para fornecer leña para o lume e estrume e pasto para o gando.

Coa mecanización do campo e o abandono progresivo das actividades agropecuarias, o coidado do monte diminuíu, a superficie de matogueira medrou ou foi reemprazada progresivamente por especies forestais de crecemento rápido (piñeiros, eucaliptos). En consecuencia, en anos de choivas abundantes de primavera -como corresponde ao clima oceánico propio da rexión-, a masa forestal medra e acentúanse os riscos de incendios forestais na estación seca, mesmo no comezo do outono.

Galicia constitúe a zona de España na que arde cada ano unha meirande superficie (case a cuarta parte do total), malia que o clima húmido sexa menos favorable ao lume. A xustificación está en que a meirande parte dos lumes (4 de cada 5) son provocados. Os intereses son diversos: os gandeiros desexan anovar os pastos para os rabaños; os madeireiros pretenden obter madeira a bo prezo; os intereses inmobiliarios poden levar a desexar a queima de espazos que se poidan urbanizar de novo, vendidos tamén a prezo de saldo. numero-incendios-1961_2011

Hoxe en día, os riscos afectan en moitas ocasións a núcleos habitados que hai que desaloxar, provocando perdas en vidas humanas, perdas económicas e materiais (vehículos, casas,…), deterioro nas redes de comunicación telefónicas e eléctricas. Ademáis, as perdas ambientais son moi salientables: unha vez que a cuberta vexetal se destrúe, as choivas torrenciais erosionan fortemente a superficie queimada e arrastran compoñentes do solo que poden provocar deslizamentos de terra e verquido catastrófico de cinzas ao mar; o balance hídrico das cuncas fluviais afectadas polos incendios tamén se ve alterado; os bosques tardan ducias de anos en rexenerarse, e a recuperación de ecosistemas vese afectada por unha extinción traumática de especies no momento do lume.

Aínda que hoxe teñamos superado os piores momentos canto ao número de incendios forestais en Galicia -iso aconteceu na transición entre o século XX e o XXI-, o número medio de Ha. queimadas sigue sendo enorme, moi especialmente nas áreas meridionais e costeiras (o “cinto do lume” exténdese desde a Costa da Morte ata o NO da provincia de Zamora, cebándose na área das Rías Baixas e as montañas ourensás), tal e como se desprende do seguinte gráfico elaborado por El País para o ano 2011:

mapa_galicia_incendios_forestais_2001-11* Consulta España en llamas para comprobar a evolución dos incendios forestais entre 2001 e 2013.

Advertisements

Cambio climático en Galicia

Xullo de 2016 foi o mes máis seco en Galicia desde que hai rexistros. Aínda que as opinións respecto do cambio climático poidan ser diverxentes, cada vez aproxímanse máis, e a expresión -en si mesma- deixa de cuestionarse.

Os parámetros climáticos ofrecidos polo Informe 2012-15 na comunidade pódense resumir en: 1) un aumento das temperaturas máximas -maior que o das temperaturas medias, que se incrementaron en 1ºC con respecto ao período 1971-2000-; 2) a duración promedio dos días consecutivos cálidos tende a aumentar, especialmente na metade meridional de Galicia; 3) tenden a reducirse o número de días de xeada, de xeito singular na marxe sudoriental; 4) acentúanse as anomalías de precipitacións con respecto á media nas distintas estacións, pero especialmente no outono -a redución da precipitación é máis significativa en primavera e outono; os días de choiva redúcense tamén globalmente-; 5) a duración media dos períodos de seca tende a aumentar; 6) hai unha tendencia ao aumento dos eventos meteorolóxicos extremos, sobre todo aqueles relacionados con ventos e precipitacións (son os que producen maiores efectos na poboación); 7) os impactos nos ecosistemas, a nivel de flora e fauna, serán evidentemente apreciables no futuro, en caso de manterse as actuais pautas de cambio climático.

As emisións de dióxido de carbono á atmosfera son en grande medida responsables do quentamento global. En Galicia, o procesado de enerxía representa máis das 3/4 partes destas emisións, se ben estas se reduciron con respecto ao ano inicial da crise económica, 2007. Con datos de 2014, as emisións resultantes en 2014 reducíronse nun 28% con respecto ás de 2007, un pouco por enriba da redución (23,36%) global de todas as emisións de dióxido de carbono.

emisions_c02_galicia_2007-14

COP 21

Comeza hoxe en París a COP 21, a reunión na que se tentará chegar a acordos para limitar o cambio climático no planeta Terra.

Se ata hai uns anos o cambio climático antropoxénico era aínda cuestionado, hoxe en día a comunidade científica acepta nunha elevadísima porcentaxe a existencia dun quentamento global que xa está entre nós. O informe do IPCC correspondente a 2014 insiste: 1) a temperatura planetaria sigue a medrar; para deter o incremento sería preciso reducir as emisións de GEI entre un 40% e un 70% antes de 2050; 2) as vagas de calor serán máis frecuentes e durarán máis; as precipitacións extremas tamén incrementarán a frecuencia; 3) os glaciares diminuirán a pasos axigantados, como consecuencia do incremento da temperatura do permafrost; 4) os océanos quéntanse e acidifícanse, o que comportará cambios na salinidade e na evaporación.

Os impactos serán evidentes, sobre todo nos sistemas mariños e nas áreas costeiras, así como nas grandes áreas urbanas, -refuxio da maior parte da actividade económica do planeta, abranguendo as migracións climáticas e os riscos alimentarios -debido á baixa da produtividade das terras.

Diante destas evidencias, o obxectivo de non superar un incremento de 2ºC na temperatura media do planeta para o ano 2.100 -o limiar a partir do cal será difícil prever que acontecerá- convírtese no esencial deste cumio.

Cambio climático

“Suxerir que se apliquen os principios da xestión da fauna á nosa propia especie evoca abominacións como a de sacrificar selectivamente a seres humáns como se fosen cervos. (…)

Nembargantes, aínda que aspiremos aos ceos, como sinalaba Pascal, seguimos a ser mamíferos que, como todas as demáis criaturas terrestres, precisamos comida e auga, recursos que agora estamos a esquilmar. O noso marisco redúcese aos restos que arrancamos do fondo mariño; os nosos solos dependen de produtos químicos artificiais, os nosos ríos están contaminados e exhaustos. Exprimimos a códea terrestre para extraer minerais, explotamos mares xeados e dividimos átomos en lugares perigosos porque os combustibles facilmente extraíbles case se esgotaron. (…) Para sobrevivir e continuar o legado da nosa especie debemos adaptarnos en consecuencia.

De xeito inevitable (…) iso significa ir reducindo gradualmente o noso número. A alternativa é deixar que a natureza… o faga por nós.

¿E como podería facer iso a natureza? Probablemente dunha serie de formas en rápida sucesión, posto que cada perda desencadea outra nova. (…) O descenso dos niveis de osíxeno e o aumento dos índices metabólicos nunhas augas cada vez máis quentes están reducindo xa o tamaño corporal do bacallao e o abadexo do Atlántico Norte, e máis rápido do que os modelos predeciran. (…)

Ao noso actual ritmo crecente de emisión de gases de efecto invernadoiro… deixaremos pequeno ese incremento de 2 ºC nas vindeiras dúas ou tres décadas. Coas dúas terceiras partes da poboación mundial vivindo a unha distancia máxima duns 300 kilómetros de algunha costa, e coa meirande parte da economía do mundo concentrada en cidades costeiras, o potencial afundimento da civilización tal e como a coñecemos, no caso de que todos eses lugares se inundasen, supera a nosa capacidade de comprensión. Os actuais traumas orzamentarios semellarán triviais fronte á perspectiva de ter que erixir diques para protexer, por orde de poboación, cidades como Tokio, Shangai, Guangzhou, Karachi, Bombai, Iakarta, Nova Iorque, Manila, Estambul, Los Angeles, Londres, Lagos, Hong Kong, Cidade Ho Chi Minh, Miami, Singapur, Barcelona, Sidney…

Eramos moitos menos, e viviamos unha vida moito menos urbana e intensa, cando a Peste Negra matou aproximadamente a unha cuarta parte de todos os seres humáns a mediados do século XIV, e tamén cando a gripe española de 1918-1920 causou estragos na nosa especie, que por entón sumaba menos de 2.000 millóns de individuos, reducíndoa en aproximadamente 50 millóns.”

A. Weisman: A conta atrás“.

* Consulta o informe sobre cambio climático do IPCC do ano 2014.

* Sen grandes acordos no cumio climático de Lima (decembro de 2014).

Vórtice polar

O vórtice polar é un ciclón persistente, a grande escala e situado perto dos polos terrestres, na media e alta troposfera e a estratosfera. Forma parte da fronte polar.

Estes días, o centro-norte e a costa nororiental dos Estados Unidos de Norteamérica estanse a ver afectados pola acción dese vórtice polar que provocou sensacións térmicas inferiores a -50ºC en cidades como Chicago. Defuncións de indixentes, cancelacións aéreas e parálises nas comunicacións por estrada son algunhas das consecuencias inmediatas.

Polarvortexwinter

* Escoita o que contaba ao respecto José Miguel Viñas en “Herrera en la onda” (7 de xaneiro de 2014).

* Consulta unha aplicación-web para calcular a sensación térmica.

* “Baixo cero”, en Flipboard.

Quentamento global

Un informe do IPCC sobre os cambios na atmosfera e no clima ao longo do século XX advertíanos claramente do aumento dun 0,6ºC da temperatura media global da superficie (no hemisferio norte, a temperatura media aumentou máis durante o século XX que durante nengún outro século do último milenio), da diminución das xeadas [*], do incremento dos fenómenos de forte precipitación e do incremento da frecuencia e gravidade das secas no planeta [*]. Aumentou o nivel medio do mar de 1 a 2 mm anuais durante o século XX, diminuíu a extensión do xeo no Ártico [*] e reducíuse o seu grosor, os glaciares non polares tenderon a unha retirada xeralizada [*] e diminuíu a cuberta de xeo global. Fenómenos como El Niño [*] tiveron maior frecuencia, persistencia e intensidade nos últimos 20-30 anos. Producíuse unha anticipación xeralizada na floración das plantas e aparición de insectos, ao tempo que a extensión de plantas e animais se desprazou cara aos Polos. As perdas mundiais relacionadas coa meteoroloxía incrementáronse dun xeito moi significativo no último medio século.

Se a isto engadimos que se acentuaron as concentracións atmosféricas de dióxido de carbono (chegando ás 368 ppm no ano 2000), de metano (con máis do 100% de incremento de ppb ao longo do último milenio) e ozono na troposfera -aínda que este descendeu na estratosfera-, ademáis da elevación notable na emisión de CFC’s á atmosfera, parece que as evidencias do global warming (quentamento global) son claras.

Falar, polo tanto, de cambio climático, sostense na evidencia, se ben o clima ten cambiado desde sempre.

6_quentamento_climatico_1901-20006_quentamento_climatico_espanha_1960-2008

* Velaquí algunhas reflexións.

* Consulta unha web especial de El País con información sobre o Cumio do Clima de Varsovia (2013).

Lovelock di…

A gráfica do “pau de hockei” -elaborada por Jerry Mahlman  en base a estudos sobre temperaturas históricas e dendroconoloxía, e difundida polo IPCC en 2001- evidencia a tendencia ao incremento da temperatura media no noso planeta, especialmente no último século.

James Lovelock, creador da teoría Gaia, reflexiona nas súas últimas obras sobre as evidencias do cambio climático -concepto que ocasiona, ás veces, debates enfrontados, aínda que os científicos admitan xa de xeito case unánime o quentamento global, que sería unha das súas evidencias: Within the scientific community, there is no debate: An overwhelming majority of climate scientists agree that global warming is happening and that human activity is the primary cause. (http://www.ucsusa.org/global_warming/).

Ou ben esquecemos ou ben nunca soubemos o diferente que era o clima na última idade de xeo. A meirande parte do Reino Unido e do norte de Europa occidental, incluída Escandinavia, estaban enterrados baixo tres mil metros de xeo, un glaciar tan profundo como é hoxe o de Groenlandia. América do Norte estaba igualmente conxelada ata a altura de St Louis, nos 35º de latitude Norte. A pesar de todo este xeo, tratábase dun mundo máis saudábel que o actual e no que había máis vexetación, tanto na terra como no mar. Cremos que é así porque o nivel de dióxido de carbono no ar estaba entón por debaixo das 200 ppm. Fai falla moita vida para rebaixalo ata ese punto.

O nivel do mar estaba 120 metros máis baixo que hoxe e unha área tan grande como África, agora mergullada, quedaba entón por enriba do nivel do mar. Moita desta terra extra emerxeu no Sureste asiático, o que axudaría a explicar como chegaron os humanos a Australia durante a idade de xeo: a distancia era o bastante pequena como para salvala a bordo de balsas ou barcos rudimentarios.”

James Lovelock: “La venganza de la Tierra”.

“A medida que a crise climática empeore, o mundo enteiro verase afectado, mais de distintos xeitos. Sir John Houghton lémbranos no seu libro Global Warming  [*], publicado en 2004, que os cambios climáticos máis grandes se verán nas rexións polares. Pimeiro fundirase o xeo flotante e logo erosionaranse os casquetes polares de Groenlandia e a Antártida; as consecuencias destes cambios climáticos serán o aumento do calor e unha subida do nivel do mar en toda a Terra, e entón todos notaremos o cambio. Excepto nos lugares tropicais onde as montañas están próximas a mares cálidos e traen choiva, máis calor significa seca e perdas fatais na produción de alimentos. O tempo caluroso ocasiona máis choiva, mais esta escapa en inundacións repentinas ou evapórase con tal rapidez que resulta de moita menos utilidade para os cultivos que o feble orballo que cae en países fríos como Irlanda. Nas zonas continentais dos hemisferios norte e sur, onde vivimos a maioría, as secas de verán intensificaranse. Nos Estados Unidos rememorarán a Dust Bowl (os anos das treboadas de pó) dos anos trinta. Australia xa sofre desde hai once anos unha continua seca; os europeos lembrarán o horrible verán de 2003; e en China, África e Asia do Sur a fame xa é un inimigo coñecido. Como a pata dun elefante sobre un formigueiro, o quentamento global aplastará a vida das chairas continentais.”

James Lovelock: La Tierra se agota“.

Lovelock propón ollar cara ao uso da enerxía nuclear para evitar o incremento do dióxido de carbono na atmosfera, fomentar o crecemento da vexetación climácica en amplos espazos, e considera tamén que un xeito de poder paliar os problemas será acudir á xeoenxeñería… aínda que a solución final ao cambio climático non exista, porque o Sol se quenta máis a medida que se avellenta, e dentro de 500 millóns de anos a intensidade da radiación solar será aproximadamente un 6% maior que agora. Mentres tanto, bo será facerse un pouco máis ecoloxista.

Problemas ambientais

Aos riscos sísmicos e volcánicos que afectan a España -e que fan da área mediterránea, zona de contacto entre as placas euroasiática e africana, e das illas Canarias, área volcánica de creación de novas terras por mor das erupcións terrestres e submariñas, as zonas de maior risco- hai que engadir os riscos climatolóxicos, que suman cicloxéneses explosivas a temporais e nevaradas cada vez menos frecuentes. E tamén os riscos propiamente antrópicos, os que inflúen de xeito maioritario na deforestación, na desertificación e erosión dos solos, os incendios forestais ou os derivados de pandemias (de feito, España aparece no libro de Withington sobre a historia mundial dos desastres con motivo da epidemia de cólera de finais do século XIX e a causa da gripe de 1918 -ou do mortífero accidente de Los Rodeos en 1977-).

5_tipos_de_contaminacion

Aos riscos hai que engadir a problemática medioambiental, causada polas actividades humanas, e que inflúen directamente na contaminación atmosférica, na da auga e dos solos ou na contaminación acústica e visual.

Consulta a web do IGN sobre a contaminación en España.

Consulta unha animación sobre a contaminación atmosférica.

Consulta un informe sobre cambio climático en España e as súas consecuencias.

Consulta que é a pegada ecolóxica e como se calcula.

Comproba as diferenzas de protección entre parques naturais, nacionais e reservas da biosfera; e coñéceos.

Auga sen control

A auga é esencial para a vida. Na Carta de Zaragoza de 2008 incidíase na necesidade de mellorar a salvagarda da súa potabilidade e garantir o desenvolvemento sostible.

A auga é un recurso escaso en moitos lugares do mundo, e veno sendo nas áreas de desenvolvemento turístico e hortícola do Mediterráneo español. Mais ás veces -fronte á escaseza de auga- sobreveñen as traxedias vencelladas ás precipitacións torrenciais… E entón a auga, esa fonte de vida, provoca a traxedia: asulaga, arrasa, destrúe (e non se pode aproveitar para regadíos futuros, porque a meirande parte pérdese por dramática escorrentía – ver dicionario de Mariano Aguilera-).

A auga de mar tamén pode causar, por mor dos seísmos submarinos, traxedias flagrantes derivadas dos tsunamis (en 2011, en Xapón e, hai uns anos, o devastador do SE asiático -en 2004, momento no que se contextualiza o film de Juan Antonio Bayona presentado estes días no Festival de San Sebastián-).

Cambio climático

Desde a súa formación hai uns 4.600 millóns de anos, a Terra ten experimentado longos períodos de quentamento e enfriamento. Desde que as primeiras rochas sedimentarias se asentaron hai uns 3.700 millóns de anos -cando o clima era probablemente 10 ºC máis cálido que na actualidade- ata a actualidade, a Terra quentouse e enfriouse sucesivamente, experimentando períodos de glaciación -moi severos na era Cenozoica ou actual, hai 36, 15 e 3 millóns de anos-. A última glaciación ten acadado o seu punto álxido hai 18.000 anos, cando capas de xeo de tres quilómetros de grosor cubrían a meirande parte de Norteamérica, toda Escandinavia, os Urais e a metade norte das Illas Británicas; no hemisferio Sur, boa parte de Nova Celandia, Arxentina e o sur de Australia estaban tamén cubertas polo xeo. Hai uns 7.000 anos, o clima quentouse de novo, mais o proceso de quentamento e enfriamento fluctúa, e desde entón téñense producido diversos cambios, aínda que a curto prazo e relativamente menos importantes.

É a chegada da Revolución Industrial, a finais do século XVIII, a que nos leva ao período actual de quentamento climático, no que os chamados gases de efecto invernadoiro (GEI) -entre eles o dióxido de carbono- teñen aumentado, cun incremento de carbono, metano e óxido nitroso na atmosfera, causantes do incremento do efecto invernadoiro e do quentamento da Terra -en boa medida a causa do consumo de combustibles fósiles-.

O ozono, un gas que se acha na estratosfera e que absorbe os raios ultravioletas (UV) do sol, ten un papel importante: protexer a terra desta dañina radiación. Desde finais dos anos 1970, os científicos empezaron a notar que cada ano, a finais da primavera, obsérvase unha pequena redución da capa de ozono sobre a Antártida. A finais dos anos 1990 tamén apareceu outro burato máis pequeno enriba dos ceos do Polo Norte. O tamaño destes buratos increméntase cada ano. As investigacións demostraron que algúns produtos químicos artificiais, os clorofluorocarbonos (CFC), penetran na estratosfera e reducen a capa de ozono. En 1987 asinouse o Protocolo de Montreal (posteriormente modificado) para eliminar algúns CFC da produción mundial, e a raíz deste tratado o uso mundial dos CFC’s máis perigosos reducíuse nun 40% en 5 anos, mais o CFC liberado á atmosfera tardará décadas en ser eliminado.

Hoxe en día, a meirande parte dos científicos están de acordo en que o quentamento global ten que ser considerado unha realidade: o clima mundial quentouse nuns 0,5 ºC nos últimos cen anos. Nunha análise recente constatouse que, desde finais do século XIX, os dez anos máis cálidos do século XX situáronse entre 1985 e 2000. Os glaciares están en retroceso, as liñas de neve ascenden en altitude nas montañas, o nivel do mar ascende… Todo evidencia este quentamento global.

* Consulta algunhas reflexións sobre o cambio climático.

* E moitos documentos máis recopilados por José Miguel Viñas en divulgameteo.es

Recursos hídricos en España

Nun Estado de características esencialmente mediterráneas como España, no que a estacionalidade das precipitacións e as acusadas estiaxes provocan habituais déficits hídricos, o incremento na sobreexplotación de acuíferos e as demandas económicas de auga sempre en aumento contribúen á necesidade dunha política hídrica orientada cara ao desenvolvemento sostible.

Aínda que esa política hídrica teña tradición histórica, e aínda que a preocupación pola mellor xestión dos recursos hídricos teña unha inflexión significativa na política rexeneracionista de comezos do século XX, o debate de candente actualidade pasa pola mellor xestión dos recursos hídricos, pola política de transvases e as súas posibles alternativas, pola rexeneración dos acuíferos e a restauración de ríos, en definitiva: por unha xestión sostible da auga, un ben escaso que chega ás nosas billas cada día para dispormos dela con responsabilidade… Só hai que ver o medo que entrana ver que non chove do ceo e os encoros minguan a cada paso que o estío se prolonga en exceso.

* Consulta unha breve presentación sobre a problemática dos recursos hídricos en España.

* Aprende algo máis sobre os reximes fluviais en España.

* Consulta unha información sobre os humedais españois, a cargo do MMA. E lembra o que publicamos sobre lagos e humedais en España hai anos.

* Infórmate sobre o PHN (Plan Hidrolóxico Nacional) e a “outra batalla do Ebro” neste especial de El Mundo.

* Consulta unha páxina de WWF sobre a restauración de ríos e outros temas de interese.

* Olla un vídeo sobre a recuperación das Tablas de Daimiel.

Balsas e residuos

No Danubio flotan os primeiros peixes mortos, a lama vermella inunda máis de 40 quilómetros cadrados, as toneladas de terra que han de moverse para descontaminar o terreo son inmensas. O verquido de lodos tóxicos en Hungría sirve de ocasión para que as asociacións ecoloxistas nos lembren os riscos e perigos das balsas de residuos en España, onde hai pouco máis dunha década vivimos o desastre de Aznalcóllar.

Política ambiental en España

 

A protección de espazos naturais pódese considerar iniciada en España cunha lei en 1916 que permitiría a creación dos Parques Nacionais de Covadonga e Ordesa e Monte Perdido en 1918, aínda que ata os anos 1950 non se crearon novos parques nacionais. A acción estatal máis recente respecto á protección da natureza é a aprobación da Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade. Esta normativa suple e complementa á Lei 4/1989, de Conservación dos Espazos Naturais e da Flora e Fauna Silvestre.

No novo marco de actuacións en favor dunha conciliación entre desenvolvemento económico e conservación do patrimonio natural cabe considerar a Estratexia Española de Desenvolvemento Sostible, aprobada en novembro de 2007 polo Consello de Ministros.

Dentro das figuras de protección cabe citar parques nacionais, parques naturais e  espazos vencellados á Rede Natura 2000.

* Consulta unha información sobre os antecedentes históricos da conservación da natureza en España.

* Consulta a rede de Parques Nacionais e a lexislación que a rixe (Lei 5/2007).

* Xoga a localizar os nosos parques nacionais e descubrir características dos mesmos.