Arquivos da categoría Xeografía dos servizos

Rede española de transportes

A importancia dos transportes nun Estado é cada vez máis trascendente nunha economía globalizada: desde a repercusión na poboación ocupada (en torno ao 5% do total) á relevancia de determinar o desenvolvemento dun país, pois o funcionamento do sistema económico require o desprazamento eficiente de mercadorías e persoas. O sistema de transportes é o elemento sobre o que se artella e integra o territorio.

A rede española de transportes presenta, nas súas modalidades ferroviarias e aeroportuarias, un forte carácter radial, froito das herdanzas históricas (rede de estradas borbónica do século XVIII, ferrocarrís do XIX e instalación do sistema aeroportuario no século XX -que privilexiou a grandes centros como Madrid, Barcelona e Palma de Mallorca). A integración de España na UE -con respecto da que temos unha posición periférica- potenciou a nosa inserción nas redes transeuropeas de transporte.

O incremento de viaxeiros e mercadorías nas últimas décadas, adquirindo máis protagonismo nas últimas décadas o transporte por estrada. A estrutura da rede viaria, tradicionalmente radial, tense reestruturado nos últimos anos privilexiando as rutas transversais (Cantábrico, Ruta da Prata, Lisboa-Valencia,…).

A rede ferroviaria, de trazado radial e arborescente que parte de Madrid, complétase con eixos transversais significativos como os do val do Ebro e o eixo levantino. A integración na rede europea ven da man da potenciación da rede de alta velocidade.

Canto á estrutura portuaria, contando España con case 8.000 km de litoral, é hoxe en día de vital importancia económica, se ben o sistema se atopa sumamente atomizado.

* Consulta un documento sobre transportes en España do IES Núñez de Arce.

* Consulta as webs de AENA, Puertos de España e Adif.

* Consulta a web do INE para informarte sobre estatísticas de transporte.

Advertisements

Turismo en España

O sector turístico é o motor da economía española na actualidade, un sector que bateu en 2013 récords históricos de visitantes, superando os 60 millóns de turistas internacionais (só por detrás de Francia -83 millóns de visitantes- e Estados Unidos – 67 millóns de visitantes- no ránking internacional de afluencias).

O informe do Instituto de Turismo de España correspondente a 2012 xa nos detallaba as características esenciais do sector, no que a hostelería e a restauración xogan un papel fundamental para atraer a turistas estranxeiros que soen repetir estadías, aloxarse en hoteis de categoría superior e verse atraídos sobre todo polo sol e praia que tanto ten marcado a nosa oferta turística. O turista nacional, máis modesto nos aloxamentos e menos xeneroso  no gasto, vese máis influído nas súas demandas de viaxe ao estranxeiro polas consecuencias negativas da actual crise económica.

* Realiza un test [podes ver máis nítidas as figuras neste documento] para aprender algo máis sobre as características do noso turismo.

* Consulta unha vella entrada sobre o turismo que xa publicamos no seu día.

Comercio e servizos públicos en España

Unha vella campaña do ICEX -das que algúns datos como a potencialidade internacional da nosa economía están en franca decadencia- enfatiza os sectores preferentes á hora de motivar a exportación española. Aínda que a balanza comercial é deficitaria, as transferencias por turismo compensan de xeito habitual esta rúbrica.10_infografia_comercioO sector público dun país é o conxunto de organismos administrativos mediante os que o Estado cumple, ou fai cumplir, a política ou a vontade expresada nas leis dese país. Xunto ao emprego nos distintos niveis da administración (Admon. Xeral do Estado, administración autonómica e local), o Estado contrata tamén persoal en diversos servizos públicos que teñen medrado ao abeiro do Estado de Benestar (educación e sanidade, especialmente). En España, sobre todo desde 2008, a destrución de emprego é continua, salvo en contados momentos de excepción (por trimestres, por exemplo, o terceiro de 2013 supuxo un repunte no emprego -se ben só no sector privado, que non no público-), mais desde o último trimestre de 2011, a destrución de emprego é a tónica nos servizos públicos. Nembargantes, a nivel de ocupación, os servizos públicos siguen dando traballo a unha proporción importante da poboación activa española. 10_infografia_sector_publico

Moi importante no emprego terciario é tamén a cifra de autónomos e profesionais liberais, que en España ascende a case 3 millóns de persoas, moitas delas ocupadas en servizos de mercado. En total, a proporción é de 1 de cada 6 ocupados (16,8% en 2013 -consultar informe de Adecco).

Outro subsector significativo é o da banca, aínda que por mor da crise financeira ten perdido tamén poboación ocupada. En 2012, segundo o Banco de España, había no noso Estado pouco máis de 236.000 empregados en entidades financeiras.

Terciarización

As sociedades desenvolvidas camiñan de xeito imparable cara á terciarización económica, un proceso que ben se manifesta na España de 2014, con máis de 3 de cada 4 persoas empregadas no sector servizos, o cal xenera tamén a meirande parte do PIB do conxunto estatal. E está claro que neste pulo ten un papel significativo o turismo, mais non só: o comercio, os transportes, os servizos administrativos e informáticos, a sanidade, a educación, contribúen a xerar un notable volume de postos de traballo neste sector: dos pouco máis de 17 millóns de ocupados en 2012, case 13 traballabamos no sector servizos. Os factores que conforman a España como sociedade terciarizada pódense resumir neste esquema:

10_esquema_proceso_terciarizacionO proceso implica tamén un cambio no tipo de traballador industrial e na formación requerida. Xa non se trata de promover unha formación profesional ríxida e definitiva na xuventude -que poida determinar a súa función laboral ata unha xubilación cada vez máis lonxana-, senón flexible, co obxecto de permitir o cambio do posto de traballo, sector profesional e nivel (aínda que iso conleve ás veces a aparición do subemprego e do precariado -aspectos denunciados como unha clara erosión dos dereitos colectivos conquistados polo movemento obreiro tradicional-).

A terciarización maniféstase na diminución dos obreiros de mono azul en beneficio do incremento dos traballadores de bata branca, o que contribúe ao crecemento do sector cuaternario.

10_factores_crecemento_sector_terciario

* Consulta o pearltree sobre a terciarización da economía en España e Galicia.

España Verde

O turismo comprende as actividades que realizan as personas durante as súas viaxes e estadías en lugares distintos aos da súa contorna habitual, por un período consecutivo inferior a un ano e maior dun día, con fins de ocio, por negocios ou por outros motivos.

Entre os factores que impulsan o turismo hai moitos: a paisaxe (montaña / sol e praia), a cultura e a arte, a gastronomía, … Olla cantos motivos nos ofrece spain.info para visitar a España verde! (Outro timelapse!)

* Máis en Spain Timelapses Series.

España, unha economía de servizos

1. Balanza de pagamentos é unha conta que rexistra todas as transacións monetarias entre un país e o resto do mundo. Estas transacións poden incluír pagamentos polas exportacións e importacións do Estado en cuestión de bens, servizos, capital financieiro e transferencias financieiras. As fontes de fondos para un país (exportacións, ingresos por empréstimos e investimentos) rexístranse como datos positivos, mentres as importacións ou os investimentos en países estranxeiros se rexistran como datos negativos. Das subdivisións nas que se estrutura a balanza de pagamentos dun país, a balanza comercial é das máis coñecidas, na que entran o valor das exportacións e das importacións. [Ver un esquema]

2. A economía somerxida é unha actividade económica ilegal non suxeita a control fiscal que se aproveita de situacións de altos índices de desemprego e busca non pagar impostos, cotas de seguridade social, e o pago de salarios baixos. Permite a subsistencia marxinal dun sector máis ou menos amplo da poboación que non recibe as contrapartidas sociais legalmente recoñecidas.

3. Chamamos ecoturismo a unha nova tendencia do Turismo Alternativo, diferente ao Turismo tradicional. Neste enfoque para as actividades turísticas priviléxiase a sustentabilidade, a preservación, a apreciación do medio natural e cultural; nesta alternativa turística preténdese manter o benestar das poboacións locais, minimizando os impactos negativos para o ambiente e a comunidade local,  e mantendo sempre un respeto ético polas leis laborais e os dereitos humáns dos traballadores implicados.

4. Unha franquicia consiste na utilización do modelo de negocios doutra empresa ou persoa. É unha “concesión de dereitos de explotación dun produto, actividade ou nome comercial, outorgada por unha empresa a unha ou varias persoas nunha zona determinada.” A marca comercial distingue ao franquiciador por un determinado “saber facer” (know-how) e unha formación impartida aos franquiciados. As franquicias, polo xeral, concédense para un período e territorio determinados.

5. O Plan Estratéxico de Infraestruturas do Transporte  (PEIT), elaborado polo Ministerio de Fomento de España, é un plan que proxectaba actuacións en infraestruturas e transportes ao longo do período 2005-2020. A planificación permitía crear un marco estable para a política de transporte, coordinar os labores entre administracións e incorporar unha visión europea da política de transporte., fomentando a inserción das nosas vías de comunicación en eixos transeuropeos. Entre os obxectivos do PEIT están o fortalecemento da cohesión social e territorial, incrementar a calidade e seguridade do transporte, contribuir á movilidade sostible e atender á intermodalidade.

6. As taxas aeroportuarias son o prezo que en moitos países pagan os viaxeiros, tanto en voos nacionais como internacionais, polo uso dos aeroportos.

7. Chamamos tour operadores ou operadores turísticos ás empresas que ofrecen produtos ou servizos turísticos, xeralmente contratados por elas, e integrados por máis dun dos seguintes ítems: transporte, aloxamento, traslados e excursións, etc. Aínda que teñan perdido importancia coa difusión de Internet e a auto-organización das vacacións por parte de moitos clientes, os tour operadores seguen a exercer un poder de contratación cos proveedores (aeroliñas, hoteis, cruceiros, etc.)  moi significativo, e a súa influencia sobre entidades como oficinas de turismo e outras autoridades gubernamentais colócaos nunha posición vantaxosa á hora de ofrecer produtos turísticos a mellor prezo para a clientela.

Comercio chinés en España

O presidente de Mercadona, Juan Roig, citou recentemente os 7.000 bazares chineses que hai en España “como exemplo do esforzo que deberían facer os 47 millóns de españois para sair da crise”.

Polémicas aparte pola receita -que as hai, claro está-, o poder chinés en España increméntase e o comercio chinés devora ao español en certos barrios e áreas urbanas.

Amelia Sáiz, nun artigo para a fundación CIDOB de finais de 2004, falaba da febleza demográfica da comunidade chinesa en España -concentrada prioritariamente en Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana, Andalucía e Canarias, da súa primeira orientación cara á restauración –de comida, por suposto- nos anos 1980; e máis recentemente no comercio minorista, no que a familia -como unidade de produción e consumo que maximiza os recursos humanos e económicos para lograr a autonomía económica e laboral- “se atopa na base do éxito da migración internacional chinesa”. A extensión dos bazares, especialmente a partir do ano 2000, dá paso máis recentemente a centros comerciais de maiores dimensións con estrutura de hipermercado. En poucos anos, o comercio chinés ten pasado polas distintas fases de crecemento e integración do comercio occidental.

Gladys Nieto ten publicada unha análise exhaustiva sobre a inmigración chinesa en España en Ed. Catarata.

Turismo en España

   

España tense convertido a finais do século XX nunha potencia turística de rango internacional, “un poids lourd” neste sector. Para superar o “bache” de 2008 e 2009 -con caídas nas visitas de turistas estranxeiros ata os 52 millóns de visitantes en 2009, fronte aos 59 millóns de 2007, o ano récord a nivel turístico-, vense de acometer unha campaña internacional chamada “I need Spain”, de cara a  potenciar a imaxe do noso Estado no exterior, mantendo o logo do sol de Miró como reclamo básico (que se leva utilizando desde 1983).

O fenómeno turístico acadou un salto cualitativo a comezos do milenio actual, cando se rebasaron os 50 millóns de turistas estranxeiros recibidos, dos cales as 3/4 partes acceden a traverso de aeroportos. Mais na expansión do sector ten un papel tamén moi relevante o incremento da demanda interior, que non se cingue xa só ás vacacións estivais, senón que aproveita dun xeito significativo as fins de semana para manifestarse.

Lonxe están a promoción das atraccións turísticas do Norte, lonxe aqueles 800.000 turistas en 1950, curiosas resultaron as campañas de atracción do turismo no pasado, atrás ten que quedar o modelo de turismo masivo de sol e praia que se propoñía desde os anos 1960, para dar paso a unha diversificación das modalidades: turismo rural, deportivo, urbano, de terceira idade e ecoturismo. Diversificación que xa se ten proposto en espazos territoriais como o galego, cando se fixo o anuncio 2009 de Turgalicia.

O modelo tradicional entra en crise debido á competencia doutros mercados emerxentes como Croacia, que ofertan servizos a máis baixo prezo. E non sei se no futuro “España se converterá nun xeriátrico turístico” (verbas do sempre provocador Houellebecq), mais está claro que as ameazas son evidentes sobre o noso modelo de turismo tradicional: o cambio climático, o deterioro do medio ambiente ou a competencia exterior.

Os transportes en España

 

Unha rede de ferrocarril inaugurada hai máis de 160 anos e renovada co AVE, uns transportes por estrada especialmente colapsados en horas punta no contorno das grandes cidades -en base a un mapa de estrutura radial asentado no século XIX-, unha rede aeroportuaria con máis de 25 aeroportos que superan a afluencia dun millón de pasaxeiros ao ano, unha estrutura portuaria na que o tráfico de materias pesadas -especialmente vencelladas aos produtos enerxéticos- favoreceu a expansión de certos enclaves e a creación de novos portos exteriores máis alonxados dos centros urbanos… Son os elementos básicos da rede de transportes en España, sobre a que ofrece información actualizada o INE no seu informe “España en cifras 2008”. Outras redes significativas son as de oleoductos e gasoductos, xa analizadas no apartado de enerxía.

Como sector de actividade, o transporte representaba en 2005 case a quinta parte do número de empresas do sector servizos, o cal dá a medida da súa relevancia.

* Consulta a rede de transportes española en Wikipedia.

Sector servizos en España

    

Unha crecente terciarización invade a sociedade española e resulta ser o motor do crecemento urbano na actualidade. Dúas terceiras partes da poboación ocupada e unha parte semellante do PIB corresponden a ese caixón de xastre que é o sector servizos, no que se engloban actividades moi diversas. Entre elas, o comercio sigue a ser a máis significativa en conxunto, con máis de 3.000.000 de persoas empregadas; un subsector que ten medrado moito coa democratización do Estado é o correspondente aos servizos públicos, cunha administración pública que ocupa a máis de 2.500.000 empregados e unha sanidade que conta con máis de 200.000 médicos (un indicador de desenvolvemento é o correspondente ao número de médicos por cada 100.000 habitantes, que en España acada o valor de 458). Os subsectores que na última década se teñen expandido máis son os correspondentes aos servizos a empresas e o turismo. España é unha potencia turística de primeira orde, con case 3 millóns de empregados nestas actividades e case 60 millóns de turistas anuais que nos visitan. As cifras, tan significativas, xustifican a importancia deste subsector, o gran motor da nosa economía.

* Consulta un resumo sobre o sector servizos en España.

* Consulta os resultados da enquisa sobre o sector servizos correspondente ao ano 2000.

* Extracta as ideas principais do  balance sobre o turismo en España 2006 publicado pola Secretaría Xeral de Turismo.

* Infórmate sobre a política de turismo en España ao longo do século XX a partir dun artigo de Carmelo Pellejero.

En 1905 organizouse por primeira vez a administración do turismo en España, prestando especial atención á promoción artística no exterior. En 1928 creouse o Patronato Nacional de Turismo, que xa poñía énfase, ademáis de nas exposicións artísticas, nas actividades deportivas e nas festas populares; daquel entón data tamén a creación da rede de Paradores Nacionais. Á época convulsa da Segunda República seguíu a paralización na chegada de turistas durante a guerra civil. Mais pronto crearon as autoridades fascistas, en 1938, o Servizo Nacional de Turismo, que tivo un forte carácter intervencionista durante os anos 1940, fixando prezos de aloxamento que se mantiveron estables entre 1941 e 1947.

En 1951 creouse o Ministerio de Información e Turismo, que mantería unha política continuista ata situarse á súa fronte, en 1962, e coincidindo cos anos do “desarrollismo”, Manuel Fraga; no período 1962-1975, a planificación indicativa fixo que o Estado interviñese controlando os prezos e a calidade dos servizos, ao tempo que se fomentou o incremento da capacidade de aloxamento. Neste período creouse a Escola Oficial de Turismo, promovéronse créditos para a realización de obras de interese turístico nas localidades de maior demanda ou ben para a creación de aloxamentos turísticos e centros de montaña, entre outras medidas.

O centralismo uniformador da etapa franquista deu paso a unha descentralización autonómica, tamén en competencias turísticas, coa recuperación da democracia, a partir de 1975. Desaparecido o Ministerio de Información e Turismo -que tiña un notable labor propagandístico- en 1977, as competencias en materia turística foron transferidas a ministerios con forte carácter económico. Ademais, creouse a Secretaría de Estado de Turismo. Nos anos 1980 superáronse os 40 millóns de turistas anuais recibidos e implantouse FITUR. Xa na primeira etapa de goberno socialista, aparte da creación de Turespaña en 1990, ten importancia en 1992 a creación do Plan Futures, primeiro paso para definir unha estratexia turística nacional e iniciar un proceso de colaboración entre o Estado e as CCAA.

En conxunto, a política turística en España, longo tempo marcada polo centralismo, insistíu nos obxectivos dun maior crecemento posible, na potenciación do sol e praia como alicientes principais do país, actuando máis que nada sobre a oferta, aínda que sempre con escaseza de recursos destinados ao sector. Coa chegada da democracia, a partir dos anos 1980, unha descentralización de competencias complementouse tamén coa apertura do abano cara a outros tipos de turismo (cultural, ecolóxico, gastronómico,…) que se afastasen do monocultivo tradicional, ao tempo que se ten estimulado a especialización competitiva e a sostibilidade do sector.

     

Unha exposición, en 2005, conmemorou os 100 anos de turismo en España. Le un artigo do xornal Cinco Días ao respecto.

Transportes en España

A rede de transportes dun Estado condiciona en gran medida o desenvolvemento industrial, ao tempo que se adapta á trama urbana e o reparto demográfico existente. En España, a rede de transporte, inicialmente xerarquizada en función da pertenza do territorio ao Imperio Romano -que legou unha estrutura de calzadas en boa parte precursoras de vías actuais-, adoptou a súa estrutura radial canto a estradas a partir do século XVIII. Xa no século XIX, a expansión do ferrocarril adaptouse tamén a este diseño.

En 1848 inaugurouse o primeiro tramo ferroviario en territorio español, concretamente entre Barcelona e Mataró, e posteriormente tamén se levou a cabo o tramo Madrid-Aranjuez (1851). Actualmente, a rede conta con máis de 12.000 km de lonxitude. Podes consultar datos básicos na web de Docutren. O ferrocarril de vía estreita (FEVE) esténdese esencialmente polo N da Península (podes consultar os seus trazados na sección “Descargas”, concretamente en “Mapas de rede”). Mais un medio de transporte que acapara unha parte importante das mercadorías -esencialmente pesadas-, no século XXI prepárase para abordar a competencia en traxectos de distancias medias canto a transporte de pasaxeiros; e todo grazas á modernización emprendida coa alta velocidade (AVE), inaugurada en 1992 no traxecto Madrid-Sevilla (consulta as liñas en funcionamento na web de ADIF).

O tráfico aeroportuario expándese esencialmente grazas ao tráfico turístico, e Barajas atópase entre os máis concorridos do mundo, incluso incrementando o seu potencial no presente e significándose no informe da ACI (Airports Council International) como o 10º do mundo canto a tráfico de pasaxeiros. Consulta un artigo de José Mª Serrano sobre a evolución do tráfico aeroportuario en España nas décadas finais do século XX.

* Consulta o Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte.

* Olla un mapa de aeroportos de españa na web oficial de AENA.

* Consulta as estatísticas sobre tráfico portuario en España.

Exposicións Universais

Hoxe, falando dos trens de alta velocidade en España, tivemos ocasión de citar que o primeiro AVE Madrid-Sevilla se inaugurou en 1992, xusto cando moitos das nosas alumnas e alumnos nacían. En efecto, o primeiro viaxe oficial foi o 14 de abril dese ano, sendo a partir do 21 do mesmo mes que se inaugurou a explotación comercial da liña. E foi no mesmo ano en que tivo lugar a Exposición Universal de Sevilla. Dezaséis anos despois, o AVE ten chegado a Barcelona -a cidade que en 1992 celebrara os Xogos Olímpicos- e vaise celebrar en España outra Exposición Universal, concretamente en Zaragoza.

Pois ben, a Oficina Internacional de Exposicións (BIE, Bureau International des Expositions) é o organismo intergubernamental, con sede en París, encargada de vixiar a aplicación da Convención relativa ás Exposicións Internacionais, redactada en 1928, e na que se establece que o organismo antes citado se ocupa de todas as exposicións que teñan unha duración maior que tres semanas e menor que seis meses, oficialmente organizadas por un Estado e nas que se consigna invitación diplomática; exclúense as de belas artes e que teñan carácter comercial.

Por certo, a próxima exposición universal prevista será en Shanghai, en 2010.

Comercio e transportes

 

A OMC (Organización Mundial de Comercio), que incluía 151 membros en xullo de 2007, “é un foro para que os gobernos negocien acordos comerciais”, tal e como se cita na súa web. Pretende fomentar o comercio internacional e reducir as trabas arancelarias entre os países membros, baseándose na premisa de que canto máis libre é o comercio, maior é o crecemento económico. Partindo da explotación das “vantaxes comparativas” que ten cada área xeográfica para especializarse na explotación de determinados produtos, promove a utilización da cláusula de “nación máis favorecida” (NMF)  para todos os interlocutores comerciais cos que se establezan relacións, evitando deste xeito as discriminacións no trato arancelario con respecto a uns Estados ou outros. A OMC comezou o seu percorrido en 1995, sustituíndo ao GATT (Acordo Xeral sobre Aranceis de Alfándega e Comercio) que se tiña asinado en 1948.

Dentro dos bloques comerciais existentes no mundo actual, a Unión Europea -establecida en 1993, que ten o seu precedente na CEE creada polos Tratados de Roma de 1957- é o de maior relevancia comercial. Dentro dela funciona como moeda única o euro na denominada “zona euro”, constituída actualmente polos seguintes Estados: Portugal, España, Francia, Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Italia, Austria, Eslovenia, Alemaña, Grecia, Chipre, Malta, Irlanda e Finlandia. Eslovaquia ten prevista a súa incorporación en 2009. Outros territorios como Andorra, Montenegro e Kosovo, non membros da UE, admiten o euro como moeda. Consulta un mapa da eurozona.

Canto ao transporte de mercadorías e produtos industriais, a nivel internacional seguen a ter prioridade o barco e o transporte por estrada, xunto co ferrocarril. O transporte de viaxeiros, co auxe do turismo e as viaxes de negocios, amplíase cada vez máis grazas ao avión e os trens de alta velocidade. Consulta o mapa da Alta Velocidade Española actualmente, coa salvedade da inminente inauguración do tramo Lleida-Barcelona, producida o 20 de febreiro de 2008.

Saúde e desenvolvemento

Add Video to QuickList

A OMS é a Organización Mundial da Saúde, dependente da ONU. Vixía as tendencias sanitarias mundiais e desenvolve programas e proxectos desde a súa creación en 1948.  O obxectivo desta organización que reúne a 193 Estados membros é que tódolos pobos poidan gozar do grao máximo de saúde que se poida lograr.

* Consulta os datos referentes a España canto a gasto en saúde, diferenciando gastos privados e públicos, así como persoal dispoñible.

O nivel de saúde dun Estado é un indicador significativo do seu grao de desenvolvemento, polo que cifras como o número de médicos por cada mil habitantes e orzamento anual sanitario son aspectos moi a considerar á hora de contemplar o posto de cada Estado no IDH (índice de desenvolvemento humano) publicado pola ONU con carácter anual.

* Consulta aquí o Informe sobre Desenvolvemento Humano 2007 realizado pola ONU, e presta atención especialmente aos datos do cadro 6, sobre “compromiso coa saúde”.

O turismo

      O turismo é sen dúbida a actividade de maior crecemento económico na actualidade. Boa proba son os case 850 millóns de chegadas de turistas internacionais que se produciron en 2006, segundo o informe da Organización Internacional do Turismo, que podes consultar na súa web. Deles, 58,5 millóns chegaron a España, o que supón o 12,7% da cota europea, só superada por Francia.

Olla como Turgalicia creou unha carátula para promocionar a nosa comunidade, que ben pode ser a portada dun tríptico informativo. A utilización dunha imaxe atraínte sempre pode contribuir a potenciar as visitas. Os logotipos tamén crean imaxe de marca; un ben coñecido é o que identifica ao turismo español no estranxeiro, que encabeza esta nova. Entre 1982 e 1984 foi concebido por Aurelio Torrente, entón director xeral de Promoción do Turismo, que se baseou en varios trazos de gravados de Joan Miró co obxecto de atraer aos visitantes que buscan sol e praia -algo claramente suxerido na imaxe- e vencellar as visitas á cultura (de aí a elección dos trazos mironianos e a referencia ás nosas vangardas artísticas).

Cambios no litoral

Tivemos ocasión estes días de aludir e investigar os grandes impactos producidos pola urbanización turística e os cambios no uso do solo no litoral mediterráneo. Velaquí uns exemplos significativos destes impactos:

1. Na seguinte imaxe dobre compróbase como cambiou o litoral da cidade alacantina de Benidorm entre 1961 e 2006, pasando de albergar unha poboación censada de pouco máis de 6.000 habitantes en 1960 a 67.000 aproximadamente en 2006 (aínda así, durante o verán, a poboación multiplicouse neste último ano por 7). O resultado é a desaparición do tradicional núcleo de pescadores, con casas baixas e escaso nivel de edificación, en beneficio duns rañaceos que inclúen o hotel máis alto de Europa e unha densidade de edificación notabilísima:

2. O mesmo sucede na Manga do Mar Menor (Murcia), cunha ringleira de palmeiras á beira do areal a comenzos dos anos 1960 que se ve sustituída por unha morea de edificios que albergan ós turistas a comenzos do século XXI.

* Le este artigo publicado en El País (31 de outubro de 2007) sobre a Manga do Mar Menor e resume as ideas principais a partir destas actividades: Manga do Mar Menor

3. Este crecemento turístico con forte impacto ambiental non é exclusivo do litoral mediterráneo español. A outros  niveis prodúcese no litoral galego, no cantábrico,… Nin é exclusivo de España. Velaquí un exemplo de como ten sido riguroso en apenas unha década no medio do deserto; trátase da expansión urbanística de Dubai, a capital dos Emiratos Árabes Unidos: