Arquivos da categoría 4. Guerra civil e ditadura franquista

Montseny / Veil

As dúas foron as primeiras mulleres nun gabinete ministerial nos seus repectivos países (Federica Montseny [+] na España republicana, Simone Veil [+] na Francia republicana). Ambas foron ministras de Sanidade. As dúas contribuiron a promulgar a primeira lei de despenalización do aborto nos seus países de orixe (Federica Montseny, coa lei de 1937; Veil, coa lei de 1975).

Federica Montseny (1905-1994), activa militante da CNT, formou parte do goberno de Largo Caballero entre 1936 e 1937. Como tantos outros españois, víuse forzada ao exilio. Instalada en Toulouse -onde sería perseguida pola policía nazi e franquista, retornou a España en 1977, durante a transición democrática. Nembargantes, non apoiou o sistema constitucional recén instaurado.

Simone Veil (1927-2017), supervivinte do campo de concentración de Auschwitz, entra no goberno de Chirac en 1974, cando se propón a loi sur l’IVG. Foi a primeira muller presidenta do Parlamento Europeo (1979-1982) e presidíu tamén a Fondation pour la Mémoire de la Shoah, sendo ela víctima directa daquel tempo.

 

Advertisements

Affiches

“La propagande visuelle joua pour la première fois un rôle essentiel dans la guerre civile espagnole, par l’intermédiaire des photographies et des affiches qui contribuèrent à diffuser les positions idéologiques de l’un et de l’autre camp, dans le but de rallier des partisans.” (histoire-image.org).

Voici deux exemples d’affiches qui montrent le même type de message, mais de différents côtés.

Tres abrazos

Abrazar é estreitar entre os brazos en sinal de cariño. Pode implicar admitir ou escoller, e é unha conduta que implica acordo. Na historia contemporánea de España traemos hoxe a colación tres abrazos significativos:

O primeiro é o abrazo de Vergara, teatralización final da rendición das tropas carlistas no Norte, en 1839. Nas aforas desta localidade guipuzcoana tivo lugar a rendición formal das tropas de Maroto diante das de Espartero. O abrazo entre o xeneral sublevado -partidario de don Carlos- e o futuro rexente simboliza a vitoria da España liberal sobre a absolutista, aínda que no seu tempo non significou o final da primeira guerra carlista, que aínda viviría os seus últimos coletazos no Maestrazgo.

abrazo_vergara_litografiaO segundo abrazo é o que ten lugar entre Franco e Eisenhower, en 1959, cando o presidente norteamericano visita España. A visita tiña lugar 6 anos despois da sinatura dos convenios España-EE.UU., que contribuíron -no contexto da coexistencia pacífica da guerra fría- a aceptar a alianza estratéxica do campo occidental coa ditadura franquista. En consecuencia, establecéronse en España unha serie de bases militares, ao tempo que os investimentos exteriores facilitarían o final da autarquía e o illamento internacional ao que a ditadura franquista estivera condeada.

abrazo_eisenhower_francoO terceiro é un abrazo colectivo. Trátase do cadro de Juan Genovés pintado en 1976, unha icona da transición democrática española que descansa desde este ano no Congreso dos Deputados. Nesta obra, na que non vemos facianas dos protagonistas, simbolízase a loita dun pobo pola democracia. Unha reprodución escultórica do mesmo ocupa a glorieta de Antón Martín próxima ao lugar onde foron asasinados os avogados laboralistas do crime de Atocha en 1977. O cadro representa a idea de reconciliación multitudinaria e afectiva entre os múltiples protagonistas anónimos que fixeron posible o peche da ditadura franquista e o inicio da nova senda democrática.

genoves_abrazo

Igrexa católica en España

Poucas institucións tiveron máis influencia na política e na sociedade españolas que a Igrexa católica. E aínda hoxe, nun Estado declarado oficialmente aconfesional, recibe un tratamento privilexiado, a causa do cal goza de axuda económica e apoios ben significados.

Mais a postura da Igrexa e dos seus xerarcas, ao longo dos séculos XIX e XX, ten cambiado a conta dos vaivéns políticos. De ter un predominio absoluto na vida cultural e política en tempos do absolutismo de Fernando VII pasou a recibir recurtes significativos, incluso no seu patrimonio -lémbrese a Desamortización-, durante a época liberal. Establecida na Constitución de 1869 a tolerancia relixiosa, pasou a estar contra a monarquía constitucional do Sexenio, para retornar a unha posición de privilexio en tempos da Restauración; de denigrar o papel do exército no desastre do 98, pasou a ser defensora do mesmo unha vez que Primo de Rivera accedeu ao poder -nun adianto do que o nacionalcatolicismo de tempos do franquismo reservaría para a institución: privilexio e relevancia-. Separada a Igrexa da sociedade civil por mor da Constitución de 1931, a xerarquía da mesma non dubidou en apoiar ás hostes franquistas na defensa dunha idea imperial de España asociada á relixión en todo momento. Mais os tempos do franquismo pechan alternancias na relación entre unha Igrexa que recibiu carta blanca no campo educativo e de “rexeneración moral” da sociedade, no contexto dun nacionalcatolicismo que servíu ao réxime para “maquillar” a súa estratexia inicial de apoio ás potencias fascistas que desencadearon a Segunda Guerra Mundial; pero tamén unha Igrexa que a partir dos anos 1950 cuestiona a política social e económica do réxime, que se inviste nalgúns casos concretos de apoio á diversidade cultural dunha España na que se reivindican antigos dereitos de autonomía.

A separación Igrexa/Estado non traumática -cando menos sobre o papel- sobrevén a partir da Constitución de 1978, se ben mantendo herdanzas canto aos privilexios outorgados a esta confesión. Sen embargo, é o momento recente no que se abandonan as políticas regalistas de distinto signo que se viñan practicando ao longo dos dous últimos séculos.

Toda esta evolución trázaa William J. Callahan para falar específicamente da Igrexa católica en España (1875-2002), nunha obra editada en España por Ed. Crítica.

* De seguro que para resolver ou aproximarte a composicións de texto como esta non che virán mal os fragmentos que directamente extractamos da citada obra de Callahan.

* Olla este vídeo sobre o poder da Igrexa católica en España.

* Consulta a web oficial da Conferencia Episcopal Española, institución fundada en 1966.

* Le este artigo de Vicenç Navarro publicado en febreiro de 2011 en elplural.com

Posguerra económica

No primeiro NO-DO, emitido en xaneiro de 1943, “refulxía” un posto de polos co que se pretendía demostrar a abundante oferta alimenticia que tiñan os españois, cando grande parte dos mesmos pasaban os días nas colas do auxilio social coas cartillas de racionamento en man.

“Se tivésemos que definir en dúas verbas o desenvolvemento macroeconómico do decenio de 1940 estas non poderían ser outras que estancamento e penuria. Como España saía dun conflito bélico que ocasionara unha contracción apreciable da produción e a renda nacionais -da orde do 25%-, o estancamento significa o fracaso do proceso de reconstrución económica. […] ][A guerra civil] tivo un elevado custe económico, tanto en razón do gasto militar como da produción cesante. O primeiro pode estimarse que representou, segundo cálculos oficiais, máis do 70 por 100 da renda nacional de 1935. O segundo materializouse nunha caída do PIB da orde do 25 por 100. (…) De feito, as destrucións ocasionadas polo conflito armado foron reiteradamente invocadas polas autoridades e polos propagandistas do réxime como xustificación da extraordinaria persistencia da depresión económica. Mais os datos amosan que isto é esencialmente falso. As perdas de capital físico causadas pola guerra civil española, con ser importantes, foron inferiores ás que inflixíu a segunda guerra mundial aos países do sur de Europa que foron escenario de operacións militares. (…) No caso do aparato produtivo industrial, en España as destrucións deberon de ser aínda menores en termos relativos xa que as cidades, con algunhas notorias excepcións, non foron bombardeadas masivamente.”

Albert Carreras e Xavier Tafunell: Historia económica de la España contemporánea (1789-2009).

Illada internacionalmente España, o comercio exterior durante a década de 1940 ten unha evolución catastrófica. En 1940 quedara reducido ao 35% do comercio de 1929, e ao 40% do de 1935; e manteríase por debaixo da metade dese nivel ata 1948. Importar menos que antes da guerra civil significaba carestía de produtos enerxéticos, materias primas industriais, maquinaria e pezas de recambio; en definitiva, todos aqueles bens imprescindibles para a reactivación económica.

O réxime franquista perdeu a súa aposta polo Eixo, derrotado na Segunda Guerra Mundial. Despois soportou o illamento político. Durante os anos da condea das Nacións Unidas, de 1946 a 1950, só mativeron os seus embaixadores en España a Santa Sé, Portugal, Suiza e Arxentina. E foi Arxentina, cos acordos Franco-Perón de 1948, a que permitiu cubrir parcialmente as escasezas alimentarias de España nestes tempos.

Só o novo contexto internacional aberto co quentamento da “guerra fría“, permitiu o desbloqueo do illamento pola ONU. A comezos de 1951 cristaliza, na esfera da administración norteamericana, a idea de negociar axuda económica á España de Franco a cambio de dispor de instalacións militares no territorio español. Os donativos e préstamos norteamericanos equivaleron en 1956 -cando adquiriron a súa máxima importancia- a perto do 40% do valor total das mercadorías importadas. Entre 1953 e 1956, as transferencias de capital procedentes dos Estados Unidos permitiron financiar a práctica totalidade do déficit comercial.

A retórica autárquica e intervencionista do réxime manterase case intacta ata 1959, mais a partir de 1951 hai unha certa relaxación no intervencionismo económico. E a década de 1950, en comparación co estancamento da década anterior, supón unha época de crecemento na que o produto industrial medra a unha taxa anual do 7,2%.

“A vida hispánica, obrigada pola forza dunhas circunstancias catastróficas resultantes da guerra civil, discorre por dous cauces ben diferenciados. Por unha banda, está a España oficial, asentada nos seus principios autárquicos que manteñen a ficción dunhas taxas reguladoras do trato comercial e duns abastecementos que deben alimentar ao país, todo o cal é totalmente falso porque para comerciar e subsistir coexisten dúas correntes á marxe da lei. Unha é a do grande mercado negro industrial que abrangue produtos metalúrxicos e químicos, textis, cemento, cupos e importacións, o que dá lugar á creación de grandes fortunas amparadas na situación. A outra corrente é a do estraperlo menudo e folclórico da alimentación que leva a cabo o pobo chan para gañar algúns cartos e poder sobrevivir, consumindo parte do xénero traficado. O quefacer destes españois indo e vindo das zonas aceituneiras ou arroceiras funciona grazas ao máis pícaro inxenio, movido por un puro instinto de supervivencia.”

Rafael Abella e Gabriel Cardona: Los años del NO-DO.

“O grande cambio sobreveu entre 1952 e 1953. De pronto, remataron as restricións de auga e luz, desapareceron as cartillas de racionamento e acadouse a renda per cápita de antes da guerra. O réxime recibiu o respaldo internacional tras os seus acordos con Estados Unidos, e Franco vestiuse de paisano e abrazou a Eisenhower en Barajas. (A Hitler, en Hendaya, só lle estreitara a man, aínda que, iso sí, entre as dúas súas e moi cordialmente). Os americanos non nos suministraron locomotoras, como aos países do recente Plan Marshall, mais socorréronnos cos seus excedentes de manteiga, queixo en lata e leite en pó.(…)

Os primeiros signos do progreso material non se fixeron esperar. Como se unha variña máxica nos tocase, a cochambrosa sala de estar transformouse en living; ás incómodas cadeiras de enea sucedeulle o tresillo de cretona estampada mixto de skay verde con tacholas brancas; o braseiro deu paso á estufa de gas butano; o anafe de sopliño, á cociñiña de petróleo; o disco de baquelita, ao microsulco; os calzóns ata os xeonllos, ao braslip; a mastodóntica motocicleta Ossa, á grácil Vespa; o carricoche de tracción animal, ao motocarro. Chegaron as pótas a presión, os cacharros de aluminio e aceiro inoxidable, os fregadeiros de marmolina, as medias de nailon, o tergal inarrugable, as lavadoras automáticas, o colchón de muelles, as cafeterías con camareiras, o plexiglas, os pisiños a prazo, os bolígrafos… (…)

O agro fixo as maletas (de madeira, atadas con cordas) para trasladarse á cidade, onde se malvivía mellor que no campo. Máis dun millón de campesiños botou dúas voltas de chave á destartalada casa do pobo e instalouse en chabolas de chapa e uralita ás afóras da grande cidade.”

Juan Eslava Galán: Historia de España contada para escépticos.

* Olla unartigo de Antonio Pantoja Chaves sobre a historia do fotoxornalismo español co obxecto de comprobar as imaxes coñecidas da ditadura neses anos de posguerra, entre outras.

* Algunhas das mellores fotografías de Catalá Roca para documentar este período.

Cine para unha guerra

Pasadas as 14.30 horas do 18 de xullo de 1936, Francisco Franco despega do aeroporto de Gando (Las Palmas de Gran Canaria) cara a Tetuán nun Dragon Rapide financiado polo banqueiro Juan March. É o inicio dunha sublevación militar que conducirá á guerra civil española de 1936-1939. Franco despídese dos militares ao pé do avión evocando dous principios que serán básicos no seu pensamento: disciplina (orde, autoridade, fronte a un goberno do Frente Popular que Gil Robles tiña denunciado nas Cortes como sinónimo de violencia) e fe (preludio dun nacional-catolicismo oposto ao laicismo republicano, moitas veces confundido con obtuso anticlericalismo). Unha película dirixida por Jaime Camino en 1986 relata os preparativos desta sublevación militar, co traslado do avión desde Londres a Canarias, para alí recoller ao xeneral Franco.

“Franco pasou os primeiros corenta e cinco anos da súa vida escalando o cumio. Unha indómita ambición conducíuno ata a cima da súa profesión militar en 1934 cando se converteu en xeneral de división e, pouco despois, en xefe do Estado Maior. Durante toda a guerra civil española esforzouse para asegurarse, ante todo, que se lle recoñecese como o mando único militar da zona nacional, o que conseguíu o 21 de setembro de 1936. Ao cabo dunha semana convertérase en xefe do Estado. En menos de sete meses derrotara a todos os seus rivais políticos grazas á forzada unificación dos partidos, feito que tivo lugar en Salamanca en abril de 1937. Polo tanto, o seu principal propósito era manter o poder que conseguira, o que significaba gañar a guerra civil e sobrevivir despois á Segunda Guerra Mundial e á hostilidade internacional que se gañou pola súa proximidade ao Eixo. O apoxeo do seu éxito deuse en setembro de 1953 co Pacto de Madrid que se asinou con Estados Unidos.”

Paul Preston: Las tres Españas del 36.

O golpe militar, planeado con meticulosidade de antemán, inicia unha guerra civil de case 1.000 días, con aproximadamente 600.000 mortos nas súas costas (a cuarta parte por mor de represalias políticas, máis funestas na zona franquista), 450.000 exiliados que saíron do Estado pola fronteira francesa e un final de “vencedores e vencidos” que se mantivo latente e humillante durante toda a ditadura posterior (1939-1975).

No Madrid asediado, unha cidade bombardeada na que se pasa fame, a mesma que Carlos Giménez retrata maxistralmente en “36-39. Malos tiempos” , unha familia de clase media trata de adaptarse aos tempos nos que hai que manter as luces apagadas e progresivamente escaseará o pan. Son os protagonistas de Las bicicletas son para el verano, unha obra de teatro de Fernando Fernán-Gómez que levaría ao cine en 1984 Jaime Chávarri. A batalla de Madrid foi longa, e non obtivo no bando sublevado o froito desexado; Madrid foi a cidade resistente, despois pasiva, finalmente derrocada en 1939, despois das disensións internas no seo da República.

A represión cobrou moitas vidas, tal e como narra Manuel Rivas en A lingua das bolboretas: “(…) Da boca escura do edificio, escoltados por outros gardas, saíron os detidos, ían atados de mans e pés, en silente cordada. Dalgúns non sabía o nome [Moncho], pero coñecía todos aqueles rostros. O alcalde, os dos sindicatos, o bibliotecario do ateneo Resplandor Obreiro, Charli, o vocalista da orquestra Sol e Vida, o canteiro a quen chamaban Hércules, pai de Dombodán… E ao cabo da cordada, chepudo e feo como un sapo, o mestre.” Fernando Fernán-Gómez deu vida a ese mestre instruído na Institución Libre de Ensino, o mesmo que representaba os valores laicos dunha República agora afogada pola sublevación fascista, nunha película de José Luis Cuerda rodada en 1999.

Nengunha guerra ten sentido, e menos unha guerra civil, pero por iso o testemuño do soldado Miralles, o mesmo que evitou a morte de Rafael Sánchez Mazas, ideólogo de Falange Española, na fuxida deste do santuario de Collell en xaneiro de 1939, é conmovedor ata o infinito, sobre todo cando Javier Cercas o desvela -referíndose aos seus compañeiros de batalla, os soldados republicanos- en Soldados de Salamina: “Ninguén se acorda de por que morreron, de por que non tiveron muller e fillos e unha habitación con sol; ninguén, e, menos que ninguén, a xente pola que pelexaron. Non hai nin vai haber nunca nengunha rúa miserable de nengún pobo miserable de nengunha merda de país que vaia levar nunca o nome de nengún deles”. Diríase que só queda o anonimato, o esquencemento, salvo que a Lei de Memoria Histórica os rehabilite. A novela de Cercas foi levada ao cine por David Trueba en 2002.

Para coñecer as disensións na retagarda republicana hai que acudir a unha obra mestra de 1995, Tierra y libertad, de Ken Loach, na que as lembranzas da Homenaxe a Cataluña de George Orwell son evidentes. Orwell deixaba claro o estado de precariedade e escaseza no que se atopaba a milicia: “O sistema da milicia presenta serios fallos, e os homes mesmos deixaban moito que desexar, pois nesa época o recrutamento voluntario comezaba a diminuir e moitos dos mellores homes xa se atopaban na fronte ou morreran. Sempre había entre nós unha certa porcentaxe de individuos completamente inútiles. Rapaces de quince anos eran traídos polos seus pais para seren alistados, evidentemente polas dez pesetas diarias que constituían a paga do miliciano e, tamén, a causa do pan que, como tales, recibían en abundancia e podían levar aos seus fogares.”

* Noutra orde de cousas, e coincidindo co 75º aniversario do golpe militar de xullo de 1936, le este artigo de Julián Casanova publicado en El País.