Posguerra económica


No primeiro NO-DO, emitido en xaneiro de 1943, “refulxía” un posto de polos co que se pretendía demostrar a abundante oferta alimenticia que tiñan os españois, cando grande parte dos mesmos pasaban os días nas colas do auxilio social coas cartillas de racionamento en man.

“Se tivésemos que definir en dúas verbas o desenvolvemento macroeconómico do decenio de 1940 estas non poderían ser outras que estancamento e penuria. Como España saía dun conflito bélico que ocasionara unha contracción apreciable da produción e a renda nacionais -da orde do 25%-, o estancamento significa o fracaso do proceso de reconstrución económica. […] ][A guerra civil] tivo un elevado custe económico, tanto en razón do gasto militar como da produción cesante. O primeiro pode estimarse que representou, segundo cálculos oficiais, máis do 70 por 100 da renda nacional de 1935. O segundo materializouse nunha caída do PIB da orde do 25 por 100. (…) De feito, as destrucións ocasionadas polo conflito armado foron reiteradamente invocadas polas autoridades e polos propagandistas do réxime como xustificación da extraordinaria persistencia da depresión económica. Mais os datos amosan que isto é esencialmente falso. As perdas de capital físico causadas pola guerra civil española, con ser importantes, foron inferiores ás que inflixíu a segunda guerra mundial aos países do sur de Europa que foron escenario de operacións militares. (…) No caso do aparato produtivo industrial, en España as destrucións deberon de ser aínda menores en termos relativos xa que as cidades, con algunhas notorias excepcións, non foron bombardeadas masivamente.”

Albert Carreras e Xavier Tafunell: Historia económica de la España contemporánea (1789-2009).

Illada internacionalmente España, o comercio exterior durante a década de 1940 ten unha evolución catastrófica. En 1940 quedara reducido ao 35% do comercio de 1929, e ao 40% do de 1935; e manteríase por debaixo da metade dese nivel ata 1948. Importar menos que antes da guerra civil significaba carestía de produtos enerxéticos, materias primas industriais, maquinaria e pezas de recambio; en definitiva, todos aqueles bens imprescindibles para a reactivación económica.

O réxime franquista perdeu a súa aposta polo Eixo, derrotado na Segunda Guerra Mundial. Despois soportou o illamento político. Durante os anos da condea das Nacións Unidas, de 1946 a 1950, só mativeron os seus embaixadores en España a Santa Sé, Portugal, Suiza e Arxentina. E foi Arxentina, cos acordos Franco-Perón de 1948, a que permitiu cubrir parcialmente as escasezas alimentarias de España nestes tempos.

Só o novo contexto internacional aberto co quentamento da “guerra fría“, permitiu o desbloqueo do illamento pola ONU. A comezos de 1951 cristaliza, na esfera da administración norteamericana, a idea de negociar axuda económica á España de Franco a cambio de dispor de instalacións militares no territorio español. Os donativos e préstamos norteamericanos equivaleron en 1956 -cando adquiriron a súa máxima importancia- a perto do 40% do valor total das mercadorías importadas. Entre 1953 e 1956, as transferencias de capital procedentes dos Estados Unidos permitiron financiar a práctica totalidade do déficit comercial.

A retórica autárquica e intervencionista do réxime manterase case intacta ata 1959, mais a partir de 1951 hai unha certa relaxación no intervencionismo económico. E a década de 1950, en comparación co estancamento da década anterior, supón unha época de crecemento na que o produto industrial medra a unha taxa anual do 7,2%.

“A vida hispánica, obrigada pola forza dunhas circunstancias catastróficas resultantes da guerra civil, discorre por dous cauces ben diferenciados. Por unha banda, está a España oficial, asentada nos seus principios autárquicos que manteñen a ficción dunhas taxas reguladoras do trato comercial e duns abastecementos que deben alimentar ao país, todo o cal é totalmente falso porque para comerciar e subsistir coexisten dúas correntes á marxe da lei. Unha é a do grande mercado negro industrial que abrangue produtos metalúrxicos e químicos, textis, cemento, cupos e importacións, o que dá lugar á creación de grandes fortunas amparadas na situación. A outra corrente é a do estraperlo menudo e folclórico da alimentación que leva a cabo o pobo chan para gañar algúns cartos e poder sobrevivir, consumindo parte do xénero traficado. O quefacer destes españois indo e vindo das zonas aceituneiras ou arroceiras funciona grazas ao máis pícaro inxenio, movido por un puro instinto de supervivencia.”

Rafael Abella e Gabriel Cardona: Los años del NO-DO.

“O grande cambio sobreveu entre 1952 e 1953. De pronto, remataron as restricións de auga e luz, desapareceron as cartillas de racionamento e acadouse a renda per cápita de antes da guerra. O réxime recibiu o respaldo internacional tras os seus acordos con Estados Unidos, e Franco vestiuse de paisano e abrazou a Eisenhower en Barajas. (A Hitler, en Hendaya, só lle estreitara a man, aínda que, iso sí, entre as dúas súas e moi cordialmente). Os americanos non nos suministraron locomotoras, como aos países do recente Plan Marshall, mais socorréronnos cos seus excedentes de manteiga, queixo en lata e leite en pó.(…)

Os primeiros signos do progreso material non se fixeron esperar. Como se unha variña máxica nos tocase, a cochambrosa sala de estar transformouse en living; ás incómodas cadeiras de enea sucedeulle o tresillo de cretona estampada mixto de skay verde con tacholas brancas; o braseiro deu paso á estufa de gas butano; o anafe de sopliño, á cociñiña de petróleo; o disco de baquelita, ao microsulco; os calzóns ata os xeonllos, ao braslip; a mastodóntica motocicleta Ossa, á grácil Vespa; o carricoche de tracción animal, ao motocarro. Chegaron as pótas a presión, os cacharros de aluminio e aceiro inoxidable, os fregadeiros de marmolina, as medias de nailon, o tergal inarrugable, as lavadoras automáticas, o colchón de muelles, as cafeterías con camareiras, o plexiglas, os pisiños a prazo, os bolígrafos… (…)

O agro fixo as maletas (de madeira, atadas con cordas) para trasladarse á cidade, onde se malvivía mellor que no campo. Máis dun millón de campesiños botou dúas voltas de chave á destartalada casa do pobo e instalouse en chabolas de chapa e uralita ás afóras da grande cidade.”

Juan Eslava Galán: Historia de España contada para escépticos.

* Olla unartigo de Antonio Pantoja Chaves sobre a historia do fotoxornalismo español co obxecto de comprobar as imaxes coñecidas da ditadura neses anos de posguerra, entre outras.

* Algunhas das mellores fotografías de Catalá Roca para documentar este período.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s