Tres abrazos


Abrazar é estreitar entre os brazos en sinal de cariño. Pode implicar admitir ou escoller, e é unha conduta que implica acordo. Na historia contemporánea de España traemos hoxe a colación tres abrazos significativos:

O primeiro é o abrazo de Vergara, teatralización final da rendición das tropas carlistas no Norte, en 1839. Nas aforas desta localidade guipuzcoana tivo lugar a rendición formal das tropas de Maroto diante das de Espartero. O abrazo entre o xeneral sublevado -partidario de don Carlos- e o futuro rexente simboliza a vitoria da España liberal sobre a absolutista, aínda que no seu tempo non significou o final da primeira guerra carlista, que aínda viviría os seus últimos coletazos no Maestrazgo.

abrazo_vergara_litografiaO segundo abrazo é o que ten lugar entre Franco e Eisenhower, en 1959, cando o presidente norteamericano visita España. A visita tiña lugar 6 anos despois da sinatura dos convenios España-EE.UU., que contribuíron -no contexto da coexistencia pacífica da guerra fría- a aceptar a alianza estratéxica do campo occidental coa ditadura franquista. En consecuencia, establecéronse en España unha serie de bases militares, ao tempo que os investimentos exteriores facilitarían o final da autarquía e o illamento internacional ao que a ditadura franquista estivera condeada.

abrazo_eisenhower_francoO terceiro é un abrazo colectivo. Trátase do cadro de Juan Genovés pintado en 1976, unha icona da transición democrática española que descansa desde este ano no Congreso dos Deputados. Nesta obra, na que non vemos facianas dos protagonistas, simbolízase a loita dun pobo pola democracia. Unha reprodución escultórica do mesmo ocupa a glorieta de Antón Martín próxima ao lugar onde foron asasinados os avogados laboralistas do crime de Atocha en 1977. O cadro representa a idea de reconciliación multitudinaria e afectiva entre os múltiples protagonistas anónimos que fixeron posible o peche da ditadura franquista e o inicio da nova senda democrática.

genoves_abrazo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s