Arquivos da categoría Xeografía industrial

Contedores

Nestes días en que a afluencia de inmigrantes a Europa medra de xeito exponencial, convén lembrar aquela historia fabulada en torno ao senegalés Adrame -que viaxaba en caiuco na primeira década do século XXI cara a Canarias- no libro de Wolfgang Korn “A volta ao mundo dun forro polar vermello” (podes consultar aquí os diversos traxectos do verdadeiro protagonista do libro, a prenda de vestir, polo mundo globalizado).

Na obra, ademáis de analizar as penosas condicións de traballo das costureiras de Bangladesh, expóñense tamén outras consecuencias negativas da globalización económica. Á hora de abordar o tema, os grandes contedores e portacontedores semellan convertirse, para o autor, en verdadeiros símbolos da globalización, achegando produtos distantes a prezos baixos aos mercados do primeiro mundo. E, para iso, é preciso un tráfico de buques que se asenta, fundamentalmente, nos grandes portos do L e SL asiático, alí onde ten lugar a produción ou ensamblaxe de boa parte dos produtos industriais que abastecen ás nosas cadeas de grandes almacéns, ademáis de outros onde se agolpan milleiros de toneladas de mercadorías en disposición de ser consumidas.

portos_de_contedores_2012* Consulta un mapa de evolución dos principais portos de contedores do mundo entre 1989 e 2009.

Advertisements

España industrializada

pib_hab_espanha_1940-2012_periodos

A soberbia análise socio-económica e política que propón J. Maluquer de Motes en “La economía española en perspectiva histórica” lévanos a falar dunha industrialización recente, despois do “fracaso industrial” defendido por Nadal para o século XIX español; unha industrialización que se cingue especificamente ao período do “desarrollismo” (1960-1973), pois este sector económico só se converteu no de maior emprego no noso Estado durante o breve período 1965-1970 -a diferenza do que ten acontecido coa longa hexemonía do sector industrial noutros países de Europa Occidental. Os períodos nos que a historia económica recente (1940-2014) de España se pode dividir coinciden coas seguintes características industriais xerais:

a) Os “anos da fame” (1939-1951) caracterízanse por unha ruralización da sociedade e a necesidade de impulso industrial autárquico a partir da creación dun organismo como o INI.

b) O decenio bisagra (1951-1960), un período de sustitución de importacións no que o Estado continúa a controlar en grande medida o sector industrial.

c) O desarrollismo” (1960-1973), o período de verdadeira industrialización histórica de España, marcado pola estratexia dunha planificación indicativa que difundíu e ampliou o VEB do sector secundario.

d) O período das crises do petróleo e transición política (1973-1985), marcados a nivel internacional polas sucesivas subas dos prezos do cru –combustible do que é tan dependente o noso Estado– e as tensións socio-políticas que levarían finalmente a unha dura reconversión industrial.

e) A integración na Comunidade Europea (1986-1996) coincide coa época de inicio da globalización e deslocalización industrial, un momento no que España se verá favorecida polas recepcións de abundantes fondos estruturais; a industria pública sofrerá unha intensa privatización -acentuada no período posterior- e os avatares da crise 1993-1996.

f) O período 1996-2007, cun efecto arrastre provocado polo auxe da construción, consumouse como un período de moi feble crecemento da produtividade e está na base da crise económica actual. Foi o momento de máis intensa privatización das empresas públicas, que saíron ao mercado internacional en busca de novas expectativas.

g) A nova gran depresión (2007-2014) coincide cunha forte caída do emprego -razón pola que a produtividade por traballador que se expón no gráfico de cabeceira medra- por mor do colapso da construción, e un declive industrial severo. Outras consecuencias da crise foron, por exemplo, o desbocamento do déficit público.

* Consulta unha entrevista a J. Maluquer de Motes en TVE.

Enerxías renovables en España

Á hora de estimular as enerxías renovables en España, o Plan de Enerxías Renovables 2011-2020 xustificaba a potenciación deste tipo de enerxías na elevada dependencia enerxética do noso país canto aos combustibles fósiles (en torno ao 80%), na necesidade de loitar contra as elevadas emisións de GEI (gases de efecto invernadoiro) e no elevado consumo enerxético / PIB do noso país. Os sucesivos plans, iniciados no século XXI, incrementaron en máis dun 40% a produción eléctrica de orixe renovable.

Hoxe en día, España consume aproximadamente un pouco máis da metade da súa enerxía procedente dos combustibles fósiles, case 1/5 procedente da enerxía nuclear e a cuarta parte procedente das enerxías renovables.

A demanda de enerxía eléctrica mediante fontes renovables acadou o 42% en 2013, cunha especial importancia da enerxía eólica, na que España está en terceira posición mundial canto a uso e explotación. Sen embargo, en tempos de crise como os actuais, as subvencións gubernamentais á apertura de novas plantas de renovables suprimíronse en 2013.

A construción en España

De motor económico a sector en declive, a construción en España representou, desde a época do desarrollismo, unha importante contribución ao sector secundario. A crise económica e o conseguinte freo da obra pública e privada levaron a esta actividade a unha perda moi significativa na poboación ocupada e na aportación ao PIB. Segundo o número de afiliacións á Seguridade Social en xaneiro de 2015, só o 5,88% da poboación activa traballa na construción, fronte a case o 12% de hai dez anos.

Moitas das opcións de subsistencia das grandes empresas de construción españolas pasan por concorrer a licitacións de obras internacionais que leven a acometer a ampliación do canal de Panamá, a construción do tren de alta velocidade de A Meca a Medina,… porque o boom da obra pública en España (aquela que levou a facer neste país máis aeroportos que en Alemania, aínda tendo a metade da poboación) xa pasou.

construcion_aapp

“Entre 2002 e 2008 construíronse entre 700.000 e 800.000 vivendas ao ano, máis que en Alemania, Italia e Francia xuntas (Federación Hipotecaria Europea). Incluso superabamos a Estados Unidos, e iso que os norteamericanos estaban tamén inmersos no seu particular rallie hipotecario, como se probaría logo co derrumbe de Lehman Brothers. Grazas a ese impulso construtor propio de faraóns, a economía española era capaz de crear case a metade de todo o emprego xerado na UE-15.

(…) Asimilouse o AVE como un signo de ADN nacional aínda que máis ben se trata dun capricho para millonarios saudíes que precisamente agora están a construir o AVE de Medina á Meca. Cada kilómetro de vía e catenaria deste disparate costa entre 10 e 30 millóns de euros. Se lle unimos o prezo do tren, un billete Madrid-Barcelona, que agora sae por 200 euros, debería valer cando menos 1.000 euros para amortizar realmente o gasto nun prazo razoable.

(…) Polo aire, tamén podemos presumir de conexións: nada menos que 52 aeroportos fronte aos 39 de Alemania, co dobre de poboación. Só 13 deles son rendibles ou teñen capacidade de selo.”

Ramón Muñoz: España, destino Tercer Mundo.”

* Consulta unha serie de datos básicos e un mapa de licenzas de obra por CA (2012).

* Consulta un artigo de Javier Barros sobre o apagón inmobiliario en España.

* Consulta o índice inmobiliario en fotocasa.

* Mais din que a construción se recupera e contribuirá ao incremento do PIB (abril 2015).

A industria española

Analizando a evolución da industria española nos últimos anos pódese pensar que a perda de poder deste sector é sintomática de cara a explicar a crise económica actual. Afectada pola deslocalización -sen chegar a caer no alarmismo que Ramón Núñez propón no seu libro España, destino Tercer Mundoe cun escaso investimento en I+D+i, cunha dimensión media das empresas inferior á media europea e cunha produtividade reducida, perdendo poboación activa no seu conxunto, dá a impresión de que as leis da vantaxe comparativa fixeron do noso Estado un país de servizos e non unha potencia industrial, aspecto que na UE acapara Alemania en case todas as ramas de actividade.

En todo caso, a industria foi responsable do noso despegue económico ata tempos ben recentes, e responsable en grande medida do incremento do noso PIB, pois a produtividade media do sector industrial está por enriba da media da economía global.

“A moi longo prazo, entre 1850 e 2000, o PIB medrou [en España] a unha taxa do 2,5% anual. (…) O primeiro século [1850-1950] caracterízase por taxas de crecemento modestas. (…) De 1951 a 1974 as taxas de crecemento foron, en cambio, moi altas. No último cuarto do século XX as taxas foron aínda máis baixas, mais duplicaron as de 1850-1950. (…)
En boa parte do século XX, cando menos durante a súa primeira metade, o progreso económico de España dependeu fundamentalmente de melloras tecnolóxicas. Afortunadamente, estas producíronse en case todos os ámbitos. A electrificación, a incipiente motorización, a revolución na medicación moderna (sulfamidas e antibióticos) son outros tantos exemplos de tecnoloxías novas cuxa adopción incrementou a produtividade. (…) A economía española alonxouse da economía internacional; en algúns períodos o grao de industrialización reducíuse e o de agrarización aumentou. (…)
Para os anos do “milagre económico”, de 1960 a 1973, a interpretación que se ten dado á elevada aportación da PTF [produtividade total dos factores] ao crecemento é a de que Europa Occidental disfrutaba dun enorme potencial de cambio estrutural, transferindo activos pouco produtivos no sector agrario a empregos moito máis produtivos no sector industrial e de servizos; ademáis disfrutaba de destinos abertos para as migracións laborais, dentro de cada país e no ámbito europeo occidental, e gozaba dunha crecente integración comercial. (…)
Desde a integración á CEE a contribución dos factores ao crecemento económico modificouse por completo. (…) A medida que se liberalizou o mercado de traballo e que aumentou a taxa de ocupación e a taxa de actividade, o crecemento económico español volveuse cada vez máis intensivo en traballo e menos intensivo en capital e PTF.”

A. Carreras e X.Tafunell: Historia económica da España contemporánea (1789-2009)”.

* Consulta a nosa presentación sobre a panorámica da industria en España.

* E tamén un arquivo con datos complementarios.

A industria, agora

Vendo o vídeo de Marca España cabe pensar que esteamos nun paraíso. E quizás ese “paraíso” o poida ser a nivel turístico, mais non canto a produtividade industrial e mellora do papel do noso sector secundario no conxunto. A baixa na produción industrial (un 30% no período 2008-2013) nestes tempos de crise, xunto co descenso paulatino nos investimentos en I+D+i (sempre na cola da UE) e a perda de emprego industrial únense aos efectos da deslocalización (que parece só se poidesen combater coa “devaluación interna” dos salarios). E iso non impide pensar en que o futuro esixe un cambio de modelo tecnolóxico que pasa por potenciar sectores de futuro como biotecnoloxía, novas tecnoloxías e o sector enerxético; de facelo, mellor impulsando os clústers industriais e os parques tecnolóxicos.

“(…) cales han de ser os posibles desenvolvementos futuros dunha moderna España industrial nos diversos sectores nos que podemos competir no terreo macroeconómico —prezos ou intanxibles (marca made in Spain, calidade, deseño, tecnoloxía, servizo posventa, empresariedade, internacionalización, innovación, excelencia na xestión e canles de distribución)— e como conseguir acometer cos mesmos o obxectivo número un da nosa economía, que non pode ser outro que paliar o acuciante e dramático problema de paro que temos e que hipoteca o noso futuro como país e como sociedade libre.”

J. Pavón e J.L. de la Fuente O’Connor: La imprescindible reindustralización de España“.

* Consulta o pearltree sobre reestruturación dos espazos industriais.

Terremotos inducidos

O proxecto Castor consiste nun almacén soterráneo de gas natural a 22 kilómetros da costa de Vinaroz, en Castellón, que aproveita un antigo pozo petrolífero -abandoado a mediados dos anos 1980 despois de que se extraeran del uns 56 millóns de barrís de cru- a 1.750 metros de profundidade baixo o nivel do mar. Este converteríase nun depósito estratéxico co que facer fronte a algún período de desabastecemento.

A creación destes depósitos pon de manifesto a nosa dependencia do abastecemento exterior do gas natural, a base actual da nosa produción de electricidade: máis do 50% do gas natural empregado en España procede de Alxeria e Nixeria; menos do 0,25% é produción interior.

A plataforma Castor non é o único depósito destas características en España. A plataforma Gaviota tamén se atopa a 8 km do cabo Matxitxako, ao NO de Bermeo, en augas do Mar Cantábrico, a unha profundidade de 2.150 m. Outros depósitos en terra funcionan actualmente en Serrablo (provincia de Huesca) e Yela (provincia de Guadalajara).

Mais o problema é que o depósito do proxecto Castor se atopa sobre unha falla ben cartografiada polo Instituto Geológico y Minero, a fosa de Amposta… E a inxeción de gas a grande profundidade probablemente estea na base da proliferación de terremotos fronte ás costas de Vinaroz nestes últimos tempos: máis de 250 en menos dun mes, con intensidades que acadaron 4,2 na escala Richter.

A relación entre megaminería e sismicidade non ven de agora. Por exemplo, hai agora 50 anos, entre abril de 1962 e setembro de 1963 tiveron lugar unha serie de terremotos no entorno da cidade norteamericana de Denver, con tremores que acadaron 4,3 na escala Richter. A orixe dos mesmos estaba directamente correlacionada coa inxeción de auga contaminada procedente dunha fábrica de armamento nun pozo dunha profundidade de 3.670 m. (segundo Bruce A. Bolt).

En suma, a acción antrópica tamén pode producir riscos xeolóxicos.

* Consulta un informe de ENAGAS sobre os proxectos de almacenamento soterráneo de gas.

* Consulta a páxina oficial do Proxecto Castor.

* Infografía: Así funciona el almacén Castor, en elperiodico.com.

O sector do automóbil en España

España é unha potencia no sector de fabricación de automóbiles; ocupa o segundo posto como país produtor europeo, detrás de Alemania; durante varios anos ocupou o quinto posto mundial.
Nos últimos anos, a posición relativa mundial caeu co impulso de China -líder na fabricación de automóbiles- e Corea do Sur –quinto fabricante-, que avanzaron posicións. A irrupción de países emerxentes como Brasil e
India, situou a España como 8º produtor mundial de veículos. Entanto, mantén a primacía europea de produción de veículos industriais.

8_producion_automobiles_mundo_2010

A produción de automóbiles de turismo iniciouse en España en 1950 coa creación de SEAT. En menos de 30 anos, pasouse dunha situación na que non existía ningún productor a outra en que coexistían seis: Seat, Fasa-Renault, Citroën, Chrysler (actual Peugeot), Ford e General Motors (coa súa filial Opel). España converteuse nun dos principais productores mundiais de veículos de turismo. As únicas vantaxes que ofrecía o noso país eran os reducidos custes laborais e a proximidade a un mercado tan importante como o europeo. Na actualidade, existen 18 centros produtivos en España.
A industria do automóbil foi un auténtico dinamizador do desenvolvemento industrial de España na segunda metade do século XX, tanto pola súa intensa capacidade de implicar a outras industrias, como polo seu elevado efecto sobre a distribución e sobre unha ampla variedade de actividades dentro do sector servizos.

Puntualmente, o peso do sector automobilístico en certos lugares é moi significativo: en 2010, un total de 15.000 traballadores directos na provincia de Barcelona, 8.000 en Pontevedra e 7.000 en Zaragoza e Valladolid, 6.000 en Valencia e Madrid ou 5.000 en Navarra -empregados como fabricantes de veículos de motor- testemuñan a importancia radical deste tipo de industria como dinamizadora en determinados espazos xeográficos.

8_mapa_sector_automobil_espanha

Cara ao futuro, o respecto á contorna medioambiental é un dos obxectivos fundamentais do sector, ademais da promoción dos veículos eléctricos. A introdución de motores de inxeción directa, tanto en gasolina como en motores diesel, o uso de compoñentes facilmente desmontables, a utilización de materiais reciclábeis, etc. logrou que, a pesar do incremento do parque automobilístico, a contorna non se teña degradado
proporcionalmente.

* Ver informe.

Por facer historia, non deixedes de ollar este documental sobre Barreiros   -o Henry Ford español- , creador do primeiro gran imperio automobilístico neste Estado:

Minería en España

As explotacións mineiras en España experimentaron durante as últimas décadas varios altibaixos económicos malia a demanda crecente das materias primas que delas se extraen. As crises financeiras, o desemprego, o cambio de estrutura na xeración de enerxía eléctrica, a preocupación pola sustentabilidade medioambiental, etc. contribuíron a esta deriva. Algunhas optaron pola reconversión.

En España hai 7 comarcas consideradas mineiras: Asturias, Galicia, Castela e León, Aragón, Cataluña, Castela-A Mancha e Andalucía.

A tendencia xeral no sector mineiro español -que conta con máis de 3.000 explotacións -entre minas soterráneas e a ceo aberto- é “de descenso na cantidade de material vendible, así como no número de explotacións e de empregos”. O peso no PIB é escaso (0,3% en 2010) e o índice de produción industrial da industria extractiva ten caído en torno a un 40% entre 2005 e 2011. A isto hai que engadirlle a dependencia, sobre todo no que se refire ao carbón, das axudas estatais e europeas -reducidas nos últimos tempos, o que ten incrementado a conflitividade laboral, especialmente no ano 2012-.

A minería explota diversos tipos de produtos:
a) Enerxéticos: inclúen a antracita e a hulla; é dicir, o carbón. Tamén se inclúen as escasas extraccións de crus de petróleo e gas natural.
b) Minerais metálicos: por exemplo, estaño, chumbo, cobre, cinc, ouro, etc.
c) Minerais non metálicos (industriais, rochas ornamentais e produtos de canteira): entre outros, cuarzo, feldespato, sales, lousa, mármore, arxila, granito, xeso, etc.

8_explotacions_carbon_petroleo_gas_natural

O sector do carbón en España leva perdido empregos nas últimas décadas de xeito acelerado, pasando de 45.000 cotizantes en 1991 a non máis de 4.000 en 2012; destes, na pública HUNOSA traballan 1.750 a-os que sumar 600 de subcontratas-; só en Asturias, viven indirectamente da minería unhas 10.000 persoas. Ao redor desta actividade calcúlase que se xeran hoxe en día 30.000 empregos indirectos, dos que dependen unhas 200.000 persoas. Dos 20 millóns de toneladas de carbón que se extraían, pasouse a sacar ao redor de 8,5 millóns.

8_mapa_mineria_metalica_espana

Canto aos minerais metálicos, tras o bache de 2002 cos peches de explotacións na faixa pirítica de Huelva e Sevilla pola caída de prezos, o auxe destes minerales foi evidente. As minas de cobre en Andalucía e ouro en Asturias contribúen a esta reactivación, no que están investindo empresas estranxeiras. O wolframio e o chumbo tamén teñen unha coxuntura favorable.

8_mapa_mineria_non_metalica_espana

Canto aos minerais non metálicos, moitos deles están vencellados á construción, polo que a crise inmobiliaria derivada da financeira machucou moito o sector, que agora mesmo se mantén. Os áridos e as rochas ornamentais sufriron, respecto dos máximos de 2007, caídas de case o 60% na produción. A lousa, moi utilizada en vivendas, logrou recuperarse algo grazas á exportación, aínda que non xere en España empregos ou actividade. Outros minerais como o espato ou o flúor non sufriron tanto e algúns sales viven un “momento de bonanza”.

– Consultar artigo de 20minutos.

– Ilústrase esta anotación con imaxes do Archivo Histórico Minero.

Unha paisaxe industrial

A cidade de Ferrol é o centro da comarca costeira de Ferrolterra, en torno á ría de Ferrol, cunha poboación total que supera os 160.000 habitantes (dos que case a metade vive na cidade central) distribuidos en once concellos. Ferrol está situada na marxe setentrional da ría do seu nome.

Desde o século XVIII, a monarquía borbónica impulsou a industrialización da cidade, da man da creación dun arsenal no que se instalan estaleiros navais destinados á construción de buques militares. Polo tanto, o primeiro impulso ven da man da promoción política estatal. Nese intre, Ferrol e a súa comarca vivían por e para a Mariña.

Aproveitando os coñecementos dunha man de obra especializada na produción mecánica e na carpintería de ribeira, e a capacidade técnica dos enxeñeiros ligados ao arsenal militar, xurde Astano (1941). Esta empresa, instalada na marxe meridional da ría (Perlío-Fene), tentará satisfacer a demanda de pesqueiros na posguerra civil, mais a crise dos anos 1970 fíxolle recorrer á participación pública no seu capital.

A dependencia dos investimentos públicos é, sen embargo, continua. En 1947 constitúese a Empresa Nacional Bazán -pertencente ao INI (Instituto Nacional de Industria)-. Aínda que esta empresa tiña sobre todo encargos de buques militares para a Mariña, no contexto dos anos 1960-1970 empezou a construir buques civís destinados ao transporte de petróleo e outras mercadorías.

Así pois, un emprazamento ben protexido no interior dunha ría en embudo e o capital público son os factores principais do establecemento inicial da industria, se ben a abundancia de materia prima forestal (madeira para a construción dos primeiros buques) foi tamén un factor a ter en conta.

Ferrol é un exemplo de localización industrial concentrada, sometida nas últimas décadas a unha profunda desindustrialización. Desde finais da década de 1970, a crise afectou ao sector naval, e, como consecuencia, a redución de emprego en empresas como Astano foi moi importante (o que provocou un clima de crecente conflitividade social). A entrada na Unión Europea (1986) conleva a redución de empresas públicas e a subvención ás mesmas, nun contexto de globalización económica na que os NPI’s (novos países industrializados) ofrecen competencia industrial cunha man de obra máis barata.

Ferrol convírtese así nunha zona industrial en declive (ZID). A partir de 1983, diante do incremento do desemprego e do baleiramento demográfico da área, a administración pon en marcha una política de reconversión industrial e a creación das Zonas de Urxente Reindustrialización (ZUR), co intento de fomentar a diversificación do tecido produtivo e ampliar as expectativas de crecemento económico destas áreas deprimidas.

Ferrol responde ao modelo de complexo industrial, no que hai unha potente concentración de industrias nun espazo reducido, neste caso dependentes dun sector de base que precisou do investimento público para o seu sostenemento. Co tempo, téntase diversificar este complexo converténdoo tamén en complexo portuario (coa construción recente do porto exterior en Cabo Prioriño), no que a importación de carbón destinado ao consumo da central térmica de As Pontes é a actividade principal.

Hoxe en día, a dependencia de Navantia (empresa resultado da fusión de Bazán e Astano, que en tempos recentes ten ampliado o seu labor coa construción de plataformas petrolíferas) continúa a ser significativa no emprego total da comarca. Mais a carga de traballo é insuficiente para manter os postos de traballo -xa moi mermados con respecto aos anos de bonanza-. O emprego directo no sector naval pasou de case 13.000 traballadores en 1983 a apenas 2.300 en 2005. Novos sectores como o das enerxías alternativas -fabricación de pezas para aeroxeneradores e produción de biodiesel- tentan abrirse paso, sen producirse cambio algún con respecto á dependencia das industrias de base. Desde 2007, un elemento paisaxístico significativo é a implantación -en Mugardos, na marxe meridional da ría- da planta regasificadora de Reganosa, que almacena gas licuado.

Outros elementos da paisaxe inclúen: o tecido urbano, desenvolvido cun crecemento importante a partir dos anos 1940; os polígonos industriais nas marxes setentrional e meridional da ría (en boa medida relacionados con actividades de transporte e distribución); un espazo rural, imbricado no contorno urbano, no que perviven hortas de autoconsumo e amplas áreas de explotación forestal; vías de comunicación que tentan facilitar as boas comunicacións con outros puntos do Golfo Ártabro e de Galicia, así como eliminar o illamento que foi causa, noutro tempo, de problemas de accesibilidade á cidade central.

Aínda que o contorno urbano permanece con espazos deteriorados e escasamente rehabilitados, os procesos contemporáneos permitiron abrir un pouco máis a cidade á ría, tradicionalmente oculta polo grande muro dos estaleiros Bazán.

Canto ás perspectivas de presente e futuro, a problemática da crise económica e a falta de carga de traballo no naval -xunto coa larvada dependencia que aínda ten a comarca respecto deste sector- auguran a continuidade de dificultades, aínda que os investimentos en I+D+i poden abrir novas expectativas. 

Reestruturación dos espazos industriais

1. Falamos de economía de escala cando unha empresa consigue aforrar custes en virtude da súa produción a grande escala. Pero empregamos o termo moitas veces en relación co concepto de economías externas; neste caso, o concepto expresa as vantaxes que para unha empresa comporta a súa localización nun determinado entorno: cando se produce unha concentración xeográfica das industrias, por exemplo, as fábricas benefícianse de infraestruturas colectivas e repártense o custe destas. Situadas perto dun grande mercado de consumo, por exemplo, economizan en gastos de transporte, benefícianse da concentración de man de obra especializada ou de incentivos fiscais,… Por iso, a concentración urbana e portuaria da actividade industrial responde a este efecto de economías de aglomeración, as cales, por saturación, poden dexenerar en deseconomías externas.

2. Enerxías renovables son aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, ben sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen, ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais. Entre as enerxías renovables cóntanse a hidroeléctrica, eólica, solar, xeotérmica, maremotriz, biomasa e os biocombustibles.

3. Á hora de explicar a difusión industrial, tradicionalmente acudíuse ao modelo centro/periferia; este modelo de organización territorial explicaba a dualidade entre espazos industrializados e espazos dependentes -xurdidos a partir da Revolución Industrial no interior dos Estados (cidade/campo) e a nivel planetario (Norte/Sur, Primeiro/Terceiro Mundo). Nos tempos actuais, a difusión industrial corresponde a: 1) o espallamento da actividade industrial fóra dos núcleos urbanos e no entorno rural -por mor dunha menor cantidade de custes de instalación nestas áreas, e sabendo que as grandes aglomeracións urbanas ofrecen xa deseconomías externas-; 2) o fenómeno da deslocalización industrial, polo que -debido aos efectos da globalización económica- as principais empresas multinacionais (EMN) encamiñan os seus investimentos cara ás economías industriais emerxentes, onde gozan tamén de menores custes de explotación -sobre todo en man de obra-.

4. Os Fondos Estruturais son instrumentos da Unión Europea encamiñados a promover un desenvolvemento armonioso do conxunto da Unión, encamiñados a reforzar a súa cohesión económica e social. No período 2007-2013, a Unión Europea conta con dous Fondos Estruturais: o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Fondo Social Europeo (FSE). O FEDERten como obxectivo reducir as diferenzas que existen entre os niveis de desenvolvemento das rexións europeas para que as rexións menos favorecidas se recuperen do retraso que sufren. Desde 1975 concede axudas para a construción de infraestruturas e a realización de investimentos produtivos capaces de xerar emprego, sobre todo en beneficio das empresas. O FSE, instaurado en 1958, está destinado a fomentar as oportunidades de emprego e movilidade xeográfica e profesional dos traballadores, así como facilitar a súa adaptación ás transformacións industriais e aos cambios dos sistemas de produción, especialmente mediante a formación e a reconversión profesional. Financia principalmente actividades de formación para favorecer a inserción profesional dos desempregados e dos sectores máis desfavorecidos da poboación.

5. subcontratación, outsourcing ou tercerización é o proceso económico no que unha empresa move ou destina os recursos orientados a cumplir certas tarefas cara a una empresa externa por medio dun contrato. Por exemplo, unha compañía dedicada ás demolicións pode subcontratar a unha empresa dedicada á evacuación de residuos para a tarefa de desfacerse dos escombros das unidades demolidas.

6. É unha industria verde aquela na que o valor central non é o crecemento económico senón o desenvolvemento sostible -a través do respeto ao medio ambiente e o uso preferente de enerxías alternativas ou renovables-. Unha industria verde crea valor económico, medioambiental e social. Por tanto, nelas un valor fundamental é o de evitar a contaminación industrial e o deterioro da paisaxe.

7. No novo contexto de desenvolvemento industrial de potencias emerxentes como China, unha serie de materias primas estratéxicas acadan nos mercados internacionais un valor notable pola súa asociación a industrias de tecnoloxía punta e a escaseza das mesmas. En moitos casos estamos diante de recursos que son causa de guerras neo-imperialistas para abastecer ás grandes potencias industriais. Ademáis dos tradicionais petróleo, gas e uranio, están na lista outras que condicionan o crecemento da produción ou a riqueza mundial e que son clave por razóns políticas ou estratéxicas para a economía das potencias, as grandes multinacionais e para o sector armamentista: coltan, diamantes, manganeso, cobalto, aluminio, cobre, xermanio, grafito, cromo, níquel, platino, titanio,…

http://www.solidaridad.net/_articulo4103_enesp.htm

8. Un parque tecnolóxico é unha instalación industrial que: a) mantén relacións formais e operativas coas universidades, centros de investigación e outras institucións de educación superior; b) está diseñado para alentar a formación e crecemento de empresas baseadas no coñecemento e doutras organizacións de alto valor engadido pertencentes ao sector terciario, normalmente residentes no propio parque; c) posúe un organismo estable de xestión que impulsa a transferencia de tecnoloxía e fomenta a innovación entre as empresas e organizacións usuarias do parque.

Enerxía en España (2011)

Estes días, a raíz da suba dos prezos da enerxía -que implica medidas de aforro como en crises do petróleo anteriores (queiramos ou non, o ouro negro segue a ser a principal fonte de enerxía para o funcionamento da nosa economía; unha arma mortal e vital a un tempo, en expresión de Banksy)-, e a consecuencia da nosa dependencia de abastecemento exterior nesta materia, ven sendo obxecto de tratamento nos medios esta cuestión:

* Velaquí unha animación sobre a enerxía en España realizada por El País.

Solo industrial en España

Considerados os factores físicos (proximidade ás materias primas, proximidade ás fontes de enerxía, topografía, conservación medioambiental) e humanos (man de obra, mercados, capital, transportes, economías de escala e factores políticos) que inflúen na localización industrial, a promoción de solo industrial é básica para a instalación de empresas correspondentes ao sector secundario.

A FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) e a CEPE (Coordinadora Española de Polígonos Empresariais) poñen á nosa disposición unha web -sueloindustrial.net- na que é posible consultar, por concello, provincia e comunidade autónoma, o número e ubicación dos diferentes polígonos industriais. Segundo datos proporcionados por esta web, en España hai censados case 5.000 polígonos industriais en febreiro de 2011. De estaren equilibradamente distribuidos, habería no noso Estado un polígono industrial por cada 104 km2 de superficie.

A APTE (Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España), pola súa banda, ten censados na mesma data, na súa web -apte.org-, un total de 80 espazos con estas características -dos cales só 47 están en verdadeiro funcionamento-. De estaren equilibradamente distribuidos e todos en funcionamento, en España habería un parque tecnolóxico por cada 6.325 km2. Mais, se observamos a súa distribución real, poderemos comprobar como se manteñen as inercias da primeira industrialización en España, xa que é naquelas rexións onde esta se produciu (País Vasco e Cataluña, xunto co centro financeiro de Madrid) onde resulta máis evidente a creación de espazos investidores en I+D. Constátase, pois, a máxima de que o capital acumulado, reinvestido, xenera máis acumulación de capital. É acaso esta unha tese marxista?

Proporcionamos unha táboa coa súa distribución:

* Consulta a publicación Panorámica de la industria, publicada polo INE.

Zonas francas

Unha zona franca é un territorio determinado dun país onde se aplica un réxime aduaneiro especial, como a exención de dereitos arancelarios para as mercadorías estranxeiras e outra serie de vantaxes fiscais. Unha zona franca é un área xeográfica destinada á industrialización con fins de exportación. O ingreso e as saídas de mercadorías nunha zona franca soe ser considerado como importación e exportación respectivamente. A permanencia dos produtos dentro da zona pode ser indefinida, xa que non existen prazos para a súa extracción ou retiro. É corrente que nas zonas francas non se cobren dereitos pola importación de mercadorías ou se suspenda o cobro dalgúns impostos.

A zona franca de Vigo está rexida polo establecido no Código Aduaneiro (3/1993) con relación ás zonas francas da Unión Europea. Dentro dela, a área industrial de Balaídos atópase en funcionamento desde finais dos anos 1950, especializada no sector da automoción, con especial importancia da empresa Citröen-Hispania, arredor da que se ten creado o Cluster do Automóbil de Galicia -que emprega a máis de 40.000 persoas-.

* Accede a unha presentación de Héctor Vargas sobre zonas francas no mundo.

* Aproveita para recuperar nocións básicas de xeografía industrial.

Enerxía nuclear en España

   

O mapa da enerxía nuclear en España inclúe 8 centrais en funcionamento. A enerxía nuclear en España representa menos da sexta parte da produción eléctrica (en 2007, segundo cifras do INE, tan só o 9,8% do consumo); sempre se nos opón o caso francés, no que a produción de enerxía nuclear sustenta as tres cuartas partes da produción eléctrica total.

O Plan Enerxético Nacional de 1984 paralizou as obras de novas centrais nucleares en España, o que supoñía o inicio dunha moratoria nuclear que se pode considerar rematada coa liberalización do sector eléctrico na Lei 54/1977 , aínda que non se teñan asumido novos proxectos de construción de centrais e se teña prorrogado o funcionamento de instalacións como a de Santa María de Garoña. 

Tema de debate continuo, nos últimos tempos, entre a comunidade científica, os grupos ecoloxistas e a opinión pública, a enerxía nuclear suscita puntos de vista enfrontados, incluso á hora de escoller a ubicación do cemiterio de residuos nucleares. 

* Consulta a postura de Greenpeace ao respecto da enerxía nuclear.

* Le unhas consideracións sobre o futuro da enerxía nuclear en España redactadas en 2006 para a Mesa de Diálogo sobre a enerxía nuclear promovida polo Ministerio de Industria.

* Le un artigo de José Manuel Sánchez Ron publicado en El País a propósito dos “paradoxos nucleares”.

A enerxía en España

    

Sempre que falamos do sector enerxético en España citamos o alto grao de dependencia que a nosa economía ten dos derivados do petróleo. A pesar de que os sucesivos Plans Enerxéticos Nacionais insisten na necesidade de incrementar a produción de enerxías renovábeis e alternativas, os datos de 2006 publicados polo INE salientan que o 57,7% do consumo de enerxía final provén dos produtos petrolíferos. E ben sabemos que a nosa produción neste campo é meramente simbólica:  en torno a 30.000 barriles diarios -por 1,6 millóns barriles diarios consumidos- maioritariamente producidos nas plataformas petrolíferas da costa tarraconense e, en menor medida, nas Loras burgalesas; en conxunto, representan o 0,2% do petróleo consumido anualmente. Polo tanto, debemos importar petróleo, e os datos de 2006 reflicten que a quinta parte das importacións procede de Rusia; contando co que procede de México, Arabia Saudí e Nixeria, sumamos o 54% do cru importado.

Co gas natural sucede algo parecido, pois a contribución da produción propia é testemuñal. O grao de abastecemento anual con produción propia está tamén no 0,2%. Mais a dependencia das importacións alxerianas é clave, pois máis do 30% do total procede dese país; sumadas ás procedentes de Nixeria constituiron a metade do total en 2008.  A rede de gasoductos, cunha definida trama litoral, perfila as comunicacións S-N e a través do val do Ebro para abastecer en primeiro lugar aos núcleos máis poboados.

Canto ao carbón, fonte de enerxía fósil e tradicional que se recuperou tras a primeira crise do petróleo en 1973, España tampouco é autosuficiente na produción do mesmo; importamos máis do 60% do total. No estudo “El carbón en España, un futuro negro”, realizado por Greenpeace e publicado a finais de 2008, indicábase a presenza de 23 centrais térmicas de carbón que producían o 23% da electricidade consumida, aínda que son responsábeis do 64% das emisións de dióxido de carbono por parte do sector eléctrico. A distribución das centrais térmicas obedece a diversos factores: a proximidade ás cuncas mineiras, a localización costeira como fonte de importación cara aos principais complexos portuarios e a proximidade aos centros urbanos máis poboados, lugares onde o mercado potencial é maior. Entre nós cabe citar o potencial contaminante da central de As Pontes, segundo un informe de WWF/ADENA.

En plena reapertura do debate sobre a enerxía nuclear en España, agora que se recomenda por parte de algúns sectores para contribuir a reducir as emisións que xeneran o quentamento climático, e sempre con sustos, o noso Estado mantén 8 centrais en funcionamento, a maior parte delas postas en marcha nos anos 1980. A produción nuclear representou en 2007 case o 18% do total do sistema eléctrico.

Como país esencialmente mediterráneo que somos, situados nun área de inestabilidade interanual canto ás precipitacións recibidas, as oscilacións na produción hidroeléctrica están vencelladas á alternancia de anos secos e húmidos. En 2007, non obstante, a explotación da enerxía hidráulica cubreu case a quinta parte do total da produción eléctrica, en consoancia co que ven acontecendo noutros países da OCDE. Na provincia de Salamanca, e concretamente en Aldeadávila, Villarino e Saucelle, instálanse algunhas das presas con maior capacidade de produción eléctrica. Aínda coa proliferación nos últimos tempos de minicentrais hidráulicas preferentemente situadas nas cabeceiras de ríos de montaña, o mapa de centrais hidroeléctricas de España non sufríu grandes alteracións con respecto ao esbozado a finais da etapa franquista.

De entre as enerxías alternativas, a eólica e a solar son as que se teñen desenvolvido máis no noso Estado, e especialmente desde a década de 1990 en diante. Moi dependentes das características climáticas, tenden a debuxar unha distribución diferenciada das potencias instaladas: a enerxía eólica aprovéitase sobre todo na costa galega, no estreito de Xibraltar e nas áreas montañosas do Sistema Ibérico, onde a forza do vento é máis prolífica; a enerxía solar é máis aproveitada alí onde as horas de insolación anual son máis abundantes, coincidindo as áreas de instalación de maior potencia co Mediterráneo e Andalucía. Plantas de reciclaxe de biomasa e residuos, centrais maremotrices, plantas xeotérmicas, completan un plantel de enerxías renovábeis que en 2006 só abasteceron pouco máis do 5% da enerxía consumida no Estado, ben lonxe do obxectivo proposto para o 2010, que consiste en que o 12% da nosa enerxía proveña de enerxías alternativas. E este é un campo no que mellorar amplamente.

No caso galego, o mapa enerxético modificouse tamén mercede ao desenvolvemento, sobre todo, do sector eólico.

Sector secundario en España

Moitos factores, incluidos o espírito de empresa, o nivel de desenvolvemento técnico, a existencia de recursos propios e capital financeiro, inflúen á hora de favorecer ou ralentizar o crecemento industrial dun país. No caso español conxúganse factores negativos como a escaseza de recursos enerxéticos, coa consabida dependencia exterior canto ao abastecemento de petróleo e gas natural (combustibles fósiles que seguen a ser básicos para o funcionamento das nosas economías), con outros positivos como a apertura aos mercados internacionais e unha liberalización que permitiu a chegada de capitais estranxeiros para promover unha industrialización tardía con respecto aos países máis avanzados de Europa occidental.

Deste xeito, e segundo datos do INE referentes a 2006, un 29,5% da poboación activa española (incluíndo industria, construción e enerxía), dous puntos por enriba da media correspondente á UE-27, traballa no sector secundario. E faino nun contexto de predominio da pequena empresa, pois o 86% das empresas dan traballo a menos de 10 empregados.

* Extracta as ideas principais dun artigo de Ricardo Méndez e Rosa Mecha sobre o desenvolvemento da industria en España ao longo das décadas finais do século XX.

* Consulta o directorio de empresas por categorías en Wikipedia, prestando especial atención a exemplos como Repsol YPF, Aceralia, Inditex, Acciona, Fadesa, Fagor, Coren, Ebro Puleva, CASA, Pegaso, SEAT, FAMOSA, Uralita, ERCROS, Navantia. Clasifícaas segundo o sector ao que pertencen e infórmate sobre o seu ano de creación, localización industrial e obxectos producidos. Comproba tamén que no caso de algunhas industrias, tal e como sucede coa do calzado, hai unha forte concentración e atomización, neste caso en torno a Elxe.

* Consulta o vocabulario de Xeografía Industrial.

Paisaxes transformadas

paisajes-transformados.JPG

Neste mes de marzo de 2008 estréase en España Paisaxes transformadas, un documental de Jennifer Baichwal, que acompañou ao fotógrafo Edward Burtynsky -especializado en fotografias de paisaxes industriais- na súa viaxe a Asia, onde tomou instantáneas que reflicten a enorme transformación que as paisaxes industriais están a ocasionar en Estados como China. Convén lembrar, agora que as verdades incómodas sobre a destrución do medio ambiente saltan á luz día a día, algunhas verbas de Jared Diamond:

China converteuse no primeiro produtor e consumidor do mundo de sustancias que destrúen a capa de ozono, como os clorofluorocarbonados, unha vez que os países do Primeiro Mundo deixaron de producilos en 1995. China tamén contribúe na actualidade co 12 por cento das emisións de dióxido de carbono do mundo, que desempeñan un papel fundamental no quentamento global do planeta. Se se manteñen as tendencias actuais -o aumento das emisións de China, a estabilización en Estados Unidos e a diminución nos demáis lugares- China convertirase no ano 2050 no líder mundial de emisións de dióxido de carbono, ata chegar a ser responsable do 40 por cento do total mundial.”

Jared Diamond: Colapso.

Informádevos sobre as proxeccións do documental en http://www.karmafilms.es/mesdelcinesolidario/

Fontes de enerxía

   As fontes de enerxía subdivídense en non renovables e renovables. A revolución industrial iniciouse co emprego de fontes de enerxía tradicionais, como o carbón, para pasar despois ó uso do petróleo, gas natural e enerxía nuclear.

Consulta unha web con información sobre fontes de enerxía, resume as propiedades de cada unha e clasifícaas segundo sexan renovables ou non renovables. Visita o blog “El fin del aceite del imperio”, sobre a crise enerxética que se pode producir coa caída da produción mundial de petróleo.

Le un artigo de Marcelino Fernández Mallo sobre a nosa dependencia enerxética, especialmente do petróleo. Entre outras cousas, di o autor: “O 76% do consumo enerxético de Europa procede de fontes fósiles, un 50% de petróleo e o 26% restante do carbón e o gas natural. Ademais do tremendo problema que supón o esgotamento destes recursos, debe subliñarse o feito de que representan a causa principal das emisións de CO2 á atmosfera, o que provoca o efecto invernadoiro e, consecuentemente, as ameazas medioambientais que asolan a Terra hoxe en día. ” Presta especial atención ó listado que se fai de enerxías renovables e resúmeas.

Le o seguinte artigo de José Manuel Sánchez Ron sobre a necesidade de replantexarse o uso da enerxía nuclear. Fai unha valoración crítica do mesmo. Pero  habemos de ter en conta que en Europa aínda permanece latente a lembranza de accidentes nucleares como o de Chernóbil, en Ucraína, que fixeron no seu día replantexar o uso desta fonte de enerxía.

Consulta a páxina web do INEGA e fai un listado das centrais de enerxías renovables e as súas características na túa provincia.