Arquivos da categoría Xeografía da poboación

España baleira

A viaxe literaria de Sergio del Molino pola España do éxodo rural -ben cartografiable– é un paseo polo declive rural. As cidades do éxodo, maioritariamente hiperpoboadas a partir do franquismo, opóñense a toda unha serie de pobos que quedan sen xente.

O cine e a literatura téñense inspirado na España interior, que é preciso descobrer neste libro apaixoante.

Poboación en Galicia

Desde hai anos asistimos a un constante bombardeo nos medios de comunicación sobre o “non futuro” da estrutura demográfica galega; a preocupación chega a ámbitos políticos e enúnciase en todo momento o problema demográfico da nosa terra como un dos máis acuciantes imaxinábeis.

Coido que é preciso tomar un pouco de perspectiva e comprobar que non hai motivos para un tal alarmismo, ben que o avellentamento da poboación galega é un éxito demográfico incuestionable -vencellado ás melloras alimentarias, sanitarias e hixiénicas que teñen prolongado notablemente a nosa esperanza de vida ao nacer, que case se triplica desde 1900 e chega agora a 82,9 anos [ver estudo sobre a esperanza de vida en España, de BBVA]-. Este avellentamento, por outra banda, é unha característica propia de todas as sociedades occidentais avanzadas, que xa teñen cumplido as diversas etapas do modelo de transición demográfica.

En efecto, a poboación galega en 2016 (datos provisionais do IGE) é de máis de 650.000 habitantes con respecto á de 1900. A densidade de poboación supera agora os 91 habitantes por quilómetro cadrado, fronte aos 70 de 1900.

demografia_galicia_1900-2016

O problema demográfico máis relevante está no desequilibrio entre territorios: as terras occidentais contan con ben máis poboación que as provincias orientais. Estas últimas (Lugo e Ourense), non deixaron de baleirarse desde 1950, cando o éxodo rural se acentuou e non deixaron de perder efectivos en todos os períodos de reconto intercensais. Nas provincias occidentais, en cambio, non hai recontos intercensais negativos; tan só o recente período 2011-2016 apunta a unha perda demográfica pouco significativa na serie histórica. A comezos do século XX, apenas 6 de cada 10 galegos vivían nas provincias de A Coruña e Pontevedra. En 2011, 3 de cada 4 residimos aquí. E ese é, en efecto, o grave problema demográfico galego: o desequilibrio territorial na distribución dos efectivos, a progresiva perda de vitalidade da Galicia interior.

O avellentamento é un éxito, ben que pode plantexar problemas de sostemento dos sistemas de pensións, ¿non si?

Desigualdades

mapamundi_poboacion

Segundo datos do Banco Mundial, máis de 7.300 millóns de persoas habitamos o planeta Terra en 2015. Pero esta cifra está desigualmente repartida, en función de diversos factores de orde natural e histórica:

a) O espazo habitado, o oikoumene, inclúe unha serie de fogares de poboamento que soportan densidades de poboación moi elevadas: o S e SL asiáticos -onde se concentran as principais potencias demográficas mundiais, China e India-, Europa occidental, Golfo de Guinea, val do Nilo, NL dos Estados Unidos de Norteamérica e SL de Brasil. Nestes lugares, o desenvolvemento histórico de civilizacións (hidráulicas, en casos como o exipcio, indio ou chinés; de ocupación antiga no caso europeo) ou a ocupación colonial máis recente de espazos que actuaron como focos de difusión cara a hinterlands interiores, ten facilitado a concentración demográfica, sobre todo en espazos litorais. A crecente litoralización das actividades económicas e urbanas explica o pulo de toda unha serie de megalópoles e aglomeracións urbanas nestes e outros espazos mundiais. Aos factores históricos hai que engadir, polo tanto, un factor xeográfico derivado do relevo: estamos diante de áreas baixas respecto do nivel do mar, próximas aos grandes portos de comercio que hoxe sustentan unha boa parte do tráfico internacional de mercadorías. Excepcións a esta norma atopámolas en zonas de latitudes baixas como a meseta de Anáhuac mexicana ou a rexión dos Grandes Lagos africanos e o macizo etíope, mesmo a meseta india do Deccan; a medida que se ascende en altitude, a temperatura media descende e facilita a concentración demográfica en áreas máis aptas para o cultivo. En todo caso, por debaixo dos 200 m de altitude e en latitudes tropicais e medias atopamos a meirande parte deste espazo densamente habitado. Excepcións feitas de casos puntuais, as maiores densidades demográficas do planeta concéntranse en aglomeracións urbanas, con cifras de varias decenas de miles de habitantes por kilómetro cadrado.

b) O espazo feblemente habitado ou deshabitado, o anoikoumene, está representado por aqueles lugares que ofrecen coercións naturais significativas: climas demasiado húmidos e cálidos en selvas ecuatoriais, climas demasiado áridos en zonas desérticas tropicais e de latitudes medias, climas demasiado fríos en latitudes altas do planeta ou ben en zonas montañosas elevadas; á beira dos climas, a propia orografía do terreo, que impide unha axeitada ocupación do espazo en zonas de moi forte pendente ou en zonas montañosas. Deste xeito, espazos como a Amazonía, o Sahara ou os Andes, xunto cos territorios da Antártida e os próximos ao Océano Glacial Ártico -malia que o ser humano xa ten chegado a todos os límites coñecidos da litosfera planetaria- constitúen exemplos salientábeis do espazo apenas habitado.

cartograma_poboacion_2015

O cartograma da poboación mundial de 2015 por Estados revela a importancia estratéxica dos fogares de poboamento asiáticos á hora de configurar a demografía do planeta; a metade da poboación mundial concéntrase en 8 países desta área: China, India, Pakistán, Bangladesh, Vietnam, Indonesia, Filipinas e Xapón.

Randall Munroe ten imaxinado que toda a poboación da Terra se podería concentrar no espazo do estado norteamericano de Rhode Island. E, se todos saltásemos a un tempo, a nosa influencia física sobre o planeta sería desestimable. Tamén se ten ocupado da demografía das fadas.

Contedores

Nestes días en que a afluencia de inmigrantes a Europa medra de xeito exponencial, convén lembrar aquela historia fabulada en torno ao senegalés Adrame -que viaxaba en caiuco na primeira década do século XXI cara a Canarias- no libro de Wolfgang Korn “A volta ao mundo dun forro polar vermello” (podes consultar aquí os diversos traxectos do verdadeiro protagonista do libro, a prenda de vestir, polo mundo globalizado).

Na obra, ademáis de analizar as penosas condicións de traballo das costureiras de Bangladesh, expóñense tamén outras consecuencias negativas da globalización económica. Á hora de abordar o tema, os grandes contedores e portacontedores semellan convertirse, para o autor, en verdadeiros símbolos da globalización, achegando produtos distantes a prezos baixos aos mercados do primeiro mundo. E, para iso, é preciso un tráfico de buques que se asenta, fundamentalmente, nos grandes portos do L e SL asiático, alí onde ten lugar a produción ou ensamblaxe de boa parte dos produtos industriais que abastecen ás nosas cadeas de grandes almacéns, ademáis de outros onde se agolpan milleiros de toneladas de mercadorías en disposición de ser consumidas.

portos_de_contedores_2012* Consulta un mapa de evolución dos principais portos de contedores do mundo entre 1989 e 2009.

Saldo migratorio

Ollando cunha perspectiva histórica os fenómenos migratorios desde finais do século XIX en España, semellan lonxanos os tempos da emigración masiva. Mais a coxuntura de crise económica recente fainos pensar en épocas que coidabamos esquencidas; e, se ben as cifras non representan porcentualmente o impacto que a emigración española a América ou a Europa occidental supuxo nos anos 1900-1930 ou 1960-1973, voltamos a unha época de saldo migratorio negativo segundo os datos oficiais do INE -que de seguro infravaloran o impacto real da nosa emigración actual. Xa deixamos de ser a España que acolle.

12_saldo_migratorio_espanha_2002-2013As cifras de inmigración, que durante un tempo tamén acadaron o valor da masividade, retráense e evidencian o maior impacto da crise económica nesta poboación, que comeza a retornar aos seus países de orixe (véxanse na gráfica os saldos negativos de 2010 e 2013 para identificar este fenómeno).

* Consulta as cifras de inmigración oficiais publicadas no Ministerio de Emprego.

* Tamén podes consultar os datos que publicamos recentemente en “Españois no mundo”.

Mercado laboral e desemprego

Os indicadores de traballo inclúen a poboación economicamente activa (empregados + desempregados, toda aquela poboación de 16 ou máis anos, que está traballando ou en disposición de facelo), en España en torno a 23 millóns de persoas, das que 17,5 millóns están ocupadas (datos do último trimestre de 2014). Tamén hai que ter en conta o subemprego, cando a ocupación en relación coas xeiras de traballo legalmente establecida é por enriba da norma ou cando o emprego -en relación coa cualificación profesional de cada quen- é inferior: Eurostat constata que España é dos países da UE con máis alto nivel de subemprego. Ha de terse en conta tamén a economía informal (na que os empregos carecen de algúns elementos básicos, como proteción sanitaria, estabilidade, relación laboral formal,…), que en España se incrementou moito tras o comezo da crise, acadando un valor en torno ao 25% do PIB recentemente. Os salarios reais en España teñen descendido desde comezos da crise, se ven na evolución a longo termo desde os comezos da democracia tiveran unha alza continua. E o salario mínimo interprofesional (SMI) tamén se ten estancado (+).

Cando se fala da estrutura laboral da poboación dun Estado, o primeiro que hai é que referenciar os distintos tipos de desemprego aos que nos referimos: cíclico (no que inflúen significativamente as épocas de expansión e retración económica xeral), estacional (cun exemplo ben característico no turismo, en España), estrutural (existente especialmente cando non se adecúan tecnicamente a cualificación dos empregados e as vacantes de emprego ofrecidas polo empresariado) e fricional (caracterizado pola “voluntariedade”, no caso de xente que deixa de traballar para descansar ou atopar un posto de traballo mellor que o anterior, entre outros exemplos, e que está relacionado coa inevitable formación continua e reciclaxe laboral á que, nestes tempos, todo traballador está exposto).

Un estudo recente do BBVA alertaba sobre a “normalidade” que, nun país como España, suporía unha taxa de desemprego do 17-18%, taxa que TRIPLICA A DOUTROS PAÍSES COMO ESTADOS UNIDOS E ALEMANIA. ¡Pobre consolación para un país que, a mediados da primeira década do século XXI, estaba por debaixo do 7% en taxa de paro, incluso en algunhas CCAA case no pleno emprego!

O problema enquístase, nos países do euro nos que máis impactou a crise de 2007-2008, por mor do desemprego de longa duración.

* Ollando os datos do INE respecto da EPA 2014.

* Ollando a EPA de 2014 desde un punto de vista sociodemográfico, en eldiario.es.

* Consulta a nota de prensa sobre a EPA do IV trimestre de 2014, publicada polo INE.

* Consulta unha publicación de UGT sobre a evolución do mercado de traballo en España.

Españois no mundo

Estado tradicional de emigración, España recupera a senda dos saldos migratorios negativos coa recente crise económica. No século XIX e na primeira metade do século XX cara ás ex-colonias americanas (na época de maior importancia das migracións transoceánicas), a partir dos anos 1960 cara á Europa noroccidental máis rica, España pasou de país emisor a receptor de emigrantes a finais do século XX e comezos do XXI… Pero a crise recente provoca de novo o cambio de tendencia: desde 2010, o saldo migratorio é negativo.

Aínda que non resultan de declaración obrigatoria, os datos do Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), informan claramente sobre a tendencia alcista á emigración de españois cara ao estranxeiro. E o dato proporcionado hoxe polo INE indica ás claras que, nos últimos anos, a emigración española ao estranxeiro increméntase seguindo unha fórmula anual case invariable de y=x+100.000, desde 2009:

11_residentes_espanhois_estranxeiro_2009-2015

Se examinamos a distribución desta migración internacional, aos lugares de sempre -os tradicionais asentamentos de españois en América Latina e Europa Occidental- veñen engadirse hoxe en día destinos novos que levan a impronta de países desenvolvidos (Canadá, Estados Unidos, Australia) [ver mapa]. É neses lugares onde se declara a presenza de máis de 10.000 españois -en cada caso-, o que non impide que haxa españois polo mundo en lugares ben máis exóticos. Outro dato: dos máis de 2.000.000 de españois polo mundo empadroados a comezos de 2015, case medio millón son galegos.

Como ben amosa un film de recente estrea, voltamos a Alemania, Pepe,… mais cunha preparación [ver feedback] !!!

* Consulta a nota de prensa do INE.

#Superpoboación

A Terra é un planeta con límites. O ser humano ten chegado a eses límites ao longo do século XX, e prepárase para explotar os recursos máis inaccesibles a comezos deste século XXI. Mentres tanto, a poboación non deixa de medrar. A #superpoboación convírtese na nai de todas as batallas. Porque máis poboación xenera máis demanda de recursos e máis esgotamento das reservas, máis emisión de dióxido de carbono á atmosfera -co conseguinte cambio climático-. Hai case 50 anos, Paul R. Ehrlich retomou as teses malthusianas en The Population Bomb para advertir, desde o punto de vista da bioloxía, da difícil sostibilidade dunha poboación crecente nun planeta de recursos limitados. E, anos máis tarde -xunto á súa dona Anne e J. Holdren-, propuxo a cifra de 2.000 millóns de habitantes como a poboación óptima do planeta, tendo acceso a un consumo enerxético un pouco inferior á media do dos países máis desenvolvidos actualmente. No planeta Terra vivimos hoxe máis de 7.000 millóns de persoas. As teses de Ehrlich foron desmontadas pola revolución verde, o conxunto de melloras xenéticas -acompañadas do emprego de fertilizantes químicos- que contribuiron a incrementar a produción de cereais en países como a India e Paquistán, e permitiron saciar cantas máis bocas se sumaban á mesa cada día. Recentemente, o xornalista científico Alan Weisman, retomando as teses dos Ehrlich, volve poñer enriba da mesa os perigos da superpoboación de cara a conservar os ecosistemas, a manter as condicións xerais da atmosfera e de cara á propia continuidade da especie humana. Faino en La cuenta atrás, un libro fascinante que analiza os éxitos e fracasos dunha morea de países canto á súa saúde reprodutiva. E propón o control da fecundidade como cabalo de batalla para lograr un planeta sustentable, no que non necesariamente prime a “economía do crecemento”, senón a “economía ecolóxica” -moitas veces compatible con devecer e adaptarse. * Consulta extractos do libro de Weisman aquí. E outro máis no recente artigo Sahel.

* Webs de interese: Population Matters, The Population Institute, Natural Capital Project, Population Council.

Sahel

“O Sahara é igual de vasto e monocromático que o Ártico, salvo que este último se está reducindo e o primeiro está medrando, concretamente en direción ao Sur, cara ao cinto de transición semiárido coñecido como o Sahel, que separa o deserto das sabanas tropicais de África central. Coma un cinto en torno á parte superior do continente africano, o Sahel ten uns 1.000 kilómetros de norte a sur no seu punto máis ancho; alomenos de momento. (…)

En Níxer cada muller ten unha media de entre 7 e 8 fillos, o que representa a taxa de fecundidade humana máis elevada do planeta. (…)

Níxer, un país sen acceso ao mar, é algo maior que Francia, Alemania e Polonia xuntas. Situado directamente ao Sur de Libia e Alxeria, as catro quintas partes máis septentrionais do seu territorio están constituídas na súa meirande parte por un deserto inhabitable. A meirande parte dos nixerianos viven máis ao sur, no Sahel, que moitos aínda lembran cuberto de bosques de acacias, prados e baobabs. Hoxe, cando a vexetación se murcha e as temperaturas son por termo medio entre 1,5 e 2º C máis elevadas que as de a década de 1990, teñen medo de que cada vez se pareza máis ao Sahara. (…)

O único que contrarresta a fertilidade de Níxer, a máis alta do mundo, é que a esperanza de vida do país é de cincuenta anos. (…)

Nen sequera en Occidente existe tecnoloxía algunha que permita domesticar o clima desbocado. ¿Teñen considerado a planificación familiar para reducir o número de persoas ás que as terras deben sustentar?

Os homes estouran de risa. “Aqui todo o mundo ten máis dunha muller”, di o sultán, que ten catro.

“Non se lle pode pedir a un pai que deixe de ter fillos sen darlle unha solución respecto de quen traballará na súa granxa”, protesta un ancián de turbante branco.

“Se tés fillos, Deus resposta ás túas necesidades -di o novo alcalde-. Eu mesmo teño trinta e tres.”

Alan Weisman: La cuenta atrás“.

* Pourra la Grande Muraille Verte donner un peu de soulagement?

Inmigración en España

Desde a década de 1990, a inmigración tense convertido en España nun fenómeno de importancia demográfica e económica. Segundo datos oficiais de xuño de 2013, no noso Estado hai uns 5.500.000 estranxeiros, isto é, case 1 de cada 9 residentes. No período 1991-2013, a proporción de estranxeiros residentes en España aumentou do 1% ao 12%. E isto, nun país que foi tradicionalmente foco de emigración –tendencia que se está a recuperar por mor da crise económica actual-. O incremento da inmigración ten consecuencias directas no repunte da natalidade e na estrutura do emprego en determinados sectores económicos. [Ver mapa de poboación estranxeira en 2012, xenerado en AUDES].

Os focos de atracción da inmigración correspóndense en todo momento coas áreas de maior desenvolvemento económico, que inclúen Madrid, o arco mediterráneo e as illas. Son as áreas que ofrecen maiores oportunidades laborais, antigamente na construción e agora na hostelería, o servizo doméstico e a agricultura intensiva.

O inmigrante-tipo correspóndese cun varón (aínda que no caso da inmigración centro e sudamericana predominan as mulleres) de 32 anos (se ben na inmigración procedente da UE hai un grupo considerable de persoas xubiladas) que traballa no sector servizos e procede, preferentemente, de Iberoamérica. Sen embargo, a situación xeográfica de España ás portas de África ofrece unha vía de entrada significativa para a inmigración subsahariana de cara ao espazo Schengen, moitas veces a traverso de rutas irregulares. [Ver gráfico de El País].

A actual Lei de Estranxeiría (2000) establece catro categorías administrativas dentro dos residentes extracomunitarios: a situación de tránsito, a estadía (aplicable a aqueles que non teñen vontade de permanecer en territorio español, e que afecta aos que, preferentemente por motivos de lecer ou negocios, non están máis de 3 meses no noso territorio -coa excepción explícita dos estudantes, que non se axustan necesariamente a este ritmo temporal-) e a residencia efectiva (ben sexa temporal -ata un período de 5 anos- ou definitiva e con carácter permanente).

12_migracions_actuais

Fontes demográficas e cálculos

A xeografía da poboación apóiase nas fontes demográficas para estudar as relacións entre poboación e espazo. As fontes demográficas máis significativas en España son:
– O Censo de Poboación,  reconto individualizado da población do Estado nun momento determinado (cada 10 anos, en todos os países europeos -agora nos anos rematados en 1-). O Censo recolle datos demográficos, económicos e sociais da población: sexo, idade, estado civil…
– O Padrón Municipal, rexistro dos veciños dos termos municipais. É unha fonte dinámica que tamén recolle datos demográficos, económicos e sociais da poboación. Actualmente informatizado, actualízase a 1 de xaneiro de cada ano.
– O Rexistro Civil recolle nacementos, matrimonios e defuncións. Con estes datos, o INE elabora os libros de Movemento Natural da Poboación.
Outras fontes demográficas son as estatísticas, que recopilan datos procedentes de variadas fontes, e as enquisas, que ofrecen información máis detallada. Entre estas destaca a EPA, enquisa sobre a poboación activa.

* ¿E se España fose un pequeno pobo de 100 habitantes? (vídeo do INE, 2012).

* Consulta unha presentación sobre cálculos elementais en demografía.

A poboación española

* Consulta a nota de prensa do INE sobre os datos do padrón municipal 2012.

1. Poboación activa é aquel sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar (16 a 65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desocupada ou desempregada.

2. A esperanza de vida é o cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Representa a experiencia potencial dun grupo hipotético de persoas. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A esperanza de vida é maior nas mulleres que nos homes, situándose en 2011 en 84,8 anos para as mulleres e 78,8 para os homes.

3. O réxime demográfico é un período correspondente ao modelo de transición demográfica cunhas determinadas características canto ao comportamento da natalidade e da mortalidade, coa conseguinte repercusión no crecemento natural ou vexetativo. No antigo réxime demográfico, as altas taxas de natalidade e mortalidade dan lugar a un crecemento vexetativo escaso; as altas taxa de natalidade están xustificadas polo predominio dunha sociedade agraria e tradicional, na que os fillos son considerados como man de obra, e na que a influencia sociolóxica da relixión comporta unha elevada fecundidade; por contra, a mortalidade é alta debido ás malas condicións hixiénicas e sanitarias, á deficiente nutrición e ás habituais guerras que dezman a poboación; dada a alta mortalidade infantil, a natalidade tamén é alta para compensar esta outra taxa. No réxime demográfico moderno, as taxas de natalidade e mortalidade son moi baixas, consecuencia a primeira dunha sociedade urbana con hábitos neomalthusianos de control da natalidade, e con índices de fecundidade e mortalidade infantil moi baixos; a mortalidade, baixa, tende a estabilizarse en valores que ás veces se elevan levemente, debido sobre todo ó avellentamento da poboación. España atópase actualmente no moderno réxime demográfico, como consecuencia de completar o proceso de transición.

4. Un censo de poboación é unha recompilación de datos relativos ao número de individuos que compoñen unha determinada poboación e as súas principais características. Trátase de datos de carácter variado (demográficos, socioeconómicos, socioculturais, etc.) recollidos, de xeito individual, entre todos os individuos que compoñen unha poboación, referidos a un momento dado (momento censal). Os censos, no seu sentido moderno, non comezan a se realizar ata o século XVIII, se ben en Europa non se xeneralizan ata o século XIX e a nivel mundial ata o século XX. En España, o primeiro censo data de 1857. Existe unha grande diferenza canto aos censos que se realizan nos distintos países, sobre todo entre os países desenvolvimos e os non desenvolvimos, tanto no referido aos contidos como aos sistemas de recollida de información, a periodicidade, criterios aplicados na recollida,… Partindo de 1857, os seguintes censos en España lévanse a cabo en 1860, 1877, 1887, 1897, 1900 e a partir dese ano e ata 1970 en todos os rematados en 0. Dende 1981 realizouse o último censo tomando como base censal a partir de agora os anos rematados en 1. Os censos completos e ben realizados permiten, ademáis dunha avaliación absoluta da poboación e a súa localización, analizar outros elementos demográficos, tales como a estructura biolóxica e socioeconómica e os movementos migratorios.

5. saldo migratorio é o resultado de poñer en relación inmigración e emigración nun determinado territorio. O saldo migratorio é positivo cando o número de inmigrantes é superior ao de emigrantes, e negativo cando a emigración supera á inmigración. España ten actualmente saldo migratorio positivo, mentres que nos anos 1960 e principios de 1970, por exemplo, exerceu de Estado no que predominaba a emigración.

6. A taxa de fecundidade xeral pon en relación o número de nacidos vivos co número de mulleres en idade de procrear, isto é, entre os 15 e os 49 anos. A taxa de fecundidade en España en 2005 situábase en 1,35 fillos por muller, isto é, por debaixo da taxa de reemprazo, estimada en 2,1 fillos por muller, signo do avellentamento da poboación española.

7. transición demográfica é un modelo que naceu no 1930 como unha descrición dos cambios demográficos acaecidos ao longo do tempo nos países desenvolvidos: transición dende unha situación de altas taxas de natalidade e mortalidade a outra caracterizada por un descenso delas. A finais da década de 1960 converteuse nunha perspectiva demográfica. Considéranse nela tres fases: unha primeira caracterizada por un crecemento natural bastante baixo, derivado de taxas de natalidade e mortalidade altas (antigo réxime demográfico); a segunda (transición demográfica propiamente dita) caracterízase pola transición a taxas baixas e capacidade potencial que se fai efectiva ao descender a mortalidade antes que a natalidade, permitindo un rápido crecemento demográfico; na terceira etapa (réxime demográfico moderno), a taxa de mortalidade acada o nivel máis baixo, mentres que a fecundidade pode continuar decrecendo ata dar co tempo lugar a un decrecemento da poboación. Os países desenvolvidos como España experimentaron o proceso completo de transición, aínda que os menos desenvolvidos non. Con respecto á Europa nórdica e occidental, sen embargo, España experimentou esta transición con certo retraso.

8. padrón municipal é -segundo se define nun decreto de 1971- un instrumento público e fehaciente a todos os efectos administrativos, que contén a relación dos habitantes dos termos municipais (nome, apelido e domicilio) con algunas das súas características. Censo e padrón amosan algunhas coincidencias pero tamén importantes diferenzas. O censo é un documento estatístico que reflicte o estado da poboación nun momento determinado; o padrón é un documento dinámico que debe actualizarse constantemente cos cambios de residencia e os orixinados polos matrimonios, nacementos, defuncións, etc… Se o censo se realiza cada dez anos, o padrón faise cada cinco, mais actualmente –debido á informatización do mesmo e como pon de manifesto a Lei 4/1996- os concellos remiten ó INE dixitalmente os resultados das altas e baixas municipais no padrón; ademáis, publícase por parte do INE un resumo anual dos cambios. Os padróns teñen que conter unha información mínima sobre a poboación do municipio; polo menos teñen que figurar os seguintes datos: nome e apelidos, situación de residencia, sexo, estado civil, parentesco ou relación co cabeza de familia, lugar e data de nacemento, nacionalidade, nivel de instrución e ocupación. O censo é un documento secreto e os seus datos só poden ser publicados de xeito global; o padrón, en cambio, é público. O padrón é responsabilidade dos concellos, mentres que o censo depende do INE.

Poboación en España

España: máis de 47 millóns de persoas a 1 de xaneiro de 2011 e unha previsión de crecemento de 2 millóns máis para o final da presente década, con ralentización da inmigración (a causa da crise económica) e avellentamento da poboación. Este avellentamento demográfico, aparentemente irreversible -consecuencia dunha taxa de fecundidade moi baixa, incapaz de cubrir a taxa de reposición-, é un problema que resulta patente hoxe en todo o Vello Mundo (o crecemento vexetativo en España é apenas positivo en 2009 -datos de Eurostat-, e xa resulta negativo en 10 dos 27 países da UE).

Máis da metade da poboación localízase en catro CCAA: Andalucía, Cataluña, Madrid e Comunidade Valenciana.

A poboación romena é a maioritaria entre a estranxeira inmigrante, seguida de perto pola marroquina.

Esta foto-fixa da actual situación demográfica en España é o punto de chegada do cambio demográfico producido desde mediados do século XX.

* Visualiza o resumo do informe España en cifras 2011, sobre poboación, editado polo INE.

* Consulta a web cartográfica do IGN destinada a informar sobre as características da poboación española.

* Infórmate sobre os censos de poboación na web do INE.

A censarse

2011, ano censal: un reto para o INE. Mentres tanto, as zonas rurais baléiranse, Galicia atáscase demográficamente

Superados os 46 millóns de habitantes segundo o España en cifras máis recente, a poboación española ten cambiado de estrutura notablemente ao longo do último século.

* Consulta unha interesante web con mapas e datos demográficos de España actualizados.

* O fenómeno das migracións en España está moi ben analizado na exposición “De la España que emigra a la España que acoge”, realizada pola Fundación Largo Caballero. Velaquí os seus audiovisuais.

Homenaxe a Delibes

Ven de morrer Miguel Delibes (1920-2010), un dos máis insignes coñecedores da flora e fauna de Castela, un dos literatos que acariñou a xeografía que pisou. En lembranza, deixamos algúns breves fragmentos de interese para a nosa materia, non sen ironía no caso do texto de “La hoja roja”.

“Pero este ano foi un castigo e a auga non deixou de caer perante o outono e non se pudo sementar. E cando, á fin, o arado pudo entrar nas terras baixas, xa era febreiro e os expertos dixeron: “É preciso sementar os trigos de ciclo curto.” E o Servizo facilitou a semente, pero unha vez sementado, levantouse o sol sobre os campos e para abril o cereal secou sen granar nen encanar, e para non perdelo de todo, as xentes do pobo meteron o gando nas terras para que pastase. Era a miseria, e para mitigar o problema, a Deputación dixo: “Votaremos un crédito extraordinario para reparar a estrada e resolver o paro.”

Miguel Delibes: “La mortaja”.

“As diminutas hortas da beira do arroio quedaron abrasadas pola xeada negra. Non obstante, os homes do pobo descenderon obstinadamente ás súas parcelas e sementaron as terras de herbas acedeiras, berros picantes, escarolas rizadas, chícharos tenros, apios, porros e cenorias temperás. (…) Un sol, aínda clemente, estabilizou a temperatura, e baixo as súas raiolas os cereais remataron de encanar e de granar e secaron en poucos días. No pobo, aumentou entón a actividade. A toda hora, os homes e as mulleres limpaban as eiras e preparaban os apeiros para a malla e, ao solpor, desinfectaban os graneiros dispostos para recibir o cereal. Sobre o ceo, dun azul intenso, voaron un día as cigoñas novas da torre anticipándose ao dito do defunto señor Rufo: “Por San Xoan, as cigoñas a voar”.”

Miguel Delibes: “Las ratas”.

“O vello Eloi sabía que o home é un animal de curta vida por longa que sexa a que se lle conceda. Xa de rapaz fixo uns cálculos e coñecía o promedio de vida normal dun home: 25.000 días, é dicir, pouco máis de medio millón de horas. Agora, o vello Eloi calculaba os días de vida dun home que morre aos 75 anos e chegou á conclusión de que rondaban os 27.375, que correspondían a 657.000 horas, ou sexa 39.420.000 minutos, ou sexa 2.365.200.000 segundos. Mais considerando que o home durme un promedio de oito horas diarias, que transcorrían nun estado de morte provisional, viña a resultar que o home que morre aos 75 anos vivira tan só 18.250 días, ou sexa 438.000 horas, ou sexa 26.280.000 minutos, ou sexa 1.576.800.000 segundos. Mais se descontaba, como era de lei, os días, as horas, os minutos e os segundos que o home pasa na inopia da primeira infancia, a vida consciente dun home que vive 75 anos reducíase a 15.695 días, ou sexa 376.680 horas, ou sexa 22.600.800 minutos, ou sexa 1.356.048.000 segundos. Afondando no seu caso concreto, o vello Eloi chegaba á conclusión de que vivindo ata os 75 anos, restábanlle por vivir 1.220 días, que correspondían a 29.280 horas, ou sexa 1.756.800 minutos, ou sexa 105.408.000 segundos. Moi pouca cousa no mellor dos casos.”

Miguel Delibes: “La hoja roja”.

“Home”

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) vense de estrear “Home”, a película que, a través das imaxes aéreas, e dirixida por Yann Arthus Bertrand, nos conciencia do papel complexo que xoga o ser humán no difícil equilibrio do planeta. Todo se acelera: a poboación triplícase nos últimos 150 anos, a enerxía dependente dos combustibles fósiles é maioritaria, os fertilizantes químicos contaminan o solo agrícola, as especies adaptadas aos climas desaparecen en beneficio doutras máis produtivas, moreas de plásticos invaden o espazo, fabricar carne antes que o crecemento natural dos animais é unha rutina, a nosa vida depende do petróleo, o automóbil reduce as distancias, o modelo dos países ricos esténdese por todo o mundo grazas ás imaxes da televisión, canto máis se desenvolve o mundo máis se acelera a demanda de enerxía,… Moitas verdades que doen e intranquilizan son expresadas a través da mirada dun fotógrafo que sempre se caracterizou por amosarnos a beleza.

O documental, na senda do Colapso de Jared Diamond, advírtenos da difícil compatibilidade entre  crecemento económico e equilibrio ambiental. Esta lección de xeografía xa dispoñible en youtube (en francés e tamén en español) é imprescindible para concienciarnos dos problemas ambientais dos nosos tempos, todos eles creados e ampliados pola man do homo sapiens.

O cambio demográfico español

piramides_1950_2001  

Ao longo do século XX constátanse varios sucesos demográficos que podemos consignar na superposición das pirámides de poboación de 1950 (en verde na imaxe superior) e a de 2001 (cos diversos grupos de idade en negro): a) en primeiro lugar, o crecemento xeral da poboación, que de case 28 millóns de persoas pasa  a case 42 millóns no medio século de referencia; b) o crecemento afecta especialmente ás idades adulta e vella, pois hai menos poboación xove en 2001 que en 1950, o que reduce o peso demográfico da xuventude (que pasa de ser o 26,32% ao 14,17% da poboación total no periodo analizado); c), polo tanto, do incremento da poboación vella dedúcese o incremento da esperanza de vida, que pasou de apenas 62 anos de media a máis de 78 neste peródo; d) o incremento da poboación adulta é consecuencia do final da transición demográfica -co estancamento da natalidade e mortalidade en valores en torno ao 10 por mil- a comezos da década de 1980 e tamén, nos últimos anos, polo incremento de poboación entre 20 e 44 anos que se incorpora ao noso mercado laboral por mor da inmigración; e) é palpable a existencia dun truncamento nas idades correspondentes aos non nacidos durante a guerra civil española -que se corresponden co grupo de 10 a 14 anos na pirámide de 1950 e co de 60 a 64 anos na pirámide de 2001-.

Ademáis, nas dúas pirámides pódese comprobar a maior taxa de masculinidade na poboación xove  (con valores medios en torno a 105 %) con respecto aos valores da poboación vella (que rondan o 50% no grupo de maiores de 85 anos en 1950), o que nos indica, globalmente, a maior esperanza de vida feminina. Non obstante, constátase que, en 2001, o número de varóns tende a igualarse ao de mulleres en máis grupos de idade -especialmente na poboación adulta xove, entre 20 e 44 anos, por mor do predominio da inmigración masculina- e, polo tanto, acrecéntase a igualdade na esperanza de vida entre sexos.

* Consulta os datos para elaborar as pirámides.

EPA 2008

 pob_activa_espana_2008  pob_ocupada_sector_20081  paro_ccaa_2008

O INE ven de publicar os datos correspondentes á Enquisa de Poboación Activa no cuarto trimestre de  2008, nos que se confirma a recesión no emprego e se pode comprobar o notable incremento interanual da cifra de parados. Un resumo do mesmo incide nos datos fundamentais que tratamos de expresar en gráficas. En conxunto, a taxa de actividade en España sitúase a finais de 2008 no 60,13%, mentres que a taxa de desemprego acada o 13,91% (con valores por enriba do 20% en Andalucía e Canarias), sendo superior nas mulleres (15,14%) e inferior nos varóns (12,96%), aínda que estes datos cambian moito segundo as CCAA.

Migracións en España

Desde finais do século XX, España converteuse nun Estado de acollida, un territorio de inmigrantes que incrementa a súa poboación de xeito continuo. Lonxe daquelas proxeccións demográficas que consideraban os 40 millóns de habitantes como un teito case infranqueábel, hoxe en día o incremento de poboación que provén de Hispanoamérica, o Norte de África ou o oriente europeo medra día a día, facendo que a poboación se achegue cada vez máis aos 50 millóns de habitantes.

Mais esta circunstancia non debe facer esquecer que o noso territorio foi no pasado lugar de emigración masiva en diversos períodos. Así se reflicte en artigos xornalísticos como os de Carlos Marichal ou La Vanguardia que che propoñemos resumir. Tamén debes consultar a exposición “De la España que emigra a la España que acoge”, organizada pola Fundación Largo Caballero, e esquematizar a partir dela as distintas etapas da emigración española -ademais de comprobar o cambio de signo migratorio no noso país-. Non perdas a ocasión de entrar nos materiais da profesora Josefa Otero para estudar a emigración en España ao longo do século XX.

Con toda esta información, redacta unha síntese do fenómeno migratorio en España. Non esquezas tampouco ver o vídeo musical que che propoñemos, coa letra da canción Papeles mojados, de Chambao.