Arquivos da categoría 2. Quebra da monarquía absoluta

Igrexa católica en España

Poucas institucións tiveron máis influencia na política e na sociedade españolas que a Igrexa católica. E aínda hoxe, nun Estado declarado oficialmente aconfesional, recibe un tratamento privilexiado, a causa do cal goza de axuda económica e apoios ben significados.

Mais a postura da Igrexa e dos seus xerarcas, ao longo dos séculos XIX e XX, ten cambiado a conta dos vaivéns políticos. De ter un predominio absoluto na vida cultural e política en tempos do absolutismo de Fernando VII pasou a recibir recurtes significativos, incluso no seu patrimonio -lémbrese a Desamortización-, durante a época liberal. Establecida na Constitución de 1869 a tolerancia relixiosa, pasou a estar contra a monarquía constitucional do Sexenio, para retornar a unha posición de privilexio en tempos da Restauración; de denigrar o papel do exército no desastre do 98, pasou a ser defensora do mesmo unha vez que Primo de Rivera accedeu ao poder -nun adianto do que o nacionalcatolicismo de tempos do franquismo reservaría para a institución: privilexio e relevancia-. Separada a Igrexa da sociedade civil por mor da Constitución de 1931, a xerarquía da mesma non dubidou en apoiar ás hostes franquistas na defensa dunha idea imperial de España asociada á relixión en todo momento. Mais os tempos do franquismo pechan alternancias na relación entre unha Igrexa que recibiu carta blanca no campo educativo e de “rexeneración moral” da sociedade, no contexto dun nacionalcatolicismo que servíu ao réxime para “maquillar” a súa estratexia inicial de apoio ás potencias fascistas que desencadearon a Segunda Guerra Mundial; pero tamén unha Igrexa que a partir dos anos 1950 cuestiona a política social e económica do réxime, que se inviste nalgúns casos concretos de apoio á diversidade cultural dunha España na que se reivindican antigos dereitos de autonomía.

A separación Igrexa/Estado non traumática -cando menos sobre o papel- sobrevén a partir da Constitución de 1978, se ben mantendo herdanzas canto aos privilexios outorgados a esta confesión. Sen embargo, é o momento recente no que se abandonan as políticas regalistas de distinto signo que se viñan practicando ao longo dos dous últimos séculos.

Toda esta evolución trázaa William J. Callahan para falar específicamente da Igrexa católica en España (1875-2002), nunha obra editada en España por Ed. Crítica.

* De seguro que para resolver ou aproximarte a composicións de texto como esta non che virán mal os fragmentos que directamente extractamos da citada obra de Callahan.

* Olla este vídeo sobre o poder da Igrexa católica en España.

* Consulta a web oficial da Conferencia Episcopal Española, institución fundada en 1966.

* Le este artigo de Vicenç Navarro publicado en febreiro de 2011 en elplural.com

Crise do bipartidismo

“Entre decembro de 1902 e xuño de 1905 só houbo unhas eleccións, as de abril de 1903, e sen embargo sucedéronse cinco Gobernos conservadores (…). O regreso dos liberais ao poder non significou unha meirande estabilidade gubernamental. Entre xuño de 1905 e xaneiro de 1907 o rei nomeou cinco presidentes do consello de ministros (…).

Nengún dos Gobernos conservadores e liberais dese período tivo a fortaleza e a vontade precisas para emprender un programa de reforma que necesariamente tiña que abordar… tres cuestións fundamentais: poñer fin ao poder arbitrario da Coroa para que os Gobernos dependesen das maiorías parlamentarias, e non ao revés; acabar coa manipulación electoral sistemática, un requisito imprescindible para integrar na vida política a amplos sectores da cidadanía; e transformar os partidos de notables en formacións modernas de masas que realmente representasen e encauzasen as demandas da opinión pública. Nengún salvo, quizá, Antonio Maura.”

Julián Casanova e Carlos Gil Andrés: “Historia de España en el siglo XX.”

“Unha das primeras e máis importantes orixes do mal que aqueixa á patria consiste na indiferenza da clase neutra. Eu non sei se o seu egoísmo é lexítimo, aínda que si sobran causas históricas para explicalo. O que digo é que non se fixo un
ensaio para chamalos con obras, que é a única linguaxe á que eles poden respostar; chamalos con obras vibrantes, para espertalos e conmovelos, para arrincalos da súa inanición e do seu egoísmo, para traelos pola forza á vida pública. Por iso dixen e repito que España enteira necesita unha revolución no goberno radicalmente, rápidamente, brutalmente; tan brutalmente que baste para que os que estean distraídos se decaten, para que ninguén poida ser indiferente e teñan que pelexar ata aqueles mesmos que asisten coa resolución de permanecer afastados (…).
Non; máis que nunca é agora necesario restablecer aquela xa case esquecida, tempo hai que se perdeu, confianza entre gobernantes e gobernados; e xa non hai máis que un camiño, que é a revolución audaz, a revolución temeraria desde o Goberno, porque a temeridade é, non obra do noso albedrío, senón imposición histórica dos alleos desacertos. Nunca sería fácil a revolución desde o Goberno, nunca sería recomendable, se poidese dividirse a facultade e esparxerse a obra no
curso do tempo; pero cada día que pasa, desde 1898, é moito máis escabrosa, moito máis difícil, e o éxito feliz moito máis incerto; e non está afastado o día en que xa non quede nin ese remedio (…).
Agora é preciso opoñer ás esquerdas que actúan na vida pública todas as dereitas e traelas con plenitude das súas forzas sociais á vida e á influencia do Estado. A política conservadora ten que adoptar os procedementos democráticos e
as garantías constitucionais e os dereitos individuais, que son agora a forza conservadora, a única que pode salvar á sociedade; por iso non hai nin sequera un só acto meu que non estea inspirado nesa convicción, e por iso creo que a política conservadora consiste en traer íntegramente todo o fondo social á influencia e á acción do Estado, de modo que a democracia comprenda absolutamente a acción íntegra das forzas de toda a nación, asistindo ao Goberno”.

Antonio Maura: “Treinta y cinco años de vida pública, 1902-1913″.

Na primavera de 1904 púxose en marcha definitivamente o Instituto de Reformas Sociais e abordáronse medidas relacionadas coa protección física e moral dos nenos, a inspección dos centros de traballo, o fomento das cooperativas ou o descanso dominical. Estas iniciativas apenas poideron sortear os obstáculos das trabas burocráticas, as dilacións parlamentarias e a resistencia dos grupos de intereses conservadores. Á oposición interna engadíanse as críticas de liberais e republicanos. A UGT pasou de 14.737 afiliados en 1900 aos 56.905 a comezos de 1905, medrando enormemente o movemento obreiro organizado. O exemplo da folga xeral de Barcelona de 1902 repetíuse nas zonas mineiras de Biscaia no outono de 1903. O Gobernador Militar de Bilbao sacou as tropas á rúa e declarou o estado de Guerra.

O rei Alfonso XIII, moi intervencionista, provocou a caída de Maura en 1904. En novembro de 1905, o semanario satírico catalán Cu-Cut! publicou unha caricatura sobre o exército que espertou as iras da guarnición de Barcelona, e varios grupos de suboficiais asaltaron os despachos e a imprenta da revista, acción que repetiron contra a sé de La Veu de Catalunya, o principal diario catalanista. O capitán xeral de Cataluña non condeou a acción violenta dos seus subordinados, que recibiron o apoio das autoridades castrenses de Sevilla e Madrid.

Medrou así un sentimento antimilitarista que propiciou a unión de todas as forzas de oposición en Cataluña para concorrer ás eleccións de 1907: Solidaritat Catalana conseguiu 41 das 44 actas en disputa.

As reformas electoral e social foron as frontes máis significativas do “goberno longo” de Maura (1907-1909), aprobándose a Lei de Reforma Electoral (que desligaba do poder político a confección dos censos, as composicións das xuntas electorais ou os dictames sobre as actas recurridas), a Lei de Administración Local (que ampliaba as competencias dos concellos e lles confería autonomía xurídica e persoalidade política independente), e medidas para tratar de diminuir a conflitividade social (creación do Instituto Nacional de Previsión en 1908, Lei de Folgas de 1909). Mais os liberais cambiaron a súa actitude de turno político co lema “contra Maura e a súa obra” despois de que este presentara no Congreso a Lei sobre Represión do Terrorismo -texto pensado para rematar cos atentados anarquistas a través de medidas excepcionais como a supresión de xornais e sociedades, ordes de desterro e penas de prisión para impedir a publicidade das ideas ácratas-.

A outra fronte do goberno Maura, que causará a súa definitiva caída, será a intervención en Marrocos e a represión na Semana Tráxica de Barcelona tras a folga xeral convocada nesa cidade contra o embarque de tropas destinadas ao Rif.

Canalejas, que accedeu ao goberno en 1910, impulsou un reformismo distinto ao de Maura. O seu proxecto baseábase na rexeneración social e cultural do pobo, no papel do Estado como protagonista da modernización da sociedade. Encarnou a nova orientación social do liberalismo en España, inspirado nas experiencias de Gran Bretaña, Bélxica ou Francia; este liberalismo de novo cuño promulgaba a intervención do Estado nas relacións sociais e económicas coa finalidade de mellorar as condicións de vida das clases traballadoras. Pretendíase unha democratización do réxime. Entre as reformas laborais aprobadas durante o mandato de Canalejas destacaron a lei da xornada máxima de nove horas na mineiría, a da aprendizaxe, a do descanso das mulleres nos establecementos comerciais ou a que regulou o traballo nocturno feminino; houbo importantes propostas sobre contrato de traballo, negociación colectiva, control de industrias perigosas ou seguridade social obrigatoria, aínda que a meirande parte delas estaba aínda en trámites parlamentarios cando foi asasinado. E tampouco se chegou a aprobar a lei de mancomunidades provinciais, o primeiro xesto de descentralización estatal, de sensibilidade cara ás demandas dos rexionalistas. En decembro de 1913, o Senado daría o visto bo á Mancomunidade de Cataluña, dirixida por Prat de la Riba.

Canalejas suprimiu o imposto de consumos e a reforma das quintas (Lei do Servizo Militar Obrigatorio de 1912, que aínda permitía a existencia de soldados de “cuota”).

“As folgas xerais, a ameaza de estouridos revolucionarios e o fracaso das vías de negociación pacífica truncaron as esperanzas de Canalejas dunha evolución reformista do movemento obreiro dentro dos cauces do marco constitucional monárquico. El mesmo foi unha vítima máis dese desencontro. O 12 de novembro de 1912 foi asasinado na Porta do Sol, fronte ao escaparate dunha librería, polo anarquista Manuel Pardiñas, que en realidade tiña pensado atentar contra o Rei. Tres disparos de pistola a queimarroupa. Os mesmos que quince anos antes remataran coa vida doutro presidente do Goberno, Cánovas del Castillo. Dalgún xeito, os dous magnicidios abrían e pechaban o período central da España da Restauración, o que ía da guerra sen cuartel en Cuba baixo o mando de Weyler á sinatura do protectorado español en Marrocos, das primeiras fisuras do sistema político ao final do último grande proxecto reformista, ao inicio da crise do réxime que Galdós definía en 1910 como “un armatoste de ruinas apuntaladas”.

Julián Casanova e Carlos Gil Andrés: “Historia de España en el siglo XX.”

Aínda que o ciclo bélico iniciado en 1914 coa Primeira Guerra Mundial -na que España se mantivo neutral-, debido ao auxe da demanda externa, xenerou na economía española un proceso espectacular con grande expansión industrial e comercial, a outra cara da euforia produtiva foi a elevada inflación -causante dun forte incremento dos prezos dos alimentos, sempre por enriba da alza dos salarios-, a crise de 1917 suporá un punto de inflexión definitivo para a lexitimidade do sistema político da Restauración. A ameaza pretoriana das Xuntas de Defensa, as demandas da Asemblea de Parlamentarios e a mobilización obreira da folga revolucionaria plantexaron un serio desafío ao Estado.

“En r€v€rsa”

Para que o vindeiro 2011 non permaneza en caída libre, e o afrontemos tod@s con maior optimismo en tempos de crise (non só houbo crise en 1898, incluso avezadas linguas contarán que a crise é perpetua):

Tú me prometiste una guaracha, para yo animar mi fiesta
Y me prometiste una maraca -oye- de un iguano y fruta seca; vaya usté a ver
Coro: ¿Dónde está la fiesta, la guaracha?
¿Dónde está la fruta seca?
Coro: ¿A dónde va el ordeño de la vaca?
Al bidón de las promesas. Tira la palanca y endereza.
Coro: Que la guagua va en reversa.
Oye, la guagua va en reversa.
Coro: Que la guagua va en reversa.
Tráeme la maraca y dame fiesta.
Coro: Que la guagua va en reversa.
Oye, la guagua va en reversa.
Coro: ¡Es que la guagua va…!

Tú me prometiste un té de tilo, para yo dormir mi siesta
Y me prometiste un cariñito -oye- para yo alegrar mi orquesta; vaya usté a ver
Coro: ¿Dónde está la siesta, el té de tilo?
La bollita de la orquesta.
Coro: ¿ A dónde va el ordeño de la vaca?
Pues al bidón de las promesas. Tira la palanca y endereza.
Coro: Que la guagua va en reversa.
Oye, la guagua va en reversa.
Coro: Que la guagua va en reversa.
Tráeme un cariñito de la orquesta.
Coro: Que la guagua va en reversa.
Mira, la guagua va en reversa.
Coro: ¡Es que la guagua va…!

Tú me decías que era chévere la guagua
con un timón hidráulico y motor de biela,
así que tira la palanca y pon un cambio,
y te aseguro, la guagua sienta, con la primera
Coro: Oh Oh
Con la tercera.
Coro: Oh Oh
Échale líquido de freno a esa hechicera
y ya verás cómo la guagua se endereza;
buena guagua va en reversa…

(…)

Rexeneracionismo

O sistema político da Restauración está impregnado de enganos que, conxugados co marasmo colonial en 1898, darán pé a un xeito crítico de pensar que coñecemos como rexeneracionismo. Esta ideoloxía trataría de promover a revolución desde arriba nun país no que a esperanza media de vida non chegaba aos 35 anos -moi por debaixo da media europea- e a meirande parte da poboación tiña que soportar difíciles condicións de vida; unha poboación cun 56% de analfabetismo e con catro de cada cinco persoas vivindo en núcleos de menos de 10.000 habitantes. Mais os intentos de reforma producidos entre 1902 -ano de ascenso ao poder de Alfonso XIII- e 1917 non deixan de ser, a dicir de Julián Casanova e Carlos Gil Andrés, “a crónica dun fracaso” que xa partía dun estado de cousas herdado de finais do século XIX:

“Un Estado centralizado con vocación de fortaleza, seguindo o modelo francés, mais incapaz de chegar a todos os recantos do país,salvo para extraer impostos e reclutas, e menos aínda de extender á meirande parte da poboación un proceso de nacionalización que amosaba graves carenzas. Entre os factores que explican esas limitacións, de acordo con autores como Núñez Seixas, hai que subliñar as divisións políticas e os enfrontamentos violentos que acompañaron ao proceso de construción do Estado liberal, o endebedamento crónico da Facenda, a falla de recursos para ofrecer servizos públicos e un desenvolvemento industrial tardío, localizado en rexións da periferia que non se correspondían cos centros de decisión política. Ademáis, o Estado español atopouse coa oposición da Igrexa católica fronte a calquera medida secularizadora que diminuise os seus privilexios, coa inxerencia constante do Exército na vida civil e cun sistema oligárquico e caciquil contrario ás reformas de carácter democrático, cunha capacidade de penetración social moi limitada pola pervivencia de poderes locais que actuaban con bastante autonomía. Un Estado, por último, que non amosou interese en promover a identificación nacional dos cidadáns e que tampouco contou cos instrumentos necesarios. O raquítico sistema educativo non foi capaz de impor un único idioma nin de extender os valores patrióticos e simbólicos da nación, unha tarefa unificadora que tampouco se realizou nos cuarteis, cun servizo militar odiadopolas clases populares.”

Julián Casanova e Carlos Gil Andrés: Historia de España en el siglo XX.

“O novo rexeneracionismo, isto é, o que aparece condicionado e definido pola experiencia do Desastre … tivera dous cauces iniciais de expresión: o manifesto do xeneral Polavieja -redactado, ao parecer, por Damián Isern e que viu a luz en data tan pronta como setembro de 1898- e a contestación de Joaquín Costa a unha consulta da Cámara Agraria do Alto Aragón -aparecida en novembro e concebida, de feito, como un manifesto que había de ter amplísimo eco.
En ambos textos -o de Polavieja e o de Costa- ponse o acento na esixencia de autenticidade: apelación a unha política de realidades, a unha atención preferente -ou exclusiva- cara ao que poderiamos chamar problemas estruturais. Polavieja pide que “á política das abstraccións sustitúa no Goberno a política agraria, a política industrial, a política mercantil”; pero, lóxicamente, pon o acento na urxente reorganización do Exército e da Mariña, no servizo militar obrigatorio ou na necesidade dunha política exterior “que remate co illamento nacional”. E tamén, trala experiencia de ultramar, na descentralización administrativa. Costa, con maior bagaxe doutrinal no seu apoio, lanza os seus enérxicos ataques contra a falsa política de superficie, sen contido práctico e eficiente.

Costa formula en consignas fulgurantes -“dobre chave ao sartego do Cid”; “escola e despensa…”- o artellamento duns obxectivos programáticos que poderiamos chamar de urxencia doméstica: plano de regadíos -a famosa política hidráulica-, restauración de bens comunais, impulso alfabetizador, protección eficaz ao cultivador e desenvolvemento da rede de comunicacións -especialmente dos camiños veciñais-. Este rexeneracionista é, sobre todo, o grande fustigador do caciquismo: a súa famosa enquisa sobre oligarquía e caciquismo marcará época. E tradúcese nunha airada condea -no fondo, profundamente inxusta- contra o que, segundo el, representaron Cánovas e o canovismo.”

Carlos Seco Serrano: “La renovación política: el regeneracionismo”, en P. Laín Entralgo e C. Seco Serrano (editores): España en 1898. Las claves del desastre.

“O movemento “rexeneracionista”, a idea de que España precisaba re-xenerarse, volver nacer, para ser o que aínda podía ser e non era, xurdíu no último tercio do século XIX como consecuencia de dous fracasos: un máis real, o da Primeira República respecto das esperanzas que no mundo liberal suscitara o triunfo da Gloriosa, e outro máis estimativo, a convicción de que a Restauración de Sagunto non resolvía en medida suficiente os males da patria. O paladín do rexeneracionismo foi Joaquín Costa, coas ideas político-sociais expostas en Teoría del hecho individual y social (1880), e máis eficazmente coa súa multiforme predicación ulterior e o seu resoante libro Oligarquía y caciquismo. Macías Picavea, Lucas Mallada, Luis Maroto, Julio Serrador e Damián Isern foron os seus máis destacados epígonos.”

Pedro Laín Entralgo: “La reacción de los intelectuales”,en P. Laín Entralgo e C. Seco Serrano (editores): España en 1898. Las claves del desastre.

“A grande preocupación de Joaquín Costa (1844-1911) céntrase en buscar solución aos problemas sociais e económicos. Para el, é un punto de partida imprescindible para o despegue posterior. Unha das bases que expón para iso é a necesidade de modernizar a cultura española e, á súa beira, a reconstrución interior do país, que sitúa fundamentalmente na potenciación da economía. A partir de ahí desenvolve unha serie de traballos, de clara denuncia, cunha particular reflexión en torno á agricultura, en obras como A terra e a cuestión social.

En similares plantexamentos móvese Ricardo Macías Picavea (1847-1899). Tamén el achaca a unha secular política equivocada a decadencia actual. Pero no seu caso o programa de reformas é moito máis amplo, xa que comprende prácticamente todos os aspectos da vida nacional. En ambos obsérvase claramente unha idea: o pouco eficaz que resulta a polémica ideolóxica. Ambos poden considerarse tamén un precedente da xeración do 98, aínda que coa diferenza de moverse sempre no terreo dunha alternativa práctica.”

Cristina Viñes Millet: “La cultura (1808-1939)”, en Javier Paredes (dir.): Historia de España contemporánea.

Houbo dous intentos de rexeneracionismo político desde dentro do sistema: a “revolución desde o poder” de Maura (1907-1909), seguindo o programa conservador; e o intento liberal-demócrata de Canalejas (1910-1912).

A “revolución desde o poder” de Maura era unha nova versión da “revolución desde arriba” de Silvela; traduce o empeño de identificar España oficial e España vital -segundo a terminoloxía posta en circulación polos intelectuais do 98-; aspira a facer efectiva a democracia. O proxecto de Maura plasmouse na Lei de Bases de Réxime Local, de orientación descentralizadora, que tende a dotar de iniciativa propia aos organismos locais, desconectándoos no posible das famosas oligarquías centrais. A honestidade pública e privada explican ademáis o carisma de Maura, aínda un mito para a tradición conservadora que chega ata o noso tempo. Pero a Semana Tráxica de Barcelona -na que as soflamas demagóxicas e anticlericais de Lerroux, líder da nova esquerda republicana, e o ímpetu destrutivo das organizacións anarquistas foron duramente reprimidas polo ministro da Gobernación, Juan de la Cierva, brazo dereito de Maura-, resultado da protesta popular contra o decreto de mobilización de reservistas para a guerra de Melilla, foi a causa da renuncia de Maura.

Canalejas aspira a un novo transaccionismo, entre os dous ciclos revolucionarios da época contemporánea: o liberal e o socialista. Responde de xeito non autoritario aos movementos de folga de 1910-1911, aínda que actúa con severidade cando o brote subversivo aspira a unha revolución no seo da forza armada -caso do chispazo na fragata Numancia-; abre cauce ás reivindicacións catalanistas mediante o proxecto de lei de Mancomunidades; logra facer prevalecer os dereitos de España nos foros internacionais, impoñendo freo e respeto a Francia tras a súa illada iniciativa en Marrocos e fixando a zona reservada a España no acordo sobre o Protectorado… Pero o seu asasinato en novembro de 1912 deixou truncada a esperanza de que o rexeneracionismo reformista superase os riscos dun rexeneracionismo rupturista.

O sexenio democrático

Velaquí o noso glog sobre o período 1868-1874:

Despois do triunfo da Gloriosa, e tras a curta estadía dun gafe no trono (así aparece calificado Amadeo de Saboia por Eslava Galán na súa historia para escépticos), a primeira experiencia republicana proclamouse en España o 11 de febreiro de 1873, mais a súa biografía foi pouco extensa. As causas hai que buscalas no escaso apoio popular e na falla de auténtico espírito republicano no conxunto da nación; tan só as clases medias urbanas estarían ao servizo do triunfo republicano. No seo do partido republicano coexistían dúas visións que se mantiveron fráxilmente aliadas: a da república unitaria de Castelar, e a federal de Pi i Margall -inspiradora do proxecto de constitución federal que o 17 de xullo de 1873 se presenta ás Cortes e non chegaría a promulgarse, e no que se establecía unha federación de 17 Estados e diversos territorios, cada un dos cales podía elaborar a súa propia Constitución de acordo cos principios da Constitución federal; establecíase ademáis un sistema bicameral no que o Senado sería cámara de representantes dos Estados e territorios, con catro senadores por cada un-.

As primeiras eleccións a Cortes na I República demostraron a debilidade do sistema que se viña de inaugurar. Radicais, monárquicos, carlistas e alfonsinos, incluso a Asociación Internacional de Traballadores (AIT), pediron a abstención. Apenas un 40% do censo de máis de catro millóns de persoas exerceu o seu dereito ao voto, o que levaría a un triunfo maioritario dos republicanos federalistas (343 dos 380 posibles); configurouse nesas Cortes a diferencia de inquedanzas entre benévolos (por así dicilo, á dereita do panorama republicano: Salmerón e Castelar) e intransixentes (Orense), máis extremistas; unha terceira tendencia, entrambos grupos, era a federalista de Pi i Margall.

<p style=”font:bold 23px/24px arial, sans-serif;letter-

Para a súa desgraza a República houbo de enfrontarse a conflitos internos: a continuidade da terceira guerra carlista e da sublevación colonial en Cuba, ademáis da sublevación cantonalista no interior, sur e leste peninsular. Este último conxugou os desexos descentralizadores cos revolucionarios das masas de obreiros e campesiños, sin que na meirande parte dos casos fosen da man. A partir de setembro de 1873, Castelar foi nomeado presidente dunha república agonizante, que tiña por único obxectivo o restablecemento da orde con apoio das forzas militares. Derrotado Castelar nunha cuestión de confianza, e reabertas as Cortes en xaneiro de 1874, o xeneral Pavía entrou no Congreso e isto deu pé á última fase do Sexenio democrático: a república presidencialista co goberno do xeneral Serrano, antes da Restauración da monarquía borbónica.

“Queridos correlixionarios: Non basta que conmemoremos a República de 1873; é preciso que nos sirva de lección e ensino. Se incorrésemos mañá nos mesmos erros que entón, recolleriamos os mesmos froitos: a República pasaría outra vez sobre a nación como unha tempestade de verán. Recordemos, lembremos aqueles días.

O día 11 de Febreiro de 1873 ocorreron en España gravísimos acontecementos. Un rei, dous anos antes elixido polas Cortes, recoñecéndose impotente para resistir ás ondaxes dos partidos, abdicou por si e polos seus fillos. Reuníronse nunha soa Asemblea o Congreso e o Senado, admitiron a renuncia do rei, despedírono cortesmente e proclamaron a República.

Veu a República oportunamente? Non; veu a deshora, viría oportunamente se a tivesen establecido as Cortes de 1869; veu cando, fatigada a nación por cinco anos de loitas, estaba máis sedenta de repouso que de novos ensaios; veu cando ardía a guerra civil no Norte de España e na illa de Cuba; veu cando estaba exhausto o Tesouro, tan exhausto, que os radicais deberan xa suspender o pago regular dos intereses da débeda. O Goberno da nacente República non puido cumprir as promesas que na oposición fixera: non puido nin reducir o exército, nin abolir as quintas, nin diminuír os gastos que ía agravando a guerra. Isto, polo pronto, acredita que non son sempre beneficiosos os cambios nin aínda para os que máis os anceian.

Aínda por riba, o primeiro goberno que se creou compoñíase de federais e progresistas, de progresistas que eran onte ministros do rei e hoxe ministros da República. Poderán ser boas as coalicións para destruír; para construír, coñezo por propia experiencia, que son detestables. Perdiamos o tempo en cuestións frívolas, pasabamos ás veces horas discutindo se a tal ou cal provincia habiamos de mandar un gobernador federal ó un gobernador progresista. Isto, polo menos, proba que non son sempre boas nin aceptables as coalicións.

Os progresistas obraron connosco de mala fe. Trece días logo de proclamada a República promovían unha crise no seo do Gabinete. Fundábana en que o Goberno, pola heteroxeneidade dos seus elementos, non podía obrar coa rapidez que as circunstancias esixían e en que nós non determinaramos os límites do noso federalismo. En balde diciámoslles que, non a nós, senón ás futuras Cortes Constituíntes correspondía marcalos; insistían en levar a crise á as Cortes, dicindo hipócritamente que non podía menos de resolverlla no noso favor posto que era racional e lóxico que rexesen a República os republicanos.

Tan hipócritamente falaban, que ao outro día atopamos invadido o ministerio da Gobernación por catrocentos gardas civís, o pazo do Congreso ocupado por un ó dous batallóns de liña, as cancelas do vestíbulo gardadas por centinelas coa baioneta na boca dos fusís. […]”

Francisco Pi i Margall: Discurso celebrado no café de Oriente de Madrid con motivo do 18º aniversario da I República, publicado por “El Nuevo Régimen” (semanario federal), o 18 de febreiro de 1891.

O finiquito á I República deullo o xeneral Pavía, que ocupou os puntos neurálxicos da cidade de Madrid naquela mañá de 3 de xaneiro de 1874, despois de perdida unha moción de confianza polo goberno de Castelar. Foi entón cando algúns gardas civís entraron no hemiciclo do Congreso dos Deputados e se produciu a liquidación da experiencia republicana. Aquela mañá viviuna así Pérez Galdós:

“Canso de correr en tonto polas rúas, onde non vía máis que tropas fríamente en liña e inactivas, sen ver asomar por nengunha parte a faciana iracunda do pobo; asqueado do indigno suceso histórico que chegou ao brutal consummatum sen dignidade pola parte ofendida nin arrogancia por parte dos asasinos da República, fun á miña casa coa esperanza de que un soño profundo afogase o meu desalento tristísimo e endozase a miña amargura …Pero os meus nervos opuxéronse feramente a que durmise…Nas rúas non advertín o menor síntoma de inquedanza nin emoción e todo o mundo nas ocupacións habituais de cada día”.

Con Isabel II

Velaquí o noso glog sobre as Constitucións no reinado de Isabel II (1833-1868):

“O reinado de Isabel II rematou como tiña comezado. Unha insurreción militar en 1843 levara á nena ao trono tras adiantar a súa maioría de idade e outro levantamento destronaba á muller en 1868. Entre unha data e outra, a manía revolucionaria do pronunciamento fixera imposible o respeto ás institucións políticas, impugnadas unha e outra vez polos que dicían respetar á nación. A lexitimidade do Estado viuse mutilada, ademáis, polos tradicionalistas, que imbuidos da mesma retórica de patriotismo, honor e sacrificio levaron a loita da Igrexa contra a modernidade aos campos de batalla. O recurso ás armas daríalles o seu panteón de heroes.”

Fernando García de Cortázar: “Los mitos de la historia de España”.

“Ninguén crea que as corruptelas en España son asunto do noso tempo. Os casos que agora nos dan labazadas desde os medios de comunicación son pantuflas chinesas comparadas cos pelotazos que se daban a mediados do século XIX co beneplácito da súa oronda maxestade Isabel II. Os desmáns daquela corte dos milagres financeiros para un grupo de corruptos con levita e chisteira acabaron provocando o que sucedeu o 28 de xuño de 1854: “a Vicalvarada”.

A Vicalvarada foi un pronunciamento militar para apear do goberno a un tipo que non se ía nin con auga quente: Luis José Sartorius, un individuo que chegou a presidente grazas a que o nomeou Isabel II, pero sen que ninguén coñecese os seus méritos. O seu traballo era tapar as corruptelas de xentes como a nai da raíña, María Cristina de Borbón, e do seu home, Fernando Muñoz, duque de Riánsares; mais sobre todo as do marqués de Salamanca, que cos seus turbios negocios fíxose co monopolio do ferrocarril en España. E aquí estivo o detoante da Vicalvarada.

Sartorius quixo rectificar a lei de ferrocarrís no Senado para que as subvencións fosen máis transparentes, pero coa condición de que non se tocase o feito ata entón. É dicir, que se confirmasen as concedidas e que non se investigase nin a quen nin como se tiñan concedido. O Senado contestou que non, e que fixo Sartorius? Pechou as Cortes e destituíu aos que tiñan votado contra da súa lei. Cun par. O escándalo foi de órdago, pero Isabel II mantivo no poder ao seu “favorito imbécil”, como xa coñecía o populacho a Sartorius.

O ambiente foise quentando e o exército acabou pronunciándose para derrocar ao goberno no pobo madrileño de Vicálvaro, de ahí o de “Vicalvarada”.

Nieves Concostrina: “Menudas historias de la historia”.

A nivel económico, no reinado de Isabel II afírmanse os principios básicos do sistema liberal: a liberdade económica, a igualdade ante o fisco e o dereito de propiedade. Como recoñecen Albert Carreras e Xavier Tafunell, a revolución liberal tivo como unha das súas principais finalidades o establecemento dos principios do liberalismo económico, coa erección dun novo marco xurídico-institucional no que puidese desenvolverse o capitalismo libre de trabas normativas. O sistema liberal non se pode dicir que triunfase ata 1839, ao producirse a derrota dos defensores irreductibles do absolutismo. Na alianza entre burguesía e nobreza para acabar cos rescoldos do absolutismo, os principais perdedores foron as capas baixas do campesiñado, a Igrexa e os concellos.

Dentro dos piares da revolución liberal, a desamortización civil e eclesiástica é o aspecto da reforma agraria liberal ao que se ten prestado máis atención. O volume de terra transferida representou o 20% do territorio español e o 40% da terra cultivable, o que afectaba a máis de 600.000 fincas. A desamortización consistiu na apropiación por parte do Estado das terras pertencentes á Igrexa e aos concellos (en principio, as terras municipais chamadas de propios, que eran aquelas que tiñan un aproveitamento individual en virtude de arrendamentos ou censos). Despois de ter sido nacionalizadas e taxadas, procedeuse á súa venda pública ao mellor postor; foi, polo tanto, unha nacionalización seguida dunha privatización. O Estado embolsou o importe das vendas, dando a cambio ás institucións expropiadas unha compensación económica; no caso das institucións eclesiásticas, esta consistiu nunha dotación regular para o seu mantemento; os concellos recibiron títulos de débeda pública a cambio dos seus bens raíces. A desamortización inclúe varias leis: a de 1798, con Godoy, aínda vixente o absolutismo; a de 1836 aprobada polo goberno Mendizábal; a de 1841 (xa preparada en 1837), baixo a rexencia de Espartero; por último, a desamortización xeral promulgada en 1855 por Madoz –que declarou nacionalizados e en venda todos os bens, con poucas excepcións, que non pertencesen a persoas físicas ou sociedades mercantís-.

A desamortización non cambiou sustancialmente a distribución da propiedade; onde estaba concentrada, acentuouse a concentración; onde estaba dispersada, a grande propiedade non avanzou. Grazas á desamortización ampliouse considerablemente a superficie de cultivo e a produtividade agrícola, en detrimento de pasteiros e bosques -o que provocou a decadencia da gandería durante máis de medio século-.

Xunto coa desamortización, outra medida importante da reforma agraria liberal é a abolición do réxime señorial. Con ela, os señores perderon as súas xurisdicións e unhas prestacións señoriais que, en xeral, tiñan escaso valor; mais, a cambio, conservaron e ensancharon os dereitos de propiedade sobre a terra.

En 1841 promulgouse a lei que puxo fin á institución feudal dos morgados. Os nobres continuaron a ser propietarios da integridade dos seus patrimonios, que pasaron a ser bens de libre disposición.

Na configuración da orde liberal tivo grande importancia a supresión do décimo, abolido legalmente en 1837; isto, que podería ter suposto un quebranto para a Igrexa, non foi así por mor dunha lei que en 1841 instauraba a partida orzamentaria chamada “de culto e clero”, destinada ao sostenemento económico da Igrexa. O Estado asume así a financiación eclesiástica, aspecto que fixo preciso incrementar a presión fiscal -conforme ao establecido na reforma tributaria de 1845-.

Unha das accións legais máis importantes foi a eliminación da Mesta e os seus privilexios (1836), cando a institución acabou convertida en Asociación Xeral de Gandeiros do Reino. Tamén foi importante o peche de todas as fincas, peche legal -non necesariamente físico- que equivalía a prohibir que o gando accedese a terras alleas para alimentase dos rastroxos existentes tras a colleita. Asimesmo, a despatrimonialización da auga e a desamortización do subsolo tamén foron medidas importantes, igual que a disposición legal para implantar a liberdade de arrendamentoAbolíronse os gremios e promoveuse a reforma tributaria.

A reforma tributaria de 1845 baseouse na universalidade, equidade, legalidade, suficiencia e sistematicidade. Segundo estes principios, cada cidadán debía contribuir ás arcas públicas de xeito proporcional aos seus ingresos. O cadro impositivo establecido en 1845 armouse cuns poucos impostos directos derivados da fiscalidade da Coroa de Aragón, máis outros poucos indirectos inscritos na tradición tributaria de Castela, máis o de aduanas e algúns monopolios fiscais. Os impostos directos gravaban as fontes xeneradoras de renda -agricultura, industria, actividades profesionais, etc.-, en lugar dos ingresos totais obtidos polos individuos ou familias e as empresas. A máis importante destas contribucións de produto era a de “inmobles, cultivo e gandería”, coñecida como contribución territorial; en segundo lugar estaba a contribución industrial e de comercio, pola que tributaban os sectores secundario e terciario. Os impostos indirectos recaían sobre todo sobre os bens de consumo (monopolios fiscais como os estancos de tabaco e sal, a lotería,…). Mais a defraudación e a falla de flexibilidade e equidade do sistema tributario ocasionaron a súa insuficiencia. Os ingresos ordinarios do Estado non bastaban para cubrir os gastos correntes, de maneira que o orzamento estatal  de toda a segunda metade do século XIX mantivo un déficit persistente, estrutural. O déficit orzamentario enxugábase coa débeda pública.

Constitución de 1812


A Constitución de 1812 é a peza fundamental do que podemos considerar a revolución liberal iniciada en España a comezos do século XIX, sobre todo na orde xurídica, pois foi deste xeito como afectou de inmediato á orde política; máis lentamente desenvolveríase a transformación socioeconómica do Estado, coa supervivencia ata o século XX dalgúns signos de identidade da sociedade señorial.

A Xunta Central Suprema creada para dirixir o goberno que había de oporse á invasión napoleónica, inicialmente establecida en Aranjuez -e posteriormente trasladada a Sevilla por mor da invasión francesa; finalmente instalouse na illa de León, en Cádiz-, pretendía representar un poder único que gobernase en nome de Fernando VII, en aras de conseguir unha meirande efectividade no enfrontamento con Napoleón. As súas pretensións eran asumir a soberanía e fundar a súa lexitimidade na vontade colectiva, mais foi perdendo credibilidade e foi sustituída por un Consello de Rexencia que preparou a primeira reunión das Cortes que posteriormente redactarían o texto constitucional finalmente promulgado o 12 de marzo de 1812. No seo desas Cortes, de variada representación, conviviron diversas tendencias ideolóxicas, entre as que cabe citar aos partidarios do Antigo Réxime (absolutistas, “servís”), os afrancesados, os jovellanistas e os liberais -finalmente predominantes, en parte debido ao método de elección de representantes por circunscripcións, pois a representación de moitas provincias conservadoras do interior foi asignada a residentes en Cádiz desta tendencia-.

Como resultado das Cortes xurdíu unha Constitución de orixe popular (aínda que sen participación do Rei, o texto xurde da Nación), extensa (os seus 384 artigos confórmana como a máis longa da nosa historia) e ríxida (os trámites para modificala son variados: unhas Cortes propoñían a reforma; as Cortes seguintes examinaban tal proposta; unhas terceiras Cortes, dotadas de poderes especiais, aprobábana definitivamente; para todos estes trámites eran esixibles prazos e maiorías de dous tercios). Os principios da Constitución de 1812 son: a soberanía nacional; a división de poderes; a representatividade da Nación a través dos deputados.

“A reforma política comezou na propia sesión inaugural das Cortes, na que Muñoz Torrero pronunciou un discurso programático defendendo os principios da soberanía nacional e división de poderes, básicos na construción do Estado liberal. En apenas unhas horas, aceptáronse sen discusión e quedaron plasmados no primeiro decreto de Cortes do 24 de setembro de 1810. (…)

Tres días despois da inauguración das Cortes, e no seo da discusión dos dereitos e deberes do cidadán, deuse un dos debates políticos máis importantes das Cortes: o da liberdade de imprenta, esencia de todas as liberdades de expresión. Aínda non se producen os choques frontais que se darán a mediados de 1811, cando se debata a Lei de Señoríos ou o proxecto constitucional, pero xa se observa unha toma de posicións disidentes debido a que a liberdade que se concedía estaba limitada ao campo das “ideas políticas”.

Se existe unha chave política do que significou a revolución liberal, esta sen dúbida tena a Constitución de 1812. O proxecto foi encargado a unha comisión constituída o 24 de decembro de 1810 (por cinco liberais e sete conservadores) e presidida por Muñoz Torrero.”

Mª Parias Sainz de Rozas: “La revolución liberal española”, en “Historia contemporánea de España (s. XIX)”, coordinada por Javier Paredes.

“A Constitución, desde a data da súa publicación ata o retorno de Fernando VII do cautiverio, tivo unha aplicación limitada por varios motivos fácilmente explicables: unha grande parte do país estaba aínda ocupada polos franceses; a atención pública achábase absorbida pola guerra; finalmente, estaba ausente un dos principais protagonistas do xogo constitucional: o Rei. O retorno deste trouxo consigo unha derogación inmediata da Constitución considerada como contraria ás antigas Leis do Reino e depresiva para a dignidade e autoridade do Monarca. Fernando VII, nun Decreto dado en Valencia, o día 4 de maio de 1814, afirmaba, en termos netamente condenatorios, que as Cortes de Cádiz tiñan sido convocadas “dun xeito nunca usado en España”; que os Deputados elixidos de maneira dudosamente regular, despoxaran ao Rei da súa soberanía “atribuíndoa nominalmente á nación para apropiarse dela eles mesmos”; que a nova Constitución, copia da francesa de 1791, alterara “case toda a antiga Constitución da Monarquía española”; que o texto de 1812 fora discutido e votado baixo ameazas e violencias: por todo isto, tanto a Constitución como os Decretos aprobados polas Cortes que atentasen contra a soberanía do Rei, declarábanse “nulos e sen nengún valor nin efecto, agora nin en tempo algún, como se non tivesen acontecido nunca tales actos”. A derogación da Constitución supuxo, con certos retoques impostos polo tempo e as devastacións da guerra, o restablecemento dun réxime absolutista que se prolongou ata 1820.”

Joaquín Tomás Villarroya: “Breve historia del constitucionalismo español”.

* Visita o portal de Cádiz 2012, con motivo do bicentenario das Cortes de Cádiz nesa cidade celebradas.

Un ano “perigoso”

Como dixemos en clase, ben se podería catalogar o período 1807-1808, desde o momento da sinatura do Tratado de Fontainebleau ata a constitución da Xunta Central Suprema, como un ano que vivimos perigosamente, en lembranza dunha banda sonora de Vangelis que nos ten gustado moito. A reacción espontánea do pobo contra a “invasión silenciosa” -mais ben prevista- do exército napoleónico (“a presenza do exército francés en territorio español, que en principio non se vía con hostilidade, converteuse en indesexada ocupación cando o emperador [Napoleón] cambiou o plano do “proxecto portugués” polo da conquista da península, segundo nos conta Jover Zamora) foi ben plasmada por Goya no seu momento, cos grandes óleos da Loita dos mamelucos e os Fusilamentos na montaña de Príncipe Pío. Tamén José Luis Garci recrea a resistencia madrileña en Sangue de maio (olla on-line parte do film en cinetube.es).

O período entre 27 de outubro de 1807 e o 25 de setembro de 1808 deixounos, ademáis, un descontento popular plasmado no motín de Aranxuez, a proclamación do irmán de Napoleón como rei de España e o primeiro texto constitucional – a xeito de Carta outorgada da nosa historia contemporánea. Pódese pedir máis en tan pouco tempo? Seguramente non, salvo que decidamos continuar coa guerra da independencia.

* Olla un comentario de texto sobre o Tratado de Fontainebleau elaborado por http://www.profes.net

Unha imaxe de Alisal

Na igrexa maior de San Fernando, o 24 de setembro de 1810, ás nove e media da mañá, os deputados formados co Consello de Rexencia, xuraron, neste reducto da illa de León (actual provincia de Cádiz) non conquistado polas tropas napoleónicas, recoñecer a relixión católica como única do reino, conservar a integridade da nación española, recoñecer a Fernando VII como o seu soberano e respetar as leis de España -mellorándoas no posible beneficio da nación-.

Esta escena, recreada nas celebracións de 200 anos despois, foi pintada en 1862 por Casado del Alisal nun grande lenzo de case 12 metros cadrados, hoxe presente no Congreso dos Deputados de Madrid. Na obra, o cardeal D. Luis María de Borbón preside a misa, mentres ao seu carón D. Nicolás María Sierra -secretario do despacho de Graza e Xustiza- toma xuramento aos deputados presentes. Os deputados representativos do Terceiro Estado sitúanse nun plano inferior ao dos símbolos da realeza e a Igrexa, que están realzados sobre a escalinata.

Este acto é previo á aprobación, no Teatro das Cortes, dos principios que constituirían o xermolo da Constitución de 1812, amparando a soberanía nacional e a división de poderes.

* Consulta un material didáctico específico para segundo ciclo de ESO elaborado con ocasión deste evento.