Seca

Falar neste intre -xusto cando o tren de borrascas se ceba sobre Galicia con ventos fortes e precipitacións intensas- da seca na nosa comunidade é case levar a contraria. Pero ímoslle poñer cifras a este período de oito meses continuados con escasa precipitación en Galicia:

t_p_a_corunha_2016-17

A observación das temperaturas medias na estación meteorolóxica da Torre de Hércules en A Coruña indica unha continuidade clara con respecto dos valores medios do período 1981-2010 (a media térmica foi de 15,9 ºC, mentres a media do período de referencia foi de 15,96ºC). Por contra, o déficit de precipitacións é ben significativo (apenas 51% das precipitacións medias do período sinalado).

En Galicia estamos acostumados a que chova a cotío. E agora comprobamos que chove menos, máis intensamente concentrado e con incremento significativo das alertas meteorolóxicas. Igual é que hai que ir acostumándose ás consecuencias do quecemento global.

Como resultado disto, os encoros das distintas confederacións hidrográficas da nosa terra (Miño-Sil, Galicia-costa) e mesmo outras tributarias dalgún río galego como o Navia (a do Cantábrico occidental) téñense resentido nos seus niveis de aforo. O ano hidrolóxico -que comeza en outubro- iniciouse aínda en niveis aceptables (se ben na cunca do Lima se detectaba unha escaseza xa evidente -36% de aforo con respecto ao 56% de media-); a medida que o outono e comezos do inverno chegaron, o aforo diminuíu de xeito significativo. Velaí algúns datos a modo de exemplo: en xaneiro de 2017, o aforo de Belesar situábase no 24,71% (fronte ao promedio histórico de 59,71%); o do encoro de As Conchas, no 31,78% (fronte ao 51,47% de promedio histórico).

Nestas circunstancias, a choiva é necesaria e benvida!

Retrógrado

meteo_19_xan_2017
Estes días estamos a padecer unha advección de aire polar continental, procedente de Siberia. Trátase dunha masa de aire fría e seca, que descende en movemento retrógrado cara ao SO de Europa. Mentres en altura se produce unha valgada que se extende desde Rusia oriental ata a Península Ibérica, en superficie, unha alta presión moi intensa (con 1041 mb, centrada na Grande Chaira Europea, á altura de Alemania e Polonia) bloquea a circulación de ventos do Oeste e unha baixa presión sobre o Mediterráneo (neste caso, ao S de Italia) envía ventos húmidos cara aos Pireneos e o Levante. En consecuencia, o aire siberiano canalízase entre a alta e a baixa presión para provocar un notable baixón das temperaturas. Velaquí o mapa térmico previsto para xoves 19 de xaneiro ás 7.00 a.m.:temperaturas_19xan2017_700.

Ríos atmosféricos

A partir dos estudos con satélites e radares, a partir da mellora dos modelos meteorolóxicos, coñecemos hoxe en día algo máis sobre os ríos atmosféricos, auténticas autoestradas de vapor de auga que poden mover inxentes cantidades de caudal a velocidades sorprendentes. Sobre varias rexións do planeta Terra ten lugar este transporte que leva o 90% do vapor atmosférico desde os trópicos cara aos polos.

E estes días, ríos atmosféricos procedentes do Golfo de México teñen bañado con intensidade a nosa terra, a “terra dos mil ríos”.

Norte…

Esta mañá levanteime escoitando bater o vento (bater, que non zoar). Esperanzado nun cambio de tendencia tras esta situación anticiclónica de bloqueo tan continuada de novembro -con impropias temperaturas para a estación-, e alertado sobre a acción inmediata que a “vasoira meteorolóxica” (expresión de José Miguel Viñas) ía exercer sobre o noso territorio cunha advección de aire polar, saín á rúa e advertín que facía fresco -que non frío-, que o vento rachara ponliñas e tumbara follas, que caían pingueiras espalladas -mais non en exceso… ¿Por que?

Non semella esta unha situación Norte intensa, máis ben atenuada. Pero algo é algo, diante de tanto quentamento global.

San Martiño

As temperaturas medias elevadas nesta época do ano sorpréndennos e déixannos diante da dúbida de como pode estar a afectarnos o quentamento global. A nosa percepción da realidade climática pode errar, mais semella claro o incremento da virulencia de fenómenos extremos (non só as inundacións, os tornados, os furacáns, tamén os episodios de picos de calor). O IPCC xa o ten ben advertido, e está claro que as teorías climáticas actuais dificilmente serán capaces de explicar calquera anomalía que poidamos detectar no acontecer meteorolóxico.

Hai días cuestionábame diante dunha compañeira se verdadeiramente El Niño pode estar detrás dos incrementos térmicos deste outono de 2015 –como se ten suxerido nalgún medio de comunicación. Pero ben pode chegar o momento en que as anomalías sexan tan normais que nos teñan que facer replantexar as ferramentas coas que hoxe definimos as propias estacións e variables climáticas.

Por outra banda, tradicionalmente, o veranciño de San Martiño – non necesariamente coincidente co Indian Summer de Norteaméricaé un episodio de tempo estable intercalado -no hemisferio Norte- entre as perturbacións habituais do outono. As temperaturas medias na Península Ibérica, esta vez, acadaron máis dos 25ºC no segundo fin de semana de novembro.

Altas e baixas presións

A atmósfera é un sistema global, composto por millóns e millóns de partículas que interactúan continuamente. Estudar as súas variables esixiría unha observación minuciosa en múltiples puntos para chegar a establecer unha predición meteorolóxica completamente fiable. Hoxe en día, as predicións a 2 ou 3 días son de grande fiabilidade; a partir de aí, o risco de erro dos modelos predictivos multiplícase de xeito notable.

“A presión en todos os puntos da atmosfera non é igual, existen centros de baixas e altas presións. O ar tende a moverse cara aos centros de baixas presións e a escaparse dos de altas presións. Debido a que a Terra xira, prodúcese unha forza lateral chamada forza de Coriolis. Deste xeito, as traxectorias das correntes de ar vense curvadas formando espirais, remuiños. (…)

A forza de Coriolis depende da latitude á que se estea, sendo máxima nos polos e cero no ecuador. Tamén cambia de signo segundo se estea no hemisferio norte ou sur, polo que un anticiclón no hemisferio norte xira no mesmo senso que unha borrasca (ciclón) no hemisferio sur.”

Javier Fernández Panadero: ¿Por qué el cielo es azul?

Contraste / Lamento

“A Península Ibérica posúe unha complexa orografía e un relevo moi accidentado, o que, ademáis de reducir as posibilidades de cultivo, tivo outra consecuencia transcendental como é dificultar o transporte e os intercambios. A topografía impuxo grandes obstáculos ao transporte interior na época preindustrial, a causa dos fortes desniveis, as acusadas pendentes e os pasos accidentados en desfiladeiros e canóns, o que facía máis difícil e máis costoso que no resto do continente o mantemento de estradas e camiños e máis frecuente o bandoleirismo e a inseguridade. Outra consecuencia desta topografía torturada e dos obstáculos nas comunicacións foi unha acentuada fragmentación territorial da actividade económica. A finais do Antigo Réxime, España era un dos países con pior estrutura viaria de Europa. A finais do século XIX, o atraso seguía a ser evidente.”

J. Maluquer de Motes: La economía española en perspectiva histórica.”

Non debeu pensar moito niso Ibn ‘Arabi, o mestre sufí de orixe murciana no que Sami Yusuf se ten inspirado neste último disco.

#Pam

Le petit archipel de Vanuatu (12.189 km2, moins de la moitié de la superficie de la Galice), dans le Pacifique Sud, vient d’être frappé par le cyclone Pam, de catégorie 5 (le niveau maximal sur l’échelle Saffir-Simpson), dans la nuit du vendredi 13 au samedi 14 mars. Pam a ravagé l’archipel avec des pluies diluviennes et rafales de vents atteignant 300 km/h. La pression atmosphérique en son centre était estimée vers 900 hPa.

Dans cette zone, le Pacifique Ouest, le typhon Tip (1979) était le cyclone tropical de plus grand diamètre et le plus intense jamais rapporté dans les annales modernes.

L’Organisation Météorologique Mondiale fait la différence entre ouragan, cyclone et typhon selon l’origine géographique.

* Regardez une animation à propos de la formation d’un ouragan.

* Vérifiez l’évolution de Pam.

Cambio climático

“Suxerir que se apliquen os principios da xestión da fauna á nosa propia especie evoca abominacións como a de sacrificar selectivamente a seres humáns como se fosen cervos. (…)

Nembargantes, aínda que aspiremos aos ceos, como sinalaba Pascal, seguimos a ser mamíferos que, como todas as demáis criaturas terrestres, precisamos comida e auga, recursos que agora estamos a esquilmar. O noso marisco redúcese aos restos que arrancamos do fondo mariño; os nosos solos dependen de produtos químicos artificiais, os nosos ríos están contaminados e exhaustos. Exprimimos a códea terrestre para extraer minerais, explotamos mares xeados e dividimos átomos en lugares perigosos porque os combustibles facilmente extraíbles case se esgotaron. (…) Para sobrevivir e continuar o legado da nosa especie debemos adaptarnos en consecuencia.

De xeito inevitable (…) iso significa ir reducindo gradualmente o noso número. A alternativa é deixar que a natureza… o faga por nós.

¿E como podería facer iso a natureza? Probablemente dunha serie de formas en rápida sucesión, posto que cada perda desencadea outra nova. (…) O descenso dos niveis de osíxeno e o aumento dos índices metabólicos nunhas augas cada vez máis quentes están reducindo xa o tamaño corporal do bacallao e o abadexo do Atlántico Norte, e máis rápido do que os modelos predeciran. (…)

Ao noso actual ritmo crecente de emisión de gases de efecto invernadoiro… deixaremos pequeno ese incremento de 2 ºC nas vindeiras dúas ou tres décadas. Coas dúas terceiras partes da poboación mundial vivindo a unha distancia máxima duns 300 kilómetros de algunha costa, e coa meirande parte da economía do mundo concentrada en cidades costeiras, o potencial afundimento da civilización tal e como a coñecemos, no caso de que todos eses lugares se inundasen, supera a nosa capacidade de comprensión. Os actuais traumas orzamentarios semellarán triviais fronte á perspectiva de ter que erixir diques para protexer, por orde de poboación, cidades como Tokio, Shangai, Guangzhou, Karachi, Bombai, Iakarta, Nova Iorque, Manila, Estambul, Los Angeles, Londres, Lagos, Hong Kong, Cidade Ho Chi Minh, Miami, Singapur, Barcelona, Sidney…

Eramos moitos menos, e viviamos unha vida moito menos urbana e intensa, cando a Peste Negra matou aproximadamente a unha cuarta parte de todos os seres humáns a mediados do século XIV, e tamén cando a gripe española de 1918-1920 causou estragos na nosa especie, que por entón sumaba menos de 2.000 millóns de individuos, reducíndoa en aproximadamente 50 millóns.”

A. Weisman: A conta atrás“.

* Consulta o informe sobre cambio climático do IPCC do ano 2014.

* Sen grandes acordos no cumio climático de Lima (decembro de 2014).

Isohietas e isotermas

As isohietas son isoliñas que unen puntos coa mesma precipitación total anual. As isotermas unen puntos coa mesma temperatura media anual.
Cando ambas magnitudes se representan en sendos mapas, estamos diante de mapas temáticos e corocromáticos que diferencian as áreas máis húmidas das máis áridas, ou ben as máis frías das máis calorosas.
En todo momento, os mapas resultantes han de relacionarse coas características e tipoloxías climáticas dos distintos territorios representados (no caso de España, as áreas peninsulares e insulares).

* Olla o mapa de isohietas.

* Olla o mapa de isotermas.

* Repasa unha serie de conceptos de climatoloxía.

Nubes

2_tipos_de_nubesAs nubes cambian constantemente de forma e tamaño. Polos refráns albiscamos que tempo nos traerán (“cardelas de lá, se non chove hoxe, chove mañá”, sempre me repetía miña avoa). Ollándoas podemos abstraernos e pensar en formas suxerentes. De feito, a súa presenza en moitos cadros permítenos ver os estados cambiantes da atmosfera (e xa foron analizados bos exemplos por parte de José Miguel Viñas).

As pingas de auga que as forman miden entre décimas e milésimas de milímetro (micras); condénsanse a partir do punto de rocío e precipítanse cando o seu peso supera o das forzas ascendentes de aire que as poidan conter.

Hainas singulares, como poidemos comprobar no #cursodenubes iniciado en 2013… Ollándoas poderás tentar prever o tempo. Ensaia!

Ínfimos

0_historia_xeoloxica_terra“Quizás un medio máis eficaz de facerse cargo do noso carácter extremadamente recente como parte do cadro de 4.500 millóns de anos de antigüidade [do planeta Terra], é que estendas os brazos o máximo posible e imaxines que a extensión que abranguen é toda a historia da Terra. A esa escala, segundo di John McPhee en Basin and Range, a distancia entre as puntas dos dedos dunha man e a boneca da outra é o Precámbrico. O total da vida complexa está nunha man, «e cunha soa pasada dunha lima de granulado mediano poderías eliminar a historia humana».

Bill Bryson: Una breve historia de casi todo.

É ínfima a presenza humana na historia do planeta Terra, aínda que ben devastadora -mais tamén construtiva, claro está-. Olla este panel-animación sobre as eras xeolóxicas.

Comentar un fragmento de mapa topográfico

Os mapas topográficos ofrécennos moi variada información para interpretar e comentar. Xa o admirado Isaac Buzo nolo facía saber na súa presentación.
Eu ofrézovos, nesta ocasión, un pequeno fragmento comentado, con atención ás directrices fixadas pola CIUG de cara ao exame de Selectividade. É máis aconsellable a versión descargable en notebook para PDI.

Vórtice polar

O vórtice polar é un ciclón persistente, a grande escala e situado perto dos polos terrestres, na media e alta troposfera e a estratosfera. Forma parte da fronte polar.

Estes días, o centro-norte e a costa nororiental dos Estados Unidos de Norteamérica estanse a ver afectados pola acción dese vórtice polar que provocou sensacións térmicas inferiores a -50ºC en cidades como Chicago. Defuncións de indixentes, cancelacións aéreas e parálises nas comunicacións por estrada son algunhas das consecuencias inmediatas.

Polarvortexwinter

* Escoita o que contaba ao respecto José Miguel Viñas en “Herrera en la onda” (7 de xaneiro de 2014).

* Consulta unha aplicación-web para calcular a sensación térmica.

* “Baixo cero”, en Flipboard.

Lovelock di…

A gráfica do “pau de hockei” -elaborada por Jerry Mahlman  en base a estudos sobre temperaturas históricas e dendroconoloxía, e difundida polo IPCC en 2001- evidencia a tendencia ao incremento da temperatura media no noso planeta, especialmente no último século.

James Lovelock, creador da teoría Gaia, reflexiona nas súas últimas obras sobre as evidencias do cambio climático -concepto que ocasiona, ás veces, debates enfrontados, aínda que os científicos admitan xa de xeito case unánime o quentamento global, que sería unha das súas evidencias: Within the scientific community, there is no debate: An overwhelming majority of climate scientists agree that global warming is happening and that human activity is the primary cause. (http://www.ucsusa.org/global_warming/).

Ou ben esquecemos ou ben nunca soubemos o diferente que era o clima na última idade de xeo. A meirande parte do Reino Unido e do norte de Europa occidental, incluída Escandinavia, estaban enterrados baixo tres mil metros de xeo, un glaciar tan profundo como é hoxe o de Groenlandia. América do Norte estaba igualmente conxelada ata a altura de St Louis, nos 35º de latitude Norte. A pesar de todo este xeo, tratábase dun mundo máis saudábel que o actual e no que había máis vexetación, tanto na terra como no mar. Cremos que é así porque o nivel de dióxido de carbono no ar estaba entón por debaixo das 200 ppm. Fai falla moita vida para rebaixalo ata ese punto.

O nivel do mar estaba 120 metros máis baixo que hoxe e unha área tan grande como África, agora mergullada, quedaba entón por enriba do nivel do mar. Moita desta terra extra emerxeu no Sureste asiático, o que axudaría a explicar como chegaron os humanos a Australia durante a idade de xeo: a distancia era o bastante pequena como para salvala a bordo de balsas ou barcos rudimentarios.”

James Lovelock: “La venganza de la Tierra”.

“A medida que a crise climática empeore, o mundo enteiro verase afectado, mais de distintos xeitos. Sir John Houghton lémbranos no seu libro Global Warming  [*], publicado en 2004, que os cambios climáticos máis grandes se verán nas rexións polares. Pimeiro fundirase o xeo flotante e logo erosionaranse os casquetes polares de Groenlandia e a Antártida; as consecuencias destes cambios climáticos serán o aumento do calor e unha subida do nivel do mar en toda a Terra, e entón todos notaremos o cambio. Excepto nos lugares tropicais onde as montañas están próximas a mares cálidos e traen choiva, máis calor significa seca e perdas fatais na produción de alimentos. O tempo caluroso ocasiona máis choiva, mais esta escapa en inundacións repentinas ou evapórase con tal rapidez que resulta de moita menos utilidade para os cultivos que o feble orballo que cae en países fríos como Irlanda. Nas zonas continentais dos hemisferios norte e sur, onde vivimos a maioría, as secas de verán intensificaranse. Nos Estados Unidos rememorarán a Dust Bowl (os anos das treboadas de pó) dos anos trinta. Australia xa sofre desde hai once anos unha continua seca; os europeos lembrarán o horrible verán de 2003; e en China, África e Asia do Sur a fame xa é un inimigo coñecido. Como a pata dun elefante sobre un formigueiro, o quentamento global aplastará a vida das chairas continentais.”

James Lovelock: La Tierra se agota“.

Lovelock propón ollar cara ao uso da enerxía nuclear para evitar o incremento do dióxido de carbono na atmosfera, fomentar o crecemento da vexetación climácica en amplos espazos, e considera tamén que un xeito de poder paliar os problemas será acudir á xeoenxeñería… aínda que a solución final ao cambio climático non exista, porque o Sol se quenta máis a medida que se avellenta, e dentro de 500 millóns de anos a intensidade da radiación solar será aproximadamente un 6% maior que agora. Mentres tanto, bo será facerse un pouco máis ecoloxista.

Recursos hídricos en España

3_mapa_recursos_hidricos_2012España é un país de contrastes hídricos. Á abundancia de auga na España húmida oponse o déficit crónico deste recurso nas cuncas mediterráneas.

Ás aportacións de auga para o caudal dos ríos (que proveñen das precipitacións de choiva, da auga de desxeo nival, da auga retida en lagos e lagoas -con escasa capacidade de almacenaxe no noso país-, das augas subterráneas e da infiltración) presentan en España unha forte irregularidade, tanto anual como interanual [constátao con datos de comezos deste ano hidrolóxico, procedentes de AEMET].

Para paliar os déficits crónicos de auga acudíuse á regulación antrópica da auga, que se manifesta:

a) na auga encorada: case 60.000 hectómetros cúbicos de auga recollidos en 1.300 encoros -dos cales 900 son de grandes dimensións- supoñen aproximadamente o 50% da auga que discorre polos nosos ríos;

b) nas transferencias e transvases entre cuncas, das que a máis importante é a do Texo ao Xúquer e Segura;

c) na desalazón de augas mariñas e salobres, especialmente na zona árida do SE peninsular, Baleares e Canarias, ademáis das grandes aglomeracións urbanas do litoral;

d) na depuración de augas, especialmente significativa nos usos urbanos, domésticos e industriais, mais con grandes dificultades nos usos agrarios.

3_mapa_encoros_espanha

En España, a direción da política de augas corresponde ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, con competencias principais na elaboración do Plan Hidrolóxico Nacional (o correspondente a 2001 apostou pola realización de transferencias permanente de auga desde as cuncas con superávit a outras con déficit, o fomento da desalazón de auga do mar e dos retornos -facilitando a implantación de depuradoras- e a orientación cara á eficiencia nos consumos agrarios e domésticos), a aprobación dos Plans Hidrolóxicos de cada Cunca, a elaboración do Plan Nacional de Regadíos e a elaboración do Plan Nacional de Calidade da Auga para o Saneamento e a Depuración.

* Consulta un comentario sobre o mapa de recursos hídricos en 2012.

* Consulta un tema sobre recursos hídricos en España en Sociales Digital Canarias.