Arquivos da categoría 1. Raigames históricas da época contemporánea

Sucesión

Á morte do último Habsburgo español, Carlos II, o Borbón Felipe V entronizou en España a dinastía dos Borbóns, non sen antes ter que baterse contra o arquiduque Carlos de Austria na Guerra de Sucesión.

a Guerra de Sucesión… trátase, en realidade, dunha conflagración de amplitude continental, preparada desde había lustros polo enfrontamento entre a Francia de Luis XIV e as nacións recelosas da súa prepotencia, acaudilladas por Inglaterra. (…)

O Arquiduque puxo o pé en España mercede, sobre todo, ao apoio naval inglés e enfrontou a España, ou polo menos a boa parte de España, co viciño francés. É dicir, en punto a sistema de alianzas, o Arquiduque Carlos retrotraeuse ás existentes na época de Carlos V. Por contra, a vitoria de Filipe V reparou a alianza franco-española contra Inglaterra, e consolidou que España e Francia tuvesen os mesmos problemas coloniais e de navegación contra o mesmo inimigo,…”

Pedro Voltes: Historia inaudita de España”.

… as tropas de Carlos chegaron a ocupar Madrid e Barcelona, mais, a pesar de todo, Felipe V, sen máis apoios que os do seu avó francés e os de Castela, non só resistíu, senón que gañou. Trala vitoria, o Borbón pasou factura aos que militaran no bando contrario: abolíu os fueros e franquías de Aragón, Valencia e Cataluña, e someteu á Igrexa á xurisdición ordinaria. O nacionalismo catalán respira aínda pola ferida que lle inflixíu o primeiro Borbón.

As únicas terras aforadas que quedaron na coroa foron Navarra e o País Vasco, en recompensa pola súa fidelidade ao vencedor.

A guerra saldouse con enormes perdas territoriais. Non só voaron todas as posesións europeas fóra de España (Bélxica, Luxemburgo, Milán, Cerdeña e Nápoles), senón Xibraltar, que os ingleses capturaran en nome do pretendente austríaco e logo retiveron no seu propio proveito ata hoxe. Ademáis, os fillos da Grande Bretaña abriron unha brecha no monopolio comercial americano, pois obtiveron dereito de enviar un barco anual ás colonias.”

Juan Eslava Galán: Historia de España contada para escépticos”.

Economía do XVIII

  

O tono xeral da economía española no século XVIII foi expansivo. Conxugado isto co intento de reforma fiscal cara á creación dunha contribución única que amparaba o catastro de Ensenada -finalmente abortada pola oposición das clases privilexiadas-, e coa liberalización do comercio colonial nas postrimerías do século XVIII, podemos falar dun panorama alentador.

Mais isto non debe facernos esquecer as debilidades do sistema produtivo español nos inicios da época borbónica: unha agricultura de escasa produtividade, lonxe dos progresos da “revolución agrícola” xestada noutras rexións da Europa atlántica; agricultura sometida a sucesivas crises de subsistencia -algunhas delas coincidentes con alzas brutais dos prezos dos cereais, causa de motíns como o de Esquilache- e con terras amortizadas en mans da nobreza e da Igrexa, que incrementaron notablemente os arrendamentos; as dificultades de integración dos mercados interiores, con múltiples dereitos e controis aduaneiros que haberá que eliminar (non será ata 1782 que se estableza un arancel xeral aplicable a todo o territorio español); a escaseza de industrias -salvo no caso catalán-, moitas delas simples manufacturas promovidas a iniciativa do propio Estado -que resultaron na meirande parte dos casos negocios ruinosos-.

“A pesares do curto alcance da reordenación do sistema fiscal, a Facenda española atravesou unha situación saneada, salvo momentos moi illados, desde a liquidación da guerra de Sucesión ata 1793, cando España entrou nun ciclo bélico que a conducíu a enfrontarse sucesiva e continuamente contra Francia e Grande Bretaña. (…) o gasto público contraeuse. Isto debeuse á eliminación da pesada carga exterior representada polas posesións europeas que pasaron a mans doutros países. A monarquía dos Austrias sufrira unha verdadeira sangría financeira sufragando os exorbitantes custes de mantemento da maquinaria administrativa e militar instalada en Italia e os Países Baixos. A desaparición de tales desembolsos foi, sen dúbida, o principal factor reequilibrador da Facenda.

(…) a estabilidade da Facenda foi consecuencia da alza dos ingresos totais. En termos nominais incrementáronse en torno ao 330 por 100 entre 1722 e 1779; descontada a inflación subsiste un aumento sustancial, da orde do oitenta ou noventa por 100. Hai que atribuílo, básicamente, a catro factores. En primeiro lugar, o aumento da poboación, isto é, do número de contribuíntes. (…) En segundo lugar, ao acrecentamento das remesas de prata das colonias americanas. (…)

A Coroa obtivo, por outra banda, meirandes ingresos mellorando a xestión da Administración tributaria. Esta era sumamente deficiente, entroutras cousas porque os altos cargos estaban reservados a membros da alta nobreza, carentes de toda profesionalidade. (…)

Por último, as rendas da Tesourería acrecentáronse a raíz da incorporación da coroa de Aragón ao sistema fiscal. Finalizada a guerra, nos reinos que a compoñían foron obrigados a contribuir por unha contía análoga á que recaía sobre os reinos da coroa de Castela.”

A. Carreras e X. Tafunell: “Historia económica de la España contemporánea (1789-2009)”.

“Como … era típico nas sociedades do Antigo Réxime, a meirande parte destas actividades artesanais desenvolvíanse no marco familiar, o que, dado o carácter moi maioritariamente agrario da Europa da época, quere dicir tamén rural e disperso. O fiado, o tecido, a oleiría ou a elaboración de cubertos e escudillas de madeira eran así exercidas no seo dunha multitude de familias campesiñas (…). A este primeiro tipo de actividades manufactureiras denominarémolas industrias dispersas. Un segundo tipo de oficios industriais eran os que se exercían nas cidades; a diferencia fundamental en relación ás desenvolvidas no medio rural non era de tipo tecnolóxico, senón máis ben organizativo: o agrupamento de cada profesión nun gremio ou corporación que regulaba o acceso ao oficio e establecía categorías entre os artesáns (mestre, oficial, aprendiz), así como especificacións sobre os produtos e os procesos de traballo. Finalmente, e cun peso moi inferior, existían as denominadas industrias concentradas, que se atopaban en realidade en moi poucos sectores, naqueles onde era precisa unha supervisión moi estricta do traballo ou onde as materias primas ou a enerxía utilizada esixían reunir  aos traballadores nun mesmo lugar.”

X. Carmona e J. Nadal: “El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000.”

“De entre as iniciativas industriais desenvolvidas na Galicia de finais do século XVIII, a máis importante, e tamén sen dúbida a máis coñecida, foi a que na mariña lucense, xa case nos límites con Asturias, impulsou Antonio Raimundo Ibáñez. O alto forno destinado á fundación de ferro que este construíu en Sargadelos foi o primeiro que no ámbito civil se estableceu en España e tanto polo que de avance tecnolóxico significaba, como pola forza de traballo que movilizou, como polos conflitos sociais aos que deu lugar segue a ser unha das experiencias industriais máis significativas da historia de Galicia.”

X. Carmona e J. Nadal: “El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000.”

Expulsión dos xesuitas

  

Criticada pola súa instigación e participación no motín de Esquilache, xeneradora de xenreiras pola súa acumulación de poder e monopolio da educación, a Compañía de Xesús foi expulsada de España a comezos de abril de 1767. No momento da expulsión, os xesuitas posuían en España máis de 100 colexios e 12 seminarios; en ultramar, máis de 80 colexios e outros 19 seminarios. Xa no século XVII, a Compañía monopolizaba o ensino secundario -onde innovaron no ensino do latín, imprescindible naqueles tempos par acceder á universidade- e acumulaban cátedras de Teoloxía en diversas universidades.

O labor misioneiro fora importante por parte dos xesuitas instalados, xa desde mediados do século XVI, na zona fronteiriza entre os actuais Paraguai, Uruguai e Arxentina, onde fundaron reduccións para evanxelizar aos guaraníes. Os conflitos cos bandeirantes portugueses, empeñados en someter á poboación indíxena á escravitude, foron continuos, e un episodio deste tipo, ambientado a mediados do século XVIII, ten lugar na película A misión.

Un total de 5.000 a 6.000 xesuitas foron expulsados entre os territorios peninsulares e ultramarinos, o que orixinou un baleiro pedagóxico de difícil solución a curto prazo.

“A verdade é que a Compañía de Xesús acumulara moitas inimizades, non só entre os filósofos senón dentro da mesma Igrexa. Xa fora disolta en Francia e Portugal. Atribuíanselle ambiciosos plans de dominio, criticábanse os seus métodos docentes, acusábaselle de ter formado cos colexiais maiores e a Inquisición un formidable grupo de presión. Aínda que unha enquisa segreda só revelou que algúns xesuitas e simpatizantes difundiran novas contra o goberno, Carlos III, moi traumatizado polos motíns, chegou a convencerse de que a Compañía era un perigo para a tranquilidade pública e aínda para a dinastía.

O decreto de expulsión dos xesuitas de 27 de febreiro de 1767 fundamentábao o rei na súa obriga de “manter en subordinación, tranquilidade e xustiza os pobos do reino”.”

M. Tuñón de Lara, J. Valdeón e A. Domínguez Ortiz: “Historia de España”.

“Téndome conformado co parecer dos do meu Consello Real no Extraordinario que se celebra con motivo das resultas das ocurrencias pasadas, en Consulta de 29 de xaneiro vindeiro, e do que sobre dela, convindo no mesmo dictame, me expuxeron persoas do máis elevado carácter e acreditada experiencia; estimulado de gravísimas causas relativas á obriga en que me atopo constituído de manter en subordinación, tranquilidade e xustiza os meus pobos, e outras urxencias, xustas e precisas, que reservo no meu Real ánimo; usando da suprema autoridade económica que o Todopoderoso depositou nas miñas mans para a protección dos meus vasalos e respeto da miña Coroa; vin en mandar estranar de todos os meus Dominios de España e Indias, Illas Filipinas, e demáis adxacentes, aos Regulares da Compañía, así sacerdotes como coadxutores ou legos que teñan feito a primeira profesión, e aos novicios que quixesen seguilos, e que se ocupen todas as temporalidades da Compañía nos meus Dominios; (…).

 Ao mesmo tempo que o Consello faga notoria en todos estes Reinos a citada miña Real Determinación, manifestará ás outras Ordes Relixiosas a confianza, satisfación e aprezo que me merecen pola súa fidelidade e doutrina, observancia de vida monástica, exemplar servizo da Igrexa, acreditada instrución dos seus estudos, e suficiente número de individuos para axudar aos Bispos e cregos no pasto espiritual das almas, e pola súa abstracción de negocios de Goberno, como alleos e distantes da vida ascética e monacal.”

Borrador do Real Decreto de expulsión da Compañía de Xesús, elaborado en marzo de 1767 e remitido para o seu coñecemento ao Conde de Aranda, presidente do Consello de Castela.

“O famoso motín de Esquilache constitúe o exemplo máis notorio do fracaso da Ilustración, o primeiro intento de europeizar España. Este Esquilache era un marqués siciliano que Carlos III trouxo de Nápoles e nomeara ministro de Facenda e Guerra. Esquilache concebíu a idea de europeizar e modernizar os usos do pobo madrileño, o claro espello cortesán no que se miraban as provincias. O primeiro era rematar con certos entrañables costumes, como as crueis cencerradas que sufrían os viúvos que se aventuraban a unhas segundas nupcias. Ao lector, como é escéptico, ao mellor parécelle un motivo baladí, mais o certo é que o temor ás cencerradas disuadía a moitos viúvos de reincidir no casamento, sen contar a merma e o dano que recibía a república ao malograrse tanto posible matrimonio coa súa carga potencial de filos, tan necesarios para o incremento demográfico.

Polo das cencerradas pasou o pobo mal que ben (…). Por onde non pasou foi polo do traxe á europea. Os españois gastaban grandes sombreiros de aba ancha e amplas capas, coas que se embozaban ao saír á rúa. No fondo, era un costume hixiénico, pois, debido ao reprobable e porco costume de botar á rúa lixos e desperdicios, a pestilencia da vía pública era  insufrible, especialmente nos meses de calor. As mulleres, a falla de capa, tiñan mantillas e tocas, coas que tamén se tapaban a faciana, como vemos en Goya. Claro, con tanto tapado e tapada semellaba que sempre era entroido e prácticamente non se lle vía a faciana a ninguén. Esquilache, coa súa mellor vontade, propúxose incorporar aos españois á moda europea, que era a francesa de calzón curto e perruca empoada. Para dar peso aos seus argumentos sinalou que baixo as amplas capas dos embozados disimulábanse frecuentemente pistolas, dagas e outras armas prohibidas. (…) O caso é que, como ninguén obedecía a normativa, Esquilache púxose farruco e decidíu proceder manu militari, que por algo era tamén ministro de Guerra.

(…) Despois dos primeiros incidentes, os ánimos caldeáronse ata que o asunto dexenerou en franco motín, que obrigou ao propio Carlos III a saír ao balcón do seu pazo para prometer a suspensión das reformas. A consecuencia política foi a destitución de Esquilache de todos os seus cargos e o seu desterro. Por unha vez gañaba o pobo, pero o prezo do pan, que era o que verdadeiramente afectaba á xente corrente, non baixou.

Non se ten demostrado que os instigadores do motín contra Esquilache fosen os xesuitas.”

Juan Eslava Galán: “Historia de España contada para escépticos.”

* Consulta unha web da Biblioteca virtual Miguel de Cervantes sobre a expulsión dos xesuitas.

A lenda negra

  

Os xuizos sobre a conquista de América, o goberno de Felipe II, as campañas dos Países Baixos ou a Inquisición forman parte dos tópicos da Lenda negra española. De acordo co dicionario da RAE, a lenda negra é unha opinión contra o español difundida a partir do século XVI. En realidade, a expresión foi introducida por Julián Juderías, funcionario do Ministerio de Estado, a inicios do século XX, nunha obra publicada inicialmente en 1914:

“Por lenda negra entendemos o ambiente creado polos fantásticos relatos que sobre a nosa patria teñen visto a luz pública en case todos os países; as descripcións grotescas que se fixeron sempre do carácter dos españois como individuos e como colectividade; a negación ou cando menos a iñorancia sistemática de canto nos é favorable e honroso nas diversas manifestacións da cultura e da arte; as acusacións que noutro tempo se lanzaron contra España, fundándose para iso en feitos esaxerados, mal interpretados ou falsos na súa totalidade, e, finalmente, a afirmación contida en libros ao parecer respetables e verídicos e moitas veces reproducida, comentada e ampliada na prensa estranxeira, de que a nosa patria constitúe, desde o punto de vista da tolerancia, da cultura e do progreso, unha excepción lamentable dentro do grupo das nacións europeas. Nunha palabra, entendemos por lenda negra, a lenda da España inquisitorial, iñorante, fanática, incapaz de figurar entre os pobos cultos o mesmo agora que antes, disposta sempre ás represións violentas, inimiga do progreso e das innovacións, ou, noutros termos, a lenda que tendo empezado a difundirse no século XVI, a raíz da Reforma, non deixou de utilizarse na nosa contra desde entón, máis especialmente en momentos críticos da nosa vida nacional.”

Julián Juderías: “La leyenda negra”.

O interese pola expresión ten sido retomado polo hispanista Joseph Pérez nunha obra publicada en 2009, con título homónimo para rebuscar na literatura e o pensamento doutros tempos as orixes deste apotegma:

“Calquera que teña estado algún tempo fóra de España poderá dicir o que lle preguntan ou o que lle din sobre o seu país. A min téñenme preguntado os estranxeiros se en España se cazan leóns; a min téñenme explicado o que é o té, supoñendo que non o tiña tomado nin visto nunca; e conmigo laiáronse persoas ilustradas de que o traxe nacional, ou dígase o vestido de majo, non se leve xa aos bicamáns nin a outras cerimonias solemnes, e de que non bailemos todos o boleiro, o fandango e a cachucha. Difícil é disuadir á metade dos habitantes de Europa de que case todas as nosas mulleres fuman e de que moitas levan un puñal na liga.”

Juan Valera: “Sobre el concepto que hoy se forma de España”.

No século XVI, por terlle atribuido a ambición de dominar o mundo é polo que se procurou denigrar a España. Foi nese tempo que a Casa de Austria, especialmente asentada en Castela -beneficiaria das fortunas das Indias a ela incorporada-, modelou unha idea de Cristiandade sometida a Roma que viña opoñerse ao espírito protestante de luteranos, anglicanos e calvinistas.

“A lenda negra foi obra dos rebeldes flamencos; a Apoloxía de Guillermo de Orange fixou os seus trazos esenciais e limitouse, a meirande parte das veces, a sistematizar e esaxerar as acusacións contra España, verdadeiras ou supostas, que circulaban por Europa, ás veces desde o final do século XV, como os rumores malévolos sobre o semitismo dos españois e o seu feble apego ao cristianismo. A súa única orixinalidade consiste nos ataques contra a persoa de Felipe II, tratado de bígamo e asasino do seu propio fillo; eses ataques explícanse polo desexo de xustificar a toda costa a uns súbditos que tiñan tomado as armas contra o seu “señor natural”. Fóra dos Países Baixos, a lenda negra estendeuse, porque constituía un medio particularmente eficaz de imporse ao imperialismo da Casa de Austria. Todos os que se sentían ameazados solidarizáronse cos flamencos; era un xeito de enfeblecer o poder hexemónico en Europa. A propaganda servíu para desacreditar ao adversario nun conflito que, en moitos aspectos, parece unha anticipación do que foi a guerra fría no século XX, cando os Estados Unidos de América e a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas se acusaban mutuamente de poñer a ideoloxía ao servizo das súas ambicións nacionais. En efecto, como separar os intereses materiais e a ideoloxía? Entre a Inglaterra de Isabel e a España de Felipe II, a oposición era flagrante desde o punto de vista relixioso, pero non podemos esquecer que as dúas potencias disputábanse a propósito do comercio con América. Esa observación é válida para os Países Baixos, que soñaban coa independencia e a liberdade relixiosa, pero tamén coa expansión colonial. Iso foi o que atribuíu á política exterior na segunda metade do século XVI o  seu carácter de guerra total.”

Joseph Pérez: “La leyenda negra”.

A propia intelectualidade española asumíu, a finais do século XIX, antes do rexeneracionismo, unha visión decadente e negativa de España, na que o complexo de inferioridade con respecto a  outros países do noso contorno; Lucas Mallada trazou un panorama non estimulante de España en 1890: un país pobre, sen grandes recursos naturais (o clima e a configuración xeolóxica son a causa), deforestado (a causa do cal os españois estaban subalimentados), que exporta as súas materias primas e importa produtos manufacturados. En lugar de asumir a súa historia, que conta con episodios gloriosos e outros que se prefiran esquecer -a expulsión das minorías relixiosas, a Inquisición, as atrocidades da conquista e colonización de América-, algúns españois asumiron con masoquismo ese complexo de inferioridade. Por ser un pobo latino e ter permanecido fiel ao catolicismo romano na revolución relixiosa do século XVI, estaría España condeada definitivamente ao subdesenvolvemento e á marxinación nunha Europa que se calificaba a sí mesma de patria do progreso, a civilización e a democracia? Finalmente, o desenvolvemento dos anos 1960 e a incorporación á comunidade europea en 1986 modificaron esta imaxe negativa autoasumida pola intelectualidade española a finais do século XIX. Joseph Pérez vennos dar alento e incluso carpetazo á lenda negra que nos ten acompañado tanto tempo -igual que destellan as pinturas negras de Goya:

“Se España foi obxecto de críticas feroces, con frecuencia inxustas, foi polo lugar que ocupou e polo papel que quixo desempeñar no mundo nun determinado momento da súa historia… a expansión de España comezou cos Reis Católicos (1474-1516); precisouse durante o reinado de Carlos V (1516-1558); acadou o seu apoxeo con Felipe II (1558-1598) e comezou a declinar a partir dos tratados de Westfalia (1648), que lle fixeron perder a súa posición hexemónica en Europa. Durante cento cincuenta anos, aproximadamente, os seus soberanos puderon pensar que a Providencia fixera de España o pobo elixido. Enriquecida cos tesouros que obtiña do seu imperio colonial -o primeiro e máis extenso do mundo-, beneficiaria dun estatuto xeopolítico que lle permitía intervir por toda Europa e impoñer nela as súas vontades e as súas ambicións, orgullosa do prestixio que lle conferían os seus homes de letras, os seus artistas, os seus teólogos, España deu entón a impresión de querer ditar a súa lei ao resto do mundo. Unha grande parte de Europa reaccionou contra o que ela chamaba a monarquía universal e tamén contra a arrogancia, a codicia e a brutalidade dun pobo que se cría chamado a un grande destino.”

Joseph Pérez: “La leyenda negra”.

* Por certo, hai algún resto desa lenda negra no fragmento da película Elizabeth (a idade de ouro) que se reproduce na primeira ligazón desta anotación?

América conquistada

Á busca dunha nova ruta cara ás Indias partíu Colón no verán de 1492, á percura de pementa, ouro e perlas. E tan confundido quedou que, nunha viaxe posterior, pensou que a desembocadura do Orinoco era a porta do paraíso. Mais o que se abrían eran as portas dunha conquista brutal, na que desde o primeiro intre houbo críticas de freires e persoas de ben; un sometemento de poboacións indíxenas reducidas á mínima expresión, en busca de tesouros que fixeron tolear a moitos fidalgos con ánimo de atopar aventuras de todo tipo (algunhas inconfesables ou de dubidosa honra). Aquel, de seguro, había de ser un tempo no que a imaxe mítica de Colón se nos había de caer aos pés, tal e como propón Iciar Bollaín no seu último filme.

“Colón descubríu (12 de outubro de 1492) as Bahamas, Cuba e Santo Domingo (La Española) na súa primeira viaxe cara ás Indias polo Atlántico; Guadalupe, Porto Rico e Xamaica, na segunda (1493); a costa venezolana en 1498, e as costas de América central, de Honduras a Panamá, na súa cuarta e última viaxe, en 1502-1504. En 1494, España e Portugal fixaron polo Tratado de Tordesillas a liña de demarcación das súas respectivas posesións en ultramar, de acordo coa resolución ditada polo papa Alexandre VI en 1493. (…)

Os conquistadores -en xeral, segundóns e fidalgos da pequena nobreza rural e de familias pobres, con forte presenza de estremeños e andaluces- actuaron movidos por desexos de riqueza, honor e fama. A conquista foi, en efecto, unha épica de audacia, codicia e violencia. Conlevou, paralelamente, a destrución das poboacións e das culturas indíxenas precolombinas, unha catástrofe de proporcións dramáticas, denunciada xa en 1511 en La Española por frei Antonio de Montesinos e por De Las Casas na súa Brevísima relación da destrución das Indias (1552), que obrigou aos teólogos e eclesiásticos a pensar sobre os moitos problemas morais que plantexaba a conquista, e á Coroa a introducir lexislación protectora dos indios. Non obstante, guerras, epidemias (variola, sarampelo, tifo, gripe…) e traballos forzados -encomendas, mita- provocaron a morte de decenas de millóns de indíxenas. En 1550 podía haber na América española uns 50 millóns de indios; en 1820, só 7 millóns.”

Juan Pablo Fusi e Francisco Calvo Serraller: “El espejo del tiempo”.

“¿Como pudo Francisco Pizarro, con cento sesenta e oito soldados, vencer aos oitenta mil homes do exército de Atahualpa no Perú, sen que a súa tropa sufrise nin unha soa baixa?

Os invasores, Cortés, Pizarro, souberon explotar hábilmente a división dos invadidos, esnaquizados polas xenreiras e as guerras, e con promesas nunca cumpridas puderon multiplicar os seus exércitos contra os centros de poder dos aztecas e dos incas.

Ademáis, os conquistadores atacaban con armas que América non coñecía.

A pólvora, o aceiro e os cabalos eran incomprensibles novidades. Nada podían os garrotes indíxenas contra os canóns e os arcabuces, as lanzas e as espadas; nin as coirazas de pano contra as armaduras de aceiro; nin os indios de a pé contra eses guerreiros de seis patas que eran a suma do xinete e o seu cabalo. E non eran menos descoñecidas as enfermidades, a variola, o sarampelo, a gripe, o tifo, a peste bubónica e outras involuntarias aliadas das tropas invasoras.

E por se isto fose pouco, os indios iñoraban os costumes da Civilización.

Cando Atahualpa, rei dos incas, se achegou a dar a benvida aos seus raros visitantes, Pizarro meteuno preso e prometeu liberalo a cambio do maior rescate nunca exixido nun secostro. Pizarro cobrou o rescate e desnucou ao seu prisioneiro.”

Eduardo Galeano: “Espejos”.

“Agora tiña unha evidencia máis próxima da ferocidade desta conquista, e se me perdoas que use verbas que non dixo siquera o adversario do meu mestre Oviedo, frei Bartolomé de Las Casas, da ferocidade da España imperial. Tamén de min se esperaba que me amosase capaz de matar a moitos e de rir no medio da masacre, pero nin entón nin agora quería eu participar desa ordalía. Coido que non nacín para a guerra, aínda que unha e outra vez o chou me arrastrou aos seus infernos. Todo o tempo tratei de esquivar eses rumbos de sangue, mais por todas partes, en Roma que sempre reza e en Nápoles que sempre canta, en Mühlberg, onde unha tropa de vintecinco mil homes avanzou protexida pola néboa, en Flandres que está cheo de esqueletes e incendios e en Alxer onde os coitelazos son curvos, atravesáronseme campañas e batallas que eu nunca buscaba.”

William Ospina: “El país de la canela”.

“E todo isto pasou connosco. Nós vímolo, nós admirámolo. Con esta lamentable e triste sorte vímonos anguriados. Nos camiños xacen dardos rotos, os cabelos están remexidos. Sen teito están as casas, avermellados teñen os muros. Vermes pululan polas rúas e prazas, e nas paredes están salpicados os sesos. Vermellas están as augas, están como tinguidas, e cando as bebemos, é como se bebésemos auga de salitre. Petabamos, en tanto, nos muros de adobe, e era a nosa herdanza unha rede de buratos. Cos escudos foi o seu resgardo, mais nin cos escudos pode ser sostida a súa saudade. Comemos paos de xílgaro, masticamos grama salitrosa, pedras de adobe, lagartixas, ratos, terra en po, vermes… Púxosenos prezo, prezo do xove, do sacerdote, do neno e da doncela. Basta: dun pobre era o prezo só dúas poutadas de millo, só dez tortas de mosquito; só era o noso prezo vinte tortas de grama salitrosa. Ouro, xades, mantas ricas, plumas de quetzal, todo iso que é precioso, en nada foi estimado…”

UNAM: “Visión de los vencidos. Relaciones indígenas de la conquista.”

“Moi poderosos e soberanos señores: o bispo que foi de Chiapas bica á V.A. as mans; suplico teña por ben con atención escoitar como hai moitos anos que ando nesta real corte e ante este Real Consello das Indias, negociando e percurando o remedio das xentes e naturais das que chamamos Indias, e que cesen os estragos e matanzas que neles se fan contra toda razón e xustiza; e posto que a vontade dos reis foi proveelos de Xustiza e conservalos nela, e non consentir que lles fosen feitos danos e agravios e así o amosaron polas súas moitas leis, mais chegadas alí non se cumpriron, porque os uns e os outros sempre teñen enganado aos reis. Dúas especies de tiranía con que asolaron aquelas tan innumerables repúblicas: unha na nosa primeira entrada, que chamaron conquista. A outra foi e é a tiránica gobernación á que puxeron con nome repartimentos ou encomendas, pola cal aos reis naturais temos violentamente, contra toda razón e xustiza, despoxado aos señores e súbditos da súa liberdade e das súas vidas.”

Memorial de Frei Bartolomé de las Casas ao Consello de Indias, 1562-1563.

Aproveitamos para rescatar un fragmento dun vello artigo do recente Nobel de Literatura, Vargas Llosa, publicado en El País, o 26 de xaneiro de 1992, aquel ano do Quinto Centenario:

“Non estou en contra de que se lembre que a chegada dos europeos a América foi unha xesta sanguenta, na que se cometeron inexcusables brutalidades contra os vencidos; pero sí de que non se lembre á vez que remontar o río do tempo na historia de calquera pobo conduce sempre a un espectáculo feroz, a accións que hoxe nos abruman e horrorizan. E de que se esqueza que todo latinoamericano dos nosos días, non importa que apelido teña nin cal sexa a cor da súa pel, é un produto daquela xesta, para ben e para mal.”

Mario Vargas Llosa: “Cabezazos con la Madre Patria”.

No discurso de aceptación do premio Nobel de Literatura, o 7 de decembro de 2010, o autor peruano referíase a esta cuestión nos seguintes termos:

“A conquista de América foi cruel e violenta, como todas as conquistas, desde logo, e debemos criticala, pero sen esquecer, ao facelo, que os que cometeron aqueles refugallos e crimes foron, en grande número, os nosos bisavós e tataravós, os españois que foron a América e alí se acrioularon, non os que se quedaron na súa terra. Aquelas críticas, para ser xustas, deben ser unha autocrítica. Porque, ao independizarnos de España, hai douscentos anos, os que asumiron o poder nas antigas colonias, no canto de redimir ao indio e facerlle xustiza polos antigos agravios, seguiron explotándoo con tanta cobiza e ferocidade como os conquistadores, e, nalgúns países, dezmándoo e exterminándoo. Digámolo con toda claridade: desde hai dous séculos a emancipación dos indíxenas é unha responsabilidade exclusivamente nosa e témola incumprido. Segue a ser unha materia pendente en toda América Latina. Non hai unha soa excepción a este oprobio e vergoña.”

* Velaí que estes documentos forman parte dunha composición de texto que propoñemos, cos seguintes criterios de corrección.

Católicos monarcas

   

A monarquía dos Reis Católicos contribuirá a crear unha converxencia dos reinos hispánicos despois de séculos de loitas e rupturas, despois dunha Reconquista con grande impulso nos séculos XII e XIII e dunha crise baixomedieval no demográfico, económico e político. O peso maior de Castela nesta monarquía dobre é lóxico se atendemos ao seu potencial demográfico (cara a 1500 había 6 millóns de habitantes en Castela, pouco máis dun millón na coroa de Aragón). O casamento entre primos ven interconectar nunha unión persoal dous reinos que xa antes tiñan dinastías en común.

“Fronte a unha Cataluña que está en crise económica a partires da “época das dificultades” sinalada por Claude Carrère a finais do século XIV, Castela aparece como nación rica, optimista e emprendedora. A súa importante mariña cántabra, que infunde temor á inglesa, permite aos mercaderes casteláns comerciar con toda a Europa atlántica, mentres os xenoveses se instalan en Portugal e Sevilla, dispostos a intervir no nacente comercio africano, canario e colonial. O Atlántico soa cada vez máis a mar do futuro, mentres o Mediterráneo parece esgotado, perigoso e empobrecido. Existen variadas mostras de interese catalán por tomar parte en todas estas facetas do comercio castelán, e Barcelona sitúa “cónsules de mar” en varias prazas marítimas da devandita coroa e tamén noutras da Europa atlántica. Á súa vez, esta curiosidade e estimación é correspondida pola que dedican os casteláns ás institucións de goberno da Coroa de Aragón, da que envexan a súa eficacia, preocupados e deprimidos como están polas deficiencias do sistema gubernativo de Castela.”

Pedro Voltes: “Historia inaudita de España”.

 “A unión de Castela e Aragón en 1479 como consecuencia do matrimonio en 1469 de Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón, os Reis Católicos, foi unha unión puramente dinástica, non unha unión nacional. A unión respetou as institucións e organismos das Coroas que a integraron (Castela, Aragón e, desde 1512, Navarra) e as formas institucionais e administrativas que, á súa vez, rexían con maior ou menor efectividade nos múltiples territorios e rexións de Castela e de Aragón. Aragón e Castela mantiveron institucións, aduanas e moedas separadas. As Cortes de Aragón (creadas en 1274), de Valencia (1283) e de Cataluña (1218) -todas elas sen potestade lexislativa mais con importantes atribucións fiscais- subsistiron ata 1715 separadas das Cortes de Castela e León (unificadas en 1230); as de Navarra (e os seus Fueros), ata a conversión do Reino en provincia en 1841. Os Fueros de Biscaia, de Guipúzcoa e de Araba estiveron en vigor ata a súa abolición definitiva no século XIX.

Os Reis Católicos non adoptaron o título de Reis de España. Titulábanse “rey e reyna de Castilla, de León, de Aragón, de Sicilia, de Cerdeña, de Córdoba, de Córcega, de Murcia, de Jaén, de los Algarves, de Algecira e de Gibraltar e de Guipuzcoa, conde e condesa de Barcelona, e señores de Vizcaya e de Molina”, máis outros títulos referentes a condados, ducados e marquesados de enclaves e territorios non hispánicos. Isabel a Católica non interveu en cuestións internas da Coroa de Aragón. Canarias, das que a conquista se completou entre 1493 e 1496, as Indias (América) e o norte de África quedaron reservadas a Castela; os Pireneos, Italia e o Mediterráneo, a Aragón.

A unión das Coroas foi, ademáis, constitucionalmente fráxil. Aragón e Castela volveron a separarse brevemente á morte de Isabel en 1504, cando a Coroa de Castela pasou á filla dos Reis Católicos, Xoana, e ao seu esposo Filipe o Fermoso. Só unha serie de circunstancias fortuitas e accidentais – a morte de Filipe o Fermoso en 1506 e a tolemia de Xoana; a morte en 1509 do príncipe Xoan, fillo de Fernando o Católico e da súa segunda muller, Xermana de Foix- fixo posible que a unión dinástica se recompuxese. A morte de Filipe o Fermoso e a tolemia de Xoana permitiron a Fernando o Católico retomar, co apoio do cardeal Cisneros, a gobernación de Castela entre 1507 e 1516. De ter vivido o mencionado príncipe Xoan (morreu case ao nacer), tería sido só el, e non Carlos V, quen tería herdado os teritorios da Coroa de Aragón. Morto Fernando en xaneiro de 1516, Aragón e Castela voltaron quedar brevemente baixo rexencias separadas (ata que Carlos V chegou a España en setembro de 1517 como titular dambas Coroas).

(…) Os Reis Católicos ían crear, en definitiva, un tipo de Estado novo, o xermolo da monarquía absoluta. Respetaron… as institucións e organismos dos distintos reinos. Mais a unión supuxo a reorganización financeira e política do teritorio e conlevou a afirmación inequívoca do poder real como chave do Estado e como única fonte de soberanía. A reorganización foi… ampla e profunda: creación da Santa Irmandade (1476-1498) como policía rural, tributaria e xudicial; saneamento da Facenda (reformas de 1480 e 1495); reforma do Consello Real (1480) como órgano supremo da gobernación da Coroa de Castela e da afirmación da autoridade dos Reis; reorganización da administración de xustiza, co reforzamento da Real Chancelería de Valladolid e a creación en 1505 da Chancelería de Granada como tribunais supremos; control de vilas e cidades a traverso de delegados do poder real (correxidores e alcaldes); “despolitización” da Generalitat catalana e concello de Barcelona mediante a implantación do sistema de “insaculación” ou sorteo de cargos; establecemento do Consello de Aragón (1494) como órgano asesor dos Reis para as cuestións desa Coroa, e nomeamento dos lugartenentes ou virreis como representantes seus naqueles territorios; control directo das Ordes Militares pola Coroa (ata a súa absorción por esta en 1526). Os Reis Católicos asumiron, en suma, a práctica totalidade da acción de goberno dos seus reis, que exerceron directamente co concurso de colaboradores próximos (os cardeais Mendoza e Talavera e logo, Cisneros) e dos secretarios reais (Hernando de Zafra, Gaspar de Grifio, Lope Conchillos,…), e apoiados nunha burocracia, os “letrados”, crecentemente profesionalizada.

(…) A expulsión dos xudeus, a Inquisición, a guerra de Granada, reforzaron sen dúbida a asimilación da identidade colectiva dos reinos peninsulares coa fe e a ortodoxia cristiás, co principio de limpeza de sangue e coa condición de “cristián vello”.

 Juan Pablo Fusi e Francisco Calvo Serraller: “El espejo del tiempo”.

 “Día importante para os membros das forzas e corpos de Seguridade do Estado, o 27 de abril de 1476. Quizás eles non lle dean importancia, pero aquel día de hai cinco séculos apróbase nas Cortes de Madrigal, en Valladolid, o proxecto de ordenanzas da Santa Irmandade, un corpo de policía rural que se fixo especialmente famoso grazas a don Quixote. O fidalgo disfrutou de todas as súas aventuras desafiando á Santa Irmandade, e Sancho sufríu as desventuras do seu señor temendo que aparecese algún dos seus cuadrilleiros.”

  Nieves Concostrina: “Menudas historias de la historia”.

 “(…) o 19 de outubro de 1469, Isabel e Fernando, os futuros Reis Católicos, contraeron matrimonio en Valladolid. Non houbo invitados de luxo nen delegacións diplomáticas… nin siquera estiveron os pais dos noivos. Porque aquela voda tiña que ser moi discreta e debían despachala rapidiño para poñerse a traballar. (…)

Pero aquela voda tivo trampa, porque os nenos non se podían casar se se ativesen ás regras da Santa Nai Igrexa que tanto pregoaban. Isabel e Fernando eran primos irmáns e tiñan unha consanguinidade en terceiro grao, e se casaban sen dispensa papal condearíanse. Mais isto non foi un problema, porque a Isabel non se lle poñía nada por diante. O inferno tampouco.

Aquel matrimonio arrastrou un lío tremendo de idas e voltas de bulas, dispensas, falsificacións e chanchullos burocráticos. O papa reinante negouse a dar a dispensa papal. Pero, milagre, o mesmo día da voda apareceu unha nova dispensa doutro papa (Pío II) dando o permiso; un permiso que dous anos despois confirmou outro papa distinto (Sixto IV). Onde estaba a trampa? Pois en todas partes, porque o papa que dera a dispensa a favor do matrimonio non só non tiña nbada que dicir, é que morrera cinco anos antes da voda. En resumidas contas, que os nenos estiveron dalle que dalle sen autorización eclesial.”

  Nieves Concostrina: “Menudas historias de la historia”.

 “A razón social Reis Católicos herdou un negocio ruinoso. Castela, a pesares da súa la tan estimada nos mercados europeos, era como un navío á deriva, carcomido de parásitos e desarborado, sen rumbo nen aparello: o clero estaba corrompido; a nobreza, sublevada; o sufrido pobo, apático e descontento; as arcas reais, baleiras, e o Estado, paralizado por lustros de desgoberno e guerra civil. Un país pobre e subdesenvolvido, que ía camiño de quedar relegado a mero proveedor de la para a industria téxtil europea. Para colmo, a súa díscola nobreza tiña acogotada á coroa porque desde a chegada da dinastía bastarda dos Trastámara, os magnates acostumáranse a manipular aos reis ao seu antoxo.

En Aragón tampouco ataban aos cans con longaniza. O rei estaba arruinado pola guerra con Francia, e os nobres tíñano atado de pés e mans por unha serie de antigos fueros e privilexios.”

  Juan Eslava Galán: “Historia de España contada para escépticos”.

* Olla un esquema do reinado dos Reis Católicos en Hispania Sauces.

* Comproba a corrección da actividade sobre o vídeo da serie Memoria de España.

Tartessos

 

“Tartessos é un dos temas máis apaixoantes de toda a Prehistoria e Historia Antiga de España. Relaciónase coas posibles viaxes de Salomón en busca de prata, a comezos do primeiro milenio a.C., coas orixes da colonización fenicia e grega en Occidente, coa introdución na Península Ibérica do alfabeto, do uso do ferro, do torno de alfareiro, da púrpura, das técnicas máis avanzadas de explotacións mineiras e coa chegada de novos deuses, traídos de Oriente (como Astarté ou Tanit, que gozaron despois de grande aceptación entre as poboacións indíxenas hispanas), e coa creación de grandes centros urbáns de tipo comercial, como Cádiz.”

José María Blázquez: Los tesoros perdidos del reino de Tartesso”.

“Perto de Kastoulón hai un monte que polas súas minas de prata chaman Argyrós; dise que del mana o Baítis. Polýbios refire que este e o Ánas veñen da Keltibería e distan entre sí uns noventa stadios. Parece ser que en tempos anteriores chamouse ao Baítis Tartessós, e a Gadéira e as súas illas viciñas Erýtheia. (…)

E como o río ten dúas desembocaduras, dise tamén que a cidade de Tartessós, homónima do río, estivo edificada antigamente na terra sita entrambas, sendo chamada esta rexión Tartessís, a que agora habitan os tourdoúloi.”

Strabón: Libro III (Ibería), da “Xeografía”.

* Consulta unha composición de texto sobre Tartessos e o seu contexto histórico. Anota unha serie de ideas para a súa resolución.

* Unha introdución histórica a Tartessos.

Prehistoria

 

A prehistoria española -de contado a da península ibérica- non é singular nen específica; non é diferente á que poida ter existido noutro territorio, con bandas desperdigadas e inconexas que viven inicialmente en culturas de subsistencia esencialmente baseadas na recolleita e despois ampliadas con novas actividades como a caza e a pesca, a agricultura en tempos neolíticos. Probablemente o coñecemento que teñamos da nosa máis remota prehistoria ten cambiado nos últimos anos grazas aos descubrimentos realizados na serra de Atapuerca.

“O fósil máis antigo atopado ata hoxe en España é o fragmento de cráneo fosilizado de Orce (Granada), que se calcula nunha idade entre 1,5 e 1,8 millóns de anos.

Hai uns novecentos mil anos, varios individuos do Homo Erectus deixaron esquencidas unhas pedriñas talladas no paraxe de Cádiz coñecido como El Aculadero. De onde viñan? Probablemente de África. En que aventuradas pateras tiñan cruzado o Estreito? Que foi deles? Non o sabemos. (…)

Os vestixios humanos máis interesantes da Península teñen aparecido nunha zanxa de vinte metros de profundidade, excavada na serra de Atapuerca (Burgos) a finais do século XIX para abrir paso ao ferrocarril. Son os restos dunha antiga comunidade, bautizada como Homo antecessor, ou sexa, “explorador”, que habitou aquelas paraxes fai un millón de anos. (…) Aínda faltan uns centos de miles de anos para que aparecese o home de Neandertal en Europa, mais os Homo antecessor de Atapuerca xa o anunciaban. Eran máis ben baixiños, descoñecían o lume, vivían da recolleita de prantas e froitos comestibles e, despois de comer, escarbábanse os dentes cun pauciño, ou non lavaban as verduras (dúas posibles explicacións, non necesariamente excluíntes, das raiadas que revela ao microscopio o esmalte dos seus dentes).”

Juan Eslava Galán: Historia de España contada para escépticos.

“Os animais capturados polos magdalenienses de Altamira están representados polos restos óseos recollidos no xacemento. A especie máis abundante é o cervo, seguida por un grande bóvido, probablemente o bisonte, menos numeroso que no nivel solutrense, e especialmente polo corzo. Hai tamén restos menos representativos de cabalo, rebeco, cabra montesa, oso, lobo, zorro e lebre. Particularmente abundantes son as cunchas de moluscos mariños, que, moitísimo máis numerosas que no nivel anterior, chegan a formar verdadeiros depósitos. As especies representadas son a lapa común… e os caracois mariños. Tamén se recolleron restos de crustáceos e cunchas de vieira. (…)

Apareceron, tamén, dentes de cabalo e de grande bóvido perforados, probablemente para servir como contas de colar, e nunha das galerías do interior da cova, recolléronse tres grandes cunchas de vieira perforada intencionadamente para ser suspendidas a xeito de colgantes que deberon ter sido escondidas debaixo dunha rocha.”

Ramón Montes Barquín e Pedro Rasines del Río: “Los tiempos de Altamira. El Solutrense y el Magdaleniense en el centro de la región cantábrica”, en VV.AA.: “Redescubrir Altamira”.

“Cinco mil anos antes da era cristiá, atraídas polas minas de cobre e estaño, xurdiron verdadeiras colonias no sur de España. Crese que procedían do Mediterráneo oriental, e eran comparables, salvando as proporcións, ao que máis adiante serían as factorías gregas. Os restos achados permiten falar dunha agricultura primitiva, de domesticación de certos animais (vacas e cabras), dunha artesanía rudimentaria con cerámica e incluso dunha metalurxia primitiva de cobre na provincia de Almería. Algúns dos establecementos están protexidos con muros de pedra provistos de torres redondas. Tamén se cre que foron poboacións do Mediterráneo oriental as que pouco despois introduciron os ritos funerarios, primeiro en forma de sepulturas colectivas (dolmes de Levante, Andalucía, desembocadura do Texo e Galicia), e despois individuais. En Soria, Teruel e Levante hai restos de poboados fortificados, a cotío situados en outeiros. A abundancia de testemuñas suxire a penetración polos vales do Guadalquivir e o Texo ata o interior, a traverso da cunca do Guadiana e a actual Estremadura. (…) Non se pode descartar un principio de organización política na zona de Huelva, orixe das lendas sobre o imperio de Tartessos.”

Joseph Pérez: “Historia de España”.

* Consulta un artigo de Juan Luis Arsuaga publicado en El País o 30 de marzo de 2008 sobre Homo antecessor.

* Consulta un artigo de La Voz de Galicia sobre os xacementos paleolíticos en Galicia.