Ínfimos

0_historia_xeoloxica_terra“Quizás un medio máis eficaz de facerse cargo do noso carácter extremadamente recente como parte do cadro de 4.500 millóns de anos de antigüidade [do planeta Terra], é que estendas os brazos o máximo posible e imaxines que a extensión que abranguen é toda a historia da Terra. A esa escala, segundo di John McPhee en Basin and Range, a distancia entre as puntas dos dedos dunha man e a boneca da outra é o Precámbrico. O total da vida complexa está nunha man, «e cunha soa pasada dunha lima de granulado mediano poderías eliminar a historia humana».

Bill Bryson: Una breve historia de casi todo.

É ínfima a presenza humana na historia do planeta Terra, aínda que ben devastadora -mais tamén construtiva, claro está-. Olla este panel-animación sobre as eras xeolóxicas.

Terremotos inducidos

O proxecto Castor consiste nun almacén soterráneo de gas natural a 22 kilómetros da costa de Vinaroz, en Castellón, que aproveita un antigo pozo petrolífero -abandoado a mediados dos anos 1980 despois de que se extraeran del uns 56 millóns de barrís de cru- a 1.750 metros de profundidade baixo o nivel do mar. Este converteríase nun depósito estratéxico co que facer fronte a algún período de desabastecemento.

A creación destes depósitos pon de manifesto a nosa dependencia do abastecemento exterior do gas natural, a base actual da nosa produción de electricidade: máis do 50% do gas natural empregado en España procede de Alxeria e Nixeria; menos do 0,25% é produción interior.

A plataforma Castor non é o único depósito destas características en España. A plataforma Gaviota tamén se atopa a 8 km do cabo Matxitxako, ao NO de Bermeo, en augas do Mar Cantábrico, a unha profundidade de 2.150 m. Outros depósitos en terra funcionan actualmente en Serrablo (provincia de Huesca) e Yela (provincia de Guadalajara).

Mais o problema é que o depósito do proxecto Castor se atopa sobre unha falla ben cartografiada polo Instituto Geológico y Minero, a fosa de Amposta… E a inxeción de gas a grande profundidade probablemente estea na base da proliferación de terremotos fronte ás costas de Vinaroz nestes últimos tempos: máis de 250 en menos dun mes, con intensidades que acadaron 4,2 na escala Richter.

A relación entre megaminería e sismicidade non ven de agora. Por exemplo, hai agora 50 anos, entre abril de 1962 e setembro de 1963 tiveron lugar unha serie de terremotos no entorno da cidade norteamericana de Denver, con tremores que acadaron 4,3 na escala Richter. A orixe dos mesmos estaba directamente correlacionada coa inxeción de auga contaminada procedente dunha fábrica de armamento nun pozo dunha profundidade de 3.670 m. (segundo Bruce A. Bolt).

En suma, a acción antrópica tamén pode producir riscos xeolóxicos.

* Consulta un informe de ENAGAS sobre os proxectos de almacenamento soterráneo de gas.

* Consulta a páxina oficial do Proxecto Castor.

* Infografía: Así funciona el almacén Castor, en elperiodico.com.

Panxea política

0_pangea_politik

Hai xa case un ano, Massimo Pietroson publicaba no seu blogue unha imaxe que atrae pola súa peculiaridade: trasladar a un pasado remoto (hai uns 300 millóns de anos) as divisións políticas actuais e “implantalas” sobre o supercontinente Panxea, aquel que antes de separarse a comezos do Xurásico sería o xermolo de Gondwana e Laurasia, a mesma orixe da deriva continental que levaría á división en cinco continentes de hoxe en día.

Panxea é así o tronco común, nun tempo en que as divisións políticas non tiñan razón de ser… Cando non había meridianos nin paralelos trazados, cando os checkpoints non separaban humanos nin civilizacións… Cando non había loitas polos territorios (porque non había humanos), as riquezas mineiras, os aluvións e os magmas, as mesetas e as depresións, os cantís e os inselbergs permanecían á espera de debullar desencontros. A historia xeolóxica, os cambios climáticos, o paseo da Terra polo espazo e os encontronazos cos meteoritos (ademáis da codicia humana nestes 77 segundos de día xeolóxico que levamos sobre o planeta Terra) fixeron o resto.

Relevos… en coche

Velaquí un repaso televisivo a certos “relevos”. Hai que fixarse no fondo, non no boneco nin no coche, claro está… Pero de seguro que acabades identificando as formas do relevo que pasan rápidamente diante dos vosos ollos. Ánimo!:

Natureza e medio ambiente en Galicia

1. Esteiro é a parte máis ancha e profunda da desembocadura dun río no mar aberto ou no océano -habitualmente con praias a ambas beiras-, xeralmente en zonas onde as mareas teñen amplitude ou oscilación. Os esteiros orixínanse pola entrada de augas mariñas durante a pleamar, mentres que durante a baixamar todas as augas comezan a entrar a grande velocidade no mar ou océano, o que contribúe a limpar e profundizar o seu cauce, deixando, ás veces, grandes zonas de marismas.

2. A landa é unha formación vexetal de matogueira, característica da rexión eurosiberiana e degradación do bosque mixto atlántico. Está formada por matogueiras como a xesta, o toxo e o breixo, podendo acadar os 3 m. de altura. É característica da España húmida, asentándose sobre solos pobres e pouco aptos para o cultivo.

3. Unha ría é un val fluvial sumerxido baixo o nivel do mar a causa da elevación deste. A orixe xeomorfolóxica está relacionada cun asulagamento do val fluvial relacionado con movementos isostáticos e un afundimento tectónico asociado á rede de fracturas preexistentes. No caso galego, as fracturas tardihercínicas están na orixe da orientación da meirande parte das nosas rías.

4. Un tómbolo é un accidente xeográfico sedimentario que forma unha estreita língua de terra entre un illote, illa ou grande rocha alonxada da costa e terra firma, ou entre dúas illas ou illotes. A orixe está na acumulación areosa producida pola acción das mareas, que foron creando un espazo de unión entre áreas anteriormente alonxadas. 

Diversidade xeomorfolóxica

Comezamos cunha presentación de Nicolás Osante:

1. Un aluvión é un depósito de materiais detríticos, transportado e depositado de xeito transitorio ou permanentemente por unha corrente de auga. Habitualmente, está composto por areas, gravas, arxilas ou limos, acumulándose nas canles das correntes, nas chairas inundables (un dos modelados fluviais característicos é o da chaira aluvialolla nesta presentación outros modelados fluviais-) e nos deltas.

2. Unha foz é un val estreito e profundo, rodeado por paredes casi verticais, excavada polos ríos en terreos calizos.

3. A litosfera é un conxunto máis ou menos ríxido, fragmentado en diversas placas, que forma a superficie sólida do planeta e descansa sobre unha capa plástica, a astenosfera. A litosfera está formada pola códea e unha parte do manto superior terrestre.

4. Unha meseta é unha planicie extensa situada a unha determinada altura sobre o nivel do mar (xeralmente por enriba dos 300 m. de altitude), provocada polas forzas tectónicas e colmatada por sedimentos que proveñen da erosión dos terreos circundantes. Na Península Ibérica, onde se atopa como núcleo vertebrador das unidades do relevo español, conviven formas de relevo tabular e áreas baixas erosionadas polos cursos fluviais.

5. Unha penechaira é unha superficie de erosión de escasos desniveis. A súa monotonía ráchase ás veces pola presenza de montes-illa, formados por rochas moi duras máis resistentes á erosión. Sobre a penechaira, os ríos encáixanse aproveitando as fracturas e fallas do terreo, como ocorre nos Arribes do Douro. Na Península Ibérica, as penechairas zamorano-salmantina e extremeña conforman superficies de erosión sobre rochas paleozoicas con escasas pendentes.

6. O somonte é un terreo ou rexión situado ao pé dunha montaña. O exemplo máis característico na Península Ibérica é a área de transición entre o fondo da depresión do Ebro e os Pirineos, tamén coñecida como Prepireneo; nesta área, unha serie de materiais calcarios depositados en fondo mariño e pregados trala oroxenia alpina, deron lugar a relevos montañosos suaves.

7. O zócolo é unha chaira ou meseta formada na era primaria ou paleozoico como resultado do aplanamento pola erosión de cordilleiras xurdidas nesta era. Os materiais paleozoicos son rochas silíceas: granito, lousa, cuarcita e xistos. Son ríxidas e ante novos empuxes oroxénicos fractúranse ou rompen. Na actualidade, os zócolos son relevos horizontais que ocupan extensas áreas na metade occidental da Península.

8Os macizos antigos son montañas formadas na era terciaria polo novo levantamento dun bloque como consecuencia do movemento oroxénico alpino; son materiais paleozoicos. Estes macizos presentan cumes suaves e arredondados. Na Península, son macizos antigos as serras interiores da Meseta (Sistema Central e Montes de Toledo), o Macizo Galaico e a parte occidental da cordilleira Cantábrica.

9. As cordilleiras de pregamento son grandes elevacións montañosas que xurdiron na oroxénese da era terciaria polo pregamento de materiais sedimentarios calcarios, depositados polo mar na era secundaria. Distínguense dous tipos: – Cordilleiras intermedias, pregamento de materiais depositados nos bordos dos zócolos (Sistema Ibérico e parte oriental da cordilleira Cantábrica). – Cordilleiras alpinas, pregamento de materiais depositados en xeosinclinais ou fosas mariñas longas e profundas (Pireneos e cordilleiras Béticas); teñen fortes pendentes e formas escarpadas.

10. As cuncas sedimentarias ou depresións son zonas afundidas formadas na era terciaria e cheas con sedimentos de calcaria, arxila, arenitos e margas. As concas sedimentarias son de dous tipos: as cuncas sedimentarias formadas polo afundimento dun bloque dun zócolo a causa das presións oroxénicas da era terciaria (depresións das mesetas do Douro, Texo e Guadiana); e as depresións prealpinas, localizadas a ambos lados das cordilleiras alpinas (depresións do Ebro e do Guadalquivir). As cuncas sedimentarias son relevos horizontais ou suavemente inclinados porque non foron afectados por oroxéneses posteriores.

11. A tectónica de placas é unha teoría que, despois dos anos 1960, explicou a deriva continental e outros fenómenos. Segundo a tectónica de placas, a superficie exterior da Terra, chamada cortiza, consiste en aproximadamente dez bloques ou placas ríxidas. As placas non son o mesmo que os continentes; transportan aos continentes tanto como aos solos oceánicos. As placas, que están en constante movemento, son a causa de moita actividade xeolóxica, incluíndo a formación de montañas, volcáns e terremotos. As placas teñen ducias de quilómetros de espesor. Cada placa móvese uns centímetros por ano. As placas sofren tres tipos básicos de movementos: sepáranse unhas doutras; converxen, cunha placa mergullándose por debaixo da outra; e deslízanse unha á beira da outra. Nos tres tipos de movemento, só os bordes das placas se deforman; os seus interiores permanecen relativamente inalterados. Cando as placas se separan, ou diverxen, o material quente do manto ascende a través do oco e solidifícase, formando nova cortiza. Posto que o tamaño da terra é constante, se se forma nova cortiza ao separarse as placas, nalgunha outra parte a cortiza debe estar sendo retirada para compensar as cousas. Isto sucede cando as placas converxen. A placa que se desliza baixo outra afúndese cara ao manto, onde é fundida polo intenso calor. Co tempo, converterase de novo en cortiza. Se as placas que converxen teñen masas terrestres sobre elas, entón a fronteira onde chocan elévase, formando cadeas montañosas. Os Alpes, por exemplo, alzáronse cando Italia se uníu a Europa (xeográficamente, é dicir, non políticamente). No terceiro tipo de movemento, dúas placas deslízanse ou rechinan unha contra a outra, creando unha zona de terremotos. [ver vídeo de Kalipedia]

Exercicios de repaso

 

Aproveitemos hoxe para uns exercicios de repaso:

* Ordea, en primeiro lugar, os acontecementos xeolóxicos que contribuiron á morfoloxía actual da península ibérica, seguindo un exercicio interactivo de Elena García Marín.

* Comproba o teu coñecemento do relevo peninsular a partir do mapa interactivo creado por E. Alonso. E coñece do mesmo xeito os ríos de España e as costas.

* Agora que xa memorizaches onde estaban, serache máis fácil situar ríos e costas.

Os mapas topográficos representan a superficie do territorio ofrecendo variada información sobre aspectos físicos, humanos e económicos da área representada. No seguinte exemplo:

mapa_topografico_porto_do_son 

* Identifica os aspectos relacionados co relevo e a hidrografía deste fragmento da folla topográfica nº 119-4 a escala 1:25.000 (lembra que as curvas de nivel, a esta escala, manteñen unha equidistancia de 10 m.). Para guiarte sobre que debes observar, consulta a presentación do profesor Isaac Buzo sobre o mapa topográfico.

* Proba a facer o comentario coa folla 1:50.000 da túa área xeográfica, prestando atención específica -nesta ocasión- aos seguintes apartados:

a) Nome da folla e número.

b) Coordenadas xeográficas extremas da superficie representada.

c) Máximas altitudes, denominación e localización no mapa topográfico.

d) Mínimas altitudes do mapa e lugar onde se sitúan.

e) Pendentes (identificación das áreas con maior e menor pendente da folla).

f) Principais cursos fluviais, con denominación e orientación dos mesmos.

g) Rías (tipos e definición dos mesmos), con atención tamén aos contrastes existentes no relevo litoral.

Formas do relevo

  

En xeomorfoloxía, o modelado é un conxunto de formas do relevo que son características dun proceso de erosión particular. Cada sistema de erosión morfolóxica modela o relevo dun xeito característico, o que permite falar de modelados fluviais, glaciais,… e tamén falar de formas do modelado sobre litoloxías diferentes. De ahí que, no conxunto da península ibérica, poidamos falar esencialmente de modelados sobre granitos, propios esencialmente do macizo Hespérico, modelados cársicos e modelados sobre rochas brandas -tipo arxilas- que dan lugar a formas do relevo ben diferenciadas. A iso convén engadir a acción do xeo durante o glaciarismo cuaternario e a continua acción do mar no relevo litoral. E sen esquencer a impronta volcánica en certas áreas. O modelado componse de tres procesos sucesivos: erosión, transporte e sedimentación.

* Consulta unha presentación sobre modelado do relevo español, a cargo de Sergi Sanchiz, en Slideshare.

* Consulta unha interesante páxina do profesor Marcelino Urresti sobre modelado granítico.

* Consulta unha interesante presentación do profesor G. Álvarez Calviño, do IES Sancho III el Mayor de Tafalla, sobre modelado granítico (ver especialmente diapositivas 2 a 4) e cársico (diapositivas 16, 19 e 20), na que as imaxes exemplifican claramente os efectos do clima e a erosión sobre o sustrato litolóxico predominante.

* Consulta un traballo de Cristina Abad, Estíbaliz Martínez e Eva Moreno sobre modelado cársico.

* Consulta o esquema de modelado cársico en Kalipedia.

* Non deixes de consultar a anotación de outubro de 2008 neste mesmo blogue.

*** Repasa unha presentación sobre o rochedo español do profesor Alfredo García e responde ás seguintes cuestións: 1) Enumera exemplos característicos de rochas silíceas. 2) Que é un relevo xermánico? 3) Que é un relevo apalachense? 4) Que é un relevo xurásico e como evoluciona? 5) Que espazos territoriais ocupa a España arxilosa? 6) Sinala as diferenzas entre un páramo e unha campiña. 7) Que é un relevo de cuestas e que formas son propias del? 8 ) En que lugares de España os terreos teñen orixe volcánica? 9) Que é unha caldeira volcánica? 10) Que é un roque?

Modelados do relevo

      

Na Península Ibérica, e dependendo da litoloxía e os procesos morfoxenéticos predominantes, impóñense modelados do relevo dispares: no antigo Macizo Hespérico, os batolitos graníticos crebáronse dando lugar a horsts e grabens que son sometidos a xelifracción e se descompoñen en campos de bolos e pedras cabaleiras; nas serras calcáreas pregadas a consecuencia da oroxénese alpina, despois de ter sido acumulados os sedimentos en fondos mariños desde época mesozoica, florecen modelados cársicos ben característicos; nos altos cumios montañosos -especialmente nas áreas montañosas máis septentrionais-, o glaciarismo cuaternario perfilou horns e vales glaciares que aínda hoxe en día, por mor do contraste térmico entre día e noite e entre estacións cálidas e frías, se ven sometidos ao retoque periglaciar.

A todo isto cabe engadir a variedade das formas de relevo litorais, entre as que podemos salientar as rías galegas. Sen esquencer o modelado volcánico das illas Canarias:

   

* Consulta o vocabulario de formas do relevo e outras cuestións de interese neste mesmo blogue. Realiza unhas actividades de repaso.

Evolución xeolóxica da península ibérica

    

Coñecer brevemente a evolución xeolóxica e xeomorfolóxica da Península Ibérica conleva coñecer as eras xeolóxicas e salientar algúns dos episodios máis significativos:

a) a presenza dun rochedo precámbrico con manifestacións no ollo de sapo  no macizo galaico;

b) a acción da oroxenia herciniana, a finais do Paleozoico, que deixou como herdanza a dirección NO-SL, habitual en pregas e fallas, e resulta clave para entender a sucesión de faixas de cuarcitas nas serras e de lousas nos vales do oeste ibérico, aquel no que subxace o zócolo do macizo Hespérico;

c) a calma mesozoica, coincidente co afundimento gradual do zócolo cara a oriente. É o momento en que se produce a separación do borde occidental peninsular de Norteamérica e despois a da marxe cantábrica do oeste de Francia, ao abrirse o golfo de Biscaia. Na parte oriental, a península recibe a carga dunha coberteira sedimentaria que inclúe estratos de orixe mariña ou continental desde o Triásico ao Cretácico. A coberteira mesozoica sustenta nas súas deformacións o relevo das montañas da cordilleira Ibérica o o Leste da Cantábrica, mais tamén ten un grande papel nos Pirineos, Béticas e Catalanas;

d) ata acadar a súa posición actual empotrada entre Francia e o norte de África, a placa ibérica experimentou deformacións nos bordes dianteiros do avance. O enfrontamento entre o zócolo francés e o africano elevou os Pirineos e as Béticas en cordilleiras de tipo alpino a finais do Terciario; o zócolo ibérico cuarteouse en bloques, de acordo coa súa rixidez, formando macizos ou cuncas. O ascenso montañoso desatou unha erosión intensa e unha sedimentación potente, que tapizou esencialmente as depresións do Ebro e Guadalquivir;

e) o Cuaternario ven marcado pola alternancia das glaciacións, da que a Würm (80.000 – 10.000 anos) resultou a última, e pola aparición de paisaxes glaciares nas cimas montañosas galaico-leonesas, cantábricas, pirenaicas, dos Sistemas Central e Ibérico e as cimas béticas. A presenza glaciar oscila entre altitudes de 1.700 m ao N por 2.500 no S da península Ibérica. O xeo modelou áreas pequenas, cinguidas aos cumes montañosos, mais a alternancia xeo-desxeo animou os procesos de modelado periglaciar (xelifracción, solifluxión). O remate das colmatacións de aluvións daría lugar ao modelado definitivo dos vales e depresións, así como as chairas litorais.

Placas tectónicas

    

A Terra é un planeta dinámico. A súa superficie, sometida a continuos cambios, está en constante remodelación pola acción de sismos e volcáns. A estrutura interna do planeta está formada por capas concéntricas. A capa máis externa, a cortiza, ten de quince a corenta km. de espesor. É a capa da nosa xeografía familiar, a de vales, montañas e océanos. Por debaixo da cortiza está o manto, que consiste en rochas pesadas dun espesor aproximado de 3.000 km. E por debaixo del está o núcleo, cun núcleo interno sólido rodeado por outro núcleo externo líquido de metais fundidos moi quentes tales como ferro e níquel.

Os movementos e colisións das placas que forman e soportan os nosos continentes son a manifestación máis externa do calor e o movemento profundo no centro da Terra. Só a uns km. por debaixo da cortiza da Terra, o manto superior móvese lentamente en resposta ao calor do núcleo exterior líquido.

“Cando ollamos un mapa, é fácil advertir que a costa oriental de América do Sur e a costa occidental de África parecen encaixar como as pezas dun rompecabezas. En 1912, un meteorólogo alemán chamado Alfred Wegener elaborou unha teoría, chamada deriva continental, que afirmaba que a razón de que as pezas parezan encaixar é que nun tempo estiveron xuntas: eran unha soa masa terrestre que se partíu. As similitudes entre rochas e fósiles nos dous continentes apoiaba a súa idea. Aínda que a idea parece hoxe sinxela e evidente, durante cincuenta anos moi poucos científicos tomaron en serio a idea da deriva continental porque carecían dunha explicación das forzas que puidesen mover aos continentes. Despois, nos anos 60, a nova teoría da tectónica de placas explicou elegantemente a deriva continental así como outros fenómenos.

Segundo a tectónica de placas, a superficie exterior da Terra, chamada cortiza, consiste en aproximadamente dez bloques ou placas ríxidas. As placas non son o mesmo que os continentes; transportan aos continentes tanto como aos solos oceánicos. As placas, que están en constante movemento, son a causa de moita actividade xeolóxica, incluíndo a formación de montañas, volcáns e terremotos. As placas teñen ducias de kilómetros de espesor. Cada placa móvese uns centímetros por ano.

(…) As placas sofren tres tipos básicos de movementos: sepáranse unhas doutras; converxen, cunha placa mergullándose por debaixo da outra; e deslízanse unha á beira da outra. Nos tres tipos de movemento, só os bordes das placas se deforman; os seus interiores permanecen relativamente inalterados. Cando as placas se separan, ou diverxen, o material quente do manto ascende a través do oco e solidifícase, formando nova cortiza. Posto que o tamaño da terra é constante, se se forma nova cortiza ao separarse as placas, nalgunha outra parte a cortiza debe estar sendo retirada para compensar as cousas. Isto sucede cando as placas converxen. A placa que se desliza baixo outra afúndese cara ao manto, onde é fundida polo intenso calor. Co tempo, converterase de novo en cortiza. Se as placas que converxen teñen masas terrestres sobre elas, entón a fronteira onde chocan elévase, formando cadeas montañosas. Os Alpes, por exemplo, alzáronse cando Italia se uníu a Europa (xeográficamente, é dicir, non políticamente). No terceiro tipo de movemento, dúas placas deslízanse ou rechinan unha contra a outra, creando unha zona de terremotos.”

Ann Rae Jonas: “As respostas e as preguntas da ciencia”.

Cadro-resumo do relevo peninsular

Completamos un  cadro-resumo sobre o relevo da Península Ibérica para 2º Bacharelato:

cadro_relevo.png

Consulta un mapa físico da península Ibérica

Olla un mapa coa variedade litolóxica da península Ibérica

Unha presentación sobre a historia xeolóxica da península Ibérica de Isaac Buzo

Descarga un mapa mudo físico da península Ibérica para completar as unidades do relevo

Consulta unha presentación sobre as formas do relevo en España

Consulta o vocabulario de divisións administrativas de España

Consulta o vocabulario sobre formas do relevo en España

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑