Arquivos da categoría Xeografía política

Contedores

Nestes días en que a afluencia de inmigrantes a Europa medra de xeito exponencial, convén lembrar aquela historia fabulada en torno ao senegalés Adrame -que viaxaba en caiuco na primeira década do século XXI cara a Canarias- no libro de Wolfgang Korn “A volta ao mundo dun forro polar vermello” (podes consultar aquí os diversos traxectos do verdadeiro protagonista do libro, a prenda de vestir, polo mundo globalizado).

Na obra, ademáis de analizar as penosas condicións de traballo das costureiras de Bangladesh, expóñense tamén outras consecuencias negativas da globalización económica. Á hora de abordar o tema, os grandes contedores e portacontedores semellan convertirse, para o autor, en verdadeiros símbolos da globalización, achegando produtos distantes a prezos baixos aos mercados do primeiro mundo. E, para iso, é preciso un tráfico de buques que se asenta, fundamentalmente, nos grandes portos do L e SL asiático, alí onde ten lugar a produción ou ensamblaxe de boa parte dos produtos industriais que abastecen ás nosas cadeas de grandes almacéns, ademáis de outros onde se agolpan milleiros de toneladas de mercadorías en disposición de ser consumidas.

portos_de_contedores_2012* Consulta un mapa de evolución dos principais portos de contedores do mundo entre 1989 e 2009.

Advertisements

AOD

0_evolucion_de_la_aod_de_la_cooperacion_espanola_1985-2012A axuda oficial para o desenvolvemento (AOD) inclúe todos os desembolsos de créditos e doazóns en condicións financeiras favorables e que teñan como obxectivo esencial o desenvolvemento económico e social do país receptor.

A AOD busca a mellora das economías dos países menos adiantados (PMA). Nela inclúense 4 grandes apartados (cooperación financeira, cooperación técnica, axuda alimentaria e axuda humanitaria). Os Estados doantes (22 dos máis ricos do planeta) comprometéronse xa en 1980, nunha asemblea da ONU, a acadar unha asistencia que chegase ao 0,7% do PNB de cada país. Sen embargo, na actualidade, só 5 países cumplen con este obxectivo: Dinamarca, Holanda, Luxemburgo, Noruega e Suecia.

Recentemente inaugurouse a web de Cooperación Española, na que se dá conta das accións realizadas polos diversos actores implicados nos programas de cooperación, onde á beira do sector público (administracións centrais e autonómicas) participan tamén membros da sociedade civil como ONG’s, universidades, sindicatos e fundacións privadas, que sosteñen programas con orientacións estratéxicas variadas e atendendo a prioridades xeográficas centradas en América Latina e África. É destacable que España fixo un esforzo de achegamento á cifra prevista pola ONU para destinar a AOD nos anos anteriores á crise económica actual -chegando a dedicar cifras próximas ao 0,5% en 2008-09-, mais desde entón o montante global descendeu de xeito abrupto, caendo ata o 0,15% do PNB en 2012, isto é, en niveis de finais da década de 1980.

O Fondo de Compensación Interterritorial

15_transferencias_fci_2008-2013

Fondo de Compensación Interterritorial é un instrumento de financiación das CCAA que consiste nun fondo con destino a gastos de investimento, destinado a correxir os desequilibrios económicos interterritoriais e facer efectivo o principio de solidariedade. A súa regulación contense na Constitución de 1978 e regulouse inicialmente mediante a Lei 7/1984. Nun principio, todas as CCAA eran beneficiarias. Ademáis, o FCI era un mecanismo de financiación básica, que cubría deficiencias no proceso de transferencias ás diferentes CCAA.

Unha nova Lei, en 1990, aplicou este fondo ás CCAA máis desfavorecidas, é dicir, as rexións de Obxectivo 1 -segundo o criterio da UE-. Asimilouse, polo tanto, a definición de rexión desfavorecida ao criterio comunitario.

En 2001, unha nova reforma desglosou o FCI en 2 fondos: Fondo de Compensación (para financiar gastos de investimento nas áreas máis desfavorecidas) e Fondo Complementario (destinado a financiar gastos de investimento que promovan directa ou indirectamente a creación de renda e riqueza no territorio beneficiario, mais que pode ser destinado a gastos correntes relacionados con proxectos de investimento, durante un período máximo de 2 anos).

Os recursos do FCI son determinados anualmente nos Orzamentos Xerais do Estado. Teñen un peso inferior aos fondos procedentes da UE canto a financiación autonómica. O criterio básico para a súa adxudicación foi sempre o PIB per cápita de cada CA, aínda que outras variables entran en consideración: a cantidade de poboación, o saldo migratorio, a taxa de paro, a superficie, a dispersión da poboación e o feito insular (todos eles con coeficientes de ponderación específicos).

Posto que, en período de crise económica, os recursos do Estado diminúen, a caída do FCI na actualidade é a máis significativa da súa historia. Así, ao período de estancamento dos fondos durante a década de 1990, sucédelle un período de bonanza e incremento considerable a comezos do século XXI (especialmente os anos 2002-2008), e o actual momento de retracción, vencellado á propia crise económica global, cunha caída real de investimento en prezos constantes moi notable.

* Olla un artigo de Xoaquín Fernández Leiceaga et al. sobre o FCI.

Globalización e Poder

16_esquema_globalizacion

Nunha atractiva análise sobre o novo mapa xeopolítico do mundo, Ricardo Méndez introdúcenos nas novas consecuencias que ten a globalización: a perda de poder relativo dos Estados en beneficio das entidades supranacionais e das empresas transnacionais [ver infografía]; a crecente importancia das cidades-globais [ver mapa] como centros de poder; a diversificación de poderes espaciais unha vez rematada a guerra fría; o incremento das desigualdades, tamén a nivel de fenda dixital;… mais as rivalidades estatais por áreas de influencia continúan:

“Consideradas de xeito conxunto, as grandes potencias dominan o esencial das relacións de poder dentro do sistema mundial e condicionan a axenda de cuestións consideradas relevantes. (…) A evidencia de que o poder económico na década final do século XX aparecía fortemente concentrado en Estados Unidos, a Unión Europea e Xapón, levou á consideración de que estas tres áreas [a Tríada] se configuraban como núcleo reitor das relacións internacionais a partir dese momento. (…) A referencia á Tríada mantívose vixente ata a actualidade, mais modificouse a identificación do terceiro vértice de poder, que deixou de ser Xapón en beneficio de China ou, en algunhas interpretacións, o tandem formado por ambos países, englobados nunha xenérica referencia á Asia do Pacífico, asociación que en termos xeoeconómicos ten máis senso que en termos xeopolíticos. (…)

Outras obras de referencia… como a do choque de civilizacións de Huntington (1997), tamén chegaron a conclusións case idénticas na identificación dunha pentarquía, composta neste caso polos Estados líderes das cinco principais civilizacións -co seu correspondente soft power-, a falla dun definido no caso do Islam: Estados Unidos (civilización occidental), Rusia (ortodoxa), China (sínica), Xapón (xaponesa) e a India (hindú).”

Ricardo Méndez: El nuevo mapa geopolítico del mundo“.

Comentar mapas temáticos

Os mapas temáticos poden ser de moi diversos tipos: de puntos, de isoliñas, de coropletas, corocromáticos, cartogramas, de fluxos, anamórficos,…

Aproveitamos esta ocasión para ofrecervos uns exemplos de mapas comentados, tomando como exemplo de base o correspondente ao mapa mundial co IDH correspondente a 2010 (fai click na imaxe para acceder):

Desigualdade no mundo

1.  A Comisión Europea é unha das principais institucións da Unión Europea. Representa e defende os intereses do conxunto da UE, elabora propostas de nova lexislación europea e xestiona o labor cotián de poñer en práctica as políticas e facer uso dos fondos europeos. Está integrada por 28 Comisarios, un por cada país membro da UE. O presidente (actualmente o luxemburgués Jean Claude Juncker) é elexido polo Consello Europeo e atribúe a cada Comisario competencias en ámbitos de actuación específicos. A Comisión supervisa e aplica as políticas da UE: a) propoñendo nova lexislación ao Parlamento e ao Consello; b) xestionando o orzamento da UE e asignando fondos; c) fai cumplir a lexislación da UE (xunto co Tribunal de Xustiza) e d) representa á UE na escena internacional, negociando acordos entre a UE e outros países.

2.  Os movementos antiglobalización son unha corrente de protesta mundial que inclúe a ducias de grupos de diferentes países que teñen en común o seu rexeitamento ao capitalismo e ao modelo neoliberal (baseado nunha política macroeconómica que pretende reducir ao mínimo a intervención estatal en materia económica e social). Nestes movementos danse cita colectivos que inclúen aos sindicatos, os intelectuais de esquerda, ecoloxistas, indixenistas ou grupos desfavorecideos que acusan ao sistema económico de amoral e inxusto. Os diferentes grupos antiglobalización levan máis dunha década traballando en cuestións relacionadas cos problemas causados pola globalización da economía mundial. Organizaron numerosas campañas para a condonación da débeda externa dos países pobres e a reforma de institucións como o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional.

3.  Os Obxectivos do Milenio, fixados pola ONU no ano 2000, son 8 obxectivos de desenvolvemento humano (erradicar a pobreza extrema e a fame; lograr o ensino primario universal; promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller; reducir a mortalidade infantil; mellorar a saúde materna; combater a SIDA, paludismo e outras enfermidades; garantir a sustentabilidade do medio ambiente; fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento), que os países desta organización se fixaron conseguir no ano 2015. [Ver programa TVE “Historias del milenio”]

España no mundo

España perdeu peso no contexto internacional durante o século XIX e a primeira metade do século XX, máis aínda coa guerra civil e o illamento internacional posterior. Mais o desenvolvemento económico dos anos 1960 e a recuperación democrática téñennos devolto a un primeiro plano do escenario económico e cultural a nivel internacional [que arriscamos de perder, ben certo é, coa actual crise económica].

A incorporación á UE [consulta aquí documentos para traballar na aula sobre a Unión Europea] e a alianza con países desenvolvidos da nosa contorna teñen incrementado o noso nivel de vida global, ata ascender a postos importantes no ránking do PIB per cápita e no IDH (índice de desenvolvemento humano).

De seguro que o noso Estado non está no mellor momento despois do  ingreso na Unión Europea, do que se cumpriron 20 anos en 2006 [olla o estudo publicado polo Real Instituto Elcano con motivo desta conmemoración], mais España mantén un peso específico nas súas institucións, en razón da súa superficie, poboación e capacidade económica [consulta esta web especial conmemorando o 25º aniversario da nosa entrada en Europa].

As liñas xeopolíticas de España, que sempre han de ter como referencia a súa posición xeoestratéxica e a situación de encrucillada entre dous mares (Mediterráneo e Atlántico) e dous continentes (África e Europa), desenvólvense hoxe en día en contacto estreito con Europa -destino principal das nosas relacións comerciais e culturais-, Iberoamérica -espazo co que históricamente mantemos unha vinculación demográfica, económica e cultural de vital importancia- e os Estados Unidos, cos que mantemos acordos bilaterais en múltiples campos.

* Olla a presentación sobre este tema:

Un Estado intermedio

Un Estado de tamaño intermedio, así é como cabe definir a España dentro do conxunto da UE de 27 membros. Ocupando pouco máis da novena parte da superficie total, España é a segunda entidade política de maior peso territorial dentro da Unión Europea, aínda que estea por debaixo das cifras medias de densidade de poboación (89,5 habitantes por kilómetro cadrado en 2008, fronte aos 113 de media da UE).

As distancias entre os puntos extremos da península ibérica denotan claramente o seu carácter compacto: 1037 km entre Touriñán e Creus, 1088 km entre San Vicente e Creus, 912 km entre Touriñán e Cabo de Gata. A pel de touro bautizada por Estrabón na súa Xeografía ocupa pouco máis de medio millón de km cadrados. É o Estado 50 dentro dos máis grandes, ben lonxe de dimensións continentais como as de Rusia, que abrangue case 34 veces o territorio español (aínda que a meirande parte do seu territorio sexa asiático, e non europeo).

Grazas á inestimable axuda de Enrique Alonso:

* Repasa a ubicación das provincias de España.

* Repasa as capitais de CCAA.

* Completa o mapa de CCAA.

* Completa o mapa de comarcas de Galicia.

* Identifica as comarcas de Galicia.

* Identifica as principais unidades do relevo español.

– Achégate a unha presentación sobre as unidades do relevo español da man do profesor Isaac Buzo.

Desequilibrios territoriais

desequilibrios_territoriais

Xa temos aludido ás diferenzas na litoloxía, o relevo, a climatoloxía, vexetación e outros aspectos físicos no Estado español. Como espazo meridional de Europa, a encrucillada atlántico-mediterránea testemuña claros contrastes entre áreas xeográficas de orientación dispar.

Mais, aos contrastes físicos podemos engadir os desequilibrios demográficos, económicos e de renda. Segundo datos de 2008, tres CCAA (Andalucía, Cataluña e Madrid) concentran case o 50% da poboación do Estado e o 50% do PIB. Á beira de comunidades e cidades autónomas de perfil netamente urbanita (Ceuta, Melilla, Madrid, Murcia) -con máis de 9 de cada 10 habitantes vivindo en áreas urbanas- perviven zonas onde apenas máis da metade da poboación reside en cidades (Extremadura, Castela-A Mancha, Navarra, Castela-León). Hai netos contrastes entre comunidades ricas (cun PIB per cápita de case 30.000 euros en 2006) como Madrid ou o País Vasco e outras que están en pouco máis da metade do PIB per cápita das anteriores (Extremadura, Andalucía). Este último dato revela a distancia entre o centro-oeste e sur peninsulares con respecto ás áreas mediterráneas e do norleste máis vencelladas e próximas á Europa comunitaria.

* Seguro que cos datos que se aportan na táboa de entrada desta anotación podedes construir os vosos mapas temáticos sobre reparto de poboación, poboación urbana, renda per cápita e aportación ao PIB estatal por parte de cada CCAA e cidade autónoma. E podedes usar para iso este mapa mudo autonómico de España.

* Se queres saber máis sobre diferenzas provinciais, consulta o resumo provincial publicado polo INE publicado polo INE en “España en cifras 2008”.

As divisións administrativas

Ao IGN (Instituto Xeográfico Nacional) compete a actualización das series cartográficas do Mapa Topográfico Nacional a escalas 1:25.000 e 1:50.000, entre outras funcións. As 1108 follas a escala 1:50.000 nas que se representa a superficie do Estado español, inclúen detalles físicos (altitude, coordenadas xeográficas, relevo, vexetación, hidrografía) e humanos (poboamento, usos agrarios, vías de comunicación,…) que ofrecen un “retrato tipo” da xeografía do lugar nun tempo determinado.

E tamén ofrecen con claridade as delimitacións administrativas básicas (municipio, provincia) nas que tradicionalmente se ven dividindo o territorio. Estas divisións administrativas son consecuencia da interrelación de factores xeográficos (divisorias de augas, cursos de auga,…) e históricos (repoboacións demográficas, tratados de paz,…) que se sucederon desde a antigüedade prerromana ata a máis recente configuración da división territorial estipulada na Constitución de 1978.

“A priimeira parte dela é, como diciamos, o Occidente; é dicir, Iberia; esta, na súa meirande extensión, é pouco habitable, pois case toda ela se atopa cuberta de montes, fragas e  de solo pobre e d esigualmente regado. A rexión septentrional é moi fría por ser accidentada en extremo, e por estar á beira do mar atópase privada de relacións e comunicacións coas demáis terras, de xeito que é moi pouco hospitalaria. Así é o carácter desta rexión. A meridional case toda ela é fértil, principalmente a de fóra das Stélai [nome co que os gregos coñecían o antigo Estreito de Xibraltar]”.

Tradución do libro terceiro da “Xeografía” de Strabón, segundo Antonio García y Bellido: “España e os españois hai dous mil anos”.

As distintas divisións administrativas do territorio peninsular ao longo da historia inclúen: a desorganizada división administrativa prerromana, en base a límites difusos no territorio; a primeira organización provincial romana (pertencente ao 197 a.C.); a reestructuración do 27 a.C. -que perdurou ata o ano 298-; a división de Diocleciano; a instalación visigoda ao longo dos séculos VI e VII; a subseguinte división administrativa musulmá -coa aparición das coras ou provincias- baixo o emirato de Córdoba ; o xurdimento dos núcleos medievais cristiáns no norte peninsular e nas áreas pirenaicas, xermolo da futura rexionalización hispana; a división administrativa do século XVI, completada a reconquista; a instauración das intendencias na nova administración borbónica do século XVIII; a concreción do mapa administrativo provincial e rexional a partir de 1833, segundo proposta de Javier de Burgos; o mapa autonómico e provincial actual.

O estudo das divisións administrativas non debe pasar por alto a atención a outras unidades como a parroquia ou a veguería, de orixes ancoradas no pasado alto e baixomedieval, e de notable pervivencia na actualidade en territorios como o galego ou o catalán. A parroquia galega, por exemplo, da que o número se achega ás 4.000 unidades, é unha unidade de sentimento da que escribía Otero Pedraio en 1927: “O paisano é da parroquia, non do concello: o señor Perfecto Cabanelas é do lugar de Souto do Río na parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo. A ninguén se lle ocorre dicir que é do Concello de Canedo.”

Podemos, polo tanto, distinguir varios niveis administrativos englobados dentro do Estado: un autonómico que engloba ao provincial, que á súa vez inclúe as entidades municipais ou locais (en España, segundo o censo de 2007, hai 8111 municipios). Estas entidades locais subdivídense noutras como as parroquias, á vez que se agrupan en entidades intermedias entre o municipio e a provincia -tal e como sucede coas comarcas (infórmate sobre as comarcas de Galicia).

* Consulta a división territorial de España segundo a Constitución de 1978 e examina as vías de acceso á autonomía.

* Estuda brevemente a evolución na división territorial en España ao longo da historia.

Iniciamos o percorrido

 

Benvidas e benvidos a un novo curso académico no que trataremos, esencialmente, temas de Xeografía e Arte, aínda que non deixemos á beira a nosa curiosidade por calquera iniciativa interdisciplinar que poida xurdir.

E para comezar as nosas clases de Xeografía de 2º Bach, remítovos a unha excepcional e sintética presentación do profesor Marino Aguilera, que imparte aulas no IES Fernando III el Santo de Priego de Córdoba: a singularidade da península ibérica.

             “A Ibérica é unha das tres grandes penínsulas avanzadas de Europa, mar Mediterráneo adentro. A dicir verdade é a unica que non se contenta con ser mediterránea, pois proxéctase tamén no Atlántico; aínda máis, é a terra do continente europeo que máis ó Oeste se proxecta. Aquí atópase a punta máis avanzada cara ó poñente, o cabo de Roca en Portugal. Isto explica o papel fundamental que Iberia desempeño una súa conexión con tódolos países oceánicos e especialmente con América, que Europa chama latina pero en realidade é unha América Ibérica.

            O avance no océano da península ibérica é considerable, así,  a península ibérica debería ser máis atlántica que mediterránea. Esperaríase unha paisaxe oceánica, pero a realidade é moi distinta e a influencia oceánica só penetra nunha franxa moi estreita do noroeste. Iberia aparece cun aspecto moi macizo, sen profundas entrantes de mar, sen penínsulas, sen illas anexas. Este carácter macizo faina diferente das demáis penínsulas mediterráneas: a itálica, coa forma de bota alongada, a balcánica fragmentándose nunha serie de pequenas penínsulas anexas, flanqueadas de illas…

            Iberia é un cuadrilátero chaparro, máis desenvolvido no sentido das lonxitudes este-oeste, máis de mil kilómetros, que no das latitudes norte-sur, menos de oitocentos; é ante todo un bloque de terras elevadas: a súa altitude media, superior ós seiscentos metros, é a máis elevada dos estados europeos despois de Suiza. Esta alta e ancha Iberia desempeñou un papel de límite distanciador do Atlántico e Mediterráneo; se a estreita bota italiana ocupara o lugar da mole ibérica, o Mediterráneo non fora senón unha dependencia oceánica.

            Deste xeito, Iberia pola súa compacidade un tanto africana forma como un pequeno continente aparte. Separada de África, separada do Mediterráneo, Iberia foi esencialmente ela mesma; Legendre chamábaa non “a península” (case illa), senón a “superpenínsula” (máis que illa)”.

 

                                                                          J. VILÁ VALENTÍ. España. Ed. Dánae-Océano