Arquivos da categoría Arte bizantina

Un octógono áulico

A planta centralizada de San Vital de Rávena está baseada nun octógono central abovedado, en torno ao que se sitúa un deambulatorio en dobre planta; a transición entre a bóveda central e o deambulatorio faise mediante sete nichos e un oitavo que dá ao presbiterio cadrado e unha ábsida sobresaínte, poligonal ao exterior; a cabeceira complétase con dúas pequenas torres rectangulares aderidas, seguidas de capelas circulares (prótesis e diakonikon) rematadas ao exterior mediante unha absidiola rectangular. Na fachada occidental, o ingreso prodúcese mediante un nártice rectangular, oblicuo e tanxente nun dos vértices do octógono, que permite introducir no interior dúas torretas circulares -unha delas fai de campanille e a outra permite o ingreso ao xineceo; o nártice ábrese ao adro rectangular exterior.

A igrexa foi consagrada en tempos do bispo Maximiano, en 547-548, e conta cunha decoración musivaria que culmina nos retratos áulicos de Xustiniano e Teodora a ambas beiras da ábsida. Visualiza os principais mosaicos da igrexa.

O santo ao que se consagra o templo foi un mártir cristián de comezos do século IV -pouco antes do Edicto de Milán-, segundo conta Santo Ambrosio.

* A partir da información suministrada, recrea o contexto histórico-cultural de Rávena no século VI e analiza a arquitectura de San Vital.

Teodora

   

“Unha vez díxome -este era o relato de seu pai, só e amargado, en resposta a algunha pregunta lamentablemente audaz de Xoan- que nunha ocasión representou unha parodia sobre Leda e o cisne ante miles de espectadores nun teatro público de Constantinopla. Sementou grans por todo o corpo e tamén baixo a faixa de coiro que cubría as súas partes íntimas, o único que levaba posto. Trouxeron un ganso, e este comezou a picotear todos os grans, mentres ela se retorcía no chan berrando que a violaban. Despois paríu un ovo. Teodora aseguraba que encantou á multitude. “Ruxían!”, dicía con deleite. Realmente gustaríache tela aquí?  Para que todo o pobo de Bostra ruxa diante dela? Eu estiven o suficientemente tolo como para querer traela aquí. Alédate de que nunca viñese.”

Pero ante a muller sentada en medio da súa púrpura imperial, que o miraba con ollos feroces, estas descripcións, que o atormentaran durante anos, parecíanlle [a Xoan] fabulacións tolas e sen sentido.”

Gillian Bradshaw: “Teodora, emperatriz de Bizancio.”

Lixeiramente desprazada do centro da composición, con grandes ollos escrutadores, míranos a emperatriz Teodora desde a beira meridional do presbiterio de San Vital de Rávena. Acompáñaa o seu séquito, integrado por Antonia e Xoana, muller e filla respectivamente do xeneral Belisario, amigas íntimas da monarca; un conxunto de doncelas tratadas con evidente isocefalia e ricamente engalanadas pecha o grupo pola dereita, mentres no extremo contrario se atopan dous dignatarios masculinos da corte cesaropapista bizantina. A emperatriz, ricamente tocada coa clámide púrpura e enxoiada con colares, pendentes e coroa de perlas, porta un cáliz de ouro con obxecto da consagración do templo, aspecto ao que probablemente alude a fonte de auga situada á esquerda da visión do espectador; a túnica de Teodora aparece ornamentada cunha escena da Adoración dos Reis Magos. Bota unha ollada polo miudo á obra.

* Infórmate sobre a figura de Teodora.

Kuppelbasilikas

santa_sofia_constantinopla    san_vital_ravena 

Os soños imperiais bizantinos acadan a súa manifestación arquitectónica na grande basílica cupulada (kuppelbasilika) de Santa Sofía de Constantinopla, mandada erixir por Xustiniano entre 532 e 537. O edificio, de grandes dimensións, insiste no verticalismo, evocando a alegoría da autoridade divina sobre a terra. A partir da tradición inaugurada por Plotino, impoñíase elaborar no interior do templo unha forma de visión “para abrir os ollos da alma e pechar os do corpo”. A forma en paralelepípedo da súa nave central alberga o eixo que invoca unha vida transeúnte cara á luz ou centro litúrxico (a ábsida), mentres que a certeza do sublime se relacionaría coa cúpula circular (de 31 m. de diámetro e culminante a 61 m. de altura sobre o chan) que remata o eixo vertical dun suposto cubo de dimensións iguais, como símbolo do ceo asentado sobre a terra.

A cúpula de Santa Sofía non soportou os terremotos de 553 e 557 e derrubouse en 558. Foi reconstruída en 563, máis elevada. A parte occidental da segunda cúpula volveu caer en 989 e foi reparada polo arquitecto Tiridates; a parte oriental afundiuse en 1346. A cúpula estaba construída con esponxosas tellas brancas de escaso peso (o peso de cada 5 correspondía a unha normal), procedentes da illa de Rodas. Para alixeirar o peso introducíronse entre o morteiro e ladrillo co que se construíu a cúpula unha serie de vasillas de cerámica e ánforas ocas. O tambor de 40 fiestras aberto na base da mesma ocupa unha terceira parte da altura.

A combinación de plantas basilicais e centralizadas tería a súa continuidade na arquitectura de Rávena, base naval no Adriático que se converteu en bastión do goberno de Constantinopla en Occidente. Alí edificouse San Vital, igrexa consagrada en 547-548, en tempos do bispo Maximiano. A forma do templo é a dun octógono cun deambulatorio en dous corpos, que ten así mesmo unha marcada tendencia vertical, culminado na cúpula central, e un presbiterio rectangular –cuberto por bóveda de aresta– que conclúe na ábsida de exterior poligonal –cuberta por bóveda de forno-, enmarcados pola próthesis e o diaconicon.

Arte paleocristiá e bizantina

 

“A igrexa cristiá non é xa o edificio misterioso que oculta o simulacro dun deus, en certo sentido tampouco é simplemente a casa de Deus, senón un lugar de reunión, de comuñón e de oración dos fieis. É lóxico que os cristiáns se inspirasen na basílica mellor que no templo romano, xa que ela constituíra o tema social do mundo edilicio precedente. Tamén é natural que, a miúdo, tendesen a reducir as proporcións da basílica romana, xa que unha relixión do íntimo e do amor esixía un escenario físico humano, creado a escala daqueles a quen tiña que acoller e elevar espiritualmente. Esta foi a transformación cuantitativa ou dimensional; a revolución espacial consistiu en ordenar todos os elementos da igrexa na liña do camiño humano.”

Bruno Zevi (1981): Saber ver a arquitectura. Ed. Poseidón, Barcelona.