Territorios improbables

Pedro Torrijos, arquitecto, conta historias, dá a brasa en twitter. Este ano decidíu recopilar historias singulares nun libro improbable, Territorios Improbables… E tamén sorprendentes!

Ao longo de 50 capítulos agrupados tematicamente en seccións de dez en dez (o que non está, o que non vemos, o hipervisible, o indesexable de ver ou o que non debería existir), o autor viaxa do Mediterráneo ao Pacífico, de Europa a Asia, de Brasil a Australia. Percorremos o mundo en busca do urbanismo de novo cuño, dos edificios macabros e esbeltos, das apostas arquitectónicas máis rompedoras ou daquelas que quedaron abandonadas en medio de desertos ou paradisíacos escenarios de futuro. Do máis elemental ao máis complexo, o autor ilustra con introduccións estéticas ou cómicas, historias arquitectónicas que nos aproximan á esencia da disciplina. Porque non están ausentes as ensinanzas sobre materiais -formigón, pudinga, ferro, arxila, plástico, pedra,…- nin estilos; Torrijos é capaz de facernos entender o barroquismo do Centro Pompidou, o modernismo da City Hall Station, o fachadismo inenarrable de Freddy Mamani. O autor non desaproveita a ocasión para apuntalar informacións sobre os elementos básicos da arquitectura: o espazo, a luz,…

É unha lectura fresca, estimulante. Cada historia é independente e achéganos a espazos que agochan sorpresas e misterios, mesmo cuestionan definicións como a de rañaceos. Citas literarias pertinentes e prefacios sintéticos aproxímannos a Atlantropa, Sealand, Varosha, Shibam, Asmara, Uyuni, Colma, Fordlandia,… Perdámonos!!!!

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑