Cerebro…


O cerebro é a estrutura máis complexa e enigmática no universo. Contén máis neuronas que as estrelas existentes na galaxia. A neurociencia axúdanos a descobrer as características deste órgano tan esencial no noso desenvolvemento. No ciclo de conferencias “Os labirintos do cerebro”, desenvolvido no MUNCYT de A Coruña ao longo deste curso académico, tratáronse temas tan interesantes como os descobrementos de Ramón y Cajal, a linguaxe, o alzheimer, o olfato, a obesidade,…

«Resulta interesante entender como chegamos a ter un cerebro tan complexo. (…) Os compoñentes básicos das neuronas apareceron en animais mariños moi simples hai uns 800 millóns de anos.» «Considérase que a nosa especie ten chegado ao seu máximo tamaño cerebral, porque este órgano consume unha cuarta parte de toda a enerxía metabólica e pola limitación existente na canle do parto feminino. (…) nacemos cun cerebro de 350 cm3 (casi do mesmo tamaño que o dun chimpancé adulto) e aínda terá que medrar outros 1.000 cm3 . Durante o primeiro ano de vida faino moi rapidamente, e a adolescencia é a época de reconfigurar ou «podar» a nosa rede de conexións neuronais. A mielinización dos axóns (principalmente nas neuronas do lóbulo frontal), imprescindible para acelerar a condución dos impulsos nerviosos, non remata ata que temos uns 30 anos.» «Os neurobiólogos que estudaron este tema, empregando técnicas de neuroimaxe estrutural ou funcional e tamén analizando o efecto producido por certas lesións, demostraron que usamos ambos hemisferios por igual, sexan cales sexan “as nosas cualidades” ou a nosa profesión.» «[É certo que só utilizamos o 10 % do noso cerebro?] Pois non, esa idea tampouco é certa: trátase doutro bulo (…) sería imposible que na nosa longa traxectoria evolutiva se tivese xerado un órgano tan grande e complexo se non o utilizásemos ao cen por cen do seu potencial. O que ocorre é que estamos lonxe de saber como funciona.» (Carlos Briones: “A bordo de tu curiosidad”, 2024 [PDF]).

Deixar un comentario

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑