Arquivos da categoría Arte paleocristiá

Basílicas e mausoleos

 

A relixión cristiá, perseguida ata o Edicto de Milán (313), atendeu ás necesidades de culto e enterramento en casas particulares e catacumbas. Nestas últimas, as cámaras abertas ás galerías, ou cubiculi, albergaban os restos de defuntos comúns, mentres que aos notables estaba reservado o espazo cuberto con arco semicircular que constituía o arcosolium. As pinturas ao fresco destas cavidades soterráneas con varios pisos de profundidade incidiron nunha iconografía que enfatiza os ciclos de redención (Daniel, Xonás, Orfeo, o Bo Pastor, o tema da Orante ou a insistencia na idea do Mesías que redime coa súa morte os pecados do individuo e bríndalle a promesa de vencer á morte para retornar á vida).

* Infórmate sobre as catacumbas de San Calixto.

Convertido o cristianismo en relixión tolerada, a arquitectura paleocristiá postconstantiniana recupera o edificio basilical como modelo para unha arquitectura funcional que albergue nun espazo lonxitudinal de orientación L-O a uns fieis que vexan canalizada a súa ollada cara ao transepto (ao que moitas veces se accede a xeito de grande arcada triunfal que simboliza o triunfo sobre a morte) e a ábsida semicircular que foi corrente remate da cabeceira das basílicas na metade occidental do Imperio Romano. Grandes recintos como a basílica vaticana -construída entre 319 e 322-, a Basílica do Santo Sartego de Xerusalén -edficada entre 325 e 336-, Santa María Maggiore -construída entre 401 e 440-ou Santa Sabiña -edificada entre 422 e 432-, enfatizaron a idea dun espazo lonxitudinal, disposto a diversas alturas, con cuberta alintelada e combinado ás veces o plan centralizado (baptisterios octogonais ou circulares).

Este modelo lonxitudinal básico acompáñase doutras tipoloxías que se poden clasificar en: a) edificios de planta circular con deambulatorio -invocando modelos paganos de orixe etrusca- como o mausoleo de Santa Constanza; b) edificios de planta octogonal con deambulatorio, como o Baptisterio de San Xoan de Letrán; c) edificios de planta octogonal sen deambulatorio, como o Baptisterio dos Ortodoxos de Rávena; d) edificios de planta cruciforme, como o edificio de cruz grega que constitúe o mausoleo de Gala Placidia -tamén en Rávena-.

Dous sartegos e un crismón

 

O proceso de creación das imaxes cristiás, asociadas inicialmente a iconografías grecorromanas ás que se dota dun novo significado, acada unha importante difusión coa plasmación de historias de salvación nos frontais dos sartegos paleocristiáns. Cun nivel técnico inferior ao relevo clásico, estas historias pretenden sensibilizar ao fiel de cara a ter exemplos a seguir, que soen estar indistintamente extractados do Antigo e o Novo Testamento.

O sartego dogmático, do século IV, ten un frontal con dous rexistros dispostos en friso continuo. Nel afírmase plásticamente o triunfo da Trinidade despois do Concilio de Nicea (325) e elúdense os temas do xuizo e a condea de Cristo, pois os que cren en Deus serán salvados e o xuizo só afecta aos paganos. No rexistro superior observamos, de esquerda a dereita: a creación de Eva -coa Trinidade detrás (o Pai é con frecuencia invocado como ancián e barbado, o Fillo/Logos é xove e imberbe)-, o pecado orixinal -con Cristo en medio, á beira dun carneiro que simboliza que El mesmo será obxecto de sacrificio-, o medallón funerario coa imaxe do matrimonio do que os restos se atopan no sartego, Cristo taumaturgo cunha vara nas vodas de Canaá -convertendo a auga das tinaxas en viño-, a representación do milagre dos panes e dos peixes -pousando Cristo as mans sobre os cestos que levan os apóstolos-, e a resurrección de Lázaro -con María Magdalena, irmán do resucitado, agradecendo o milagre-. No rexistro inferior, de esquerda a dereita, observamos os seguintes temas: a Epifanía -cos Reis Magos tocados con gorros frixios característicos dos persas; ben parece que detrás da imaxe sedente da Virxe María se dispón o seu home, Xosé-, Cristo curando a un cego de nacemento, Daniel no foxo dos leóns -imaxe do Antigo Testamento que é prefiguración da resurrección e salvación de Cristo-, a negación de Pedro -co símbolo parlante do galo, que denota a idea de penitencia e arrepentemento-, o prendemento de Pedro e Moisés-Pedro facendo manar auga da rocha de Horeb -co paralelismo creado entre Antigo e Novo Testamento, pois Pedro é o receptor da nova Lei das mans de Cristo, mentres Moisés recibía a antiga Lei de mans de Yahvé-.

En torno ao 359 esculpíuse o sartego de Junius Bassus, que tamén inclúe un frontal con dous rexistros, esta vez cobixados baixo arquitecturas clásicas (alinteladas no nivel superior, abovedadas e con tímpanos no inferior) e con figuras de maior volume, aportando un aire clasicista máis evidente, incluso no tratamento dos pregados. No rexistro superior descubrimos os seguintes temas: o sacrificio de Isaac -exemplo de salvación e prefiguración da morte de Cristo-, o prendemento de Pedro -símbolo de que a Igrexa é institución mediadora entre o home e Deus-, Cristo doutor -un xove imberbe entronizado coa nova Lei, á beira dos apóstolos, cunha representación de Atlas sosténdoo-, o prendemento de Cristo, Cristo ante Pilatos -a figura da xarra de auga evoca a Paixón-. No rexistro inferior, tamén de esquerda a dereita, distinguimos: Xob coas pernas cheas de úlceras diante da súa muller chorando e outro familar -exemplo de salvación e prefiguración da Paixón-, o pecado orixinal -unha das escasas escenas nas que aparecen toscamente representados os espidos tan habituais no relevo clásico-, a entrada de Cristo en Xerusalén -inicio da Paixón-, Daniel no foxo dos leóns -prefiguración da resurrección de Cristo-, e o prendemento de Pablo -símbolo da instauración da Igrexa con carácter universal-.

O crismón, xurdido inicialmente para abreviar o nome de Xesucristo ou Cristo (XPISTOS en grego), converterase a comezos do século IV no símbolo de Cristo. No “lábaro de Constantino” (bandeira na que había unha asta sobre a que se extendía unha coroa na que ían as letras gregas “ro” (P) e “x” (X), segundo o relato de Eusebio de Cesarea) realizado para vencer a Maxencio na batalla de Ponte Milvio (312) xa figura o sinal que despois se acuñará como monograma de Cristo. Tamén a comezos do século IV se engaden a este monograma as letras gregas alfa e omega para identificar a denominación que a Cristo se lle concede no Apocalipse de San Xoan.

O crismón de Quiroga atopábase facendo de ara no altar maior da igrexa de Nosa Señora da Ermida, parroquia do concello de Quiroga, sendo levada ao Museo Diocesano de Lugo en 1925. Trátase dun disco de mármore gris veteado, de 95 cm. de diámetro e 6 cm. de grosor, co crismón no centro, rodeado dunha inscripción ensartada en perlas, cun texto epigráfico que di: “AURUM VILE TIBI EST ARGENTI PONDERA CEDANT / PLUS EST QUOD PROPIA FELICITATE NITES” (“O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátense, máis es o que brilas pola túa propia felicidade”). O crismón de Quiroga debeu ser feito cara ao ano 400 ou comezos do século V. Tense considerado con tres posibles funcións: adorno da fachada dunha igrexa paleocristiá, mesa de altar ou dedicación dunha igrexa ou mesa de ofrendas.

Arte paleocristiá e bizantina

 

“A igrexa cristiá non é xa o edificio misterioso que oculta o simulacro dun deus, en certo sentido tampouco é simplemente a casa de Deus, senón un lugar de reunión, de comuñón e de oración dos fieis. É lóxico que os cristiáns se inspirasen na basílica mellor que no templo romano, xa que ela constituíra o tema social do mundo edilicio precedente. Tamén é natural que, a miúdo, tendesen a reducir as proporcións da basílica romana, xa que unha relixión do íntimo e do amor esixía un escenario físico humano, creado a escala daqueles a quen tiña que acoller e elevar espiritualmente. Esta foi a transformación cuantitativa ou dimensional; a revolución espacial consistiu en ordenar todos os elementos da igrexa na liña do camiño humano.”

Bruno Zevi (1981): Saber ver a arquitectura. Ed. Poseidón, Barcelona.