Arquivos da categoría 0. Vocabulario

Contrastes e políticas rexionais

1A parroquia é unha unidade administrativa de base relixiosa, que organiza o territorio a partir dos membros pertencentes a unha mesma freguesía. Esta institución apareceu en Galicia na época sueva e mantense ata a actualidade. As primeiras parroquias eran moito máis extensas (comprendían máis territorio) que as actuais e incluían varias igrexas (freguesías) que se encargaban de atender a un número variable de aldeas. Posteriormente esas igrexas (freguesías) foron adquirindo relevancia e, a partir de fins do XII, asumiron a función parroquial converténdose nas parroquias de territorio máis reducido que chegaron até os nosos días. No norte de Portugal conservaron o antigo nome de freguesías que corresponden, por tanto, ao que en Galicia chamamos parroquias.
As parroquias, ademais da súa función relixiosa, foron para as comunidades campesiñas o marco de convivencia fundamental.
“A parroquia é a reunión de lugares compostos cada un por un número pequeno de veciños e formando a mesma freguesía. A igrexa é o centro de reunión, o seu lugar dá nome á parroquia; á saída de misa, sobre a terra do adro vense os amigos, fanse contratos, danse os recados, exprésanse opinións, saúdanse os forasteiros. O paisano é da parroquia, non do concello: o señor Perfecto Cabanelas é do lugar de Souto do Río na parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo. A ninguén se lle ocorre dicir que é do Concello de Canedo”. [Otero Pedrayo, ano 1927]

2Os municipios son as entidades territoriais básicas, onde se asenta a poboación e que teñen as competencias máis xenuinamente locais: seguridade en lugares públicos, ordenación do tráfico de vehículos e persoas, protección civil, prevención e extinción de lumes, planeamento urbano, parques e xardíns públicos, pavimentación e conservación das rúas e vías rurais, tratamento de augas residuais, etc. En España hai máis de 8.000 municipios.

3A provincia, segundo a Constitución de 1978 (art. 141), é unha entidade local con persoalidade xurídica propia, determinada pola agrupación de municipios e división territorial para o cumprimento das actividades do Estado. Calquera alteración dos límites provinciais haberá de ser aprobada polas Cortes Xerais mediante lei orgánica. A división provincial actual arranca coa lexislación de Javier de Burgos (1833) e sofre escasas modificacións dende entón.

4. Unha comunidade autónoma é unha entidade territorial que, dentro do ordenamento constitucional do Reino de España, está dotada de autonomía lexislativa e competencias executivas, así como da facultade de administrarse mediante os seus propios representantes. A estructura de España en comunidades autónomas recóllese na Constitución Española de 1978. En España hai 17 CCAA e 2 cidades autónomas.

5. O estatuto de autonomía é a norma básica dunha comunidade autónoma ou cidade autónoma en España, recoñecida no artigo 147 da Constitución española;  a súa aprobación lévase a cabo mediante Lei Orgánica, norma que require o voto favorable da maioría absoluta do Congreso dos Deputados nunha votación final sobre o conxunto do proxecto. No Estatuto recóllense, cando menos, a denominación da Comunidade, a delimitación territorial, a denominación, organización e sé das institucións autónomas, as competencias asumidas e -se procede- os principios do réxime lingüístico. 

 

Advertisements

O sistema urbano

1. Unha área suburbana é  un espazo periférico das zonas metropolitanas no que se produce unha gradual transición cara ás áreas rurais. Nestes espazos prodúcense mesturas de usos do solo (residenciais, industriais, comerciais, agro-silvo-pastorís,…) que conlevan a heteroxeneidade da poboación e unhas densidades demográficas máis reducidas que na urbe central. Os movementos pendulares son continuos cara á urbe central, dada a vinculación laboral e funcional dos residentes nestes espazos de “banlieue”.

2. Unha área metropolitana é unha rexión urbana que engloba unha cidade central que dá nome a área e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e servizos, todo organizado de xeito centralizado.

3. Nos Planos Xerais de Ordenación Urbana establécense criterios de cualificación do solo. O territorio soe dividirse en solo urbano -aquel que está constituído polos espazos edificados e practicamente compactados- (consolidado e non consolidado); solo urbanizable – susceptible de edificarse seguindo uns criterios de altura e densidade de edificación, así como servizos para a comunidade-; solo non urbanizable (aquel que está protexido por diversos motivos, entre os cales destacan a protección de espazos naturais e agrarios).

4. Un Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) é un instrumento de ordenación integral do territorio. Entre os seus principais cometidos está o de clasificar o solo, definir os elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio (como poden ser fixar os espazos libres, de equipamento comunitario, os sistemas xerais de comunicación, etc.), establecer unha programación de desenvolvemento e execución do plan así como o período de vixencia e as circunstancias da súa revisión, fixar medidas de protección do medioambiente, etc. O alcance deste instrumento de planificación soe ser municipal, pasando a denominarse Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

5. Unha Unidade Veciñal de Absorción  (UVA) é a denominación oficial dunha serie de barrios de vivendas promovidos polo Instituto Nacional da Vivenda (INV) e a Obra Social do Fogar (OSH) coa finalidade de combater o chabolismo nas grandes cidades, en especial Madrid e Barcelona, a raíz da aprobación da Lei do Solo (1957) e do Plan Nacional de Vivenda (1961). Constitúen un paradigma da pobreza do planeamento urbano e da política de vivenda pública baixo o franquismo. Foron construídas estas unidades en localizacións periféricas, mal comunicadas, sobre solo rústico adquirido a baixo prezo e incumprindo o planeamento existente. Aínda que foron concebidas como asentamentos provisionais (de non máis de 5 anos), remataron consolidándose e caracterizándose por unha relativamente baixa densidade poboacional. A tipoloxía de vivendas escollidas foi a de bloques de planta baixa e piso en ringleira, e baixísima calidade de construción.

6. Xentrificación (termo británico: gentrification) é o proceso co que coñecemos as transformacións producidas no interior de certos barrios do casco histórico, mediante as cales estes sectores antes marxinais e con poboación de escasos recursos se ve substituída por grupos sociais de alto poder adquisitivo. Estes grupos levaron a cabo a rehabilitación e posta en valor de espazos centrais que adquiren un novo pulo por mor da súa centralidade. A revalorización do solo residencial do casco histórico a finais do século XX está asociada a este proceso, aínda que nos cascos históricos conviven grupos de baixo nivel de renda e alugueres de renda antiga en edificacións moito máis deterioradas.

A poboación española

* Consulta a nota de prensa do INE sobre os datos do padrón municipal 2012.

1. Poboación activa é aquel sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar (16 a 65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desocupada ou desempregada.

2. A esperanza de vida é o cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Representa a experiencia potencial dun grupo hipotético de persoas. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A esperanza de vida é maior nas mulleres que nos homes, situándose en 2011 en 84,8 anos para as mulleres e 78,8 para os homes.

3. O réxime demográfico é un período correspondente ao modelo de transición demográfica cunhas determinadas características canto ao comportamento da natalidade e da mortalidade, coa conseguinte repercusión no crecemento natural ou vexetativo. No antigo réxime demográfico, as altas taxas de natalidade e mortalidade dan lugar a un crecemento vexetativo escaso; as altas taxa de natalidade están xustificadas polo predominio dunha sociedade agraria e tradicional, na que os fillos son considerados como man de obra, e na que a influencia sociolóxica da relixión comporta unha elevada fecundidade; por contra, a mortalidade é alta debido ás malas condicións hixiénicas e sanitarias, á deficiente nutrición e ás habituais guerras que dezman a poboación; dada a alta mortalidade infantil, a natalidade tamén é alta para compensar esta outra taxa. No réxime demográfico moderno, as taxas de natalidade e mortalidade son moi baixas, consecuencia a primeira dunha sociedade urbana con hábitos neomalthusianos de control da natalidade, e con índices de fecundidade e mortalidade infantil moi baixos; a mortalidade, baixa, tende a estabilizarse en valores que ás veces se elevan levemente, debido sobre todo ó avellentamento da poboación. España atópase actualmente no moderno réxime demográfico, como consecuencia de completar o proceso de transición.

4. Un censo de poboación é unha recompilación de datos relativos ao número de individuos que compoñen unha determinada poboación e as súas principais características. Trátase de datos de carácter variado (demográficos, socioeconómicos, socioculturais, etc.) recollidos, de xeito individual, entre todos os individuos que compoñen unha poboación, referidos a un momento dado (momento censal). Os censos, no seu sentido moderno, non comezan a se realizar ata o século XVIII, se ben en Europa non se xeneralizan ata o século XIX e a nivel mundial ata o século XX. En España, o primeiro censo data de 1857. Existe unha grande diferenza canto aos censos que se realizan nos distintos países, sobre todo entre os países desenvolvimos e os non desenvolvimos, tanto no referido aos contidos como aos sistemas de recollida de información, a periodicidade, criterios aplicados na recollida,… Partindo de 1857, os seguintes censos en España lévanse a cabo en 1860, 1877, 1887, 1897, 1900 e a partir dese ano e ata 1970 en todos os rematados en 0. Dende 1981 realizouse o último censo tomando como base censal a partir de agora os anos rematados en 1. Os censos completos e ben realizados permiten, ademáis dunha avaliación absoluta da poboación e a súa localización, analizar outros elementos demográficos, tales como a estructura biolóxica e socioeconómica e os movementos migratorios.

5. saldo migratorio é o resultado de poñer en relación inmigración e emigración nun determinado territorio. O saldo migratorio é positivo cando o número de inmigrantes é superior ao de emigrantes, e negativo cando a emigración supera á inmigración. España ten actualmente saldo migratorio positivo, mentres que nos anos 1960 e principios de 1970, por exemplo, exerceu de Estado no que predominaba a emigración.

6. A taxa de fecundidade xeral pon en relación o número de nacidos vivos co número de mulleres en idade de procrear, isto é, entre os 15 e os 49 anos. A taxa de fecundidade en España en 2005 situábase en 1,35 fillos por muller, isto é, por debaixo da taxa de reemprazo, estimada en 2,1 fillos por muller, signo do avellentamento da poboación española.

7. transición demográfica é un modelo que naceu no 1930 como unha descrición dos cambios demográficos acaecidos ao longo do tempo nos países desenvolvidos: transición dende unha situación de altas taxas de natalidade e mortalidade a outra caracterizada por un descenso delas. A finais da década de 1960 converteuse nunha perspectiva demográfica. Considéranse nela tres fases: unha primeira caracterizada por un crecemento natural bastante baixo, derivado de taxas de natalidade e mortalidade altas (antigo réxime demográfico); a segunda (transición demográfica propiamente dita) caracterízase pola transición a taxas baixas e capacidade potencial que se fai efectiva ao descender a mortalidade antes que a natalidade, permitindo un rápido crecemento demográfico; na terceira etapa (réxime demográfico moderno), a taxa de mortalidade acada o nivel máis baixo, mentres que a fecundidade pode continuar decrecendo ata dar co tempo lugar a un decrecemento da poboación. Os países desenvolvidos como España experimentaron o proceso completo de transición, aínda que os menos desenvolvidos non. Con respecto á Europa nórdica e occidental, sen embargo, España experimentou esta transición con certo retraso.

8. padrón municipal é -segundo se define nun decreto de 1971- un instrumento público e fehaciente a todos os efectos administrativos, que contén a relación dos habitantes dos termos municipais (nome, apelido e domicilio) con algunas das súas características. Censo e padrón amosan algunhas coincidencias pero tamén importantes diferenzas. O censo é un documento estatístico que reflicte o estado da poboación nun momento determinado; o padrón é un documento dinámico que debe actualizarse constantemente cos cambios de residencia e os orixinados polos matrimonios, nacementos, defuncións, etc… Se o censo se realiza cada dez anos, o padrón faise cada cinco, mais actualmente –debido á informatización do mesmo e como pon de manifesto a Lei 4/1996- os concellos remiten ó INE dixitalmente os resultados das altas e baixas municipais no padrón; ademáis, publícase por parte do INE un resumo anual dos cambios. Os padróns teñen que conter unha información mínima sobre a poboación do municipio; polo menos teñen que figurar os seguintes datos: nome e apelidos, situación de residencia, sexo, estado civil, parentesco ou relación co cabeza de familia, lugar e data de nacemento, nacionalidade, nivel de instrución e ocupación. O censo é un documento secreto e os seus datos só poden ser publicados de xeito global; o padrón, en cambio, é público. O padrón é responsabilidade dos concellos, mentres que o censo depende do INE.

España, unha economía de servizos

1. Balanza de pagamentos é unha conta que rexistra todas as transacións monetarias entre un país e o resto do mundo. Estas transacións poden incluír pagamentos polas exportacións e importacións do Estado en cuestión de bens, servizos, capital financieiro e transferencias financieiras. As fontes de fondos para un país (exportacións, ingresos por empréstimos e investimentos) rexístranse como datos positivos, mentres as importacións ou os investimentos en países estranxeiros se rexistran como datos negativos. Das subdivisións nas que se estrutura a balanza de pagamentos dun país, a balanza comercial é das máis coñecidas, na que entran o valor das exportacións e das importacións. [Ver un esquema]

2. A economía somerxida é unha actividade económica ilegal non suxeita a control fiscal que se aproveita de situacións de altos índices de desemprego e busca non pagar impostos, cotas de seguridade social, e o pago de salarios baixos. Permite a subsistencia marxinal dun sector máis ou menos amplo da poboación que non recibe as contrapartidas sociais legalmente recoñecidas.

3. Chamamos ecoturismo a unha nova tendencia do Turismo Alternativo, diferente ao Turismo tradicional. Neste enfoque para as actividades turísticas priviléxiase a sustentabilidade, a preservación, a apreciación do medio natural e cultural; nesta alternativa turística preténdese manter o benestar das poboacións locais, minimizando os impactos negativos para o ambiente e a comunidade local,  e mantendo sempre un respeto ético polas leis laborais e os dereitos humáns dos traballadores implicados.

4. Unha franquicia consiste na utilización do modelo de negocios doutra empresa ou persoa. É unha “concesión de dereitos de explotación dun produto, actividade ou nome comercial, outorgada por unha empresa a unha ou varias persoas nunha zona determinada.” A marca comercial distingue ao franquiciador por un determinado “saber facer” (know-how) e unha formación impartida aos franquiciados. As franquicias, polo xeral, concédense para un período e territorio determinados.

5. O Plan Estratéxico de Infraestruturas do Transporte  (PEIT), elaborado polo Ministerio de Fomento de España, é un plan que proxectaba actuacións en infraestruturas e transportes ao longo do período 2005-2020. A planificación permitía crear un marco estable para a política de transporte, coordinar os labores entre administracións e incorporar unha visión europea da política de transporte., fomentando a inserción das nosas vías de comunicación en eixos transeuropeos. Entre os obxectivos do PEIT están o fortalecemento da cohesión social e territorial, incrementar a calidade e seguridade do transporte, contribuir á movilidade sostible e atender á intermodalidade.

6. As taxas aeroportuarias son o prezo que en moitos países pagan os viaxeiros, tanto en voos nacionais como internacionais, polo uso dos aeroportos.

7. Chamamos tour operadores ou operadores turísticos ás empresas que ofrecen produtos ou servizos turísticos, xeralmente contratados por elas, e integrados por máis dun dos seguintes ítems: transporte, aloxamento, traslados e excursións, etc. Aínda que teñan perdido importancia coa difusión de Internet e a auto-organización das vacacións por parte de moitos clientes, os tour operadores seguen a exercer un poder de contratación cos proveedores (aeroliñas, hoteis, cruceiros, etc.)  moi significativo, e a súa influencia sobre entidades como oficinas de turismo e outras autoridades gubernamentais colócaos nunha posición vantaxosa á hora de ofrecer produtos turísticos a mellor prezo para a clientela.

Reestruturación dos espazos industriais

1. Falamos de economía de escala cando unha empresa consigue aforrar custes en virtude da súa produción a grande escala. Pero empregamos o termo moitas veces en relación co concepto de economías externas; neste caso, o concepto expresa as vantaxes que para unha empresa comporta a súa localización nun determinado entorno: cando se produce unha concentración xeográfica das industrias, por exemplo, as fábricas benefícianse de infraestruturas colectivas e repártense o custe destas. Situadas perto dun grande mercado de consumo, por exemplo, economizan en gastos de transporte, benefícianse da concentración de man de obra especializada ou de incentivos fiscais,… Por iso, a concentración urbana e portuaria da actividade industrial responde a este efecto de economías de aglomeración, as cales, por saturación, poden dexenerar en deseconomías externas.

2. Enerxías renovables son aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, ben sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen, ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais. Entre as enerxías renovables cóntanse a hidroeléctrica, eólica, solar, xeotérmica, maremotriz, biomasa e os biocombustibles.

3. Á hora de explicar a difusión industrial, tradicionalmente acudíuse ao modelo centro/periferia; este modelo de organización territorial explicaba a dualidade entre espazos industrializados e espazos dependentes -xurdidos a partir da Revolución Industrial no interior dos Estados (cidade/campo) e a nivel planetario (Norte/Sur, Primeiro/Terceiro Mundo). Nos tempos actuais, a difusión industrial corresponde a: 1) o espallamento da actividade industrial fóra dos núcleos urbanos e no entorno rural -por mor dunha menor cantidade de custes de instalación nestas áreas, e sabendo que as grandes aglomeracións urbanas ofrecen xa deseconomías externas-; 2) o fenómeno da deslocalización industrial, polo que -debido aos efectos da globalización económica- as principais empresas multinacionais (EMN) encamiñan os seus investimentos cara ás economías industriais emerxentes, onde gozan tamén de menores custes de explotación -sobre todo en man de obra-.

4. Os Fondos Estruturais son instrumentos da Unión Europea encamiñados a promover un desenvolvemento armonioso do conxunto da Unión, encamiñados a reforzar a súa cohesión económica e social. No período 2007-2013, a Unión Europea conta con dous Fondos Estruturais: o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Fondo Social Europeo (FSE). O FEDERten como obxectivo reducir as diferenzas que existen entre os niveis de desenvolvemento das rexións europeas para que as rexións menos favorecidas se recuperen do retraso que sufren. Desde 1975 concede axudas para a construción de infraestruturas e a realización de investimentos produtivos capaces de xerar emprego, sobre todo en beneficio das empresas. O FSE, instaurado en 1958, está destinado a fomentar as oportunidades de emprego e movilidade xeográfica e profesional dos traballadores, así como facilitar a súa adaptación ás transformacións industriais e aos cambios dos sistemas de produción, especialmente mediante a formación e a reconversión profesional. Financia principalmente actividades de formación para favorecer a inserción profesional dos desempregados e dos sectores máis desfavorecidos da poboación.

5. subcontratación, outsourcing ou tercerización é o proceso económico no que unha empresa move ou destina os recursos orientados a cumplir certas tarefas cara a una empresa externa por medio dun contrato. Por exemplo, unha compañía dedicada ás demolicións pode subcontratar a unha empresa dedicada á evacuación de residuos para a tarefa de desfacerse dos escombros das unidades demolidas.

6. É unha industria verde aquela na que o valor central non é o crecemento económico senón o desenvolvemento sostible -a través do respeto ao medio ambiente e o uso preferente de enerxías alternativas ou renovables-. Unha industria verde crea valor económico, medioambiental e social. Por tanto, nelas un valor fundamental é o de evitar a contaminación industrial e o deterioro da paisaxe.

7. No novo contexto de desenvolvemento industrial de potencias emerxentes como China, unha serie de materias primas estratéxicas acadan nos mercados internacionais un valor notable pola súa asociación a industrias de tecnoloxía punta e a escaseza das mesmas. En moitos casos estamos diante de recursos que son causa de guerras neo-imperialistas para abastecer ás grandes potencias industriais. Ademáis dos tradicionais petróleo, gas e uranio, están na lista outras que condicionan o crecemento da produción ou a riqueza mundial e que son clave por razóns políticas ou estratéxicas para a economía das potencias, as grandes multinacionais e para o sector armamentista: coltan, diamantes, manganeso, cobalto, aluminio, cobre, xermanio, grafito, cromo, níquel, platino, titanio,…

http://www.solidaridad.net/_articulo4103_enesp.htm

8. Un parque tecnolóxico é unha instalación industrial que: a) mantén relacións formais e operativas coas universidades, centros de investigación e outras institucións de educación superior; b) está diseñado para alentar a formación e crecemento de empresas baseadas no coñecemento e doutras organizacións de alto valor engadido pertencentes ao sector terciario, normalmente residentes no propio parque; c) posúe un organismo estable de xestión que impulsa a transferencia de tecnoloxía e fomenta a innovación entre as empresas e organizacións usuarias do parque.

Cambios e permanencias no sector primario

1. Acuicultura é o conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico de animais ou plantas acuáticas, ou no medio no que habitan, permiten controlar a súa reprodución e/ou crecemento. Compre diferenciar as actividades que só pretenden limitar a actividade recolectora, tales como “topes de capturas”, vedas, etc., daquelas que consisten en modificar o seu hábitat, defender estes organismos doutros ataques, ou intervir no seu ciclo biolóxico. A acuicultura aparece polo de agora restrinxida a un pequeno abano de especies, principalmente peixes, moluscos e crustáceos, en función da súa importancia económica e do desenvolvemento dunha tecnoloxía axeitada e limitada espacialmente á beiramar ou as augas continentais.

2. A agricultura ecolóxica é un sistema para cultivar unha explotación agrícola autónoma, baseada na utilización óptima dos recursos naturais e sen empregar produtos químicos de síntese ou organismos xenéticamente modificados (OXMs) -nin para abono nin para combater as plagas-, logrando deste xeito obter alimentos orgánicos á vez que se conserva a fertilidade da terra e se respeta o medio ambiente. O seu incremento está vencellado á difusión da idea dun crecemento sostible e equilibrado.

3. A denominación de orixe (D.O.) ou denominación de orixe controlada (D.O.C.) é un tipo de indicación xeográfica aplicada a un produto agrícola do que a calidade ou características se deben fundamental e exclusivamente ao medio xeográfico no que se produce, transforma e elabora. Os produtores que se acollen á denominación de orixe comprométense a manter a calidade o máis alta posible e manter certos usos tradicionais na produción. Un consello regulador autoriza a exhibir o distintivo aos produtores da zona que cumpren as regras. Esta figura facilita o acceso de produtores a mercados nacionais e internacionais.

4. O concepto desagrarización refírese á perda de poboación adicada á actividade agraria, así como á perda de importancia económica da actividade agrícola nun territorio, e o conseguinte debilitamento das institucións sociais vencelladas a esta actividade que organizan diferentes aspectos da vida social (por exemplo, a explotación familiar agraria, a propiedade da terra como base da estratificación social, os sistemas de xestión comunal dos recursos agrícolas, etc.).

5. Explotación intensiva é aquela explotación agraria que elimina os barbeitos e recorre á produción continua do terreo, estimulada polo emprego de fertilizantes e o regadío artificial. Este tipo de agricultura intensiva, moi habitual no litoral mediterráneo, especialízase, por exemplo, na horticultura, que, dadas as condicións naturais e climáticas do noso territorio, permite unha produción a finais de inverno e comezos de primavera, susceptible de exportarse a outros países europeos que non teñen as mesmas condicións climáticas. A agricultura intensiva explota o terreo obtendo del unha forte productividade, sobre terreos moitas veces reducidos.

6. A Política Agrícola Común (PAC), adoptada inicialmente en 1962, pretendía incrementar a produtividade agrícola garantindo niveis de vida dignos aos agricultores da entón CEE (Comunidade Económica Europea), estabilizar os mercados, garantir a dispoñibilidade dos abastecementos e asegurar ao consumidor suministros a prezos razoables. As reformas dos anos 1990 centráronse en establecer cupos sobre determinados produtos (lácteos, por exemplo, nos que a UE é excedentaria), axudas para prácticas agrícolas que garanticen o respeto medioambiental e promoción do desenvolvemento rural con novas alternativas (turismo rural, por exemplo). As reformas máis recentes inciden na redución de axudas directas, polo onerosa que resulta a PAC no orzamento xeral europeo, desligamento das subvencións canto á produción e pago único por explotación, ademais de volver insistir na necesidade de que as axudas vaian destinadas a explotacións respetuosas co equilibrio medioambiental. Para xestionar os fondos da PAC creáronse o FEOGA (Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola) e o FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), aos que hai que unir aportacións do FSE (Fondo Social Europeo) e do Fondo de Cohesión.

7. A Política Pesqueira Comunitaria (PPC), xurdida en 1970, ten como obxectivos: a) a protección das poboacións contra a pesca excesiva; b) garantir unha renda digna para os pescadores; c) garantir o suministro regular dos consumidores e da industria de transformación a prezos razoables; d) a explotación sostible dos recursos mariños vivos desde os puntos de vista biolóxico, medioambiental e económico -promocionando a acuicultura-. Contando cos fondos do IFOP (Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca), esta política serve para que a UE negociew en nome dos países membros os tratados de pesca con países terceiros, así como vixiar o tamaño da frota pesqueira europea -co gallo de impedir o seu crecemento e favorecer un aproveitamento sostible dos recursos mariños-.

8. A silvicultura é a actividade que trata do cultivo de montes e bosques. A práctica máis habitual da silvicultura é o aproveitamento forestal de espazos destinados á produción de madeira, leña ou resinas, pero que tamén poden ter un efecto positivo na protección de cuncas hidrográficas, a conservación de hábitats naturais -susceptibles de integrarse en parques naturais protexidos- e o desenvolvemento de espazos recreativos.

9. Os alimentos transxénicos (ou OGM, organismos xeneticamente modificados) son aqueles modificados pola enxeñería xenética coa finalidade de incrementar a produtividade agrícola dalgunhas plantas (exemplos son o millo, a cebada ou a soia), mediante a súa resistencia mellorada ás plagas. As críticas das organizacións ecoloxistas a estes cultivos proveñen do control oligopolístico por parte dunhas poucas multinacionais sobre as sementes (co risco de perda de biodiversidade global), así como o abuso de fertilizantes que se fai con estes cultivos -o cal agrava o posible cambio climático-.

Riscos e problemas ambientais

1. Chamamos avaliación de impacto ambiental ao procedemento técnico-administrativo que serve para identificar, previr e interpretar os impactos ambientais que poida producir un proxecto no seu entorno en caso de ser executado, coa finalidade de que a administración competente poida aceptalo, rexeitalo ou modificalo. O procedemento iníciase coa presentación dunha memoria-resumo por parte do promotor, e a deliberación final do órgano sustantivo debe concluir despois dun proceso de participación pública no que se coñece e debate a devandita memoria.

2. Un ecosistema é un sistema complexo, formado por biotopo (sustrato inorgánico, abiótico) e biocenose (comunidade de seres vivos residentes nun mesmo biotopo), que se interrelacionan e establecen intercambios de enerxía entre eles. Esta comunidade de seres vivos desenvólvese en función dos factores físicos dun mesmo ambiente.

3. Chamamos efecto invernadoiro ao fenómeno polo cal determinados gases, que son compoñentes da atmosfera planetaria, reteñen parte da enerxía que o solo emite por ter sido quentado pola radiación solar. Actualmente, a emisión de certos gases como o dióxido de carbono e o metano, causados polo incremento industrial da actividade humana, estase a ver acentuado, tendo como consecuencia máis visible o incremento da temperatura media terrestre a nivel de superficie, o que podería influir a medio prazo no cambio climático.

4. Definimos paisaxe como o aspecto que adquire o espazo xeográfico. Defínese polas súas formas: naturais ou antrópicas. Toda paisaxe está composta por elementos que se artellan entre sí. Estes elementos son de tres tipos: abióticos (non vivos), bióticos (resultado da actividade dos seres vivos) e antrópicos (resultado da actividade humana).

“Paisaxe ven de “pagensis”, en latín: “relativo á vida campestre”. Aludía á paisaxe tradicional. Non só á natureza, tamén aos campos de labor, o hábitat, etcétera. En definitiva, a unha paisaxe antrópica, humanizada, a unha paisaxe cultural, a unha paisaxe canónica, a unha paisaxe da memoria, a unha paisaxe patrimonial. En inglés teñen unha verba moi axeitada para referirse ao patrimonio, é “heritage“, herdanza. A paisaxe cultural é unha herdanza. Cunha herdanza poden pasar dúas cousas: que os herdeiros a conserven, e ata a melloren, ou ben os herdeiros a dilapiden, arruinando un potencial de riqueza. Non fai falla ser un sesuso analista para comprobar que en Galicia encaixamos máis no segundo tipo de herdeiros. (…)”

Pedro Armas Diéguez: “El valor patrimonial del paisaje: turismo y desarrollo”, en “A paisaxe, un patrimonio común” (2003).

 

Natureza e medio ambiente en Galicia

1. Esteiro é a parte máis ancha e profunda da desembocadura dun río no mar aberto ou no océano -habitualmente con praias a ambas beiras-, xeralmente en zonas onde as mareas teñen amplitude ou oscilación. Os esteiros orixínanse pola entrada de augas mariñas durante a pleamar, mentres que durante a baixamar todas as augas comezan a entrar a grande velocidade no mar ou océano, o que contribúe a limpar e profundizar o seu cauce, deixando, ás veces, grandes zonas de marismas.

2. A landa é unha formación vexetal de matogueira, característica da rexión eurosiberiana e degradación do bosque mixto atlántico. Está formada por matogueiras como a xesta, o toxo e o breixo, podendo acadar os 3 m. de altura. É característica da España húmida, asentándose sobre solos pobres e pouco aptos para o cultivo.

3. Unha ría é un val fluvial sumerxido baixo o nivel do mar a causa da elevación deste. A orixe xeomorfolóxica está relacionada cun asulagamento do val fluvial relacionado con movementos isostáticos e un afundimento tectónico asociado á rede de fracturas preexistentes. No caso galego, as fracturas tardihercínicas están na orixe da orientación da meirande parte das nosas rías.

4. Un tómbolo é un accidente xeográfico sedimentario que forma unha estreita língua de terra entre un illote, illa ou grande rocha alonxada da costa e terra firma, ou entre dúas illas ou illotes. A orixe está na acumulación areosa producida pola acción das mareas, que foron creando un espazo de unión entre áreas anteriormente alonxadas. 

Diversidade bioxeográfica

1. A laurisilva é un bosque nuboso subtropical, propio de lugares húmidos, cálidos e sen xeadas, con grandes árbores, que en España se dá nas illas Canarias, máis concretamente nas vertentes setentrionais das illas occidentais de maior elevación, alí onde o “mar de nubes” -determinado pola afluencia dos alisios- permite o seu crecemento.. A cuberta vexetal caracterízase pola exuberancia, con presenza de árbores perennifolias que poden acadar ata os 40 m. de altura.

2. Maquis ou maquia é un ecosistema de matogueira mediterránea, formación de especies perennifolias, principalmente arbustivas, que soe refuxiarse sobre solos silíceos. Os madroños, as xaras, os brezos, lentiscos, romeus e outras especies son características desta formación, de maior porte xeralmente que as garrigas.

3. Vexetación clímax, natural ou climácica é a vexetación que se ten establecido por si mesma nun determinado ambiente, cunhas determinadas condicións climáticas, sen intervención da man do home; é, polo tanto, unha vexetación en estado de equilibrio dun ecosistema local, a que medra de xeito espontáneo sen intervención antrópica. Hoxe en día, por mor das repoboacións forestais e outros mecanismos da silvicultura, está en retroceso en todos os ecosistemas do planeta.

4. Vexetación antrópica é aquela que sustitúe á vexetación natural por mor da sustitución de especies operada polo ser humano, que ten introducido novas especies vexetais para un aproveitamento agrícola ou silvopastoril mediante sistemas de repoboación forestal, entre outros. Un exemplo ben característico en Galicia é a presenza masiva do eucalipto no litoral, utilizado esencialmente na industria papeleira e de taboleiros. Moitas veces, a vexetación introducida inclúe especies invasoras:

Diversidade hídrica

1. Cunca fluvial ou hidrográfica é a porción de terreo que drena a un colector principal (río ou lago), limitada por unha liña de cumes ou divisoria de augas – liña desde a que as augas correntes flúen en direccións opostas, e que soe coincidir cos niveis máis elevados de determinados sistemas montañosos-.

2. Estiaxe é o caudal mínimo que acada un río ou lagoa en determinadas épocas do ano, debido específicamente á seca. O termo deriva de estío ou verán, período do ano en que se producen as mínimas precipitacións no clima mediterráneo, predominante na Península Ibérica. A estiaxe está asociada non só ao déficit de precipitacións, senón tamén ao incremento da evapotranspiración por elevación das temperaturas medias.

3. Marisma é un ecosistema húmido con prantas herbáceas que medran na auga. A marisma, próxima ao mar, inúndase con augas doces e mariñas, que ao mesturarse producen auga salobre. Habitualmente aparece separada do mar por medio dunha restinga ou cordón litoral.

 

Diversidade climática

1. A aridez é a ausencia ou escasez de humidade, produto de situacións atmosféricas ou climáticas que ocasionan a ausencia ou déficit das precipitacións, forte insolación, etc. Cando se supera o límite de aridez, na que o volume de precipitacións e a evaporación se igualan, comeza a fase do déficit hídrico que limita a vexetación e a potencialidade agraria do lugar. Existen unha serie de fórmulas que relacionan diversos factores (precipitación, temperatura, etc.) para determinar o grao de aridez dun clima nun lugar concreto. Entre este pódese citar o de Gaussen, que indica que un mes é árido cando o valor da precipitación é inferior ou igual a dúas veces o valor da temperatura (P≤2T).

2. Barlovento é a parte dun relevo ou zona orientada cara ao lugar de onde vén o vento. En Galicia, cando domina o fluxo zonal do oeste, a vertente de barlovento das dorsais montañosas é a occidental, máis húmida, mentres que a de sotavento, a oriental, se caracteriza por unha menor pluviometría.

3. A inversión térmica incremento da temperatura do ar ao aumentar a altura, cando debera de diminuir segundo o gradiente adiabático normal. Deste xeito atopamos o ar máis cálido sobre o máis frío. Esta situación pode darse tanto a nivel da superficie terrestre como a grandes alturas. A nivel do solo é resultado da irradiación nocturna con ar en calma e ceo despexado nunha situación anticiclónica invernal, na que se produce unha perda rápida de calor do solo. Tamén pode producirse por advección de ar cálido sobre unha masa de ar ou superficie máis fría. Estas inversións son moi intensas nos fondos de val.

4. Unha isóbara é unha isoliña que, nun mapa meteorolóxico, une os puntos que teñen a mesma presión atmosférica ao nivel do mar. O conxunto de todas elas configuran os cambios de presión. Habitualmente represéntanse os múltiplos de 4 hPa (hectopascais) ou mb (milibares) (1000, 1004, 1008, 1012,…), unidade de medida da presión [ver textos de José Miguel Viñas nesta entrada].

5. Unha isohieta é, nun mapa de isoliñas, unha liña imaxinaria que une puntos con iguais valores de precipitacións.

6. avesedo (umbría) é a parte dun terreo en que case sempre fai sombra, por estar exposta ó norte, no noso hemisferio.

* Para finalizar, neste vídeo de Meteovisión poderás comprobar como o efecto orográfico dunha vertente orientada a barlovento e a influencia das coladas de aire frío en altura dan lugar a fenómenos tan espectaculares e catastróficos como as “gotas frías” (non deixes de ver especialmente as animacións).

Diversidade xeomorfolóxica

Comezamos cunha presentación de Nicolás Osante:

1. Un aluvión é un depósito de materiais detríticos, transportado e depositado de xeito transitorio ou permanentemente por unha corrente de auga. Habitualmente, está composto por areas, gravas, arxilas ou limos, acumulándose nas canles das correntes, nas chairas inundables (un dos modelados fluviais característicos é o da chaira aluvialolla nesta presentación outros modelados fluviais-) e nos deltas.

2. Unha foz é un val estreito e profundo, rodeado por paredes casi verticais, excavada polos ríos en terreos calizos.

3. A litosfera é un conxunto máis ou menos ríxido, fragmentado en diversas placas, que forma a superficie sólida do planeta e descansa sobre unha capa plástica, a astenosfera. A litosfera está formada pola códea e unha parte do manto superior terrestre.

4. Unha meseta é unha planicie extensa situada a unha determinada altura sobre o nivel do mar (xeralmente por enriba dos 300 m. de altitude), provocada polas forzas tectónicas e colmatada por sedimentos que proveñen da erosión dos terreos circundantes. Na Península Ibérica, onde se atopa como núcleo vertebrador das unidades do relevo español, conviven formas de relevo tabular e áreas baixas erosionadas polos cursos fluviais.

5. Unha penechaira é unha superficie de erosión de escasos desniveis. A súa monotonía ráchase ás veces pola presenza de montes-illa, formados por rochas moi duras máis resistentes á erosión. Sobre a penechaira, os ríos encáixanse aproveitando as fracturas e fallas do terreo, como ocorre nos Arribes do Douro. Na Península Ibérica, as penechairas zamorano-salmantina e extremeña conforman superficies de erosión sobre rochas paleozoicas con escasas pendentes.

6. O somonte é un terreo ou rexión situado ao pé dunha montaña. O exemplo máis característico na Península Ibérica é a área de transición entre o fondo da depresión do Ebro e os Pirineos, tamén coñecida como Prepireneo; nesta área, unha serie de materiais calcarios depositados en fondo mariño e pregados trala oroxenia alpina, deron lugar a relevos montañosos suaves.

7. O zócolo é unha chaira ou meseta formada na era primaria ou paleozoico como resultado do aplanamento pola erosión de cordilleiras xurdidas nesta era. Os materiais paleozoicos son rochas silíceas: granito, lousa, cuarcita e xistos. Son ríxidas e ante novos empuxes oroxénicos fractúranse ou rompen. Na actualidade, os zócolos son relevos horizontais que ocupan extensas áreas na metade occidental da Península.

8Os macizos antigos son montañas formadas na era terciaria polo novo levantamento dun bloque como consecuencia do movemento oroxénico alpino; son materiais paleozoicos. Estes macizos presentan cumes suaves e arredondados. Na Península, son macizos antigos as serras interiores da Meseta (Sistema Central e Montes de Toledo), o Macizo Galaico e a parte occidental da cordilleira Cantábrica.

9. As cordilleiras de pregamento son grandes elevacións montañosas que xurdiron na oroxénese da era terciaria polo pregamento de materiais sedimentarios calcarios, depositados polo mar na era secundaria. Distínguense dous tipos: – Cordilleiras intermedias, pregamento de materiais depositados nos bordos dos zócolos (Sistema Ibérico e parte oriental da cordilleira Cantábrica). – Cordilleiras alpinas, pregamento de materiais depositados en xeosinclinais ou fosas mariñas longas e profundas (Pireneos e cordilleiras Béticas); teñen fortes pendentes e formas escarpadas.

10. As cuncas sedimentarias ou depresións son zonas afundidas formadas na era terciaria e cheas con sedimentos de calcaria, arxila, arenitos e margas. As concas sedimentarias son de dous tipos: as cuncas sedimentarias formadas polo afundimento dun bloque dun zócolo a causa das presións oroxénicas da era terciaria (depresións das mesetas do Douro, Texo e Guadiana); e as depresións prealpinas, localizadas a ambos lados das cordilleiras alpinas (depresións do Ebro e do Guadalquivir). As cuncas sedimentarias son relevos horizontais ou suavemente inclinados porque non foron afectados por oroxéneses posteriores.

11. A tectónica de placas é unha teoría que, despois dos anos 1960, explicou a deriva continental e outros fenómenos. Segundo a tectónica de placas, a superficie exterior da Terra, chamada cortiza, consiste en aproximadamente dez bloques ou placas ríxidas. As placas non son o mesmo que os continentes; transportan aos continentes tanto como aos solos oceánicos. As placas, que están en constante movemento, son a causa de moita actividade xeolóxica, incluíndo a formación de montañas, volcáns e terremotos. As placas teñen ducias de quilómetros de espesor. Cada placa móvese uns centímetros por ano. As placas sofren tres tipos básicos de movementos: sepáranse unhas doutras; converxen, cunha placa mergullándose por debaixo da outra; e deslízanse unha á beira da outra. Nos tres tipos de movemento, só os bordes das placas se deforman; os seus interiores permanecen relativamente inalterados. Cando as placas se separan, ou diverxen, o material quente do manto ascende a través do oco e solidifícase, formando nova cortiza. Posto que o tamaño da terra é constante, se se forma nova cortiza ao separarse as placas, nalgunha outra parte a cortiza debe estar sendo retirada para compensar as cousas. Isto sucede cando as placas converxen. A placa que se desliza baixo outra afúndese cara ao manto, onde é fundida polo intenso calor. Co tempo, converterase de novo en cortiza. Se as placas que converxen teñen masas terrestres sobre elas, entón a fronteira onde chocan elévase, formando cadeas montañosas. Os Alpes, por exemplo, alzáronse cando Italia se uníu a Europa (xeográficamente, é dicir, non políticamente). No terceiro tipo de movemento, dúas placas deslízanse ou rechinan unha contra a outra, creando unha zona de terremotos. [ver vídeo de Kalipedia]

Desigualdade no mundo

1.  A Comisión Europea é unha das principais institucións da Unión Europea. Representa e defende os intereses do conxunto da UE, elabora propostas de nova lexislación europea e xestiona o labor cotián de poñer en práctica as políticas e facer uso dos fondos europeos. Está integrada por 28 Comisarios, un por cada país membro da UE. O presidente (actualmente o luxemburgués Jean Claude Juncker) é elexido polo Consello Europeo e atribúe a cada Comisario competencias en ámbitos de actuación específicos. A Comisión supervisa e aplica as políticas da UE: a) propoñendo nova lexislación ao Parlamento e ao Consello; b) xestionando o orzamento da UE e asignando fondos; c) fai cumplir a lexislación da UE (xunto co Tribunal de Xustiza) e d) representa á UE na escena internacional, negociando acordos entre a UE e outros países.

2.  Os movementos antiglobalización son unha corrente de protesta mundial que inclúe a ducias de grupos de diferentes países que teñen en común o seu rexeitamento ao capitalismo e ao modelo neoliberal (baseado nunha política macroeconómica que pretende reducir ao mínimo a intervención estatal en materia económica e social). Nestes movementos danse cita colectivos que inclúen aos sindicatos, os intelectuais de esquerda, ecoloxistas, indixenistas ou grupos desfavorecideos que acusan ao sistema económico de amoral e inxusto. Os diferentes grupos antiglobalización levan máis dunha década traballando en cuestións relacionadas cos problemas causados pola globalización da economía mundial. Organizaron numerosas campañas para a condonación da débeda externa dos países pobres e a reforma de institucións como o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional.

3.  Os Obxectivos do Milenio, fixados pola ONU no ano 2000, son 8 obxectivos de desenvolvemento humano (erradicar a pobreza extrema e a fame; lograr o ensino primario universal; promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller; reducir a mortalidade infantil; mellorar a saúde materna; combater a SIDA, paludismo e outras enfermidades; garantir a sustentabilidade do medio ambiente; fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento), que os países desta organización se fixaron conseguir no ano 2015. [Ver programa TVE “Historias del milenio”]