Arquivos da categoría 5. España actual

Tres abrazos

Abrazar é estreitar entre os brazos en sinal de cariño. Pode implicar admitir ou escoller, e é unha conduta que implica acordo. Na historia contemporánea de España traemos hoxe a colación tres abrazos significativos:

O primeiro é o abrazo de Vergara, teatralización final da rendición das tropas carlistas no Norte, en 1839. Nas aforas desta localidade guipuzcoana tivo lugar a rendición formal das tropas de Maroto diante das de Espartero. O abrazo entre o xeneral sublevado -partidario de don Carlos- e o futuro rexente simboliza a vitoria da España liberal sobre a absolutista, aínda que no seu tempo non significou o final da primeira guerra carlista, que aínda viviría os seus últimos coletazos no Maestrazgo.

abrazo_vergara_litografiaO segundo abrazo é o que ten lugar entre Franco e Eisenhower, en 1959, cando o presidente norteamericano visita España. A visita tiña lugar 6 anos despois da sinatura dos convenios España-EE.UU., que contribuíron -no contexto da coexistencia pacífica da guerra fría- a aceptar a alianza estratéxica do campo occidental coa ditadura franquista. En consecuencia, establecéronse en España unha serie de bases militares, ao tempo que os investimentos exteriores facilitarían o final da autarquía e o illamento internacional ao que a ditadura franquista estivera condeada.

abrazo_eisenhower_francoO terceiro é un abrazo colectivo. Trátase do cadro de Juan Genovés pintado en 1976, unha icona da transición democrática española que descansa desde este ano no Congreso dos Deputados. Nesta obra, na que non vemos facianas dos protagonistas, simbolízase a loita dun pobo pola democracia. Unha reprodución escultórica do mesmo ocupa a glorieta de Antón Martín próxima ao lugar onde foron asasinados os avogados laboralistas do crime de Atocha en 1977. O cadro representa a idea de reconciliación multitudinaria e afectiva entre os múltiples protagonistas anónimos que fixeron posible o peche da ditadura franquista e o inicio da nova senda democrática.

genoves_abrazo

Advertisements

Igrexa católica en España

Poucas institucións tiveron máis influencia na política e na sociedade españolas que a Igrexa católica. E aínda hoxe, nun Estado declarado oficialmente aconfesional, recibe un tratamento privilexiado, a causa do cal goza de axuda económica e apoios ben significados.

Mais a postura da Igrexa e dos seus xerarcas, ao longo dos séculos XIX e XX, ten cambiado a conta dos vaivéns políticos. De ter un predominio absoluto na vida cultural e política en tempos do absolutismo de Fernando VII pasou a recibir recurtes significativos, incluso no seu patrimonio -lémbrese a Desamortización-, durante a época liberal. Establecida na Constitución de 1869 a tolerancia relixiosa, pasou a estar contra a monarquía constitucional do Sexenio, para retornar a unha posición de privilexio en tempos da Restauración; de denigrar o papel do exército no desastre do 98, pasou a ser defensora do mesmo unha vez que Primo de Rivera accedeu ao poder -nun adianto do que o nacionalcatolicismo de tempos do franquismo reservaría para a institución: privilexio e relevancia-. Separada a Igrexa da sociedade civil por mor da Constitución de 1931, a xerarquía da mesma non dubidou en apoiar ás hostes franquistas na defensa dunha idea imperial de España asociada á relixión en todo momento. Mais os tempos do franquismo pechan alternancias na relación entre unha Igrexa que recibiu carta blanca no campo educativo e de “rexeneración moral” da sociedade, no contexto dun nacionalcatolicismo que servíu ao réxime para “maquillar” a súa estratexia inicial de apoio ás potencias fascistas que desencadearon a Segunda Guerra Mundial; pero tamén unha Igrexa que a partir dos anos 1950 cuestiona a política social e económica do réxime, que se inviste nalgúns casos concretos de apoio á diversidade cultural dunha España na que se reivindican antigos dereitos de autonomía.

A separación Igrexa/Estado non traumática -cando menos sobre o papel- sobrevén a partir da Constitución de 1978, se ben mantendo herdanzas canto aos privilexios outorgados a esta confesión. Sen embargo, é o momento recente no que se abandonan as políticas regalistas de distinto signo que se viñan practicando ao longo dos dous últimos séculos.

Toda esta evolución trázaa William J. Callahan para falar específicamente da Igrexa católica en España (1875-2002), nunha obra editada en España por Ed. Crítica.

* De seguro que para resolver ou aproximarte a composicións de texto como esta non che virán mal os fragmentos que directamente extractamos da citada obra de Callahan.

* Olla este vídeo sobre o poder da Igrexa católica en España.

* Consulta a web oficial da Conferencia Episcopal Española, institución fundada en 1966.

* Le este artigo de Vicenç Navarro publicado en febreiro de 2011 en elplural.com

España no mundo

España perdeu peso no contexto internacional durante o século XIX e a primeira metade do século XX, máis aínda coa guerra civil e o illamento internacional posterior. Mais o desenvolvemento económico dos anos 1960 e a recuperación democrática téñennos devolto a un primeiro plano do escenario económico e cultural a nivel internacional [que arriscamos de perder, ben certo é, coa actual crise económica].

A incorporación á UE [consulta aquí documentos para traballar na aula sobre a Unión Europea] e a alianza con países desenvolvidos da nosa contorna teñen incrementado o noso nivel de vida global, ata ascender a postos importantes no ránking do PIB per cápita e no IDH (índice de desenvolvemento humano).

De seguro que o noso Estado non está no mellor momento despois do  ingreso na Unión Europea, do que se cumpriron 20 anos en 2006 [olla o estudo publicado polo Real Instituto Elcano con motivo desta conmemoración], mais España mantén un peso específico nas súas institucións, en razón da súa superficie, poboación e capacidade económica [consulta esta web especial conmemorando o 25º aniversario da nosa entrada en Europa].

As liñas xeopolíticas de España, que sempre han de ter como referencia a súa posición xeoestratéxica e a situación de encrucillada entre dous mares (Mediterráneo e Atlántico) e dous continentes (África e Europa), desenvólvense hoxe en día en contacto estreito con Europa -destino principal das nosas relacións comerciais e culturais-, Iberoamérica -espazo co que históricamente mantemos unha vinculación demográfica, económica e cultural de vital importancia- e os Estados Unidos, cos que mantemos acordos bilaterais en múltiples campos.

* Olla a presentación sobre este tema:

Transición política

Unha nación transformada económicamente, formada por unha poboación que na súa maioría non vivira a Guerra Civil, que aspiraba a integrarse en Europa dun xeito pleno -Joseph Pérez dixit-, aínda un pouco aletargada no franquismo sociolóxico -preocupado polo benestar económico, non permitindo liberdades políticas-, despertou aquel 20 de novembro de 1975 a un novo período histórico, unha vez que Franco tiña morto.

Estabamos inmersos nun dos máis internacionalmente valorados episodios da nosa historia: a transición á democracia, un espazo de tempo que para moitos autores se extende específicamente entre 1973 e 1977, entre os estertores do franquismo e as primeiras eleccións democráticas, mais que para outros finaliza verdadeiramente coa vitoria do PSOE nas eleccións de outubro de 1982.

Ben narrado por Victoria Prego en “Así se hizo la Transición”, este período é cuestionado por Ferrán Gallego en “El mito de la Transición”. Fronte ao tan resaltado consenso democrático, xurde agora o interese pola mobilización, o combate social [ver fragmento de “Siete días de enero”, de Bardem] , os partidos ilegais, o “pacto de esquencemento” ou “de silencio” evocado por Julián Casanova e Carlos Gil Andrés na súa recente “Historia de España en el siglo XX”.

A Transición estivo controlada desde o poder, desde as elites franquistas que legalizaron o PCE -non sen perigo de asonada militar-, desde un partido do goberno -UCD- que aproveita o carisma de Suárez en eleccións sucesivas, cun totum revolutum de compoñentes -en esencia provenientes do moderantismo tardo-franquista- para resistir os embates da crise económica e o terrorismo.

E finalmente o intento de golpe de Estado produciríase un 23 de febreiro de 1981 -tras a feble condea recibida por parte das autoridades os xa implicados anteriormente na Operación Galaxia-, unha xornada que reforzou definitivamente a democracia, un intre no que se engrandeceu a figura do monarca Juan Carlos I e no que a ruptura co franquismo quedou definitivamente selada.

« A frase máis famosa da transición desde a ditadura á democracia («Todo está atado e ben atado») non a pronunciou ningún dos protagonistas da transición; pronunciouna Franco, o que talvez suxire que Franco foi o verdadeiro protagonista da transición, ou polo menos un dos protagonistas. Todo o mundo lembra esa frase pronunciada o 30 de decembro de 1969 no discurso de fin de ano, e todo o mundo a interpreta como o que é: unha garantía estendida polo ditador aos seus fieis de que logo da súa morte todo continuaría exactamente igual que antes da súa morte ou de que, como dixo o intelectual falanxista Jesús Fueyo, «despois de Franco, as Institucións»; non todo o mundo lembra, en cambio, que sete anos antes Franco pronunciou nun discurso ante unha asemblea de ex combatentes da guerra civil reunidos no cerro de Garabitas unha frase case idéntica (« todo está atado e garantido»), e que naquela ocasión engadiu: «Baixo a garda fiel e insuperable do noso exército». Era unha orde: trala súa morte, a misión do exército consistía en preservar o franquismo. Pero pouco antes de morrer Franco deu aos militares no seu testamento unha orde distinta, e é que obedecesen ao Rei coa mesma lealtade con que o obedeceron a el. Por suposto, nin Franco nin os militares imaxinaban que ambas ordes podían chegar a ser contraditorias e, cando as reformas políticas internaron ao país na democracia demostrando que si o eran, porque o Rei desertaba do franquismo, a maioría dos militares vacilou: debían elixir entre obedecer a primeira orde de Franco, impedindo a democracia pola forza, e obedecer a segunda, aceptando que era contraditoria coa primeira e a anulaba, e aceptando por conseguinte a democracia. »

Javier Cercas: « Anatomía de un instante »

* Observa uns vídeos sobre a transición democrática.

* Moi interesante é tamén, polo que aporta sobre este período, este vídeo de RTVE sobre medio siglo de ETA.

* Escoita a canción de Carlos Cano “La murga de los currelantes”, comprobando a súa letra, como exemplo de canción protesta das tantas que houbo na época. [Ver vídeo]