Arquivos da categoría Xeografía

Dexo

Un percorrido pola parte oriental do Monumento Natural Costa de Dexo revela un cambio rotundo da paisaxe entre a ortofoto de 1956 e a actual: aumentou a superficie de bosque, a medida que se foron reducindo as agras -ben que a clasificación de estruturas agrarias de Bouhier incluía este espazo  na Galicia dos socalcos– e abandoando os cultivos; as vellas corredoiras enchéronse de matogueira e a edificación avanzou na marxe meridional, lonxe do espazo protexido pola catalogación de espazo natural (un LIC que forma parte de Red Natura desde 2000, con case 350 ha.). A topografía, suave, en abas dirixidas cara aos fortes cantís do Norte, oriéntase cara ao avesedo, con pendentes febles e terreos sempre por debaixo dos 100 m.s.n.m.

A igrexa románica de Santa María de Dexo [ver ficha, entrada de blogue e comentario de tese de doutoramento -pp. 383 a 397-] é punto de partida dun percorrido que agocha o castro de Castromen, o castro de Punta Roza, o castro de Punta Torrella, a cova do ladrón, o lavadoiro do río da Pedra e o porto de Dexo -no que os barcos debían ser elevados con guindastre para protexelos da forte ondaxe de marea- [ver ligazón á ruta].

Advertisements

Potencia mundial?

España mantense entre as 15 primeiras potencias económicas do mundo (se ben os comezos do século XXI elevaron o rango do Estado a oitava potencia mundial).

España é o segundo país da UE canto a superficie, o quinto canto a poboación. Ocupa unha posición intermedia canto ao PIB per cápita (o 91% da media europea), é o 7º canto ao número de estudantes que estudan fóra das nosas fronteiras [ver táboas], mais tamén o segundo en porcentaxe de desemprego (tras Grecia) da UE.  Forma parte da zona Euro e do espazo Schengen.

Potencia cunha imaxe sen reciclar, España promociónase no exterior para manter mercados e atracción (a través de Marca España), en tempos de terciarización e consumismo turístico. O papel do Estado é o dunha potencia media que aspira a ampliar a súa influencia, tal e como o Real Instituto Elcano nos lembra.

Pero non todo ten que ser unha visión optimista:

Xentrificación

Xentrificación é un termo adoptado do inglés (gentrification), co que se fai referencia ao proceso mediante o que a poboación orixinaria dun sector ou barrio -xeralmente céntrico e popular- se ve progresivamente desprazada por outra (a gentry, alta burguesía ou pequena aristocracia dos cartos) dun nivel adquisitivo maior.

O proceso supón un fenómeno de elitización residencial, que inclúe unha recualificación social do solo en sectores centrais das urbes. O fenómeno inclúe tamén a renovación de espazos centrais das cidades para destinar a aloxamentos turísticos (hoteis, apartamentos,…) que son reclamo para un público internacional máis rico -ou dispendioso– que a poboación local.

En barrios como Chueca e outros distritos de Madrid, o Albaicín granadino, o centro de Barcelona e, en menor medida, outros lugares, o proceso acelérase nos últimos tempos (converténdose xa nun feito típico das aglomeracións urbanas neste comezo do século XXI).

Sector de éxito

Perto de 3 millóns de españois traballan directamente no sector turístico. Nos meses de tempada alta, 1 de cada 7 ocupados traballa nese subsector. As 3/4 partes dese emprego concéntranse en 6 comunidades: Cataluña, Andalucía, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Canarias e Baleares.

De ser antigamente unha actividade para minorías, hoxe o turismo tense convertido nun fenómeno de masas. Desde 1960, a súa aportación ao PIB case se triplica, partindo de niveis do 4%. Quen nos visita son, sobre todo, europeos do Norte, se ben o éxito do negocio tamén plantexa dúbidas.

Ricos

Nestes tempos, a directora artística do Guggenheim de Nova Iorque ten ofrecido á familia Trump a posibilidade de decorar a Casa Blanca cunha provocadora obra de Maurizio Cattelan chamada America, un inodoro de ouro macizo que contribúe a cuestionar o soño americano. En USA, o 1% da poboación acumula o 40% da riqueza.

No mundo, o 0,7% da poboación acumula o 45% da riqueza [ver infografía ].

Aínda que non haxa ricos da magnitude de Mansa Musa, constátase que a crise económica recente producíu unha acumulación máis concentrada da riqueza en menos mans, nominadamente en España.

Pirámide 2016

piramide_2016

A inmigración anova. Sobre todo, no grupo da poboación adulta xove (menores de 45 anos). Iso é o que amosa a comparativa entre poboación española e estranxeira a finais de 2016, a partir de datos suministrados polo INE [ver infografía].

A pirámide da poboación autóctona amosa unha forma regresiva, propia dun país avellentado , no que a dificultade da conciliación familiar e a alta taxa de desemprego xustifican un retraso continuado na idade de ter o primeiro fillo -e, en consecuencia, un descenso da fecundidade por debaixo da taxa de reemplazo.

A pirámide da poboación estranxeira amosa unha estrutura irregular, cunha alta presenza da poboación adulta xove -a que tradicionalmente sempre migra máis- e unhas taxas de natalidade comparativamente altas -con respecto á poboación autóctona.

Galiciencia 2018

Galiciencia 2018 propón o cambio climático como tema de acción. E será bo visitar a web que a Xunta dedica a esta cuestión para introducirnos no proxecto a realizar. Tampouco estará de máis consultar os datos que meteogalicia pon á nosa disposición nun apartado da súa web, a partir das informacións recollidas en distintas estacións meteorolóxicas.

Imos aló, da man da profe Blanca Rdguez. Latorre e o resto do grupo STEM: Javier, Laura, Eva, Natalie, Jorge e Xosé !

Algúns videos de Historias del tiempo (Xavier Fonseca, en La Voz de Galicia):

Inmigración

coolmapseveryday ven de publicar en Instagram un mapa co grupo de poboación estranxeira predominante en cada país do espazo Schengen en 2017.

Os datos publicados por Eurostat confirman que había na UE, a comezos de 2016, 35 millóns de persoas non nacidas nun estado da UE-28 [consultar datos de Eurostat]. Era Luxemburgo o que representaba o país con máis estranxeiros (unha poboación que representaba o 47% do total).

Se ben os modelos de integración son variados, o mapa proposto evidencia a disparidade social dos inmigrantes. De sempre, as migracións teñen un trasfondo principal económico, e iso explica que a meirande parte dos países europeos reciban inmigrantes de países con menor renda per cápita. Outras razóns, como a relación post-colonial, poden explicar casos como o portugués e o francés. Pero velaquí que son interesantes os casos de Irlanda, Eslovaquia e Austria, que reciben -respectivamente- sobre todo a británicos, checos e alemáns. ¿Non se tratará, neste caso, dunha migración de cadros que aproveita a liberdade de fronteiras Schengen para ocupar posicións en economías limítrofes -e ben próximas a nivel lingüístico?.

Por outra banda, tamén hai que ver en perspectiva os resultados. Se ben os países europeos están entre os de máis altas taxas de inmigración do mundo, algúns do espazo Schengen (véxase os casos de Polonia e Romanía) apenas teñen inmigrantes.

  • Consulta os datos relativos a inmigración no mundo en datosmacro.com.

Xeopolítica

Segundo a definición da RAE, a xeopolítica é o estudo dos condicionantes xeográficos da política. Se a iso engadimos que os Estados e actores políticos empregan estratexias, xuntamos a esta definición a de xeoestratexia.

Como Pedro Baños nos descubre, as claves do poder mundial pechan en si mesmas múltiples estratexias e despregan erros que deberían evitarse. Con gran cantidade de exemplos históricos e citas literarias ben escollidas, @geoestratego ofrécenos un catálogo de situacións para reflexionar a fondo.

Lumes

O incremento da superficie forestal -ao tempo que o despoboamento e abandono rural tamén medran-, o quecemento global e os episodios bruscos de incremento de temperatura por fenómenos atmosféricos adversos (vaga de calor sahariana, ventos furacanados do tipo Ophelia,…) son algúns factores que xustifican o incremento de incendios en determinados momentos da nosa historia recente. Iso, sen esquencer que o factor principal é antrópico, pois os lumes que queiman o territorio teñen orixe na man do home -amante de especular con terreos e bens.

Unha das rexións con maior risco de incendios en España é Galicia. Endémicos foron os lumes ata o inicio da década de 1990, cando se acometeu unha reforma da política de prevención. Unha política que, de cando en cando, sofre asaltos de vagas que queiman enormes cantidades de superficie forestal (os anos 2006 e 2017 foron bo exemplo). Unha política que debería facer fronte ao fenómeno da eucaliptización, ao cambio de modelo agrario na nosa terra (algo que xa ven de lonxe, como consecuencia da negociación que no seu día se estableceu para o acceso de España á CEE, en 1986; desde entón, o agro galego entrou nunha profunda transformación, co abandono de agricultura e gandería, en beneficio da extensión da superficie silvícola) e ao cambio de uso da terra.

#BorrascaAna

Aemet e as axencias meteorolóxicas portuguesa e francesa decidiron bautizar, a partir de agora, as borrascas profundas que nos afecten (cicloxéneses explosivas incluídas)… como tiñan feito antes outros servizos meteorolóxicos europeos.

E velaquí que nos chegou Ana, que acadou unha presión de 972 mb no seu centro, situado ao SO da Bretaña francesa, na medianoite do domingo 10 de decembro (fonte: MetOffice). Cun alto gradiente de presión, enviou ventos de compoñente O-NO cara á Península, e   batendo especialmente en Galicia e na costa cantábrica. As choivas tamén foron abundantes, concentrándose en zonas como a provincia de Pontevedra e outras do sur de Galicia, contribuíndo a engrosar as pálidas cifras de auga encorada. En Galicia, a precipitación -continua e torrencial por momentos- superou, en menos de 24 horas, todo o recibido no mes de novembro [podedes consultar datos das estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia, e comprobade a concentración de precipitacións na metade Sur].

Os novos patróns de distribución de precipitacións non impiden comprobar como funcionou esta vez o río atmosférico que nos envolveu en chuvia. Aínda así, os nosos encoros lémbrannos os niveis mínimos nos que estamos a comezos do ano hidrolóxico 2017-18, e a necesidade de xestionar con cabeza un recurso tan escaso (a auga) nun país mediterráneo, con forte risco de saharización.

Norte

Un anticiclón reforzado no Atlántico Norte, cunha circulación meridiana do Jet Stream, permite a chegada de aire ártico ás nosas latitudes neste final de novembro. É unha advección típica (¡que ben sinalada no mapa sinóptico do MetOffice!) , ben semellante a aquela que aconteceu hai dous anos -aínda que esta vez se retrase uns días e sexa insuficiente para paliar os efectos dunha seca histórica. En todo caso, ¿cal é a masa que nos afectará nesta ocasión? Pois imos valernos desta infografía de La Rioja Meteo para que o descubrades:

En efecto, trátase dunha nortada… Preparado o litoral cantábrico e os cumios montañosos do Norte e centro peninsulares para recibir neve que alimente as pistas de esquí. ¿Un respiro? Pois eu xa boto de menos os temporais.

Ventos e choivas

Unha ollada a un mapa de ventos da Península Ibérica publicado por La Vanguardia hai 20 anos lémbranos que os refráns poden estar asociados a eles: o NO, SO e nortada, o cierzo, o galego, o ábrego, poñente e levante, a tramontana, …

E que, en moitos casos, a precipitación vai a eles asociada, salvo que sexan solano, garbí... Sexa como fore, o tempo das choivas debía ser chegado, neste ano de #seca intensa. Así nolo indican os datos recopilados por @crballesteros (correspondentes ao período 1981-2010) e sintetizados neste mapa:

* Por certo, para quen non crea no quecemento global, velaquí unha comparativa dos datos dos períodos 1961-1990 e 1981-2010 recollidos por AEMET no observatorio de A Coruña. Podedes consultar os diagramas ombrotérmicos da serie 1961-1990 aquí.

Ophelia

#ArdeGalicia nun día histórico para a meteoroloxía. Nunca un furacán de forza 3 estivo tan próximo da costa galega (aproximadamente uns 600 km), se ben outros tiveron traxectorias semellantes. #Ophelia [o furacán -ver transición a ciclón extratropical-] xestouse no entorno das Azores, e discorre cara a Irlanda (que xa sofreu o impacto de Debbie en 1961), esperemos que abrindo paso a unha cadea de borrascas que poidan enfeblecer o bloqueo anticiclónico que tanto dura (e que poida rematar cunha seca de proporcións moi severas).

As horas previas ás esperadas choivas son un inferno (os ventos arrastran o fume en direción Sur-Norte a velocidade de vértigo). Arde a nosa terra e as cinzas acumúlanse nunha brétema grisácea que acende o sol no solpor. Polos catro costados, unha política de repoboación forestal impropia ten como consecuencia un elevado risco de incendios, que xa desatou polémica en Portugal desde comezos do verán.

Agora pregamos que as pingas abafen o lume, que un furacán de nome shakespeariano (afogue Ophelia e cheguen as borrascas) arrastre cara a nós a choiva tan necesaria.

Finalmente, Ophelia acabou co anticiclón.

Furacáns

Un furacán é un ciclón que discorre pola zona tropical do Atlántico. Cunha traxectoria parabólica, soen desprazarse inicialmente de Leste a Oeste desde a área entre Cabo Verde e o Caribe, e logo soen enfilar un desprazamento cara ao Norte-Norleste, perdendo intensidade unha vez tocan terra. Porque un furacán retroaliméntase sobre o océano, usando o aire cálido e húmido como combustible.

Ata 1979, os furacáns levaban só nome de muller; probablemente a misoxinia do meteorólogo que os comezou a bautizar (Lindley Wragge) era a causa. Desde entón, altérnanse nomes masculinos e femininos para identificalos cada tempada (a “tempada alta” de furacáns vai de xuño a novembro, sendo o comezo do outono cando se incrementa a súa frecuencia). O listado de nomes proponse con antelación para cada ano e, se hai maior número que as iniciais do alfabeto propostas, continúase con letras gregas para nomealos. Cando algún furacán é sumamente destrutivo, o seu nome retírase.

irma
Imaxe publicada por Le Monde

A escala Saffir-Simpson mide a intensidade dos furacáns.  Nestes intres, desprázase polo Caribe un furacán chamado Irma, cunhas dimensións e intensidade espectaculares -que tería efectos devastadores asociados sempre-. Co incremento do quecemento global, os científicos plantéxanse se aumenta tamén o número e intensidade dos furacáns. E, aínda que non se pode concluir nada definitivo, é ben certo que a probabilidade de padecer furacáns máis intensos acentúase. O quecemento global acentúa os riscos extremos.

Paisaxes agrarias

“O Grande Trauma (así, con maiúsculas) consiste en que o país se urbanizou nun intre. En menos de vinte anos, as cidades doblaron e triplicaron o seu tamaño, mentres enormes extensións do interior que nunca estiveron moi poboadas remataron de baleirarse e entraron no que os xeógrafos chaman o ciclo do declive rural. Entre 1950 e 1970 producíuse o éxodo. Aínda que a finais do século XIX a emigración do campo á cidade (e da Península a Latinoamérica) foi constante, nesas dúas décadas, millóns de persoas fixeron a viaxe de ida. As capitais colapsaron e os construtores non deron abasto para levantar bloques de casas baratas nas periferias, que se encheron de chabolas. En moi pouco tempo, o campo mudou abandoado. Milleiros de aldeas desapareceron e outros milleiros quedaron como residencia de anciáns, sen nengunha actividade económica e sen os servizos máis elementais. Outros milleiros de persoas foron expulsadas das súas casas a punta de pistola pola garda civil para honrar unha política hidráulica que anegaba vales con pobos enteiros dentro. E non conto aos millóns de españois que, neses mesmos vinte anos, emigraron a Europa e Latinoamérica, a meirande parte desde pobos e viliñas arruinados. A paisaxe que pintou ese Grande Trauma define o país e deixou unha pegada enorme nos seus habitantes. Hai unha España na que vive unha poutada de españois, mais hai outra España baleira que vive na mente e na memoria de millóns de españois.”

 Sergio del Molino: La España vacía.”
– Consulta o tema de paisaxes agrarias de España.

Bora Bora

“A clave está en dous procesos que acontecen de xeito simultáneo: por unha banda, esas illas estanse afundindo pouco a pouco e, por outra banda, os corais que forman o anel au seu arredor están medrando de xeito vertical para compensar o afundimento e así manterse na zona de augas superficiais. Este mecanismo foi proposto por Charles Darwin, que tamén foi un importante xeólogo. Na Polinesia Francesa, por exemplo, as illas son antigos volcáns con varios millóns de anos de idade (Moorea ten aproximadamente 1,5 m.a.; Raiatea entre 2 e 3 m.a.; e Bora Bora algo máis de 3 m.a.). As illas afúndense porque a placa tectónica na que están sentadas, neste caso a placa do Pacífico, no seu movemento cara ao noroeste sofre un proceso de subsidencia. Todo o conxunto vaise indo a pique pouco a pouco. Pola súa banda, os corais son organismos vivos aos que lles gusta a auga temperada e a luz solar, de tal xeito que se o sitio no que están se afunde -e polo tanto se mete en zonas con menos luz e auga máis fría-, eles tenderán a medrar cara arriba para manterse á mesma altura respecto do nivel do mar.”

Xurxo Mariño: Terra.”

Xa nos conta Mariño que a illa central de Bora Bora leva ben tempo afundíndose, o que non deixa de ser unha excusa para escoitar unha bela composición de Yuri Borin.

Pontedeume

Situado no Golfo Ártabro, o concello de Pontedeume ubícase no fondo da ría de Ares. Ao occidente do núcleo urbano atópase o monte Breamo (305 m.s.n.m.), última estribación montañosa da cadea que, desde a Serra da Loba, remata en cantís na beiramar. A vila de Pontedeume, condicionada a súa morfoloxía pola ubicación entre o monte Breamo e o río Eume, medrou porén en sentido Oeste-Leste.

O crecemento urbanístico en etapas sucesivas foi creando diversos tecidos urbanos: a) a zona centro comprende o antigo espazo intramuros e zonas de expansión anteriores ao século XIX (trátase dunha cuadrícula con cinco rúas paralelas de N a S e 5 travesas de L a O); nela consérvanse algunas rúas soportaladas; b) as zonas do Xardín e da Alameda de Raxoi corresponden á expansión cara ao L no século XIX, trala desamortización do convento dos agostiños; e cara ao O na primeira metade do século XX; c) as zonas da Estación e Aguabar son as áreas de construción máis moderna, con servizos públicos (centros de ensino, piscina, centro de saúde) e novos espazos verdes (paseo marítimo).

Pontedeume_catastral

O Camiño Inglés intérnase no concello de Pontedeume abranguendo a extensa área de esteiro comprendida entre a ponte do ferrocarril e o viaduto da autoestrada AP-9.

 

Paysages

L’Espagne a une grande variété de paysages. Des bassins aux montagnes, des anciens massifs aux chaînes alpines, il y a une vaste diversité naturelle. Voici quelques exemples:

  1. Le paysage montagneux d’Ordesa.
  2. Le paysage plat autour de Tordesillas.
  3. Le paysage escarpé du Teide.
  4. Le paysage doux du marais du Guadalquivir.

Je vous apporte un modèle de commentaire de paysage naturel afin de rédiger vos présentations autour de chaque paysage.

Novas xeografías

Este mes de febreiro de 2017 ameaza con reestruturar severamente os libros de texto da Xeografía clásica: un novo continente emerxeZealandia (aínda que está practicamente sumerxido en boa parte da súa superficie), e os restos do vello Gondwana detéctanse baixo o Índico.

As xeografías mudan… Mudan sempre!!! Pero agora muda ata a xeografía física. Nengún coñecemento é para sempre.

E máis aínda cando se trata do mundo extraplanetario. De seguro que hai alguén en algures.