Asalto en Vimianzo

Xa se di que se non tés festa medieval non es nada. Entón, bo será engalanarse para a ocasión… Se non hai casco histórico pétreo, ben será poñer adornos e feirantes que o disfracen, e para o caso ben valen os sacos ou arpilleiras das que MillaresTàpies acugulaban. Ler máis

25 de abril

“Sabemos que o 25 de abril de 1467 –que estamos propoñendo como día da Galicia irmandiña– se produce o derrocamento da primeira fortaleza (Castelo Ramiro, perto de Ourense), coa resistencia dunha parte da direción local irmandiña, pois tal cousa non fora acordada na Xunta de Melide.”

Carlos Barros dixit.

 

Martes 13

Cando vas ao Sur sempre atopas espíritos espertos: a freguesa que con amor che abre as portas de Santa Comba, che explica como os actores da TVG estiveron aproveitando un día enteiro para se déguiser na antiga reitoral, aquel lugar no que San Martiño de Dumio de seguro que durmíu algunha noite; a xove funcionaria de Celanova que con mimo che bota a man coas transcripcións do latín -esa língua morta- na porta de entrada meridional do oratorio para a nai e irmá de San Rosendo e se amosa orgullosa de que o seu pequeno recuncho de mundo sexa atractivo de estranxeiros moi diversos, en anos santos xubilares e non tanto; a “señora Rosa” que vive en Guimarás, por enriba dos 700 m de altitude, entre os penedos que circundan San Salvador, no Camiño de Santiago da Vía da Prata, e que se enorgullece do seu pasado de traballadora incansable, cando lembraba como o seu avó non quería despedirse destas pedras de aldea, no camiño de Sandiás a Allariz, nunha cabeza de val que noutro tempo era terra de liñeiras. O sur abre os corazóns da xente: o do organista de Santa Mariña que evoca San Salvador dos Penedos, o da campesiña que chega ao fogar de San Martiño despois de que unha persoa de algures lle faga entrega dun envío postal por servizo urxente, o do mecánico que che apunta onde podes atopar unha chave de igrexa (e decatarte da suprema desconfianza que muda en agarimo cando lles falas)… 

Vin moitos carteis aludindo á Gallaecia romana, atopei xentes inquedas polo devalar dun estranxeiro alleo aos seus costumes, mais sentinme parte dunha terra que foi xermolo da nosa semente; sentín aos homes do común derrubando pedra a pedra a fortaleza de Vilanova dos Infantes -e reconstruíndoa despois da treboada irmandiña-; agradecín os consellos duns xubilados de Milmanda que tecen a súa memoria con lembranzas de pasadizos segredos; aledeime de ver que a nosa xuventude visita a casa de Curros Enríquez; comparei modillóns da igrexa de Santiago de Allariz e de Santa Mariña de Augas Santas; chegáronme de lonxe os efluvios da beleza de Inés de Castro desde terras da Limia; entrei na casa dos meus antergos e enorgullecinme do vídeo que os alumnos do CEIP de Cea fixeran en apoio da língua nosa… no día en que o presidente da Xunta estragaba o galego no “debate sobre o estado da autonomía”. O sangue medieval, ese sangue galego, flúe polas nosas veas, flúe e non para!

Esta é a miña historia dun martes trece, o de marzo de 2012, aquel no que un gato negro -pouco antes de subir a Nantín e atoparnos co grande rabaño de cabras que me fixo esperar con calma- decidíu recuar no medio da estrada cando víu chegar o meu bólido (dicía Toni Garrido un día antes que os de Ferrari non tiñan coche para competir este ano: pois que aluguen un)… con boas intencións, que non se diga! Probablemente o mellor martes 13 que lembre; claro que a memoria é amnésica ou infame, ás veces (esta vez non).

Irmandiños en Moeche

En Ferrolterra achamos o castelo de Moeche, fortaleza medieval do século XIV que foi asaltada polos irmandiños na grande revolta de 1467. O triunfo campesiño foi limitado, pois eles mesmos houberon de reconstruilo tras a reconquista da nobreza, nestas terras acaudillada polos Andrade.

Cada ano revívese -en agosto- o asalto ao castelo, un pretexto para congregar música e cultura galaicas en torno a unha campa desde a que ben se divisa a fortaleza… E un espera, espera… ata que os “irmandiños dos nosos tempos” se deciden a vir cos fachos para “tumbar” a fortaleza. Bela historia a que debuxa e conta Cráneo nos seus “lobos de Moeche”.

Normandos en Catoira

” – Despois de que o sol se elevase ao cumio, escoitamos ao lonxe o son de tubas. Catro balandras máis chegaban a grande velocidade nacendo no horizonte, empurradas polo vento. Aquilo comezou a preocuparnos, pois sabiamos que seriamos inferiores en número á tripulación de dez barcos ben equipados. (…) Os recén chegados gardaron o velame e as dez naves comezaron a bogar cara á ría, ao tempo que os nosos homes increpaban ás xentes para que fuxisen terra adentro diante da ameaza. Os paganos cantaban a súa canción de guerra e as tubas comezaron a soar de novo. (…)

– Dúas naves adentráronse batentes na ría, e soubemos que coñecían a existencia de cadeas na auga, porque eran as únicas que estaban reforzadas por planchas de metal e grandes espolóns. »

Miguel Á. Badal Salvador (2011) : El señor de Lordemanos

Bretoña

Bretoña é hoxe un pequeno núcleo de 176 habitantes (nomenclátor de 2011, INE), asentado no alto dun outeiriño que dá ao río da Portela, afluínte do Miñotelo, no concello de A Pastoriza (Lugo). A parroquia á que pertence, Santa María de Bretoña, ten -segundo as mesmas fontes- 758 habitantes.

No alto do outeiriño, de pouco máis de 500 m de altitude, atópase a actual igrexa de Santa María de Bretoña, á que Antonio García y García consagrou a súa “Historia de Bretoña”. O autor apunta a tese de que esta igrexa é a sucesora do “mosteiro de Máximo”, un lugar mencionado no Parroquial Suevo (século VI) como sé do bispado de Britonia. E esta sería, polo tanto, a herdeira dunha das primeiras sés episcopais da Galicia sueva, aquela na que os bretóns procedentes das Illas Británicas, por mor das invasión de anglos e saxóns, se asentaron.

A Britonia do século VI é un territorio aínda non de todo definido. Segundo as hipóteses de Simon Young, autor en 2002 do libro “Britonia: Camiños novos”, publicado por Toxosoutos, Britonia sería un territorio que abranguería boa parte do norte das provincias de Lugo e A Coruña, xunto con parte do Occidente de Asturias, onde se terían asentado, entre 469 e 572, os bretóns antes citados.

A figura ben destacada, pola súa participación no Concilio de Braga de 572, destes bretóns, foi o bispo Maeloc, ao que Milladoiro dedicou aquel disco chamado “A Galicia de Maeloc” (1979).

Se un camiña cara ao centro da localidade atópase unha praza alongada, cun cruceiro e unha fonte presidida pola figura bifronte do bispo Maeloc, representado como caudillo e bispo, co seu báculo; aínda que ben parece que a iconografía elixida estivese inspirada no deus cartaxinés Moloc, quen tamén era representado con coroa e con báculo. A mitificación deste Maeloc na praza de Bretoña inclúe un tronco de carballo -árbore asociada aos druidas- cun trisquel e uns lagartos aparentemente “domesticados” no borde da fonte. Sen dúbida, a iconografía ten fondas raíces celtas, reivindicadas en Bretoña cada ano desde hai un tempo coa celebración do Lugnasad.

Pero a nós interésanos o Maeloc histórico, a existencia dunha sé britoniense anterior ao traslado da mesma a Mondoñedo (no século VIII), despois da destrución de Bretoña e do mosteiro de Máximo a causa das invasións musulmanas.

Outra maneira mítica e lendaria de ver este asunto do bispo bretón é a que leva a veciños de Foz e Barreiros, no verán, desde 2007, a manter no seu poder o “diamante” de Maeloc, aquel que segundo a lenda estaría enterrado nalgunha montaña profunda do norte lucense. 

A partir de agora, máis Idade Media galega en idademediagalicia.webnode.es

Blog en WordPress.com.

Subir ↑