Martes 13


Cando vas ao Sur sempre atopas espíritos espertos: a freguesa que con amor che abre as portas de Santa Comba, che explica como os actores da TVG estiveron aproveitando un día enteiro para se déguiser na antiga reitoral, aquel lugar no que San Martiño de Dumio de seguro que durmíu algunha noite; a xove funcionaria de Celanova que con mimo che bota a man coas transcripcións do latín -esa língua morta- na porta de entrada meridional do oratorio para a nai e irmá de San Rosendo e se amosa orgullosa de que o seu pequeno recuncho de mundo sexa atractivo de estranxeiros moi diversos, en anos santos xubilares e non tanto; a “señora Rosa” que vive en Guimarás, por enriba dos 700 m de altitude, entre os penedos que circundan San Salvador, no Camiño de Santiago da Vía da Prata, e que se enorgullece do seu pasado de traballadora incansable, cando lembraba como o seu avó non quería despedirse destas pedras de aldea, no camiño de Sandiás a Allariz, nunha cabeza de val que noutro tempo era terra de liñeiras. O sur abre os corazóns da xente: o do organista de Santa Mariña que evoca San Salvador dos Penedos, o da campesiña que chega ao fogar de San Martiño despois de que unha persoa de algures lle faga entrega dun envío postal por servizo urxente, o do mecánico que che apunta onde podes atopar unha chave de igrexa (e decatarte da suprema desconfianza que muda en agarimo cando lles falas)… 

Vin moitos carteis aludindo á Gallaecia romana, atopei xentes inquedas polo devalar dun estranxeiro alleo aos seus costumes, mais sentinme parte dunha terra que foi xermolo da nosa semente; sentín aos homes do común derrubando pedra a pedra a fortaleza de Vilanova dos Infantes -e reconstruíndoa despois da treboada irmandiña-; agradecín os consellos duns xubilados de Milmanda que tecen a súa memoria con lembranzas de pasadizos segredos; aledeime de ver que a nosa xuventude visita a casa de Curros Enríquez; comparei modillóns da igrexa de Santiago de Allariz e de Santa Mariña de Augas Santas; chegáronme de lonxe os efluvios da beleza de Inés de Castro desde terras da Limia; entrei na casa dos meus antergos e enorgullecinme do vídeo que os alumnos do CEIP de Cea fixeran en apoio da língua nosa… no día en que o presidente da Xunta estragaba o galego no “debate sobre o estado da autonomía”. O sangue medieval, ese sangue galego, flúe polas nosas veas, flúe e non para!

Esta é a miña historia dun martes trece, o de marzo de 2012, aquel no que un gato negro -pouco antes de subir a Nantín e atoparnos co grande rabaño de cabras que me fixo esperar con calma- decidíu recuar no medio da estrada cando víu chegar o meu bólido (dicía Toni Garrido un día antes que os de Ferrari non tiñan coche para competir este ano: pois que aluguen un)… con boas intencións, que non se diga! Probablemente o mellor martes 13 que lembre; claro que a memoria é amnésica ou infame, ás veces (esta vez non).

4 thoughts on “Martes 13

  1. Oes rapás, eu onte tamén estiven de excursión por Celanova e Ourense, pero vexo que ti fixeche unha maratón. Pena non verte. Apertas

    • Habías de ser ti a quen esperaba a funcionaria do concello de Celanova para visitar cuns rapaces San Miguel. Se así foi, non nos cruzamos de milagre… E mágoa.

  2. Vexo que xa coñeces á señora que abre Santa Comba (en ocasións e se a necesidade apreta… tamén permite usar o seu baño)…
    E que en Ourense somos moi boa xente… jajajaj

    Un saúdo (Jacobo / remplaçant)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s