Raíñas

14_sabelaII_annie_leibovitz

Unha raíña da fotografía, Annie Leivobitz, en 2007, fixo unhas fotografías oficiais dunha raíña con coroa, Sabela II de Inglaterra. E, a pesares de querer dar dela unha imaxe máis informal, Sabela II negouse a quitar a coroa para “posar”. Annie presentouna entón nunha imaxe barroca, cun clarescuro acentuado diante da fiestra do balcón do seu pazo, cunha paisaxe constableiana ao fondo, chea de nubes ameazantes (nada que ver co ceo partly cloudy que inundaba o fondo do retrato da raíña Charlotte -no século XVIII-, por Zoffany, que ben pudo inspirar á Leibovitz). Mais ben parece que a luz branca inunda á raíña sedente, con máis de medio século entronizada (nos reinados sempre hai luces e sombras, tamén no de Sabela, que con coroa tamén foi retratada por Lucien Freud).

Agora, a raíña Leivobitz ven de ser galardoada co Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades.

Arte en feminino

  Aproveitando a chegada ao noso centro educativo da exposición “1000 anos de arte en feminino“, rescatamos a memoria da pintora que en 1890 casou cun dos protagonistas das nosas aulas nos últimos tempos, o explorador Henry Morton Stanley. Trátase de Dorothy Tennant, unha academicista que representou nas súas imaxes especialmente a nenos pillastres xogando ou espidos femininos, entre os cales cabe citar o tema das bañistas -tan caro á pintura finisecular e de comezos do século XX. A obra que se cita na cabeceira é o “Amor ferido“, de 1895. O estilo desta artista (retratada por George Frederic Watts como unha xove de clase media, vestida á usanza da sociedade vitoriana do momento, e cun esquío como emblema), abocetado, percíbese ben na súa obra A súa primeira ofensa, na que nos presenta a un pequeno esmoleiro no estrado dos acusados. A comparación entre o propio retrato da muller artista e o xove pícaro amósanos os profundos contrastes sociais existentes na sociedade vitoriana.

Para comprender mellor a exposición citada, que pretende recrear unha “historia paralela da pintura occidental”, unha historia na que as mulleres ocupan un lugar primordial, invitámosvos a ver os seguintes documentos: unha presentación sobre Hildegarda de Bingen; unha presentación sobre Sofonisba Anguissola; un fragmento da película de Agnès Merlet “Artemisia”, sobre a vida de Artemisia Gentileschi; un visionado de obras de Mary Cassatt e Berthe Morisot; a recreación dun encontro entre Suzanne Valadon e o seu fillo Maurice Utrillo, sometidos a unha relación conflitiva; unha presentación sobre a arte de Kathe Kollwitz;  exemplos da obra de Tamara de Lempicka; autorretratos de Frida Kahlo e o tráiler (en alemán) da película con Salma Hayek de protagonista; unha evocación de “Sorpresa do trigo”, de Maruxa Mallo; un vídeo-arte de Guerrilla Girls e unha presentación sobre “Arte delle donne” no Palazzo Reale de Milán.