Arquivos da categoría 3. Transformacións económicas e cambios sociais a finais do XIX e comezos do XX

Restauration/Transition

restauration_transitionA Historia non se repite. Pero é ben certo que proporciona similitudes canto a acontecementos e situacións. Un artigo de Romaric Godin en La Tribune, en outubro de 2016, apunta ás semellanzas e diferenzas entre o período da Restauración borbónica en España (1875-1923) e a Transición democrática alongada (1975-2015) que conclúe -aparentemente- coa crise do bipartidismo instaurado desde 1982. Agora que estamos en 2017, cando se cumplen cen anos dunha crise social, política e militar que esgotou o sistema da Restauración [+], convén reflexionar sobre estas semellanzas e diferenzas.

Baler

Andan estes días o tenente Cerezo (Luis Tosar) e toda a súa tropa a recrear o sitio de Baler entre xuño de 1898 e xuño de 1899, facendo fronte aos tagalos e ao beriberi, loitando por un Imperio que esmorece. Entre personaxes inventadas e paisaxes imitativas, a acción responde a feitos reais que xa inspiraran outro filme en 1945.

E convén afirmar o ben que se recrean accións vencelladas a un momento de tensión, un asedio bélico que produce desesperanza, deserción, desconfianza, desasosego, desenraigamento, desilusión, desvarío… Aquela resistencia “heroica”, baseada na desinformación, era o preludio dunha crítica desairada que o rexeneracionismo e a xeración do 98 amplificaron.

Tres abrazos

Abrazar é estreitar entre os brazos en sinal de cariño. Pode implicar admitir ou escoller, e é unha conduta que implica acordo. Na historia contemporánea de España traemos hoxe a colación tres abrazos significativos:

O primeiro é o abrazo de Vergara, teatralización final da rendición das tropas carlistas no Norte, en 1839. Nas aforas desta localidade guipuzcoana tivo lugar a rendición formal das tropas de Maroto diante das de Espartero. O abrazo entre o xeneral sublevado -partidario de don Carlos- e o futuro rexente simboliza a vitoria da España liberal sobre a absolutista, aínda que no seu tempo non significou o final da primeira guerra carlista, que aínda viviría os seus últimos coletazos no Maestrazgo.

abrazo_vergara_litografiaO segundo abrazo é o que ten lugar entre Franco e Eisenhower, en 1959, cando o presidente norteamericano visita España. A visita tiña lugar 6 anos despois da sinatura dos convenios España-EE.UU., que contribuíron -no contexto da coexistencia pacífica da guerra fría- a aceptar a alianza estratéxica do campo occidental coa ditadura franquista. En consecuencia, establecéronse en España unha serie de bases militares, ao tempo que os investimentos exteriores facilitarían o final da autarquía e o illamento internacional ao que a ditadura franquista estivera condeada.

abrazo_eisenhower_francoO terceiro é un abrazo colectivo. Trátase do cadro de Juan Genovés pintado en 1976, unha icona da transición democrática española que descansa desde este ano no Congreso dos Deputados. Nesta obra, na que non vemos facianas dos protagonistas, simbolízase a loita dun pobo pola democracia. Unha reprodución escultórica do mesmo ocupa a glorieta de Antón Martín próxima ao lugar onde foron asasinados os avogados laboralistas do crime de Atocha en 1977. O cadro representa a idea de reconciliación multitudinaria e afectiva entre os múltiples protagonistas anónimos que fixeron posible o peche da ditadura franquista e o inicio da nova senda democrática.

genoves_abrazo

Igrexa católica en España

Poucas institucións tiveron máis influencia na política e na sociedade españolas que a Igrexa católica. E aínda hoxe, nun Estado declarado oficialmente aconfesional, recibe un tratamento privilexiado, a causa do cal goza de axuda económica e apoios ben significados.

Mais a postura da Igrexa e dos seus xerarcas, ao longo dos séculos XIX e XX, ten cambiado a conta dos vaivéns políticos. De ter un predominio absoluto na vida cultural e política en tempos do absolutismo de Fernando VII pasou a recibir recurtes significativos, incluso no seu patrimonio -lémbrese a Desamortización-, durante a época liberal. Establecida na Constitución de 1869 a tolerancia relixiosa, pasou a estar contra a monarquía constitucional do Sexenio, para retornar a unha posición de privilexio en tempos da Restauración; de denigrar o papel do exército no desastre do 98, pasou a ser defensora do mesmo unha vez que Primo de Rivera accedeu ao poder -nun adianto do que o nacionalcatolicismo de tempos do franquismo reservaría para a institución: privilexio e relevancia-. Separada a Igrexa da sociedade civil por mor da Constitución de 1931, a xerarquía da mesma non dubidou en apoiar ás hostes franquistas na defensa dunha idea imperial de España asociada á relixión en todo momento. Mais os tempos do franquismo pechan alternancias na relación entre unha Igrexa que recibiu carta blanca no campo educativo e de “rexeneración moral” da sociedade, no contexto dun nacionalcatolicismo que servíu ao réxime para “maquillar” a súa estratexia inicial de apoio ás potencias fascistas que desencadearon a Segunda Guerra Mundial; pero tamén unha Igrexa que a partir dos anos 1950 cuestiona a política social e económica do réxime, que se inviste nalgúns casos concretos de apoio á diversidade cultural dunha España na que se reivindican antigos dereitos de autonomía.

A separación Igrexa/Estado non traumática -cando menos sobre o papel- sobrevén a partir da Constitución de 1978, se ben mantendo herdanzas canto aos privilexios outorgados a esta confesión. Sen embargo, é o momento recente no que se abandonan as políticas regalistas de distinto signo que se viñan practicando ao longo dos dous últimos séculos.

Toda esta evolución trázaa William J. Callahan para falar específicamente da Igrexa católica en España (1875-2002), nunha obra editada en España por Ed. Crítica.

* De seguro que para resolver ou aproximarte a composicións de texto como esta non che virán mal os fragmentos que directamente extractamos da citada obra de Callahan.

* Olla este vídeo sobre o poder da Igrexa católica en España.

* Consulta a web oficial da Conferencia Episcopal Española, institución fundada en 1966.

* Le este artigo de Vicenç Navarro publicado en febreiro de 2011 en elplural.com

Alegorías da IIª República

Na alegoría da Segunda República máis coñecida, a República é representada por unha muller vestida ao xeito clásico, cuberta co gorro frixio evocador da Revolución Francesa; na man dereita sostén a balanza da xustiza e na esquerda a bandeira española (na que, ademáis do vermello e o amarelo, aparece o morado, que fai referencia a Castela). O avión, o barco e o tren que aparecen ao fondo simbolizan o progreso, mentres o león que acompaña á figura feminina simboliza a forza.

Na alegoría de Teodoro Andreu (1931) -arriba-, sobre un fondo paisaxístico de mar e terra, unha muller morena e segura de sí mesma, adornada con xoias vistosas, tocada co gorro frixio e disposta en tres cuartos, sostén a bandeira republicana con gallardía; ben poidera ser a representación dunha típica muller hispana que conquista a liberdade.

Na alegoría que representa á República cos membros do goberno provisional xurdido a partir do 14 de abril de 1931 -imaxe da dereita-, unha guerreira á usanza medieval, ataviada co gorro frixio, a espada e o escudo coa bandeira republicana, posa sorrinte como unha Xudit moderna, pisando co seu pé esquerdo -non, o dereito está oculto- ao crocodilo, símbolo da destrución e demonio da maldade dun réxime anterior falsamente constitucional e, nos últimos tempos do reinado de Alfonso XIII, abertamente autoritario e entregado ás mans da ditadura.

Finalmente, noutra alegoría ben coñecida, o busto feminino que representa á Segunda República aparece disposto frontalmente, cunha imaxe de muller xove e bela -seguindo o estilo das mulleres pintadas por Julio Romero de Torres, co seu gorro frixio cinguido por unha “coroa” acastelada. Esta é unha imaxe de fulgor, o sol irradia liberdade detrás dela e hipnotízanos coa súa ollada:

* Vídeos sobre a Segunda República.

* Olla un especial sobre a Segunda República con motivo do seu 80º aniversario, no xornal Público.

* E nós que tivemos a inmensa sorte de contar con Manuel Rivas neste aniversario tan especial, falándonos da súa literatura en relación coa Segunda República. Non o esquenzamos!

Viaxando con Starkie

Para aproximarse á España de inicios da década de 1930 contamos co relato dun violinista irlandés que dirixiría unha década despois o British Council en Madrid. Trátase de Walter Starkie, que en 1934 publicou “Aventuras dun irlandés en España”, unha crónica da súa viaxe cara a Madrid pasando por terras vascas, adentrándose na austera Castela e chegando á capital para participar na vida das súas tertulias a comezos da etapa da Segunda República. No periplo, Starkie ollou aos visionarios de Ezquioga, visitou exiliados nobres añorantes da caciquil Restauración, mesturouse coa xente do pobo,… foi o Borrow daqueles tempos, que con fina agudeza describe os trazos da sociedade na que se mergulla:

“Unamuno, desterrado pola monarquía, foi aquí mesmo, ás portas de España, onde preparou a súa campaña contra o rei, predicando a Santa Cruzada para, como el dicía, “rescatar o sartego de Don Quixote do poder dos bachareles, curas e barbeiros, duques e coengos que o teñen secostrado.” Aquel ano de 1928 detivérame en Hendaye para coñecer ao escritor. Non o coñecía físicamente. A tarde en que me decidín a buscalo entrei por casualidade nun destartalado café da praza. Era unha tarde de bochorno e cálida, na que todos os habitantes da cidade se atopaban nas súas casas e os que un atopaba no seu camiño parecían como adormilados e distraídos. No café silencioso só se oía o revoloteo das moscas; alí precisamente, en aquel sombrizo local abovedado, atopei a Unamuno. Estaba sentado ante unha mesa falando distraídamente consigo mesmo, mentres os seus dedos facían pequenas paxariñas de papel. (…)

Agora tocáballe o turno de andar no desterro ao marqués, mentres Unamuno entraba triunfalmente en España para recibir os aplausos e a homenaxe da multitude. (…) O marqués odiaba a República porque perturbaba unha armonía preestablecida. Unamuno anseaba a vitoria republicana porque volvería elevar o lume profundo da raza, co que xurdiría unha nova España, o mesmo que Sigfrido forxou a súa espada conqueridora no lume do Walhalla.”

“Os cadros de asuntos moi animados, festas xitanas, bailes e grupos con mantillas, peinetas e castañuelas gustáronme; mais eu prefiro as interpretacións de Castela nas que o pintor [Zuloaga] nos descobre a alma intensa desta terra dura, recocida, desenvolta en magníficas tonalidades de ocres e grises.

As miñas preferencias mereceron a seguinte resposta do pintor:

– Aínda que son vasco, e vasco patriota, confésolle que nunca traballo con máis gusto que cando vivo en Segovia, pois alí nunca deixo de atopar tipos raros e magníficos como modelos. (…) Porque aínda que eu teña nacido en Éibar e sinta o espírito vasco, non acepto o sacrificio da miña arte universal en aras de nengún rexionalismo. Foi Castela quen fixo a España, e cada un de nós, sexamos vascos, galegos ou andaluces, debemos saír do recinto das nosas rexións e recrearnos casteláns, porque Castela foi a que enxendrou o mundo español.”

 

 

 

 

 

 

 

 

“-Eu sei onde está Ezquioga. ¿Pero que quere vostede facer alí? Deixe vostede iso ás beatas e aos curas. Eu non creo en nengún deses contos  de aparicións de Ezquioga; son republicano, e creo que o que hai que facer é mandar ao inferno aos curas, á Igrexa e a todos os seus embustes. Veña vostede conmigo a unha taberna que hai aquí en Zumárraga e beberemos á saúde da nova España.

(…) Cando chegamos a un quilómetro aproximadamente do pobo de Ezquioga vimos que a estrada estaba chea de coches e autobuses; todo o campo estaba cheo de luciñas que ardían  ao lonxe, dando ao lugar un aspecto fantástico en medio da noite. (…) Ezquioga é un pequeno pobo situado nun val. Aquela noite había máis de trinta mil peleríns no pobo e os seus arredores, xente chegada desde as máis lonxanas cidades vascas e navarras.”

“É curioso ver que cargados van os campesiños españois cando viaxan. No meu departamento [de tren] van tres mulleres que levan bastante equipaxe para poñer unha casa nun deserto. Hai cestas de galiñas cacarexando, patos que graznan, unha máquina de coser encaramada perigosamente na reixa; sacos de legumes, ademáis dun paquete envolto en papeis que cheira fortemente a peixe e está colgado enriba da miña cabeza, o que empeza algúns minutos despois a pingar a intervalos regulares sobre o meu pescozo.

Chegou a hora de comer, e un dos homes sacou unha maleta deteriorada, da que sacou varias migas de lombo que cheira a allo, ovos duros, chourizo e pan. Ao comezo estaba inclinado a non entrar na reunión; quería permanecer retraído ás miñas propias meditacións, mais nun banquete tan comunal é imposible permanecer aparte. Un aportou chourizo; outro, queixo; outro, cervexa ou viño, e un vello que había no recanto pasou unha botella de augardente. (…)

Despois da comida, o departamento parecía un campo de batalla. Había migas de pan en todas partes, anacos de papel graxento con anacos de xamón e chourizo pegados a eles e mondas de laranxa, mentres no aire flotaba unha sinfonía de cheiros, peixe e allo, como motivos predominantes.”


“Burgos en verán está cheo de visitantes, e o fermoso paseo chamado El Espolón abarrotado de público a certas horas do día. Pola noite escapaba co meu violín de casa de doña Leocadia con algún pretexto, e ía ao paseo a tocar. Ao comezo tiven moi pouco éxito, pois o meu auditorio baixo as árbores estaba composto, na súa meirande parte, por domésticas e nenos falando. Pola noite, cando o paseo estaba cheo, acadaba maior éxito. Burgos é unha cidade moi militarizada e as rúas están cheas de soldados. Por experiencia sabía xa que os lugares máis vantaxosos para un músico ambulante son as rúas ou prazas que hai fronte aos cuarteis. Na praza de Prim tamén hai sempre xente que espera autobuses para os pobos próximos.”

“Os habitantes de Madrid poden loubarse da súa Porta do Sol, que ben pode dicirse que é o embigo do mundo español. Nada importa o violentamente rexionalista que poida sentirse un español. Sempre recoñecerá que todos os camiños de España conducen a esa famosa praza chamada a Porta do Sol. Eu oín, incluso a peruanos e veneciáns, declarar que antes de amar a España empezaron ilusionándose pola Porta do Sol.

Nas súas orixes, a Porta do Sol era un campo ancho e soleado, situado un pouco ao leste de Madrid. Durante a guerra dos comuneiros, en 1520, construiuse un castelo neste lugar e sobre a súa porta foi esculpido un sol. Esta porta converteuse na entrada principal da cidade. (…)

Na Porta do Sol fórmanse corriños nos que se fala, sobre todo de política; os gobernos españois nacen e morren ao capricho da Porta do Sol. Tal é a razón de que atope tantos políticos entre eses grupos de comentaristas. (…)

Soe dicirse que os españois son xente que carece de sentido político. Un crítico inglés díxome que España é un país de pandeireta, e nada máis; engadindo que, polo tanto, era absurdo esperar dun pobo semellante a menor capacidade para o estudo dos problemas do Estado e de goberno nin tampouco que se tomase interese por eles. Se ese crítico pasase unha noite na Porta do Sol tería outra cousa moi distinta que contar. Nunca vin un interese tan apaixoado pola política como o amosado polo Madrid posrevolucionario. (…) Todo español é un rebelde absoluto e satánico e só excepcionalmente accede a realizar unha tarefa política común. Nas miñas conversas cos madrileños impresionoume sempre o seu vivo interese na política europea, un interese tanto máis sorprendente canto que é desinteresado. Madrid é hoxe unha das poucas cidades do mundo onde o estranxeiro atopa un equilibrado e imparcial punto de vista respecto dos problemas europeos.”

“Nengunha institución é máis característicamente española que a “tertulia”. A ela debe Madrid a súa reputación de ser a cidade onde máis se fala. A tertulia é algo que a primeira vista podería terse equiparado ao clube londinense. Sen embargo, hai enorme diferenza entre o temperamento castelán e o anglosaxón. Un clube en Londres é unha institución seria, onde apenas se conversa. O britano aprende a ser silencioso desde o colexio. A conversa e a risa están proscritas nos clubes londinenses. O inglés pertence a unha civilización de tipo máis rural que cortesán, condición que fai do británico un ser que se cansa pronto do trato de xentes e de convencionalismos sociais. O seu espírito precisa de lugares de repouso e soidade. (…)

O castelán só se illa na súa casa. Ten máis condicións de cortesanía que o inglés, o que o convirte no individuo máis hospitalario de Europa. Sen embargo, raramente invita a un hóspede estranxeiro a comer na súa casa. Invitarao a un hotel, onde mandará preparar un banquete suntuoso, e máis tarde conducirao, tal vez, a un “colmado”, onde -como en Villa Rosa de Madrid- se atopan fácilmente cantaores e bailaríns xitanos. O fogar español é un paraíso, no sentido orixinal da palabra. O español vive a súa vida familiar aparte do mundo e necesita as súas horas de expansión no clube cos seus amigos. De aquí que elixa como clube un lugar, o máis ruidoso do mundo: o café. (…)

A tertulia de café posúe inmensas vantaxes sobre o clube británico. (…) O español… comunícase fácilmente con todo o mundo. O home que puxese freo á súa lingua sería desde logo recusado polas innumerables tertulias que florecen alegremente na rúa de Alcalá. Desde as sete ata as nove, todas as noites, os madrileños, tan parecidos aos irlandeses, … reúnense nas tertulias. (…)

Cada tertulia soe ter unha especie de xefe ou presidente, que é o que dá o tono á reunión. Se a preside un poeta, como Antonio Machado, a conversa recae xeralmente sobre os poetas da España moderna. (…)

Unha das tertulias máis interesantes de España é a da Revista de Occidente, publicación dirixida por José Ortega y Gasset. (…) A tertulia máis pintoresca que coñecín en Madrid foi, sen dúbida, a de Ramón del Valle-Inclán, príncipe dos inxenios españois de hoxe, natural de Galicia, novelista, poeta e autor dramático.”


Primo de Rivera, Miguel

Unamuno escribiu aos poucos meses do golpe de Estado de Primo de Rivera que máis que un golpe dera un “soplo” de Estado. Tal foi a aceptación deste “pronunciamento” á nova usanza. O movemento castrense de setembro de 1923 -segundo Eduardo González Calleja- foi a primeira acción corporativa do Exército que non tiña nengunha intención de ceder o poder a un partido ou a un líder político, senón que planexaba a construción dun réxime militar.

Velaquí o glog sobre este período final do reinado de Alfonso XIII:

* Repasa, neste pequeno vídeo-presentación fotográfico, algúns dos acontecementos de final do reinado de Alfonso XIII.

Movemento obreiro (I)

Velaquí unha composición de texto sobre o movemento obreiro en España ao longo do século XIX e primeiras décadas do século XX. Dámosche algunhas ideas esquemáticas para a súa resolución, que debes incluir na túa composición ao respecto.

Un traballo máis completo é este publicado polo profesor Juan Sisinio Pérez Garzón, que se extende máis no tempo.

Industrialización (1840-1930)

Entre 1840 e 1890, España participa na carreira da industrialización abrindo a súa economía aos produtos e capitais foráneos e incorporando as innovacións tecnolóxicas desenvolvidas polos países máis avanzados. Non o conseguiu en verdade, o que xustifica a tese do Fracaso da revolución industrial defendida por J. Nadal. A estratexia de industrialización aplicada en España pode definirse en dúas verbas: apertura e liberalización. Unha estratexia que se diferencia nítidamente da que se adoptou a partir de 1891, caracterizada por unha tendencia ao proteccionismo e o nacionalismo económicos. Un dos elementos da modernización radica na construción do ferrocarril, concesión do Estado español a empresas privadas durante un longo período (99 anos), sendo estas as que teñen que construilo. A primeira liña construida foi a de Barcelona a Mataró, inaugurada en 1848, cunha lonxitude duns 29 km. A Lei de Ferrocarrís de 1855 estableceu o trazado da rede básica, que se rexiría por unha estrutura radial e un ancho de vía diferente ao europeo. Durante a segunda metade do século XIX, a rede ferroviaria española comezou a construirse de xeito sistemático. En grande medida, o capital exterior para a súa construción procedía de Francia, con sociedades de crédito nas que participaban os irmáns Péreire e a casa Rotschild. A rede ferroviaria aportou un enorme beneficio social ao país. En 1851 tamén se promulgou a Lei Xeral de Estradas, considerando estas un « ben público ». As estradas españolas tiñan en 1855 unha lonxitude de 10.323 km, dos que dous tercios se clasificaban como xerais, o 14,4% como transversais e o 19,8% como provinciais. A eclosión da actividade mineira en España prodúcese tras a aprobación da Lei Xeral de Minas de 1868. A exportación de minerais cobrou protagonismo a partir de 1870 (cobre, chumbo, ferro), ademáis de mercurio, produto de exportación tradicional.

Os sectores líderes da industrialización son os textís e os metais. A industria téxtil estivo concentrada case exclusivamente en Cataluña, e particularmente en Barcelona -coa póla máis activa no subsector do algodón-. A súa man de obra, próxima aos 20.700 obreiros en Barcelona, equivalía ao 12% da poboación total da cidade. Respecto da industria siderúrxica, esta soportou fluctuacións moi violentas. A primeira caída foi causada pola depresión 1864-1868. O descenso de 1871-1875 debeuse á segunda guerra carlista. Mais se prescindimos da guerra e os seus efectos, a produción de ferro colado medrou a un ritmo medio do 5% no último tercio do século XIX. Segundo datos de J. Nadal, había en España un total de 35 altos fornos a finais de 1865, que se repartían entre 18 fábricas, propiedade de 15 empresas (as maiores eran dúas de Málaga). A nivel enerxético, o carbón foi a fonte esencial durante a Primeira Revolución Industrial; a dispoñibilidade deste mineral en España non era mala, mais presentaba serios problemas de explotación.

Nos anos da Restauración, entre 1874 e 1931, o empuxe industrial español estivo vencellado estreitamente a dous países viciños do contorno occidental europeo: Francia e Inglaterra, que foron proveedores de maquinaria, bens de equipo e combustible e, á vez, mercados principais para a produción mineira e metalúrxica española. Nesta etapa podemos distinguir 3 fases: unha recuperación con altibaixos entre 1874 e 1914, cunha melloría truncada pola crise colonial de 1898; unha fase de expansión, de 1914 a 1923, momento caracterizado pola nacionalización de algunhas empresas como Augas de Barcelona, polo auxe bancario -coa creación do Banco de Crédito Industrial en 1917, do Urquijo en 1918 e do Central en 1919- e as melloras tecnolóxicas na industria catalana e vasca; na última fase, entre 1923 e 1931, anos da ditadura de Primo de Rivera e da ditablanda de Berenguer, o intervencionismo estatal tivo por obxectivo reconducir a economía nacional, e practicouse nela un novo impulso á construción de ferrocarrís e estradas, así como un programa de obras públicas diversas e a eletrificación; nesta última etapa, o comercio exterior triplicouse, mais ao final deuse unha coxuntura adversa, derivada do crack bursátil de 1929, que non foi unha excepción en España, coa caída da peseta un 30% nos mercados mundiais da época, entre outros efectos negativos derivados desta crise.

Canto ás principais industrias, a dos textís cataláns mantívose á cabeza no desenvolvemento español. O 90% da produción da industria téxtil concentrábase en Cataluña, aínda que non é esta rexión a que concentra maior capital financeiro (son estas as provincias vascas e Madrid); a economía rexional catalana foi unha das mellor equipadas ao producirse a segunda Revolución Industrial, que converteu a Barcelona e o seu hinterland na área económicamente mellor dotada de todo o territorio español da época. En torno á industria téxtil do algodón xurdiron outros tipos de industrias: alimentación, coiro, madeira, esparto, químicas, ademáis da construción e as súas anexas. Se o século XIX se presentara como o século do vapor, o século XX tivo outros símbolos. A electricidade como fonte de enerxía fixo posibles outras realizacións da segunda Revolución industrial. A partir de 1900, a iluminación por gas nas cidades vaise sustituindo polo alumeado eléctrico. A Sevillana de Electricidad, a máis antiga das grandes sociedades de produción eléctrica, fundouse en Sevilla en 1884. A implantación de novas industrias deixa sentir os seus efectos: a era do caucho vai da man do automóbil, e nace a industria do petróleo con CAMPSA, en 1927. A industria química e do cemento, ademáis da construción, serán os piares renovados do desenvolvemento económico.

Os aranceis foron, ao longo deste período, esencialmente proteccionistas. Só cabe citar unha época de redución dos mesmos no Sexenio democrático. Estes aranceis propiciaron unha política que ten sido considerada como un efecto positivo para o desenvolvemento da industria siderúrxica e téxtil.

* Velaquí a presentación sobre sociedade e economía no período 1830-1930 en España:

* E un vídeo-resumo.

Clases sociais no XIX

Coa axuda do texto de Germán Rueda na Historia contemporánea de España coordinada por Javier Paredes, apoiándonos nas imaxes de obras artísticas do XIX e fotografías contemporáneas, co auxilio de series de RTVE como “A Rexenta” ou tráilers de films como “A cidade dos prodixios”, baixo a ambientación musical de Deep Forest e coa nosa propia dicción, agora que as leis parecen querer atrancarnos portas á difusión cultural, velaquí o noso vídeo sobre a sociedade española do século XIX (facede click na imaxe para acceder). É ben pouca cousa, xa se sabe: