“Non aprendemos nada”

Así se expresaba Picasso cando visitou Lascaux en 1940. A pintura das covas paleolíticas e as representacións de arte moble desa época en Europa evocan un naturalismo sumo.

“Por que os especialistas levaron a súa arte ao interior das covas? As respostas teñen mudado ao ritmo das modas intelectuais, e algunhas foron descartadas. Pensouse unha vez que era “maxia de caza”, pero os animais que os cazadores pintaban e os animais que comían resultaron non ser os mesmos. Unha liña de investigación máis recente pode ter relación cos rituais que noutros tempos se presenciaron nas covas. Os seus muros, como outras paredes de rocha pintadas no Paleolítico, a cotío amosan luares, cuadrículas, zigzags e espirais illados. Parecen formas que o sistema visual do cerebro fai danzar ante os ollos cando alguén está en trance debido ao xexún ou ás drogas. Así pois, carecer de visión exterior podía ser parte da intención cando a xente se adentraba na cova lonxe da luz solar. A escuridade fomenta os soños. Baixo o parpadeo do facho xurdirían as formas vivas, ben fóra da mente ou da rocha. A imaxinación era a natureza e viceversa. A arte figurativa probablemente empezou antes de que a xente entrase nas covas europeas, e cando saíron delas a medida que o mundo se quentaba cara ao 1000 a.C., os murais -e sen dúbida a propia tradición figurativa local- desapareceron, marcando o final da era paleolítica. Mais eses murais parecen conter como nengunha outra cousa as posibilidades fundamentais da figuración.”

Julian Bell: O espello do mundo.

Venus de Hohle Fels

venus-estatua

Ven de ser publicado o descobremento da Venus paleolítica máis antiga, segundo un estudo asinado na revista Nature (ver vídeo) e recollido en diversos medios. Óllao en El Mundo. Trátase dunha pequena estatuiña de marfín atopada nunha cova da rexión de Suabia. Cunha antigüidade de cando menos 35.000 anos, trátase dunha imaxe cunha forte hipertrofia dos atributos sexuais que ben podería estar relacionada cos cultos á fertilidade dunha sociedade en loita permanente pola supervivencia.

Figuracións paleolíticas

   

A arte paleolítica europea, nas súas vertentes parietal e mobiliar, recorre á representación con carácter máxico -esencialmente de animais, no interior de cavernas, cunha execución técnica de grande complexidade, dado que os artistas, na meirande parte dos casos, debían realizar estas obras de xeonllos ou agachados, e para o seu traballo disporían de lápices de carbón, pigmentos avermellados a base de óxidos de ferro e finas gamuzas para impregnar a cor. O proceso, para o que os artistas poideron contar con axudantes, comezaría por gravar a silueta dos animais, despois debuxar o negro da contorna, as orellas e os ollos, os pelos da xiba e da melena, o interior das patas e as poutas; a continuación aplicábanse, xeralmente, tonos vermellos a base de óxidos naturais disoltos en auga, e matizando a intensidade do pigmento segundo as zonas, creando así a sensación de clarescuro.

“A distribución xeográfica da arte parietal está evidentemente condicionada pola existencia de covas ou abrigos aínda que outros factores, como as opcións culturais ou as diferentes condicións de conservación, tamén influiron na devandita distribución, probablemente, de xeito determinante, pois algunhas rexións cunha xeoloxía a priori favorable non contan apenas con xacementos decorados mentres que outras rexións, en principio menos propicias, víronse máis favorecidas. (…) A cova de Altamira foi a primeira en ser considerada paleolítica, xa en 1879, e segue a ser … un dos máis importantes xacementos descubertos. (…)

A arte parietal paleolítica non é exclusivamente unha “arte das cavernas”. Un recente estudo amosou que se en oitenta e cinco xacementos franceses as manifestacións artísticas se atopaban na escuridade, en sesenta e cinco casos estas estaban expostas á luz do día. De feito, poden distinguirse tres situacións diferentes: as cavernas profundas, que implicaban o uso de iluminación artificial; os abrigos iluminados, en maior ou menor medida, de xeito natural; e os xacementos ao ar libre. As esculturas en baixorrelevo só se dan nos abrigos e, curiosamente, limítanse ao suroeste de Francia; non se coñece ningunha na península Ibérica nin en outros puntos de Europa. (…) Á luz ou á escuridade, os motivos representados son os mesmos se manifestan concepcións idénticas, aínda que as técnicas poidesen variar en función do lugar. A arte paleolítica é, fundamentalmente, desde o comenzo ata o final, unha arte animalista aínda que dende hai algúns anos algúns especialistas insisten na importancia dos signos xeométricos. (…) En calquera caso, a nosa primeira e máis perdurable percepción da arte parietal é a dun bestiario nutrido e variado, aínda que moi caracterizado tipolóxicamente. A meirande parte dos animais representados son hervíboros de grande tamaño, aqueles que osvían ao seu arredor e cazaban. (…) En xeral predominan os cabalos, aínda que localmente pódense ver superados en número por bisontes (Pireneos do Ariège) ou cervos (España cantábrica), ou incluso por rinocerontes, felinos ou mamuts, moi ao comezo da arte paleolítica (grota Chauvet).”

“A arte parietal paleolítica”, por Jean Clottes, en “Redescubrir Altamira”.

* Visita as webs do Museo de Altamira e Lascaux.

Canto ás representacións das Venus paleolíticas, as teorías máis recentes dos antropólogos suxiren que estas esculturas paleolíticas poden ser os intentos máis antigos das mulleres artistas de representar o seu propio corpo.

Á pequena escultura caliza coñecida como a Venus de Willendorf calcúlaselle unha idade entre 25.000 e 30.000 anos; a natureza táctil dos seus contornos abultados, os peitos balanceantes e o ventre hinchado levaron a especular sobre a súa posible función talismánica como símbolo portátil da fertilidade. Unha reinterpretación recente da obra (1989), efectuada pola artista Jeanne Silverthorne, en hidrocal e goma, engade un carriño con rodas para ofrecer a sutil visión da movilidade “portátil” das antigas estatuiñas do Paleolítico.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑