Produción agropecuaria e pesqueira en España

Analizando a produción agropecuaria en España a través dos datos do MAGRAMA (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente) constátase que somos un país: a) cunha importante produción de cereais -dentro dos cultivos herbáceos, tanto en regadío como en secaño, nunha área de clima mediterráneo continental apta para esta especialización en campos abertos-, aínda que variable interanualmente -debido á alternancia de secas que minguan a produción- e destinados non só ao consumo animal, senón tamén á alimentación do gando; b) cunha produción de leguminosas que se incrementa en razón das demandas dunha dieta variada no mercado; c) cunha importancia relativa dos cultivos industriais, entre os que destacan a produción de azucre e xirasol -oscilante esta última en función tamén das secas e da súa variable utilización como produto oleícola ou para alimento do gando-; d) cunha estabilizada produción de forraxes para alimentar o gando, destacando entre eles a alfalfa; e) cun incremento relativo na produción de hortalizas, propio dun país que explota o adianto nas datas de xerminación con respecto a outras áreas europeas para ampliar a competitividade da horticultura mediterránea, baixo plástico ou ao aire libre, de cara a incrementar ás exportacións á UE; esta especialización mantense tamén na estabilizada produción de cítricos tan característicos da horta levantina; f) cunha especialización ben clara en vide e oliveira, cultivos leñosos tan propios do clima mediterráneo, que se potencian grazas á creación de denominacións de orixe protexidas e á elevación dos estándares de produción a nivel ecolóxico; g) cun maior consumo de proteína animal e sacrificios de porcinos e aves, ademáis doutro tipo de gandería estabulada, en razón das demandas do mercado; h) cunha estabilizada produción láctea, en razón da fixación de cotas por parte da PAC (Política Agrícola Común) -debido á existencia de maiores produtividades noutras áreas da UE.

Canto á produción pesqueira, a de moluscos en acuicultura supera xa amplamente á das capturas de pesca. Non sucede así aínda cos peixes, para moitas especies dos cales existen regulacións específicas tratando de preservar os caladoiros e evitar a sobrepesca, tal e como se establece nas bases da PPC (Política Pesqueira Común).

* Podedes consultar os datos estatísticos neste documento.

* Consulta tamén a web alimentación.es e localiza no seu SIG as áreas de produción de distintos cultivos en España. E interésate polas producións de verduras e froitas… para comer mellor!!!

Non está de máis que, a pesares de todo, cando falamos de produción agropecuaria e pesqueira, pensemos que estamos a falar dunha das bases da nosa existencia, na que a seguridade e a soberanía alimentaria, xunto coas necesidades de abordar un consumo sustentable, son precisas. Neste senso, non está de máis que leamos o interesante ensaio de Esther Vivas que presentamos na entrada desta anotación.

Pesca en España

Xa nos advertía Sergio Rossi, en “El planeta azul” [ver extracto], que o mar é “un universo en extinción”, atenazado pola sobrepesca, a contaminación e o cambio climático. Cada vez quedan menos peixes “salvaxes”, e unha actividade extractiva e predadora como a pesca só será sostible mediante un respeto coxuntural aos ecosistemas mariños; as especies que capturamos teñen tamaños decrecentes e non deixamos o suficiente tempo de reposición aos caladoiros para facerse sustentables. De aí que sexa necesaria unha xestión ecosistémica do océano, para preservalo da súa defunción como lugar de aprovisionamento de proteínas para a nosa supervivencia.

“A pesca artesanal, aínda sendo a grande esquencida en practicamente todo o planeta, extrae case o 50 por cento do peixe capturado en augas continentais ou costeiras nas súas diversas modalidades. Ducias de millóns de persoas viven directa ou indirectamente dela e en moitos lugares é un modus vivendi esencial, sobre todo para pequenas poboacións non desenvolvidas de zonas tropicais do Índico, o Pacífico e o Caribe. (…) Neste tipo de extracción interveñen pequenas embarcacións entre un e catro tripulantes, polo xeral no ámbito costeiro e con capturas que soen ser bastante discretas. (…) Os pescadores que practican este tipo de extracción síntense independentes, autónomos, e máis dun ten pasado da pesca industrial, embarcado en arrastreiros ou en buques adicados á pesca da anchoa, á pequena embarcación individual. (…) Debido á ineficiencia e á baixa produtividade, todo este sistema é beneficioso para o ecosistema e os stocks de peixes. (…) exemplo é o de Nova Caledonia, onde unhas 312 barcas capturan tan só 170 toneladas de peixe ao ano, en comparación coas 25 toneladas extraídas polas catro únicas embarcacións industriais da zona.”

Sergio Rossi: El planeta azul.

* Olla un informe de Greenpeace sobre a pesca en España.

* E tamén este artigo de El País sobre poñer couto á sobreexplotación pesqueira en Europa.

Cambios e permanencias no sector primario

1. Acuicultura é o conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico de animais ou plantas acuáticas, ou no medio no que habitan, permiten controlar a súa reprodución e/ou crecemento. Compre diferenciar as actividades que só pretenden limitar a actividade recolectora, tales como “topes de capturas”, vedas, etc., daquelas que consisten en modificar o seu hábitat, defender estes organismos doutros ataques, ou intervir no seu ciclo biolóxico. A acuicultura aparece polo de agora restrinxida a un pequeno abano de especies, principalmente peixes, moluscos e crustáceos, en función da súa importancia económica e do desenvolvemento dunha tecnoloxía axeitada e limitada espacialmente á beiramar ou as augas continentais.

2. A agricultura ecolóxica é un sistema para cultivar unha explotación agrícola autónoma, baseada na utilización óptima dos recursos naturais e sen empregar produtos químicos de síntese ou organismos xenéticamente modificados (OXMs) -nin para abono nin para combater as plagas-, logrando deste xeito obter alimentos orgánicos á vez que se conserva a fertilidade da terra e se respeta o medio ambiente. O seu incremento está vencellado á difusión da idea dun crecemento sostible e equilibrado.

3. A denominación de orixe (D.O.) ou denominación de orixe controlada (D.O.C.) é un tipo de indicación xeográfica aplicada a un produto agrícola do que a calidade ou características se deben fundamental e exclusivamente ao medio xeográfico no que se produce, transforma e elabora. Os produtores que se acollen á denominación de orixe comprométense a manter a calidade o máis alta posible e manter certos usos tradicionais na produción. Un consello regulador autoriza a exhibir o distintivo aos produtores da zona que cumpren as regras. Esta figura facilita o acceso de produtores a mercados nacionais e internacionais.

4. O concepto desagrarización refírese á perda de poboación adicada á actividade agraria, así como á perda de importancia económica da actividade agrícola nun territorio, e o conseguinte debilitamento das institucións sociais vencelladas a esta actividade que organizan diferentes aspectos da vida social (por exemplo, a explotación familiar agraria, a propiedade da terra como base da estratificación social, os sistemas de xestión comunal dos recursos agrícolas, etc.).

5. Explotación intensiva é aquela explotación agraria que elimina os barbeitos e recorre á produción continua do terreo, estimulada polo emprego de fertilizantes e o regadío artificial. Este tipo de agricultura intensiva, moi habitual no litoral mediterráneo, especialízase, por exemplo, na horticultura, que, dadas as condicións naturais e climáticas do noso territorio, permite unha produción a finais de inverno e comezos de primavera, susceptible de exportarse a outros países europeos que non teñen as mesmas condicións climáticas. A agricultura intensiva explota o terreo obtendo del unha forte productividade, sobre terreos moitas veces reducidos.

6. A Política Agrícola Común (PAC), adoptada inicialmente en 1962, pretendía incrementar a produtividade agrícola garantindo niveis de vida dignos aos agricultores da entón CEE (Comunidade Económica Europea), estabilizar os mercados, garantir a dispoñibilidade dos abastecementos e asegurar ao consumidor suministros a prezos razoables. As reformas dos anos 1990 centráronse en establecer cupos sobre determinados produtos (lácteos, por exemplo, nos que a UE é excedentaria), axudas para prácticas agrícolas que garanticen o respeto medioambiental e promoción do desenvolvemento rural con novas alternativas (turismo rural, por exemplo). As reformas máis recentes inciden na redución de axudas directas, polo onerosa que resulta a PAC no orzamento xeral europeo, desligamento das subvencións canto á produción e pago único por explotación, ademais de volver insistir na necesidade de que as axudas vaian destinadas a explotacións respetuosas co equilibrio medioambiental. Para xestionar os fondos da PAC creáronse o FEOGA (Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola) e o FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), aos que hai que unir aportacións do FSE (Fondo Social Europeo) e do Fondo de Cohesión.

7. A Política Pesqueira Comunitaria (PPC), xurdida en 1970, ten como obxectivos: a) a protección das poboacións contra a pesca excesiva; b) garantir unha renda digna para os pescadores; c) garantir o suministro regular dos consumidores e da industria de transformación a prezos razoables; d) a explotación sostible dos recursos mariños vivos desde os puntos de vista biolóxico, medioambiental e económico -promocionando a acuicultura-. Contando cos fondos do IFOP (Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca), esta política serve para que a UE negociew en nome dos países membros os tratados de pesca con países terceiros, así como vixiar o tamaño da frota pesqueira europea -co gallo de impedir o seu crecemento e favorecer un aproveitamento sostible dos recursos mariños-.

8. A silvicultura é a actividade que trata do cultivo de montes e bosques. A práctica máis habitual da silvicultura é o aproveitamento forestal de espazos destinados á produción de madeira, leña ou resinas, pero que tamén poden ter un efecto positivo na protección de cuncas hidrográficas, a conservación de hábitats naturais -susceptibles de integrarse en parques naturais protexidos- e o desenvolvemento de espazos recreativos.

9. Os alimentos transxénicos (ou OGM, organismos xeneticamente modificados) son aqueles modificados pola enxeñería xenética coa finalidade de incrementar a produtividade agrícola dalgunhas plantas (exemplos son o millo, a cebada ou a soia), mediante a súa resistencia mellorada ás plagas. As críticas das organizacións ecoloxistas a estes cultivos proveñen do control oligopolístico por parte dunhas poucas multinacionais sobre as sementes (co risco de perda de biodiversidade global), así como o abuso de fertilizantes que se fai con estes cultivos -o cal agrava o posible cambio climático-.

Pescando

A escena acontece deste xeito: nós estamos a ollar un mapa de rexións de pesca na Península Ibérica. Simplemente vemos que hai varias rexións: a cantábrica, a do Noroeste (Galicia), a sudatlántica, a mediterránea e a canaria. Falamos da importancia do bacallao nas pesquerías de Terranova e ollamos un mapa deste territorio. E entón atopamos unha lenda significativa: Port-aux-basques. En efecto, esta localidade era un dos lugares onde os baleeiros vascos no século XVI levaban a cabo a súa actividade económica, a da pesca da balea máis alá do Cantábrico. Le un artigo sobre a presenza vasca en Terranova.

É un pretexto, entendédeme ben, para explorar a importancia da pesca en Galicia e España hoxe en día. Consulta, por exemplo, a información sobre a flota de buques pesqueiros de Galicia e a pesca en España.

* Consulta a web da Consellería de Pesca para saber máis sobre o tema.

** Le un artigo sobre ameazas meteorolóxicas para a produción marisqueira en Galicia.