Galicia, distrito industrial

A suite de “Unha nova Olanda” é unha longa conversa de Antón Baamonde co CEO de Rodiñas, Daniel Hermosilla, en torno ao potencial industrial de Galicia nunha nova época de relocalización, que impulsa a UE nun contexto post-pandémico e de conflitualidade xeopolítica puxante. E así xorde Galicia, distrito industrial, un libro que nos aproxima a unha realidade galega insuficientemente coñecida e valorada.

Galicia xa tivo en tempos unha ampla actividade transformadora, na que o aproveitamento téxtil do liño e os curtidoiros acompañaron á primeira experiencia siderúrxica en España -a iniciativa do marqués de Sargadelos- e á expansión do sector das conservas de peixe no século XIX, un século despois de seren montados os grandes estaleiros de Ferrol. Houbo, polo tanto, alicerces para a diversificación industrial de hoxe en día, que arranca da instalación de Citroën en Vigo a partir de 1958 e o éxito finisecular de Inditex, multinacional global asentada en Arteixo. 

A política do desarrollismo, cos seus polos de desenvolvemento en A Coruña, Vigo e Vilagarcía de Arousa, volcou a densidade demográfica galega cara ao Oeste, ao longo dun Eixo Atlántico que se arraiga no Norte de Portugal. Uns 7 millóns de habitantes entre Ferrol e Porto constitúen a base dun polo económico que debería facer da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal unha economía de aglomeración potente e competitiva. Porque a Galicia industrial faise eco dunha Galicia urbana que debe implementar a innovación en diversos sectores, nos que a nosa terra ten materia prima: as conservas de pesca, as enerxías renovables, a produción forestal, os lácteos,…

Unha mesta malla de PEMES debería configurar un distrito industrial no que todas as empresas se concatenen e colaboren. Velaí unha receita de futuro para un país que ten máis poboación activa e xenera máis PIB no sector secundario que a media estatal. 

O libro conta tamén cun anexo actualizado de empresas por áreas xeográficas.

• Consulta extractos de #GaliciaDistritoIndustrial.

Oceánico-tropical húmido-seco

Como ben sabemos, a Organización Meteorolóxica Mundial establece un período de 30 anos para caracterizar un clima; por iso, as medicións de variabilidade fanse -por parte de AEMet e Meteogalicia- con respecto a períodos como 1971-2000 ou 1981-2010, e compróbase o incremento da temperatura media, como consecuencia do cambio climático antropoxénico.

Polo tanto, a representación de datos anuais concretos non fai regra, mais pódenos achegar a comprobar tendenzas, sempre e cando estas se vaian repetindo no tempo. Ao longo dos dous últimos anos naturais (2022 e 2023), as anomalías no comportamento climático galego son ostensibles e significativas: o clima quéntase cada vez máis, as precipitacións tenden a volverse máis torrenciais e en breves lapsos de tempo. De cara a extraer algúns cambios que se apuntan, escollemos os datos de dúas estacións meteorolóxicas de Meteogalicia situadas a nivel do mar (en A Coruña e Vigo) para comprobar a tropicalización do clima galego. Algunhas características saliéntanse:

  1. A aridez -medida segundo o índice de Gaussen- instálase nos climas oceánicos; moitos climas galegos teñen unha leve aridez de verán, mais esta tende a espallarse por outros meses do ano -a cotío o mes de maio, no que se incrementa notablemente a evapotranspiración e ás veces faltan as choivas. Tres meses áridos semellan moitos para un clima netamente oceánico. A sequedade dos climas tropicais húmidos-secos vaise facendo un oco.
  2. A temperatura media ascende, conforme ao comprobado en case todas as áreas do planeta, nas que as warming stripes dan conta deste quecemento imparable. 2023 foi o ano máis cálido nunca rexistrado polos humanos, 2024 promete seguir a senda.
  3. Mantéñense oscilacións térmicas anuais moderadas, o que reflicte a suavidade térmica de estacións meteorolóxicas próximas a un océano regulador.
  4. A outonización das precipitacións marca unha concentración nesta estación dos picos de pluviometría. Case 2 de cada 3 litros caídos en Vigo en 2022 fixérono nos tres últimos meses do ano; máis da metade da precipitación vense acumulando neste período nas últimas medicións. Está claro que isto contribúe a acentuar a diferenza entre o período húmido e o período seco -que ten un pico claro no estío. E isto é consecuencia da acentuación dos contrastes mensuais canto ás variables representadas.

Por todo isto, e malia non ser unha medición científica de relevancia, atrevémonos a caracterizar o novo clima oceánico galego -no litoral- como oceánico-tropical húmido-seco; nos casos de A Coruña e Vigo xa hai tres meses ao ano que superan a media de 20ºC, as noites tropicais por enriba desta temperatura gañan peso ano tras ano, aos períodos de exceso de húmidade séguenlles momentos de declaración de alerta ou pre-alerta por escaseza de auga nos encoros. O futuro xa está aquí.

Seca

Falar neste intre -xusto cando o tren de borrascas se ceba sobre Galicia con ventos fortes e precipitacións intensas- da seca na nosa comunidade é case levar a contraria. Pero ímoslle poñer cifras a este período de oito meses continuados con escasa precipitación en Galicia:

t_p_a_corunha_2016-17

A observación das temperaturas medias na estación meteorolóxica da Torre de Hércules en A Coruña indica unha continuidade clara con respecto dos valores medios do período 1981-2010 (a media térmica foi de 15,9 ºC, mentres a media do período de referencia foi de 15,96ºC). Por contra, o déficit de precipitacións é ben significativo (apenas 51% das precipitacións medias do período sinalado).

En Galicia estamos acostumados a que chova a cotío. E agora comprobamos que chove menos, máis intensamente concentrado e con incremento significativo das alertas meteorolóxicas. Igual é que hai que ir acostumándose ás consecuencias do quecemento global.

Como resultado disto, os encoros das distintas confederacións hidrográficas da nosa terra (Miño-Sil, Galicia-costa) e mesmo outras tributarias dalgún río galego como o Navia (a do Cantábrico occidental) téñense resentido nos seus niveis de aforo. O ano hidrolóxico -que comeza en outubro- iniciouse aínda en niveis aceptables (se ben na cunca do Lima se detectaba unha escaseza xa evidente -36% de aforo con respecto ao 56% de media-); a medida que o outono e comezos do inverno chegaron, o aforo diminuíu de xeito significativo. Velaí algúns datos a modo de exemplo: en xaneiro de 2017, o aforo de Belesar situábase no 24,71% (fronte ao promedio histórico de 59,71%); o do encoro de As Conchas, no 31,78% (fronte ao 51,47% de promedio histórico).

Nestas circunstancias, a choiva é necesaria e benvida!

Incendios en Galicia

Galicia é unha comunidade autónoma cunha especial aptitude para a produción forestal. Dúas terceiras partes da superficie forestal teñen un aproveitamento silvícola. Un terzo das propiedades constitúenas os montes veciñais en man común, outrora roturados para estivadas e para fornecer leña para o lume e estrume e pasto para o gando.

Coa mecanización do campo e o abandono progresivo das actividades agropecuarias, o coidado do monte diminuíu, a superficie de matogueira medrou ou foi reemprazada progresivamente por especies forestais de crecemento rápido (piñeiros, eucaliptos). En consecuencia, en anos de choivas abundantes de primavera -como corresponde ao clima oceánico propio da rexión-, a masa forestal medra e acentúanse os riscos de incendios forestais na estación seca, mesmo no comezo do outono.

Galicia constitúe a zona de España na que arde cada ano unha meirande superficie (case a cuarta parte do total), malia que o clima húmido sexa menos favorable ao lume. A xustificación está en que a meirande parte dos lumes (4 de cada 5) son provocados. Os intereses son diversos: os gandeiros desexan anovar os pastos para os rabaños; os madeireiros pretenden obter madeira a bo prezo; os intereses inmobiliarios poden levar a desexar a queima de espazos que se poidan urbanizar de novo, vendidos tamén a prezo de saldo. numero-incendios-1961_2011

Hoxe en día, os riscos afectan en moitas ocasións a núcleos habitados que hai que desaloxar, provocando perdas en vidas humanas, perdas económicas e materiais (vehículos, casas,…), deterioro nas redes de comunicación telefónicas e eléctricas. Ademáis, as perdas ambientais son moi salientables: unha vez que a cuberta vexetal se destrúe, as choivas torrenciais erosionan fortemente a superficie queimada e arrastran compoñentes do solo que poden provocar deslizamentos de terra e verquido catastrófico de cinzas ao mar; o balance hídrico das cuncas fluviais afectadas polos incendios tamén se ve alterado; os bosques tardan ducias de anos en rexenerarse, e a recuperación de ecosistemas vese afectada por unha extinción traumática de especies no momento do lume.

Aínda que hoxe teñamos superado os piores momentos canto ao número de incendios forestais en Galicia -iso aconteceu na transición entre o século XX e o XXI-, o número medio de Ha. queimadas sigue sendo enorme, moi especialmente nas áreas meridionais e costeiras (o “cinto do lume” exténdese desde a Costa da Morte ata o NO da provincia de Zamora, cebándose na área das Rías Baixas e as montañas ourensás), tal e como se desprende do seguinte gráfico elaborado por El País para o ano 2011:

mapa_galicia_incendios_forestais_2001-11* Consulta España en llamas para comprobar a evolución dos incendios forestais entre 2001 e 2013.

Cambios e permanencias no sector agrario

6_paisaxe_agraria_esquema

Cando falamos das paisaxes agrarias -tan transformadas nos derradeiros tempos- non podemos deixar de evocar que as paisaxes culturais do pasado manteñen a súa impronta aos ollos do visitante. E así lembramos aquelas verbas de Patrick O’Flanagan sobre a nosa terra:

“Como estranxeiro, unha das cousas que máis me chama a atención, e que considero unha das forzas principais da Galicia moderna, é a presencia da policultura en toda a rexión, aínda que as políticas europeas destes tempos, unidas ao cambio nos gustos da xente, provoquen a diminución e a substitución dese tipo de cultivos en favor doutras empresas, máis especializadas. Aínda hoxe -anos 1990-, a exuberante riqueza do agro galego queda patente na grande variedade de árbores, arbustos, cultivos e plantas silvestres que nel medra. En realidade, hai certas zonas de Galicia -como as penínsulas que forman as Rías Baixas e as súas famosas comarcas do Morrazo e O Salnés- cun aspecto tan fértil que ata se lles pode perdoar aos visitantes que confundan cun xardín botánico a rexión tan admirablemente eloxiada pola súa máis grande poetisa, Rosalía de Castro, e que consideren decadente ruína agraria unha rexión que, en realidade, conta cun ilimitado potencial de posibilidades.”

Patrick O’Flanagan: “Xeografía histórica de Galicia”. 

O autor pon énfase nos cambios: do policultivo ao monocultivo, do minifundio ao crecemento das explotacións agrarias,… mais sen deixar de admirar as permanencias nesta terra xa tildada por Manuel Rivas de bonsái atlántico.

18

Pois ben, se observamos a imaxe superior -correspondente a unha parroquia do concello de A Pastoriza, en Lugo, en xaneiro de 2012-, ¿que queda e que é novo nesta paisaxe agraria? En primeiro lugar, estamos diante dunha paisaxe de hábitat disperso, predominantemente de uso gandeiro -velaí os prados que abranguen a meirande parte do terreo, detrás da matogueira do primeiro termo-, cunha redución progresiva das sebes naturais -árbores que limitan algunhas parcelas- en beneficio da roturación de novos espazos do antigo monte comunal destinados a pradería artificial, cun agrandamento xeral das parcelas e das explotacións. A especialización gandeira (cárnica e láctea) eliminou boa parte da policultura da que quedaba admirado O’Flanagan, se ben intuímos novos aproveitamentos nalgúns espazos dedicados á silvicultura do eucalipto, esa que fai da nosa terra unha grande produtora de madeira de crecemento rápido -moitas veces sometida á incesante queima dos pirómanos-. Velaquí, pois, un espazo rural transformado, unha área de escasa densidade demográfica e con niveis de renda inferiores á media urbana, mais esencial para connotar o noso país.

* Consulta un documento sobre as paisaxes agrarias en España no blog de Pedro Toledo.

* E un resumo máis simple destas paisaxes.

Unha paisaxe industrial

A cidade de Ferrol é o centro da comarca costeira de Ferrolterra, en torno á ría de Ferrol, cunha poboación total que supera os 160.000 habitantes (dos que case a metade vive na cidade central) distribuidos en once concellos. Ferrol está situada na marxe setentrional da ría do seu nome.

Desde o século XVIII, a monarquía borbónica impulsou a industrialización da cidade, da man da creación dun arsenal no que se instalan estaleiros navais destinados á construción de buques militares. Polo tanto, o primeiro impulso ven da man da promoción política estatal. Nese intre, Ferrol e a súa comarca vivían por e para a Mariña.

Aproveitando os coñecementos dunha man de obra especializada na produción mecánica e na carpintería de ribeira, e a capacidade técnica dos enxeñeiros ligados ao arsenal militar, xurde Astano (1941). Esta empresa, instalada na marxe meridional da ría (Perlío-Fene), tentará satisfacer a demanda de pesqueiros na posguerra civil, mais a crise dos anos 1970 fíxolle recorrer á participación pública no seu capital.

A dependencia dos investimentos públicos é, sen embargo, continua. En 1947 constitúese a Empresa Nacional Bazán -pertencente ao INI (Instituto Nacional de Industria)-. Aínda que esta empresa tiña sobre todo encargos de buques militares para a Mariña, no contexto dos anos 1960-1970 empezou a construir buques civís destinados ao transporte de petróleo e outras mercadorías.

Así pois, un emprazamento ben protexido no interior dunha ría en embudo e o capital público son os factores principais do establecemento inicial da industria, se ben a abundancia de materia prima forestal (madeira para a construción dos primeiros buques) foi tamén un factor a ter en conta.

Ferrol é un exemplo de localización industrial concentrada, sometida nas últimas décadas a unha profunda desindustrialización. Desde finais da década de 1970, a crise afectou ao sector naval, e, como consecuencia, a redución de emprego en empresas como Astano foi moi importante (o que provocou un clima de crecente conflitividade social). A entrada na Unión Europea (1986) conleva a redución de empresas públicas e a subvención ás mesmas, nun contexto de globalización económica na que os NPI’s (novos países industrializados) ofrecen competencia industrial cunha man de obra máis barata.

Ferrol convírtese así nunha zona industrial en declive (ZID). A partir de 1983, diante do incremento do desemprego e do baleiramento demográfico da área, a administración pon en marcha una política de reconversión industrial e a creación das Zonas de Urxente Reindustrialización (ZUR), co intento de fomentar a diversificación do tecido produtivo e ampliar as expectativas de crecemento económico destas áreas deprimidas.

Ferrol responde ao modelo de complexo industrial, no que hai unha potente concentración de industrias nun espazo reducido, neste caso dependentes dun sector de base que precisou do investimento público para o seu sostenemento. Co tempo, téntase diversificar este complexo converténdoo tamén en complexo portuario (coa construción recente do porto exterior en Cabo Prioriño), no que a importación de carbón destinado ao consumo da central térmica de As Pontes é a actividade principal.

Hoxe en día, a dependencia de Navantia (empresa resultado da fusión de Bazán e Astano, que en tempos recentes ten ampliado o seu labor coa construción de plataformas petrolíferas) continúa a ser significativa no emprego total da comarca. Mais a carga de traballo é insuficiente para manter os postos de traballo -xa moi mermados con respecto aos anos de bonanza-. O emprego directo no sector naval pasou de case 13.000 traballadores en 1983 a apenas 2.300 en 2005. Novos sectores como o das enerxías alternativas -fabricación de pezas para aeroxeneradores e produción de biodiesel- tentan abrirse paso, sen producirse cambio algún con respecto á dependencia das industrias de base. Desde 2007, un elemento paisaxístico significativo é a implantación -en Mugardos, na marxe meridional da ría- da planta regasificadora de Reganosa, que almacena gas licuado.

Outros elementos da paisaxe inclúen: o tecido urbano, desenvolvido cun crecemento importante a partir dos anos 1940; os polígonos industriais nas marxes setentrional e meridional da ría (en boa medida relacionados con actividades de transporte e distribución); un espazo rural, imbricado no contorno urbano, no que perviven hortas de autoconsumo e amplas áreas de explotación forestal; vías de comunicación que tentan facilitar as boas comunicacións con outros puntos do Golfo Ártabro e de Galicia, así como eliminar o illamento que foi causa, noutro tempo, de problemas de accesibilidade á cidade central.

Aínda que o contorno urbano permanece con espazos deteriorados e escasamente rehabilitados, os procesos contemporáneos permitiron abrir un pouco máis a cidade á ría, tradicionalmente oculta polo grande muro dos estaleiros Bazán.

Canto ás perspectivas de presente e futuro, a problemática da crise económica e a falta de carga de traballo no naval -xunto coa larvada dependencia que aínda ten a comarca respecto deste sector- auguran a continuidade de dificultades, aínda que os investimentos en I+D+i poden abrir novas expectativas. 

Unha paisaxe agraria

Camiñando cara ao alto de Santo Antoniño de Toques atopamos unha panorámica do val do río Furelos que expresa ben o cambio da paisaxe agraria galega en tempos recentes. Aínda que pervivan trazos do policultivo tradicional nalgúns casos, o abandono do campo leva a unha explotación máis extensiva, centrada na gandería bovina especializada na produción de carne. Á beira deste predominio de pradeiras sobre o espazo das antigas agras, sinálase un uso intensivo coa aparición de algún que outro invernadoiro especializado nos produtos de horta para os mercados próximos (Melide, Arzúa) e outros máis urbanos e abundantes (Santiago de Compostela); intensiva é tamén a explotación de granxas porcinas.

A transformación do saltus é moi significativa: aínda que neste sector da Galicia central perviven especies autóctonas como os carballos, castiñeiros e bidueiros, a introdución de piñeiros e eucaliptos progresa -con destino á venda para pasta de papel ou taboleiros-, mentres devece o uso que do espazo de matogueira (landa atlántica) se facía para a produción de estrume; esta matogueira é ás veces roturada para crear pradeiras artificiais alí onde as pendentes non son excesivamente elevadas.

Mais tamén hai herdanzas tradicionais ben claras: velaí están as sebes de salgueiros, bidueiros e ameneiros que lindan aínda nalgunhas parcelas, ou velaí as hortas de coles para manter ás galiñas e servir de base para o caldo tradicional que aínda é manxar abondoso nos xantares de aldea. O autoconsumo verificarase con antigas cortiñas hoxe destinadas á produción de patacas e legumes, ao tempo que os froitais surten en tempada de mazás e peras sobre todo. Pero, iso sí, xa non cantan os carros; ao sumo, agora renxen os tratores.

Depresión da Limia

A depresión da Limia é un conxunto paisaxístico que ten modificado de xeito moi sustancial o seu aspecto hai pouco máis de medio século, cando se desecou a lagoa de Antela. Esta ocupaba o fondo da depresión, cartografiada por Fontán -no seu mapa, de 1845, a superficie da mesma pódese estimar en torno ás 2630 Ha-. Máis humanizada coa explotación agropecuaria a partir de finais dos anos 1950, aínda ás veces, nos anos chuviosos, podemos atoparnos no fondo desta depresión, co “retorno da lagoa de Antela”.

* Olla un comentario do medio natural da depresión da Limia.

* Outra visión fotográfica da antropizada “lagoa de Antela”, grazas a http://www.galiciaenfotos.com

Desde Ginzo de Limia a Villar de Barrio, es poco camino, pero, si se quiere, puede durar un día. Abajo se ve la laguna Antela, que ahora andan para desecar; esta fue la obsesión de los economistas del siglo XVIII, y ahora parece que le llegó la vez. Espesuras de juncos y espadañas ocultan parte de ella en el verano; en el invierno, la habitan aves acuáticas, que vienen hasta del más lejano Norte, incluso el cisne boreal, que anidaba en el templo de Apolo Hiperbóreo. En Morgade, hay una iglesia románica de un estilo propio de la Limia. Tumbado a la sombra de la torre del castillo da Pena, vi volar sobre mi cabeza una garza real. Más allá está el abandonado convento franciscano de Trandeiras, a uno de cuyos frailes debemos la noticia de que los terribles cínifes que se levantan zumbando de la laguna, son los ejércitos encantados del Rey Artús.
Que en el fondo de la laguna, y a punto, quizá, de ser descubierta, está la ciudad encantada de Antioquía, es noticia muy vulgar.”

Vicente Risco: Libro de las horas. Gráficas Tanco, Orense, 1961, pp. 37-8.

* Olla un álbum fotográfico de paisaxes de Galicia.

Natureza e medio ambiente en Galicia

1. Esteiro é a parte máis ancha e profunda da desembocadura dun río no mar aberto ou no océano -habitualmente con praias a ambas beiras-, xeralmente en zonas onde as mareas teñen amplitude ou oscilación. Os esteiros orixínanse pola entrada de augas mariñas durante a pleamar, mentres que durante a baixamar todas as augas comezan a entrar a grande velocidade no mar ou océano, o que contribúe a limpar e profundizar o seu cauce, deixando, ás veces, grandes zonas de marismas.

2. A landa é unha formación vexetal de matogueira, característica da rexión eurosiberiana e degradación do bosque mixto atlántico. Está formada por matogueiras como a xesta, o toxo e o breixo, podendo acadar os 3 m. de altura. É característica da España húmida, asentándose sobre solos pobres e pouco aptos para o cultivo.

3. Unha ría é un val fluvial sumerxido baixo o nivel do mar a causa da elevación deste. A orixe xeomorfolóxica está relacionada cun asulagamento do val fluvial relacionado con movementos isostáticos e un afundimento tectónico asociado á rede de fracturas preexistentes. No caso galego, as fracturas tardihercínicas están na orixe da orientación da meirande parte das nosas rías.

4. Un tómbolo é un accidente xeográfico sedimentario que forma unha estreita língua de terra entre un illote, illa ou grande rocha alonxada da costa e terra firma, ou entre dúas illas ou illotes. A orixe está na acumulación areosa producida pola acción das mareas, que foron creando un espazo de unión entre áreas anteriormente alonxadas. 

Xeografía física de Galicia

Cunha superficie de 29.574 km2, Galicia aséntase sobre un substratro xeolóxico paleozoico, que configurou un zócolo fracturado e reactivado pola oroxenia alpina, modelado polo glaciarismo cuaternario e tapizado nas depresións por aluvións arrastrados pola ampla rede fluvial -configurada nunhas pequenas cuncas de drenaxe que se ven alimentadas polas abundantes precipitacións, bastante regularmente distribuidas ao longo do ano-.

A nosa comunidade atópase no recanto noroccidental da Península Ibérica, ten caracteres netamente atlánticos que se degradan a medida que nos desprazamos cara ao interior, posúe unha costa recurtada sobre unha non moi extensa plataforma continental. É unha comunidade onde as paisaxes prístinas se foron perdendo progresivamente, en función dunha antropización crecente que ten modelado unha paisaxe cultural en progresivo deterioro ambiental -de aí a necesidade de protección e salvagarda dos espazos naturais que teñen un valor per se, estética, bioxeográfica e económicamente falando-.

Ameazada polos riscos naturais e provocados pola acción humana, Galicia é terra de contrastes e diversidade, inmersa -como non- nas consecuencias do cambio climático.

“[Das canteiras] que semellan abondar, saca o galego un granito moteado de gris e branco, que usa para todo(…). Un granxeiro precisa un hórreo? Pois constrúeo de granito. Que quere un graneiro para protexer o seu trigo das ratas? Pois faise de sólido granito (…). Garaxes, teitumes dunha soa auga, casiñas e pazos, todo se constrúe con esta bela pedra (…) nos campos, ata os lindeiros, que polo mundo adiante se farían de madeira, son aquí de granito: longas e finas lousas desta pedra, fermosamente cortadas e fincadas na terra, unha despois doutra, van formando muros de pedra. Galicia é a terra do granito.”

J.A. Michener (1968): Iberia, Spanish travels and reflections. Traduc. en J. Arias (1998): Viajeros por Galicia.

“(…) o proceso de eucaliptización non leva só á destrución ou degradación de bosques autóctonos valiosos, senón que tamén afecta a outros elementos do intrincado tapiz da paisaxe coma os pastos e prados, elementos que en moitos casos teñen, ao igoal cas fragas, non só nin principalmente un elevado valor estético, senón un valor adicional de riqueza biolóxica. (…)

Pero hai outras actuacións recentes, aparte da eucaliptización, que teñen provocado ou están a provocar cambios significativos nas paisaxes galegas. Seguramente o máis relevante, xunto co anteriormente sinalado, sexa a concentración parcelaria, e ningún lugar tan exemplar para comprobalo como A Limia, onde esta concentración parcelaria presentada coa patente de corso da modernidade supuxo a destrución do mellor humidal interior da Península Ibérica. Para entendernos, a Lagoa de Antela, na Limia, era o equivalente en auga doce ao que hoxe significa Doñana como marisma emblemática dos humidais litorais europeos. Pero Antela foi desecada para sementar patacas, e o rico tecido paisaxístico que conformaban as sebes de carballos centenarios, as touzas, os prados, as agras e as veigas, foi concienzudamente destrozado. (…)

Hai outras formas de intervención sobre o territorio que tamén presentan un gran impacto paisaxístico negativo baixo a patente da modernidade. É o caso dos parques eólicos. Na segunda metade do século XX, en Galicia fixéronse intervencións para a obtención de enerxía eléctrica que implicaron un gran impacto paisaxístico e ambiental, grandes encoros hidroeléctricos e centrais térmicas asociadas á explotación a ceo aberto de minas de lignito. (…)

Quero, para rematar, facer referencia a outro proceso de degradación paisaxística en marcha, que consiste en encher o territorio costeiro de Galicia de vivendas unifamiliares e adosadas, na contorna das áreas metropolitanas das rías altas (Ferrol-A Coruña) e das Rías Baixas, co resultado da degradación do territorio e co problema engadido do encarecemento dos servizos e dotacións necesarias.”

Carlos Vales Vázquez: “Unha lectura ecolóxica da paisaxe galega”, en “A paisaxe, un patrimonio común” (III Xornadas Internacionais de Cultura Tradicional, Carnota, 2002 -actas publicadas en 2003-).

Blog en WordPress.com.

Subir ↑