Incendios en Galicia

Galicia é unha comunidade autónoma cunha especial aptitude para a produción forestal. Dúas terceiras partes da superficie forestal teñen un aproveitamento silvícola. Un terzo das propiedades constitúenas os montes veciñais en man común, outrora roturados para estivadas e para fornecer leña para o lume e estrume e pasto para o gando.

Coa mecanización do campo e o abandono progresivo das actividades agropecuarias, o coidado do monte diminuíu, a superficie de matogueira medrou ou foi reemprazada progresivamente por especies forestais de crecemento rápido (piñeiros, eucaliptos). En consecuencia, en anos de choivas abundantes de primavera -como corresponde ao clima oceánico propio da rexión-, a masa forestal medra e acentúanse os riscos de incendios forestais na estación seca, mesmo no comezo do outono.

Galicia constitúe a zona de España na que arde cada ano unha meirande superficie (case a cuarta parte do total), malia que o clima húmido sexa menos favorable ao lume. A xustificación está en que a meirande parte dos lumes (4 de cada 5) son provocados. Os intereses son diversos: os gandeiros desexan anovar os pastos para os rabaños; os madeireiros pretenden obter madeira a bo prezo; os intereses inmobiliarios poden levar a desexar a queima de espazos que se poidan urbanizar de novo, vendidos tamén a prezo de saldo. numero-incendios-1961_2011

Hoxe en día, os riscos afectan en moitas ocasións a núcleos habitados que hai que desaloxar, provocando perdas en vidas humanas, perdas económicas e materiais (vehículos, casas,…), deterioro nas redes de comunicación telefónicas e eléctricas. Ademáis, as perdas ambientais son moi salientables: unha vez que a cuberta vexetal se destrúe, as choivas torrenciais erosionan fortemente a superficie queimada e arrastran compoñentes do solo que poden provocar deslizamentos de terra e verquido catastrófico de cinzas ao mar; o balance hídrico das cuncas fluviais afectadas polos incendios tamén se ve alterado; os bosques tardan ducias de anos en rexenerarse, e a recuperación de ecosistemas vese afectada por unha extinción traumática de especies no momento do lume.

Aínda que hoxe teñamos superado os piores momentos canto ao número de incendios forestais en Galicia -iso aconteceu na transición entre o século XX e o XXI-, o número medio de Ha. queimadas sigue sendo enorme, moi especialmente nas áreas meridionais e costeiras (o “cinto do lume” exténdese desde a Costa da Morte ata o NO da provincia de Zamora, cebándose na área das Rías Baixas e as montañas ourensás), tal e como se desprende do seguinte gráfico elaborado por El País para o ano 2011:

mapa_galicia_incendios_forestais_2001-11* Consulta España en llamas para comprobar a evolución dos incendios forestais entre 2001 e 2013.

COP 21

Comeza hoxe en París a COP 21, a reunión na que se tentará chegar a acordos para limitar o cambio climático no planeta Terra.

Se ata hai uns anos o cambio climático antropoxénico era aínda cuestionado, hoxe en día a comunidade científica acepta nunha elevadísima porcentaxe a existencia dun quentamento global que xa está entre nós. O informe do IPCC correspondente a 2014 insiste: 1) a temperatura planetaria sigue a medrar; para deter o incremento sería preciso reducir as emisións de GEI entre un 40% e un 70% antes de 2050; 2) as vagas de calor serán máis frecuentes e durarán máis; as precipitacións extremas tamén incrementarán a frecuencia; 3) os glaciares diminuirán a pasos axigantados, como consecuencia do incremento da temperatura do permafrost; 4) os océanos quéntanse e acidifícanse, o que comportará cambios na salinidade e na evaporación.

Os impactos serán evidentes, sobre todo nos sistemas mariños e nas áreas costeiras, así como nas grandes áreas urbanas, -refuxio da maior parte da actividade económica do planeta, abranguendo as migracións climáticas e os riscos alimentarios -debido á baixa da produtividade das terras.

Diante destas evidencias, o obxectivo de non superar un incremento de 2ºC na temperatura media do planeta para o ano 2.100 -o limiar a partir do cal será difícil prever que acontecerá- convírtese no esencial deste cumio.

Contedores

Nestes días en que a afluencia de inmigrantes a Europa medra de xeito exponencial, convén lembrar aquela historia fabulada en torno ao senegalés Adrame -que viaxaba en caiuco na primeira década do século XXI cara a Canarias- no libro de Wolfgang Korn “A volta ao mundo dun forro polar vermello” (podes consultar aquí os diversos traxectos do verdadeiro protagonista do libro, a prenda de vestir, polo mundo globalizado).

Na obra, ademáis de analizar as penosas condicións de traballo das costureiras de Bangladesh, expóñense tamén outras consecuencias negativas da globalización económica. Á hora de abordar o tema, os grandes contedores e portacontedores semellan convertirse, para o autor, en verdadeiros símbolos da globalización, achegando produtos distantes a prezos baixos aos mercados do primeiro mundo. E, para iso, é preciso un tráfico de buques que se asenta, fundamentalmente, nos grandes portos do L e SL asiático, alí onde ten lugar a produción ou ensamblaxe de boa parte dos produtos industriais que abastecen ás nosas cadeas de grandes almacéns, ademáis de outros onde se agolpan milleiros de toneladas de mercadorías en disposición de ser consumidas.

portos_de_contedores_2012* Consulta un mapa de evolución dos principais portos de contedores do mundo entre 1989 e 2009.

España industrializada

pib_hab_espanha_1940-2012_periodos

A soberbia análise socio-económica e política que propón J. Maluquer de Motes en “La economía española en perspectiva histórica” lévanos a falar dunha industrialización recente, despois do “fracaso industrial” defendido por Nadal para o século XIX español; unha industrialización que se cingue especificamente ao período do “desarrollismo” (1960-1973), pois este sector económico só se converteu no de maior emprego no noso Estado durante o breve período 1965-1970 -a diferenza do que ten acontecido coa longa hexemonía do sector industrial noutros países de Europa Occidental. Os períodos nos que a historia económica recente (1940-2014) de España se pode dividir coinciden coas seguintes características industriais xerais:

a) Os “anos da fame” (1939-1951) caracterízanse por unha ruralización da sociedade e a necesidade de impulso industrial autárquico a partir da creación dun organismo como o INI.

b) O decenio bisagra (1951-1960), un período de sustitución de importacións no que o Estado continúa a controlar en grande medida o sector industrial.

c) O desarrollismo” (1960-1973), o período de verdadeira industrialización histórica de España, marcado pola estratexia dunha planificación indicativa que difundíu e ampliou o VEB do sector secundario.

d) O período das crises do petróleo e transición política (1973-1985), marcados a nivel internacional polas sucesivas subas dos prezos do cru –combustible do que é tan dependente o noso Estado– e as tensións socio-políticas que levarían finalmente a unha dura reconversión industrial.

e) A integración na Comunidade Europea (1986-1996) coincide coa época de inicio da globalización e deslocalización industrial, un momento no que España se verá favorecida polas recepcións de abundantes fondos estruturais; a industria pública sofrerá unha intensa privatización -acentuada no período posterior- e os avatares da crise 1993-1996.

f) O período 1996-2007, cun efecto arrastre provocado polo auxe da construción, consumouse como un período de moi feble crecemento da produtividade e está na base da crise económica actual. Foi o momento de máis intensa privatización das empresas públicas, que saíron ao mercado internacional en busca de novas expectativas.

g) A nova gran depresión (2007-2014) coincide cunha forte caída do emprego -razón pola que a produtividade por traballador que se expón no gráfico de cabeceira medra- por mor do colapso da construción, e un declive industrial severo. Outras consecuencias da crise foron, por exemplo, o desbocamento do déficit público.

* Consulta unha entrevista a J. Maluquer de Motes en TVE.

Mercado laboral e desemprego

Os indicadores de traballo inclúen a poboación economicamente activa (empregados + desempregados, toda aquela poboación de 16 ou máis anos, que está traballando ou en disposición de facelo), en España en torno a 23 millóns de persoas, das que 17,5 millóns están ocupadas (datos do último trimestre de 2014). Tamén hai que ter en conta o subemprego, cando a ocupación en relación coas xeiras de traballo legalmente establecida é por enriba da norma ou cando o emprego -en relación coa cualificación profesional de cada quen- é inferior: Eurostat constata que España é dos países da UE con máis alto nivel de subemprego. Ha de terse en conta tamén a economía informal (na que os empregos carecen de algúns elementos básicos, como proteción sanitaria, estabilidade, relación laboral formal,…), que en España se incrementou moito tras o comezo da crise, acadando un valor en torno ao 25% do PIB recentemente. Os salarios reais en España teñen descendido desde comezos da crise, se ven na evolución a longo termo desde os comezos da democracia tiveran unha alza continua. E o salario mínimo interprofesional (SMI) tamén se ten estancado (+).

Cando se fala da estrutura laboral da poboación dun Estado, o primeiro que hai é que referenciar os distintos tipos de desemprego aos que nos referimos: cíclico (no que inflúen significativamente as épocas de expansión e retración económica xeral), estacional (cun exemplo ben característico no turismo, en España), estrutural (existente especialmente cando non se adecúan tecnicamente a cualificación dos empregados e as vacantes de emprego ofrecidas polo empresariado) e fricional (caracterizado pola “voluntariedade”, no caso de xente que deixa de traballar para descansar ou atopar un posto de traballo mellor que o anterior, entre outros exemplos, e que está relacionado coa inevitable formación continua e reciclaxe laboral á que, nestes tempos, todo traballador está exposto).

Un estudo recente do BBVA alertaba sobre a “normalidade” que, nun país como España, suporía unha taxa de desemprego do 17-18%, taxa que TRIPLICA A DOUTROS PAÍSES COMO ESTADOS UNIDOS E ALEMANIA. ¡Pobre consolación para un país que, a mediados da primeira década do século XXI, estaba por debaixo do 7% en taxa de paro, incluso en algunhas CCAA case no pleno emprego!

O problema enquístase, nos países do euro nos que máis impactou a crise de 2007-2008, por mor do desemprego de longa duración.

* Ollando os datos do INE respecto da EPA 2014.

* Ollando a EPA de 2014 desde un punto de vista sociodemográfico, en eldiario.es.

* Consulta a nota de prensa sobre a EPA do IV trimestre de 2014, publicada polo INE.

* Consulta unha publicación de UGT sobre a evolución do mercado de traballo en España.

#Fame

O Obxectivo do Milenio número 1 para 2015 -enunciado pola ONU- é “erradicar a pobreza extrema e a fame. Pero, por moito que as estatísticas disfracen os resultados dos ODM, a fame está lonxe de ser erradicada: 800 ou 900 millóns de persoas no mundo pasan fame e sofren malnutrición, 8.000 rapaces morren cada día por esta causa. E o problema acaba sendo alarmante en moitos países do Sahel ou da África Negra, o OutroMundo -como alerta o Global Hunger Index de 2014.

Nun libro sementado de datos, cifras e historias particulares, Martín Caparrós percorre o mundo para dar conta dun dos grandes problemas actuais: a fame, expresión máxima da desigualdade crecente da que se nutren as nosas sociedades. E faino partindo daquela información que Jean Ziegler nos aportou en “Destrución masiva”, que contaba como a agricultura, no mundo actual, podería alimentar a 12.000 millóns de persoas (e o planeta alberga menos de 8.000 millóns). Pero os intereses globais da economía actual non facilitan a equitativa distribución desa produción alimentaria; a tese de Caparrós é que a causa da fame está na actual distribución da riqueza entre a poboación mundial (e aquí ven a incidir nunha cantinela que ben coñecemos grazas a Thomas Piketty).

Caparrós percorre o mundo para testemuñar os estragos da fame: de Níxer a Sudán do Sur, onde a acción de MSF se fai tan necesaria; das chozas de Madagascar ás vilamiserias de Bangladesh; dos suburbios de Bos Aires aos comedores sociais dos arrabaldos de Chicago -para atopar no incremento da obesidade a “faciana pobre” dos países ricos. Á beira de enclaves rurais como Madaua -en Níxer- sobresaen outros moitos bidonvilles e slums –Dharavi en Mumbai, Kamrangirchar en Daca, José León Suárez en Bos Aires- tan ben retratados por Mike Davis en “Planeta de cidades miseria”. Pero tamén se achega o xornalista á Bolsa de Chicago, o lugar onde o negocio de futuros sobre materias primas agrícolas desestabiliza o menú diario de tanta xente, sobre todo desde que -tras o estourido da crise da burbulla inmobiliaria-, en 2008, fose alí onde se elevasen dun xeito notable o prezo dos alimentos, como consecuencia da especulación financeira que os levou a seren novos valores refuxio de diferentes fondos de investimento: o lugar onde se negocia e incrementa o prezo dos cereais básicos de consumo humano (aínda que en boa medida se destinan a nutrir animais ou fabricar agrocombustibles). E iso repercute de xeito negativo, especialmente, en países do OutroMundo, nos que o orzamento investido en comida por parte da xente está, de media, entre o 50 e o 80% da renda mensual.

“El hambre” é unha obra que evita e combate as teses neomalthusianas defendidas por Alan Weisman en La cuenta atrás”, que equilibra relato literario, testemuñas directas e información obxectiva; unha investigación que obriga a reflexionar sobre os nosos hábitos diarios en relación coa comida e a solidariedade, sobre a necesidade de políticas redistributivas máis dignas e xustas,… É un libro que non pode deixar indiferente, que xa podemos considerar entre os nosos imprescindibles.

* Consulta extractos da obra en #Fame.

Rede española de transportes

A importancia dos transportes nun Estado é cada vez máis trascendente nunha economía globalizada: desde a repercusión na poboación ocupada (en torno ao 5% do total) á relevancia de determinar o desenvolvemento dun país, pois o funcionamento do sistema económico require o desprazamento eficiente de mercadorías e persoas. O sistema de transportes é o elemento sobre o que se artella e integra o territorio.

A rede española de transportes presenta, nas súas modalidades ferroviarias e aeroportuarias, un forte carácter radial, froito das herdanzas históricas (rede de estradas borbónica do século XVIII, ferrocarrís do XIX e instalación do sistema aeroportuario no século XX -que privilexiou a grandes centros como Madrid, Barcelona e Palma de Mallorca). A integración de España na UE -con respecto da que temos unha posición periférica- potenciou a nosa inserción nas redes transeuropeas de transporte.

O incremento de viaxeiros e mercadorías nas últimas décadas, adquirindo máis protagonismo nas últimas décadas o transporte por estrada. A estrutura da rede viaria, tradicionalmente radial, tense reestruturado nos últimos anos privilexiando as rutas transversais (Cantábrico, Ruta da Prata, Lisboa-Valencia,…).

A rede ferroviaria, de trazado radial e arborescente que parte de Madrid, complétase con eixos transversais significativos como os do val do Ebro e o eixo levantino. A integración na rede europea ven da man da potenciación da rede de alta velocidade.

Canto á estrutura portuaria, contando España con case 8.000 km de litoral, é hoxe en día de vital importancia económica, se ben o sistema se atopa sumamente atomizado.

* Consulta un documento sobre transportes en España do IES Núñez de Arce.

* Consulta as webs de AENA, Puertos de España e Adif.

* Consulta a web do INE para informarte sobre estatísticas de transporte.

Enerxías renovables en España

Á hora de estimular as enerxías renovables en España, o Plan de Enerxías Renovables 2011-2020 xustificaba a potenciación deste tipo de enerxías na elevada dependencia enerxética do noso país canto aos combustibles fósiles (en torno ao 80%), na necesidade de loitar contra as elevadas emisións de GEI (gases de efecto invernadoiro) e no elevado consumo enerxético / PIB do noso país. Os sucesivos plans, iniciados no século XXI, incrementaron en máis dun 40% a produción eléctrica de orixe renovable.

Hoxe en día, España consume aproximadamente un pouco máis da metade da súa enerxía procedente dos combustibles fósiles, case 1/5 procedente da enerxía nuclear e a cuarta parte procedente das enerxías renovables.

A demanda de enerxía eléctrica mediante fontes renovables acadou o 42% en 2013, cunha especial importancia da enerxía eólica, na que España está en terceira posición mundial canto a uso e explotación. Sen embargo, en tempos de crise como os actuais, as subvencións gubernamentais á apertura de novas plantas de renovables suprimíronse en 2013.

A construción en España

De motor económico a sector en declive, a construción en España representou, desde a época do desarrollismo, unha importante contribución ao sector secundario. A crise económica e o conseguinte freo da obra pública e privada levaron a esta actividade a unha perda moi significativa na poboación ocupada e na aportación ao PIB. Segundo o número de afiliacións á Seguridade Social en xaneiro de 2015, só o 5,88% da poboación activa traballa na construción, fronte a case o 12% de hai dez anos.

Moitas das opcións de subsistencia das grandes empresas de construción españolas pasan por concorrer a licitacións de obras internacionais que leven a acometer a ampliación do canal de Panamá, a construción do tren de alta velocidade de A Meca a Medina,… porque o boom da obra pública en España (aquela que levou a facer neste país máis aeroportos que en Alemania, aínda tendo a metade da poboación) xa pasou.

construcion_aapp

“Entre 2002 e 2008 construíronse entre 700.000 e 800.000 vivendas ao ano, máis que en Alemania, Italia e Francia xuntas (Federación Hipotecaria Europea). Incluso superabamos a Estados Unidos, e iso que os norteamericanos estaban tamén inmersos no seu particular rallie hipotecario, como se probaría logo co derrumbe de Lehman Brothers. Grazas a ese impulso construtor propio de faraóns, a economía española era capaz de crear case a metade de todo o emprego xerado na UE-15.

(…) Asimilouse o AVE como un signo de ADN nacional aínda que máis ben se trata dun capricho para millonarios saudíes que precisamente agora están a construir o AVE de Medina á Meca. Cada kilómetro de vía e catenaria deste disparate costa entre 10 e 30 millóns de euros. Se lle unimos o prezo do tren, un billete Madrid-Barcelona, que agora sae por 200 euros, debería valer cando menos 1.000 euros para amortizar realmente o gasto nun prazo razoable.

(…) Polo aire, tamén podemos presumir de conexións: nada menos que 52 aeroportos fronte aos 39 de Alemania, co dobre de poboación. Só 13 deles son rendibles ou teñen capacidade de selo.”

Ramón Muñoz: España, destino Tercer Mundo.”

* Consulta unha serie de datos básicos e un mapa de licenzas de obra por CA (2012).

* Consulta un artigo de Javier Barros sobre o apagón inmobiliario en España.

* Consulta o índice inmobiliario en fotocasa.

* Mais din que a construción se recupera e contribuirá ao incremento do PIB (abril 2015).

A industria española

Analizando a evolución da industria española nos últimos anos pódese pensar que a perda de poder deste sector é sintomática de cara a explicar a crise económica actual. Afectada pola deslocalización -sen chegar a caer no alarmismo que Ramón Núñez propón no seu libro España, destino Tercer Mundoe cun escaso investimento en I+D+i, cunha dimensión media das empresas inferior á media europea e cunha produtividade reducida, perdendo poboación activa no seu conxunto, dá a impresión de que as leis da vantaxe comparativa fixeron do noso Estado un país de servizos e non unha potencia industrial, aspecto que na UE acapara Alemania en case todas as ramas de actividade.

En todo caso, a industria foi responsable do noso despegue económico ata tempos ben recentes, e responsable en grande medida do incremento do noso PIB, pois a produtividade media do sector industrial está por enriba da media da economía global.

“A moi longo prazo, entre 1850 e 2000, o PIB medrou [en España] a unha taxa do 2,5% anual. (…) O primeiro século [1850-1950] caracterízase por taxas de crecemento modestas. (…) De 1951 a 1974 as taxas de crecemento foron, en cambio, moi altas. No último cuarto do século XX as taxas foron aínda máis baixas, mais duplicaron as de 1850-1950. (…)
En boa parte do século XX, cando menos durante a súa primeira metade, o progreso económico de España dependeu fundamentalmente de melloras tecnolóxicas. Afortunadamente, estas producíronse en case todos os ámbitos. A electrificación, a incipiente motorización, a revolución na medicación moderna (sulfamidas e antibióticos) son outros tantos exemplos de tecnoloxías novas cuxa adopción incrementou a produtividade. (…) A economía española alonxouse da economía internacional; en algúns períodos o grao de industrialización reducíuse e o de agrarización aumentou. (…)
Para os anos do “milagre económico”, de 1960 a 1973, a interpretación que se ten dado á elevada aportación da PTF [produtividade total dos factores] ao crecemento é a de que Europa Occidental disfrutaba dun enorme potencial de cambio estrutural, transferindo activos pouco produtivos no sector agrario a empregos moito máis produtivos no sector industrial e de servizos; ademáis disfrutaba de destinos abertos para as migracións laborais, dentro de cada país e no ámbito europeo occidental, e gozaba dunha crecente integración comercial. (…)
Desde a integración á CEE a contribución dos factores ao crecemento económico modificouse por completo. (…) A medida que se liberalizou o mercado de traballo e que aumentou a taxa de ocupación e a taxa de actividade, o crecemento económico español volveuse cada vez máis intensivo en traballo e menos intensivo en capital e PTF.”

A. Carreras e X.Tafunell: Historia económica da España contemporánea (1789-2009)”.

* Consulta a nosa presentación sobre a panorámica da industria en España.

* E tamén un arquivo con datos complementarios.

Indicadores de benestar social

Un indicador é unha medida de resumo de algún aspecto da sociedade que facilita a súa comprensión. Os indicadores permiten entender a realidade e analizala. Algúns miden o benestar social, que podería definirse como o conxunto de sentimentos de satisfacción material e inmaterial que producen nas persoas e nas colectividades unha serie de condicións que non só se reducen ao nivel de renda, senón que inclúen outras dimensións da existencia humana (saúde, educación, nivel de estudos, servizos, infraestruturas, vivenda,…).

Hai unha serie de indicadores que son por todos considerados de benestar, algúns obxectivos e outros subxectivos. Entre os obxectivos podemos considerar o PIB per cápita, o IDH, a pegada ecolóxica, os índices culturais e educativos, o índice de capacidades ou os índices de liberdades políticas. Entre os subxectivos atopamos os índices de felicidade.

A nivel estatal europeo, Eurostat publica os indicadores de calidade de vida, que tamén publica a Intelligence Economist Unit a nivel internacional.

Unha publicación do Observatorio Social de España incide nas diferenzas entre CCAA canto a gasto público en tempos recentes. Como consecuencia da crise económica, en conxunto, obsérvase un empeoramento xeralizado das condicións de vida, especialmente a partir de 2010, e sobre todo nos capítulos de renda e emprego [Consulta aquí os indicadores analizados polo Barómetro Social de España].

* Consulta a publicación “Desarrollo humano en España (1980-2011)”, do IVIE.

* Consulta a publicación “La pobreza en España y sus comunidades autónomas (2006-2011)”, do IVIE.

O Fondo de Compensación Interterritorial

15_transferencias_fci_2008-2013

Fondo de Compensación Interterritorial é un instrumento de financiación das CCAA que consiste nun fondo con destino a gastos de investimento, destinado a correxir os desequilibrios económicos interterritoriais e facer efectivo o principio de solidariedade. A súa regulación contense na Constitución de 1978 e regulouse inicialmente mediante a Lei 7/1984. Nun principio, todas as CCAA eran beneficiarias. Ademáis, o FCI era un mecanismo de financiación básica, que cubría deficiencias no proceso de transferencias ás diferentes CCAA.

Unha nova Lei, en 1990, aplicou este fondo ás CCAA máis desfavorecidas, é dicir, as rexións de Obxectivo 1 -segundo o criterio da UE-. Asimilouse, polo tanto, a definición de rexión desfavorecida ao criterio comunitario.

En 2001, unha nova reforma desglosou o FCI en 2 fondos: Fondo de Compensación (para financiar gastos de investimento nas áreas máis desfavorecidas) e Fondo Complementario (destinado a financiar gastos de investimento que promovan directa ou indirectamente a creación de renda e riqueza no territorio beneficiario, mais que pode ser destinado a gastos correntes relacionados con proxectos de investimento, durante un período máximo de 2 anos).

Os recursos do FCI son determinados anualmente nos Orzamentos Xerais do Estado. Teñen un peso inferior aos fondos procedentes da UE canto a financiación autonómica. O criterio básico para a súa adxudicación foi sempre o PIB per cápita de cada CA, aínda que outras variables entran en consideración: a cantidade de poboación, o saldo migratorio, a taxa de paro, a superficie, a dispersión da poboación e o feito insular (todos eles con coeficientes de ponderación específicos).

Posto que, en período de crise económica, os recursos do Estado diminúen, a caída do FCI na actualidade é a máis significativa da súa historia. Así, ao período de estancamento dos fondos durante a década de 1990, sucédelle un período de bonanza e incremento considerable a comezos do século XXI (especialmente os anos 2002-2008), e o actual momento de retracción, vencellado á propia crise económica global, cunha caída real de investimento en prezos constantes moi notable.

* Olla un artigo de Xoaquín Fernández Leiceaga et al. sobre o FCI.

Axentes e planeamento urbano

13_axentes_solo_urbanoMúltiples son os axentes sociais que interveñen na configuración do espazo urbano, mais son realmente os poderes públicos os que establecen a normativa esencial para a planificación urbanística.

Aínda que a lexislación urbanística española se remonta ao século XIX, no que se promoveron lexislacións de ensanche e reforma interior das poboacións, é no século XX cando se aproban normativas que delegan nos concellos a actividade urbanística (Estatuto Municipal de 1924) e cando se ditan as sucesivas Leis do Solo.

Partimos da Lei do Solo de 1956, que establecía a división do solo en urbano (aquel situado en zonas consolidadas pola edificación, ou ben que conta con servizos urbanísticos como o alcantarillado e o suministro de electricidade), de reserva urbana (susceptible de urbanización mediante plans parciais) e rústico (vencellado á construción agropecuaria). Nesta Lei aparecen unha serie de figuras de planeamento urbanístico, como os plans nacionais, os provinciais, os de ordenación municipal ou comarcal, os plans especiais, parciais,… co obxecto de establecer directrices específicas a diferentes escalas.

A Lei do Solo de 1975 deu paso á calificación do solo en catro categorías esenciais: solo urbano (SU, aquel que está consolidado ou conta coas dotacións esenciais de abastecemento de auga e electricidade), solo urbanizable programado (SUP, cunha programación de edificación en base a un ou dous cuatrienios), solo urbanizable non programado (SUNP, previsto para necesidades futuras) e solo non urbanizable (SNU, reservado, eliminando o aproveitamento mínimo que a anterior lei concedía). Os novos Plans de Ordenación inclúen esencialmente os Plans Xerais Municipais, instrumento esencial de planeamento urbanístico.

Aínda que se promulgou unha nova Lei en 1990, esta resultou derogada en boa medida pola sentencia do Tribunal Constitucional de 1997, por mor de invadir boa parte das competencias que correspondían ás CCAA desde a implantación dos distintos Estatutos de Autonomía.

A Lei do Solo de 1998 establece un réxime do solo no que se definen o solo urbano, solo urbanizable e solo non urbanizable, que coincide en esencia coas categorías anteriormente establecidas.

Outra Lei do Solo de 2008 establece o mandato para que as Administracións reserven o 30% do solo residencial das novas unidades de actuación para vivendas suxeitas a un réxime de protección pública, vivendas protexidas.

As diversas modificacións do planeamento urbanístico concorren nun tempo de crecemento continuo da edificación, que acada, a comezos desta década, un parque de vivendas de case 26 millóns. Cun incremento continuo dos prezos no período 1994-2007, a “burbulla inmobiliaria”, que se atopa na orixe da crise económica actual, estourou en 2008, momento que supón a brusca caída da demanda e a caída continua dos prezos da vivenda no noso Estado (ata a actualidade -2014-).

* Consulta unha visión crítico-cómica da crise inmobiliaria en España: “Españistán”, por Aleix Saló.

* Consulta o valor das vivendas no portal invertia e en pisos.com.

Turismo en España

O sector turístico é o motor da economía española na actualidade, un sector que bateu en 2013 récords históricos de visitantes, superando os 60 millóns de turistas internacionais (só por detrás de Francia -83 millóns de visitantes- e Estados Unidos – 67 millóns de visitantes- no ránking internacional de afluencias).

O informe do Instituto de Turismo de España correspondente a 2012 xa nos detallaba as características esenciais do sector, no que a hostelería e a restauración xogan un papel fundamental para atraer a turistas estranxeiros que soen repetir estadías, aloxarse en hoteis de categoría superior e verse atraídos sobre todo polo sol e praia que tanto ten marcado a nosa oferta turística. O turista nacional, máis modesto nos aloxamentos e menos xeneroso  no gasto, vese máis influído nas súas demandas de viaxe ao estranxeiro polas consecuencias negativas da actual crise económica.

* Realiza un test [podes ver máis nítidas as figuras neste documento] para aprender algo máis sobre as características do noso turismo.

* Consulta unha vella entrada sobre o turismo que xa publicamos no seu día.

Comercio e servizos públicos en España

Unha vella campaña do ICEX -das que algúns datos como a potencialidade internacional da nosa economía están en franca decadencia- enfatiza os sectores preferentes á hora de motivar a exportación española. Aínda que a balanza comercial é deficitaria, as transferencias por turismo compensan de xeito habitual esta rúbrica.10_infografia_comercioO sector público dun país é o conxunto de organismos administrativos mediante os que o Estado cumple, ou fai cumplir, a política ou a vontade expresada nas leis dese país. Xunto ao emprego nos distintos niveis da administración (Admon. Xeral do Estado, administración autonómica e local), o Estado contrata tamén persoal en diversos servizos públicos que teñen medrado ao abeiro do Estado de Benestar (educación e sanidade, especialmente). En España, sobre todo desde 2008, a destrución de emprego é continua, salvo en contados momentos de excepción (por trimestres, por exemplo, o terceiro de 2013 supuxo un repunte no emprego -se ben só no sector privado, que non no público-), mais desde o último trimestre de 2011, a destrución de emprego é a tónica nos servizos públicos. Nembargantes, a nivel de ocupación, os servizos públicos siguen dando traballo a unha proporción importante da poboación activa española. 10_infografia_sector_publico

Moi importante no emprego terciario é tamén a cifra de autónomos e profesionais liberais, que en España ascende a case 3 millóns de persoas, moitas delas ocupadas en servizos de mercado. En total, a proporción é de 1 de cada 6 ocupados (16,8% en 2013 -consultar informe de Adecco).

Outro subsector significativo é o da banca, aínda que por mor da crise financeira ten perdido tamén poboación ocupada. En 2012, segundo o Banco de España, había no noso Estado pouco máis de 236.000 empregados en entidades financeiras.

O valor da cultura

Desde o ano 2005, o Ministerio de Educación e Cultura ven publicando o Anuario de Estatísticas Culturais, no que reflicte a aportación do sector cultural ao PIB, o número de empregos xerados e outros datos de interese.

Canto á rúbrica que integra a CULTURA, esta aparece definida polas metodoloxías utilizadas pola UNESCO e EUROSTAT, e nela inclúense os bens culturais, o libro e publicacións periódicas, as artes plásticas, escénicas e musicais, e o sector audiovisual.

valor_cultura_2013

O emprego cultural caracterízase por unha formación académica superior á media, con taxas superiores de educación superior ás observadas no conxunto nacional. Máis do 70% é emprego asalariado, e 1 de cada 6 persoas ten contrato a tempo parcial.

Hai máis de 100.000 empresas, das cales a maioría carecen de asalariados. A meirande parte concéntranse alí onde as grandes aglomeracións (Madrid, Barcelona) permiten unha maior demanda destes bens. Esas mesmas diferenzas nótanse canto á distribución de gasto medio por fogar en cultura (tan só as CCAA de Madrid, País Vasco, Navarra, Cataluña e Baleares teñen un gasto superior á media nacional, o que manifesta unha nova distorsión en favor do cadrante nororiental -tamén visible no reparto de renda per cápita, PIB e outros valores económicos nos que este cadrante se destaca-). Dentro dos compoñentes de gasto cultural máis significativo destaca, por enriba dos demáis, o correspondente a equipos audiovisuais e Internet -que reflicte ás claras o desenvolvemento da actual sociedade de información conformada como sociedade-rede-.

No comercio de bens culturais co exterior cabe salientar a balanza positiva canto aos apartados de libros, prensa e artes plásticas, se ben no apartado de audiovisuais e música a nosa balanza comercial é deficitaria.

Se ben as viaxes culturais realizadas por residentes en España se teñen reducido nos últimos anos por mor da crise económica, sen embargo a entrada de visitas culturais procedentes do estranxeiro tende a estabilizarse á alza, despois do negativo impacto inicial da crise económica iniciada en 2007-2008.

En conxunto, o sector cultural aportou o 2,7% do PIB total en 2011, un 40% do cal corresponde a libros e prensa, o 25% a audiovisual e multimedia, e o 23% a artes plásticas e escénicas. O PIB cultural é apenas un 1/35 parte do sector servizos, se ben é superior ao do sector agrario e a terceira parte do da construción.

Canto ao gasto por habitante en cultura, este representaba pouco máis do 6% en 2012, cunha restrición notable nos derradeiros anos, por mor da crise económica.

¿Incrementaríase o gasto medio en cultura de reducir o IVE cultural? ¿Chegaría a incrementarse o gasto cultural poñendo máis trabas legais aos efectos da economía somerxida e a piratería no eido cultural? Velaí deixamos estas cuestións no aire para que vós mesmos as respostedes.

Terciarización

As sociedades desenvolvidas camiñan de xeito imparable cara á terciarización económica, un proceso que ben se manifesta na España de 2014, con máis de 3 de cada 4 persoas empregadas no sector servizos, o cal xenera tamén a meirande parte do PIB do conxunto estatal. E está claro que neste pulo ten un papel significativo o turismo, mais non só: o comercio, os transportes, os servizos administrativos e informáticos, a sanidade, a educación, contribúen a xerar un notable volume de postos de traballo neste sector: dos pouco máis de 17 millóns de ocupados en 2012, case 13 traballabamos no sector servizos. Os factores que conforman a España como sociedade terciarizada pódense resumir neste esquema:

10_esquema_proceso_terciarizacionO proceso implica tamén un cambio no tipo de traballador industrial e na formación requerida. Xa non se trata de promover unha formación profesional ríxida e definitiva na xuventude -que poida determinar a súa función laboral ata unha xubilación cada vez máis lonxana-, senón flexible, co obxecto de permitir o cambio do posto de traballo, sector profesional e nivel (aínda que iso conleve ás veces a aparición do subemprego e do precariado -aspectos denunciados como unha clara erosión dos dereitos colectivos conquistados polo movemento obreiro tradicional-).

A terciarización maniféstase na diminución dos obreiros de mono azul en beneficio do incremento dos traballadores de bata branca, o que contribúe ao crecemento do sector cuaternario.

10_factores_crecemento_sector_terciario

* Consulta o pearltree sobre a terciarización da economía en España e Galicia.

A industria, agora

Vendo o vídeo de Marca España cabe pensar que esteamos nun paraíso. E quizás ese “paraíso” o poida ser a nivel turístico, mais non canto a produtividade industrial e mellora do papel do noso sector secundario no conxunto. A baixa na produción industrial (un 30% no período 2008-2013) nestes tempos de crise, xunto co descenso paulatino nos investimentos en I+D+i (sempre na cola da UE) e a perda de emprego industrial únense aos efectos da deslocalización (que parece só se poidesen combater coa “devaluación interna” dos salarios). E iso non impide pensar en que o futuro esixe un cambio de modelo tecnolóxico que pasa por potenciar sectores de futuro como biotecnoloxía, novas tecnoloxías e o sector enerxético; de facelo, mellor impulsando os clústers industriais e os parques tecnolóxicos.

“(…) cales han de ser os posibles desenvolvementos futuros dunha moderna España industrial nos diversos sectores nos que podemos competir no terreo macroeconómico —prezos ou intanxibles (marca made in Spain, calidade, deseño, tecnoloxía, servizo posventa, empresariedade, internacionalización, innovación, excelencia na xestión e canles de distribución)— e como conseguir acometer cos mesmos o obxectivo número un da nosa economía, que non pode ser outro que paliar o acuciante e dramático problema de paro que temos e que hipoteca o noso futuro como país e como sociedade libre.”

J. Pavón e J.L. de la Fuente O’Connor: La imprescindible reindustralización de España“.

* Consulta o pearltree sobre reestruturación dos espazos industriais.

Globalización e Poder

16_esquema_globalizacion

Nunha atractiva análise sobre o novo mapa xeopolítico do mundo, Ricardo Méndez introdúcenos nas novas consecuencias que ten a globalización: a perda de poder relativo dos Estados en beneficio das entidades supranacionais e das empresas transnacionais [ver infografía]; a crecente importancia das cidades-globais [ver mapa] como centros de poder; a diversificación de poderes espaciais unha vez rematada a guerra fría; o incremento das desigualdades, tamén a nivel de fenda dixital;… mais as rivalidades estatais por áreas de influencia continúan:

“Consideradas de xeito conxunto, as grandes potencias dominan o esencial das relacións de poder dentro do sistema mundial e condicionan a axenda de cuestións consideradas relevantes. (…) A evidencia de que o poder económico na década final do século XX aparecía fortemente concentrado en Estados Unidos, a Unión Europea e Xapón, levou á consideración de que estas tres áreas [a Tríada] se configuraban como núcleo reitor das relacións internacionais a partir dese momento. (…) A referencia á Tríada mantívose vixente ata a actualidade, mais modificouse a identificación do terceiro vértice de poder, que deixou de ser Xapón en beneficio de China ou, en algunhas interpretacións, o tandem formado por ambos países, englobados nunha xenérica referencia á Asia do Pacífico, asociación que en termos xeoeconómicos ten máis senso que en termos xeopolíticos. (…)

Outras obras de referencia… como a do choque de civilizacións de Huntington (1997), tamén chegaron a conclusións case idénticas na identificación dunha pentarquía, composta neste caso polos Estados líderes das cinco principais civilizacións -co seu correspondente soft power-, a falla dun definido no caso do Islam: Estados Unidos (civilización occidental), Rusia (ortodoxa), China (sínica), Xapón (xaponesa) e a India (hindú).”

Ricardo Méndez: El nuevo mapa geopolítico del mundo“.