Arquivos da categoría Paisaxes de Galicia

Canón do Sil

5_canon_rio_sil_mirador_cabezoas

Cando un se achega ao mirador de Cabezoas admira unha paisaxe excepcional, de interese xeolóxica, botánica, cultural e histórica. Unha paisaxe na que, a todas luces, impacta a fendedura do curso de auga sobre estes cantís interiores -cunha caída de 500 m. desde o punto máis elevado ata a altura do caudal do río- de granito hercínico que se afunden no encoro de Santo Estevo.

O modelado granítico, sobre superficies que no alto do canón se atopan en torno aos 650 m.s.n.m., conforma relevos suavemente ondulados nos cumios, produto dunha erosión prolongada desde finais da era primaria, á beira de crestas e riscos que siguen a rede de diaclasas constituída tras a oroxenia alpina, causante da fracturación de bloques que permitiría o posterior encaixamento e sobreexcavación do río aproveitando as fracturas causadas por este último movemento oroxénico. En esencia, o modelado do val pertence ao Cuaternario, causando notables pendentes (ata do 70%) na beira do curso fluvial do río Sil.

Os solos, esqueléticos ou practicamente inexistentes nos bordes do río -debido ao afloramento do horizonte D de rocha nai-, modélanse sobre rochas ácedas predominantes, dando lugar a solos pouco evolucionados de tipo ranker ou terras pardas -os predominantes na meirande parte de Galicia-, nos que se asenta unha vexetación climácica de carballeiras e castiñeiros (estes últimos obxecto de aproveitamento agrícola nos soutos que permanecen en áreas incluso de profunda pendente) mesturada con matogueiras de toxos, xestas e queirugas propios da landa atlántica, aínda que aquí mesturadas con especies máis mediterráneas e aromáticas -tales como o romeiro-. Asoman, en primeiro termo, bidueiros e avelairas adaptadas a temperaturas máis frescas, no avesedo, á beira de cerquiños (quercus pyrenaica) e sobreiras (quercus suber) noutro tempo tamén aprezados pola súa cortiza. Tamén é posible atopar algunhas especies tipicamente mediterráneas, como a aciñeira (quercus ilex).

Aínda que a paisaxe vexetal se completa con repoboacións forestais de piñeiros sobre as abas do encoro -alá ao fondo-, a panorámica destaca pola importancia dos factores xeolóxicos, que a determinan en esencia.

O río Sil discorre polo fondo do canón, encorado desde a metade dos anos 1950 para un aproveitamento hidroeléctrico do seu caudal. O módulo do río Sil supera aquí os 100 metros cúbicos por segundo, cun réxime pluvio-nival (augas altas en inverno e primavera -cando se produce o desxeo nas montañas orientais da cunca-) de acusada estiaxe a finais de agosto e ata o mes de setembro, dada a escasa precipitación estival nestas áreas de clima suboceánico ou oceánico de matiz mediterráneo que afecta a toda a cunca do Sil.

O clima da área ven determinado pola situación interior da área, na que as amplitudes térmicas anuais superan habitualmente os 15ºC, determinando un claro contraste estacional entre un inverno frío e un verán cálido -este último con temperaturas medias por enriba dos 20ºC-. As precipitacións, asimilables a valores da España seca, rondan os 600 mm. anuais, cunha distribución estacional na que destaca a aridez estival. A situación nunha depresión afundida do interior, en posición oriental con respecto á Dorsal Meridiana -isto é, a resgardo dos ventos húmidos oceánicos dominantes que descargan a meirande parte da súa precipitación nas abas de barlovento, a Occidente-, é determinante para estas características climáticas de transición cara ao dominio mediterráneo continental, creándose microclimas específicos nas abas do río que favorecen a explotación vitivinícola en socalcos -debido ao abrigo dos ventos fríos que proporcionan as fortes pendentes do canón-.

O canón do Sil, con máis de 15 km de lonxitude, é un espazo interior agreste e contrastado, que sen embargo foi colonizado de xeito sistemático desde época altomedieval por eremitas e monxes. E velaí que o aproveitamento de soutos e vides xenerou un poboamento espallado, con aldeas ubicadas nos terreos altos do canón, a media ladeira. Desde mediados do século XX, coa construción de encoros como o de Santo Estevo -con máis de 200 hectómetros cúbicos de capacidade- e o de San Pedro, os intereses económicos desta área centráronse na explotación hidroeléctrica, que convive hoxe coa agrícola (viños da Ribeira Sacra), a silvícola e a turística. O poderoso medio físico deste “mar interior” soporta deste xeito unha pegada humana permanente, o que non impide escasas densidades demográficas e problemas de avellentamento e abandono de explotacións -á beira de novas colonizacións agrícolas fomentadas polo impulso dos prezos do viño de variedade mencía nos mercados vitivinícolas-.

5_mapa_topografico_canon_do_sil

– Consulta un esquema de comentario dunha paisaxe natural.

Non hai Pindo malo

Monte máxico, Olimpo dos deuses. Domo granítico, fortaleza altomedieval. Proa de pedra diante do mar océano, paraíso dos camiñantes. Todo isto é o Monte Pindo, un macizo do concello de Carnota que culmina a 627 m.s.n.m., no cumio da Moa. No decurso da senda cara ao alto, a paisaxe, pedra e mar, muda desde a pequena vila lineal e mariñeira de O Pindo (711 habitantes en 2011, segundo o INE) ata os baleiros espazos do vértice xeodésico superior, engalanado con kettles (marmitas de xigante) excavadas polo vento, sobre todo na aba de barlovento, esa que mira ao mar de Fisterra.

E un vai ascendendo pola senda sinuosa, atopa -no primeiro tramo- aquí e alá piñeiros (algúns queimados a cotío polas lumeiradas dos pirómanos) que medran sobre un manto de breixos, toxos, fieitos e carqueixas; o camiño discorre entre valados de pedras de granito que a auga ten areizado co paso do tempo; e o escaso solo resíntese nas pendentes, alí onde se sementan os barrocais e campos de bolos en todas direcións. Coa ollada do camiñante sempre fita nas diaclasas, nas pedras cabaleiras, nos tors invadidos a cotío pola brétema do océano, de seguida aparecen diante de nós os restos da fortificación altomedieval, esa que servira aos habitantes destas terras para protexerse dos piratas -normandos e sarracenos- en tempos escuros que ben poderían semellar aos de Gólgur. A vexetación medra alá no fondo da aba, onde os campesiños insisten coas plantacións de piñeiros, e adquire verdor á beira dos regatos que avean a montaña: un mato de xestas aquí, unha pequena carballeira relicta máis arriba, algún piñeiro silvestre espallado entre o mar de pedra. A pendente empínase antes de chegar ao chan de Lorenzo, lugar no que noutro tempo se explotou o wolfram, e no que uns solos, case de turbeira, amolecen as pegadas dos camiñantes. Un último esforzo para chegar á Moa permítenos contemplar este orgulloso universo de granito, este xigante que reta ás ondas de alá abaixo, as que baten na praia de Carnota, as que amainan na de San Pedro, as que se arremuiñan neste confín do mundo e acougan na enseada de Cee.

Da outra beira, as doces augas do Xallas, remansadas no encoro de Santa Lucía, ferven cando desceden cara ao Ézaro. Terra e mar entrelázanse nunha beiramar estreita, rompente nos días de treboada ou temporal, agarimosa nas xeiras de estío que, despexado o horizonte, ofrecen unha visión inmellorable do finisterrae atlántico. Por aquí terán pasado romanos e normandos, druidas e cregos, excursionistas e veraneantes, pero nunca estará de máis volver ao Pindo. Xa se dixo: “non hai Pindo malo”.

* Bota unha ollada ao que Manuel Gago ten publicado sobre o Monte Pindo no seu blog, Capítulo 0.

Unha paisaxe industrial

A cidade de Ferrol é o centro da comarca costeira de Ferrolterra, en torno á ría de Ferrol, cunha poboación total que supera os 160.000 habitantes (dos que case a metade vive na cidade central) distribuidos en once concellos. Ferrol está situada na marxe setentrional da ría do seu nome.

Desde o século XVIII, a monarquía borbónica impulsou a industrialización da cidade, da man da creación dun arsenal no que se instalan estaleiros navais destinados á construción de buques militares. Polo tanto, o primeiro impulso ven da man da promoción política estatal. Nese intre, Ferrol e a súa comarca vivían por e para a Mariña.

Aproveitando os coñecementos dunha man de obra especializada na produción mecánica e na carpintería de ribeira, e a capacidade técnica dos enxeñeiros ligados ao arsenal militar, xurde Astano (1941). Esta empresa, instalada na marxe meridional da ría (Perlío-Fene), tentará satisfacer a demanda de pesqueiros na posguerra civil, mais a crise dos anos 1970 fíxolle recorrer á participación pública no seu capital.

A dependencia dos investimentos públicos é, sen embargo, continua. En 1947 constitúese a Empresa Nacional Bazán -pertencente ao INI (Instituto Nacional de Industria)-. Aínda que esta empresa tiña sobre todo encargos de buques militares para a Mariña, no contexto dos anos 1960-1970 empezou a construir buques civís destinados ao transporte de petróleo e outras mercadorías.

Así pois, un emprazamento ben protexido no interior dunha ría en embudo e o capital público son os factores principais do establecemento inicial da industria, se ben a abundancia de materia prima forestal (madeira para a construción dos primeiros buques) foi tamén un factor a ter en conta.

Ferrol é un exemplo de localización industrial concentrada, sometida nas últimas décadas a unha profunda desindustrialización. Desde finais da década de 1970, a crise afectou ao sector naval, e, como consecuencia, a redución de emprego en empresas como Astano foi moi importante (o que provocou un clima de crecente conflitividade social). A entrada na Unión Europea (1986) conleva a redución de empresas públicas e a subvención ás mesmas, nun contexto de globalización económica na que os NPI’s (novos países industrializados) ofrecen competencia industrial cunha man de obra máis barata.

Ferrol convírtese así nunha zona industrial en declive (ZID). A partir de 1983, diante do incremento do desemprego e do baleiramento demográfico da área, a administración pon en marcha una política de reconversión industrial e a creación das Zonas de Urxente Reindustrialización (ZUR), co intento de fomentar a diversificación do tecido produtivo e ampliar as expectativas de crecemento económico destas áreas deprimidas.

Ferrol responde ao modelo de complexo industrial, no que hai unha potente concentración de industrias nun espazo reducido, neste caso dependentes dun sector de base que precisou do investimento público para o seu sostenemento. Co tempo, téntase diversificar este complexo converténdoo tamén en complexo portuario (coa construción recente do porto exterior en Cabo Prioriño), no que a importación de carbón destinado ao consumo da central térmica de As Pontes é a actividade principal.

Hoxe en día, a dependencia de Navantia (empresa resultado da fusión de Bazán e Astano, que en tempos recentes ten ampliado o seu labor coa construción de plataformas petrolíferas) continúa a ser significativa no emprego total da comarca. Mais a carga de traballo é insuficiente para manter os postos de traballo -xa moi mermados con respecto aos anos de bonanza-. O emprego directo no sector naval pasou de case 13.000 traballadores en 1983 a apenas 2.300 en 2005. Novos sectores como o das enerxías alternativas -fabricación de pezas para aeroxeneradores e produción de biodiesel- tentan abrirse paso, sen producirse cambio algún con respecto á dependencia das industrias de base. Desde 2007, un elemento paisaxístico significativo é a implantación -en Mugardos, na marxe meridional da ría- da planta regasificadora de Reganosa, que almacena gas licuado.

Outros elementos da paisaxe inclúen: o tecido urbano, desenvolvido cun crecemento importante a partir dos anos 1940; os polígonos industriais nas marxes setentrional e meridional da ría (en boa medida relacionados con actividades de transporte e distribución); un espazo rural, imbricado no contorno urbano, no que perviven hortas de autoconsumo e amplas áreas de explotación forestal; vías de comunicación que tentan facilitar as boas comunicacións con outros puntos do Golfo Ártabro e de Galicia, así como eliminar o illamento que foi causa, noutro tempo, de problemas de accesibilidade á cidade central.

Aínda que o contorno urbano permanece con espazos deteriorados e escasamente rehabilitados, os procesos contemporáneos permitiron abrir un pouco máis a cidade á ría, tradicionalmente oculta polo grande muro dos estaleiros Bazán.

Canto ás perspectivas de presente e futuro, a problemática da crise económica e a falta de carga de traballo no naval -xunto coa larvada dependencia que aínda ten a comarca respecto deste sector- auguran a continuidade de dificultades, aínda que os investimentos en I+D+i poden abrir novas expectativas. 

Unha paisaxe agraria

Camiñando cara ao alto de Santo Antoniño de Toques atopamos unha panorámica do val do río Furelos que expresa ben o cambio da paisaxe agraria galega en tempos recentes. Aínda que pervivan trazos do policultivo tradicional nalgúns casos, o abandono do campo leva a unha explotación máis extensiva, centrada na gandería bovina especializada na produción de carne. Á beira deste predominio de pradeiras sobre o espazo das antigas agras, sinálase un uso intensivo coa aparición de algún que outro invernadoiro especializado nos produtos de horta para os mercados próximos (Melide, Arzúa) e outros máis urbanos e abundantes (Santiago de Compostela); intensiva é tamén a explotación de granxas porcinas.

A transformación do saltus é moi significativa: aínda que neste sector da Galicia central perviven especies autóctonas como os carballos, castiñeiros e bidueiros, a introdución de piñeiros e eucaliptos progresa -con destino á venda para pasta de papel ou taboleiros-, mentres devece o uso que do espazo de matogueira (landa atlántica) se facía para a produción de estrume; esta matogueira é ás veces roturada para crear pradeiras artificiais alí onde as pendentes non son excesivamente elevadas.

Mais tamén hai herdanzas tradicionais ben claras: velaí están as sebes de salgueiros, bidueiros e ameneiros que lindan aínda nalgunhas parcelas, ou velaí as hortas de coles para manter ás galiñas e servir de base para o caldo tradicional que aínda é manxar abondoso nos xantares de aldea. O autoconsumo verificarase con antigas cortiñas hoxe destinadas á produción de patacas e legumes, ao tempo que os froitais surten en tempada de mazás e peras sobre todo. Pero, iso sí, xa non cantan os carros; ao sumo, agora renxen os tratores.

Depresión da Limia

A depresión da Limia é un conxunto paisaxístico que ten modificado de xeito moi sustancial o seu aspecto hai pouco máis de medio século, cando se desecou a lagoa de Antela. Esta ocupaba o fondo da depresión, cartografiada por Fontán -no seu mapa, de 1845, a superficie da mesma pódese estimar en torno ás 2630 Ha-. Máis humanizada coa explotación agropecuaria a partir de finais dos anos 1950, aínda ás veces, nos anos chuviosos, podemos atoparnos no fondo desta depresión, co “retorno da lagoa de Antela”.

* Olla un comentario do medio natural da depresión da Limia.

* Outra visión fotográfica da antropizada “lagoa de Antela”, grazas a http://www.galiciaenfotos.com

Desde Ginzo de Limia a Villar de Barrio, es poco camino, pero, si se quiere, puede durar un día. Abajo se ve la laguna Antela, que ahora andan para desecar; esta fue la obsesión de los economistas del siglo XVIII, y ahora parece que le llegó la vez. Espesuras de juncos y espadañas ocultan parte de ella en el verano; en el invierno, la habitan aves acuáticas, que vienen hasta del más lejano Norte, incluso el cisne boreal, que anidaba en el templo de Apolo Hiperbóreo. En Morgade, hay una iglesia románica de un estilo propio de la Limia. Tumbado a la sombra de la torre del castillo da Pena, vi volar sobre mi cabeza una garza real. Más allá está el abandonado convento franciscano de Trandeiras, a uno de cuyos frailes debemos la noticia de que los terribles cínifes que se levantan zumbando de la laguna, son los ejércitos encantados del Rey Artús.
Que en el fondo de la laguna, y a punto, quizá, de ser descubierta, está la ciudad encantada de Antioquía, es noticia muy vulgar.”

Vicente Risco: Libro de las horas. Gráficas Tanco, Orense, 1961, pp. 37-8.

* Olla un álbum fotográfico de paisaxes de Galicia.