Ecos limiaos (10)

Os antergos dos anfibios (do grego “dobre vida”) arrastráronse fóra da auga hai uns 400 millóns de anos; afirmáronse cando Panxea era un supercontinente; as rás están desde hai décadas en risco de extinción, tal e como Elizabeth Kolbert nos advertía para as rás douradas de Panamá, tal e como examinaba Alex Richter-Boix nos humedais do Norte de Suecia, a causa da extensión dun fungo expandido polas actividades humanas. Neste contexto, algúns veciños de Xinzo de Limia reclamaban, no verán de 2023, o final da veda que -desde hai lustros- impide pescar rás na antiga terra de Antela (en España, a captura destes anfibios está completamente prohibida desde 2019). E lembraban como o porteiro Acuña, do Dépor, saboreou noutro tempo as ancas de rá, confundíndoas con carne de ave. Realmente, quen degusta este prato -afirmado na gastronomía europea desde que os monxes o incluiron no século XII- percibe un sabor evocador do polo.

Croan as rás no Limia en primavera, lonxe de picar no cebo. Outrora foron as súas ancas unha tapa típica dos bares de Xinzo; nos anos 1950 vendíanse na comarca unhas 2 toneladas deste produto. Nalgures cóntase que a duquesa de Longueville desecou parte da lagoa de Antela no século XIX e exportou ancas a Francia. Mais a linaxe de Longueville, de orixe normanda, debeu extinguirse a finais do XVII. Quen así se presentaba seica era Carlota Partington, concesionaria dun aproveitamento hidroeléctrico en 1903 en Ponteliñares e dunha acción de desecamento da lagoa en 1907. 

As rás da lagoa de Antela son curmás de algunhas persoas; da rá Liorta, como conta Mandianes, proceden nove familias distintas, entre elas os Cela -o escritor que reflectíu a lenda da lagoa na súa “Mazurca para dous mortos”-. E son nobres como as irlandesas de Tipperary ou as lusas de Bertiandos, patilongas ou comúns (Pelophylax perezi), habitantes dun mundo húmido e asulagado, que amence a carón das augas do Estorãos. Á beira de Ponte de Lima, este espazo limiao protexido acada 350 hectáreas de vexetación tupida, pasadizos, pontes, canles e lagoas que avivecen en primavera; o símbolo da lagoa de Bertiandos e São Pedro d’Arcos é a rá, contabilizándose na paraxe trece especies de anfibios diferentes. Un centro de interpretación acolle aos visitantes, entre amieiros, salgueiros, fentos,…

O único criadeiro de rás que existe en España é, desde 2023, un na localidade zamorana de Carbellino, explotado pola empresa Grenoucerie. As ancas consumidas no noso territorio proceden preferentemente doutros Estados de Asia e Europa. Son aprezadas en diversas áreas do interior, o delta do Ebro e o Alentejo portugués. Para o seu engorde utilízanse piensos de orixe mariña, mais no insectario da Escola Superior Agrária (ESA) de Ponte de Lima xa se producen escarabellos, grilos, cascudas e moscas soldado de cara a reemprazar o uso de fariña de peixe na acuicultura. 

Na literatura clásica, croaban as rás poñendo nervioso a Dioniso na barca de Caronte, cando remaba polo Aqueronte en busca do inframundo, tal e como nolo describíu Aristófanes. A lagoa de Antela, trasunto da Estixia na que o Lethes converxe, pode seguir agardando a Tabeirón -o personaxe de Cela- coa súa vontade de roubar as campás da igrexa de Antioquía. Bo será que acougue na escoita do coro de anfibios.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑