Protestas agrarias


O sector primario -en especial, en Europa- está nunha encrucillada: elevados prezos dos combustibles, esixencias da PAC por mor da Axenda 2030, competencia de produtores exteriores aos que non se esixen os mesmos estándares de produción que na UE -mesmo ameaza de inclusión da fértil Ucraína como membro-, avellentamento demográfico e riscos ambientais en alza por mor dun quecemento climático que somete á dúbida calquera nova colleita. Sobre o sector recae a necesidade de preservar un medio natural ameazado e no que a especulación dos fondos de inversión ameaza explotacións pequenas, de cara a reconvertilas en monocultivos de produtos exitosos no mercado ou territorios nos que o uso da terra pode mudar cara á construción de grandes plantas enerxéticas.

O cambio climático antropoxénico non dá tregua. Cada mes, cada ano que pasa, os récords térmicos medran, as secas ameazan grandes áreas. España, cuarto produtor europeo de alimentos, triplicou a súa superficie de regadío desde 1950, e a situación semella insostible; os ríos -malia que España non sexa país para eles– están moi regulados, só nos seus cursos altos pervive unha situación ecolóxica aceptable. Os custes de produción agrícola, en consecuencia, medran, e as grandes distribuidoras comerciais non compensan os riscos extras asumidos polos produtores agrícolas.

O planeta precisa dunha #rexénese agrícola, tal e como Georges Monbiot analiza; quizás deba prepararse para unha agricultura levada pola intelixencia artificial. A presión demográfica, os custes enerxéticos, a variabilidade climática, son factores que aconsellan preservar un futuro agrario de certa garantía. Os espazos rurais non poden ser simplemente unha imaxe feérica para urbanitas desentendidos. A España baleira que nos pintou no seu día Sergio del Molino non ha de ser un escaparate, senón máis ben un espazo de habitabilidade, ecolóxico, saneado e produtivo.

Deixar un comentario

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑