Utilizando Iberpix


Iberpix é un visualizador cartográfico publicado polo Centro Nacional de Información Xeográfico (CNIG) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN). Ofrécenos cartografía variada -histórica e actual-, xunto con imaxes de satélite para coñecer axeitadamente o territorio español. Imos utilizalo para comentar unha paisaxe natural, se ben é válido para reflexionar sobre calquera tipo de paisaxe. Á hora de afrontar o comentario dunha paisaxe natural é preciso fixar a atención sobre factores físicos (relevo, vexetación, hidrografía, solos e clima) e a súa interacción con elementos antrópicos (espazos de poboamento, estradas, equipamentos,…).

Imos seleccionar unha imaxe cartográfica da área a comentar, neste caso a área da contorna da Serra do Xurés, en Ourense, nun espazo transfronteirizo que alberga unha interesante riqueza paisaxística, tal e como se albisca na foto de cabeceira desta entrada.

O mapa topográfico da área amosa a presenza de altos cumios ao S, por enriba dos 1.100 m.s.n.m., como A Gralleira -referente ás grallas, ave da familia dos córvidos- e Portela do Viso, con pendentes significativas, tal e como amosa a proximidade das curvas de nivel entre si; o relevo descende en altitude na metade septentrional, se ben se mantén en niveis de case 900 m.s.n.m., na marxe N do encoro do río Salas; as áreas en torno ao encoro congregan os principais asentamentos de poboación, pequenos e compactos -entre os que destacan Randín e Tourem.

A imaxe de satélite ou ortofoto, nas súas tonalidades grisáceas, fainos percibir a presenza da rocha nai, granítica, ofrecendo crestas, tors, campos de bolas e pedras cabaleiras que son características deste modelado. Atopámonos na España silicea, caracterizada por un predominio de terreos paleozoicos, fracturados pola oroxenia alpina, que foron sometidos a un modelado periglaciar -forte meteorización física, mais tamén química, por acción da auga, tal e como delatan topónimos como Areal- por mor da altura do territorio. Moitas destas formas foron aproveitadas para a construción de monumentos megalíticos que rodean o encoro, tal e como delatan topónimos como Pedra Furada e Laxa de Lobeira.

A partir da cartografía da ocupación do solo detectamos a notable importancia da cuberta vexetal, plasmada nos distintos tipos de tonalidades verdes que fan referencia á presenza de ampla biodiversidade, no contacto entre a rexión eurosiberiana e a mediterránea; isto permite a abundancia de matogueiras de landa atlántica, con presenza de toxos, xestas e breixos en áreas máis venteadas e de outeiro, xunto a vexetación arbórea que combina frondosas como rebolos e carballos con coníferas en áreas de repoboación forestal; dedúcese a súa distribución da lenda do mapa topográfico. Topónimos como uzal, toxal ou devesa e carballal remítennos á presenza histórica dos distintos estratos vexetais, que en parte se mantén na actualidade; outros, tales que salgueiro, remiten á importancia dos bosques de ribeira instalados a carón dos ríos e regatos. A bioxeografía incluiría elementos de fauna como a cabra montesa, o lobo, o xabarín… que en parte detectamos tamén na toponimia: Lobeira. A área atópase protexida pola UNESCO desde a creación da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, en 2009. O clima da área correspóndese coa variedade oceánica de montaña, caracterizada por unha alta humidade e temperatura media máis fresca, con certa seca estival.

A hidrografía está marcada polo curso medio do río Salas, afluinte do Limia e que recibe afluintes a dereita e esquerda, ao tempo que é encorado para aproveitamento hidroeléctrico neste páramo que foi asolagado hai máis de 50 anos. Na comparativa co mapa topográfico histórico comprobamos como boa parte dos terreos de labradío que se extendían a carón das principais unidades de poboamento quedaron hoxe abandoados, dedicados a usos que alternan pradería con froitais (castiñeiros, maceiras,…), de xeito que o uso gandeiro destas terras permite a explotación de vacas cachenas e rabaños de ovellas. A acción antrópica, xunto co abandono demográfico, alteraron notablemente a paisaxe.

En conclusión, voltando á imaxe de cabeceira, recoñecemos unha paisaxe natural dividida en tres niveis. No primeiro plano observamos un predominio da cuberta vexetal, na que se mesturan matogueiras de escaso porte con árbores caducifolias, tales que bidueiros e carballos, constituindo bosques caducifolios e mixtos propios da rexión eurosiberiana. No segundo plano domina o encoro sobre o río Salas, unha concentración de auga en montaña, probablemente cun réxime pluvio-nival, coa finalidade dun aproveitamento hidroeléctrico. Ao fondo da imaxe domina o relevo montañoso con cumios nevados, que indican a presenza dun clima de montaña con contrastes térmicos estacionais; pódese deducir a presenza dunha cliserie vexetal que integra caducifolias no piso basal, coníferas no piso montano e pradería no piso subalpino, transicionando cara a un piso sen cuberta vexetal que podería considerarse nival, se ben a altitude máxima destas serras non permite considerar a existencia deste; á beira do encoro distínguense aproveitamentos agropecuarios que conlevan a maior acción antrópica nesta paisaxe natural.

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑