Cambio climático antropoxénico

Hai 10 anos que publicamos este artigo. Desde daquela non deixaron de medrar os anos con anomalías positivas de temperatura e o quecemento global acentuouse. Desde que hai rexistros, 2023 será o ano máis cálido do planeta Terra canto a temperatura media; as concentracións atmosféricas de dióxido de carbono chegan a 421 ppm; o nivel do mar aumenta a un ritmo de 3,7 mm por ano; as secas cébanse con territorios diversos, fanse recurrentes e severas [*]; as inundacións catastróficas provocan perdas cuantiosas, causadas por choivas torrenciais que se acentúan polo requentamento dos océanos; os casquetes polares redúcense a un nivel do 12,6% por década, en comparanza co promedio do período 1981-2010; os glaciares pirenaicos están próximos á súa extinción, despois de perderen o 88% da súa extensión en 2016, en relación coa superficie acadada en 1850

Agora son moi correntes as temperaturas elevadas en diversos meses do ano (o 17 de novembro rexistrouse unha anomalía térmica positiva no planeta superior a 2°C, cando a previsión do Acordo de París de 2015 falaba de reducir as emisións de GEI (dióxido de carbono, metano,…) para evitar chegar a un quecemento global de 1,5 °C; o número de noites tropicais e vagas de calor non deixa de incrementarse na península ibérica; as floracións a destempo das árbores resultan máis correntes do habitual; os lumes de sexta xeración afogan superficies ben amplas, sometidas a riscos erosivos cada vez máis impactantes; a sexta extinción masiva ameaza a biodiversidade; a acidificación dos océanos progresa, a capacidade reprodutiva dos mares mingua.

Os escenarios máis negativos afloran no horizonte. Diante do cambio climático antropoxénico semella que só cabe adaptarse, xa que ven para quedarse. A pegada ecolóxica debe reducirse, outros elementos da contaminación han de controlarse (mellorar a saúde dos cursos medios e baixos dos ríos, reducir o impacto acústico nas cidades e áreas industriais, diminuir a contaminación lumínica, garantir o almacenamento de residuos nucleares, fomentar a reciclaxe e a economía circular,…). Moitas frontes están abertas nun planeta que cuadruplicou o seu número de Sapiens en apenas 100 anos; o incremento de poboación, coa alza dos niveis de consumo globais, acelera a pegada ecolóxica dunha especie intelixente que é incapaz de eliminar a violencia da súa conducta, que resulta voraz de cara a salvagardar as paisaxes naturais.

Cada vez menos científicos defenden a ausencia de cambio climático antropoxénico, mais este problema global ten difícil solución a curto prazo. O labor de concienciación do IPCC e dos cumios da Terra -inaugurados en 1972 en Estocolmo-, xunto coas accións particulares de grupos ecoloxistas e axentes, como Greta Thunberg e Extinction Rebellion -que poñen no centro das preocupacións a emerxencia climática, en pos dunha descarbonización promovida pola Axenda 2030, deberían mover as conciencias de individuos e gobernantes de cara a un futuro máis prometedor para Gaia. Que os consellos de Lovelock e Attenborough non caian en saco baleiro!!!

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑