A poboación española


* Consulta a nota de prensa do INE sobre os datos do padrón municipal 2012.

1. Poboación activa é aquel sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar (16 a 65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desocupada ou desempregada.

2. A esperanza de vida é o cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Representa a experiencia potencial dun grupo hipotético de persoas. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A esperanza de vida é maior nas mulleres que nos homes, situándose en 2011 en 84,8 anos para as mulleres e 78,8 para os homes.

3. O réxime demográfico é un período correspondente ao modelo de transición demográfica cunhas determinadas características canto ao comportamento da natalidade e da mortalidade, coa conseguinte repercusión no crecemento natural ou vexetativo. No antigo réxime demográfico, as altas taxas de natalidade e mortalidade dan lugar a un crecemento vexetativo escaso; as altas taxa de natalidade están xustificadas polo predominio dunha sociedade agraria e tradicional, na que os fillos son considerados como man de obra, e na que a influencia sociolóxica da relixión comporta unha elevada fecundidade; por contra, a mortalidade é alta debido ás malas condicións hixiénicas e sanitarias, á deficiente nutrición e ás habituais guerras que dezman a poboación; dada a alta mortalidade infantil, a natalidade tamén é alta para compensar esta outra taxa. No réxime demográfico moderno, as taxas de natalidade e mortalidade son moi baixas, consecuencia a primeira dunha sociedade urbana con hábitos neomalthusianos de control da natalidade, e con índices de fecundidade e mortalidade infantil moi baixos; a mortalidade, baixa, tende a estabilizarse en valores que ás veces se elevan levemente, debido sobre todo ó avellentamento da poboación. España atópase actualmente no moderno réxime demográfico, como consecuencia de completar o proceso de transición.

4. Un censo de poboación é unha recompilación de datos relativos ao número de individuos que compoñen unha determinada poboación e as súas principais características. Trátase de datos de carácter variado (demográficos, socioeconómicos, socioculturais, etc.) recollidos, de xeito individual, entre todos os individuos que compoñen unha poboación, referidos a un momento dado (momento censal). Os censos, no seu sentido moderno, non comezan a se realizar ata o século XVIII, se ben en Europa non se xeneralizan ata o século XIX e a nivel mundial ata o século XX. En España, o primeiro censo data de 1857. Existe unha grande diferenza canto aos censos que se realizan nos distintos países, sobre todo entre os países desenvolvimos e os non desenvolvimos, tanto no referido aos contidos como aos sistemas de recollida de información, a periodicidade, criterios aplicados na recollida,… Partindo de 1857, os seguintes censos en España lévanse a cabo en 1860, 1877, 1887, 1897, 1900 e a partir dese ano e ata 1970 en todos os rematados en 0. Dende 1981 realizouse o último censo tomando como base censal a partir de agora os anos rematados en 1. Os censos completos e ben realizados permiten, ademáis dunha avaliación absoluta da poboación e a súa localización, analizar outros elementos demográficos, tales como a estructura biolóxica e socioeconómica e os movementos migratorios.

5. saldo migratorio é o resultado de poñer en relación inmigración e emigración nun determinado territorio. O saldo migratorio é positivo cando o número de inmigrantes é superior ao de emigrantes, e negativo cando a emigración supera á inmigración. España ten actualmente saldo migratorio positivo, mentres que nos anos 1960 e principios de 1970, por exemplo, exerceu de Estado no que predominaba a emigración.

6. A taxa de fecundidade xeral pon en relación o número de nacidos vivos co número de mulleres en idade de procrear, isto é, entre os 15 e os 49 anos. A taxa de fecundidade en España en 2005 situábase en 1,35 fillos por muller, isto é, por debaixo da taxa de reemprazo, estimada en 2,1 fillos por muller, signo do avellentamento da poboación española.

7. transición demográfica é un modelo que naceu no 1930 como unha descrición dos cambios demográficos acaecidos ao longo do tempo nos países desenvolvidos: transición dende unha situación de altas taxas de natalidade e mortalidade a outra caracterizada por un descenso delas. A finais da década de 1960 converteuse nunha perspectiva demográfica. Considéranse nela tres fases: unha primeira caracterizada por un crecemento natural bastante baixo, derivado de taxas de natalidade e mortalidade altas (antigo réxime demográfico); a segunda (transición demográfica propiamente dita) caracterízase pola transición a taxas baixas e capacidade potencial que se fai efectiva ao descender a mortalidade antes que a natalidade, permitindo un rápido crecemento demográfico; na terceira etapa (réxime demográfico moderno), a taxa de mortalidade acada o nivel máis baixo, mentres que a fecundidade pode continuar decrecendo ata dar co tempo lugar a un decrecemento da poboación. Os países desenvolvidos como España experimentaron o proceso completo de transición, aínda que os menos desenvolvidos non. Con respecto á Europa nórdica e occidental, sen embargo, España experimentou esta transición con certo retraso.

8. padrón municipal é -segundo se define nun decreto de 1971- un instrumento público e fehaciente a todos os efectos administrativos, que contén a relación dos habitantes dos termos municipais (nome, apelido e domicilio) con algunas das súas características. Censo e padrón amosan algunhas coincidencias pero tamén importantes diferenzas. O censo é un documento estatístico que reflicte o estado da poboación nun momento determinado; o padrón é un documento dinámico que debe actualizarse constantemente cos cambios de residencia e os orixinados polos matrimonios, nacementos, defuncións, etc… Se o censo se realiza cada dez anos, o padrón faise cada cinco, mais actualmente –debido á informatización do mesmo e como pon de manifesto a Lei 4/1996- os concellos remiten ó INE dixitalmente os resultados das altas e baixas municipais no padrón; ademáis, publícase por parte do INE un resumo anual dos cambios. Os padróns teñen que conter unha información mínima sobre a poboación do municipio; polo menos teñen que figurar os seguintes datos: nome e apelidos, situación de residencia, sexo, estado civil, parentesco ou relación co cabeza de familia, lugar e data de nacemento, nacionalidade, nivel de instrución e ocupación. O censo é un documento secreto e os seus datos só poden ser publicados de xeito global; o padrón, en cambio, é público. O padrón é responsabilidade dos concellos, mentres que o censo depende do INE.

Deixar un comentario

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑