Máis labirintos


As cidades asolagadas -tales que Ys, á que honra Alan Stivell– láianse polas transgresións cometidas, e velaí que o océano as engulíu. A podremia e os sedimentos de habitáculos abandoados aséntanse sobre as ruinas das civilizacións. Igual que se perderá no futuro a memoria do formigón, tamén xacen enterrados os segredos dos minoicos e os seus labirintos. A construción do aeroporto de Kasteli, en Creta, descobre un “labirinto” de 3700 anos, un edificio circular en pedra, de aproximadamente 48 m de circunferencia e 1800 m2 de superficie, con oito aneis imbricados entre si mediante pequenas aberturas. Os muros deste espazo teñen un grosor medio de 1,40 m e a altura dun humano estándar (1,70 m), na mesma illa en que o arquitecto de Minos construíu o dédalo no que o rei mandou encerrar ao minotauro. O recinto foi atopado cando se trazaba a ubicación do radar do aeroporto; no seu momento debeu ser un espazo de culto relixioso.

E velaquí que ven á mente o mito no que Teseo foi quen de entrar no labirinto, matar ao minotauro para liberar á cidade de Atenas do tributo anual das sete doncelas que tiñan que enviar a Creta, e saír vivo grazas ao nobelo desenredado que a amada Ariadna lle deixou, para voltar sobre as súas pegadas e non perecer no interior da construción. O fío semella aquí unha artimaña para suplir a desmemoria, o esquecemento que pode levar á inanición.

Un mal diagnosticado a comezos do século XX por un neuropsiquiatra alemán, o Alzheimer, é a mostra máis notable de demencia en anciáns. Esta enfermidade, causada pola perda de conexións entre neuronas e danos ás células cerebrais, está asociada a factores xenéticos, ambientais e de avellentamento. O deterioro do razoamento, problemas de visión e de localización espacial, xunto coa perda de capacidade para expresar verbas, son manifestacións desta doenza; o deterioro acentúase co tempo e, por desgraza, as persoas que padecen este mal acaban non sendo conscientes dos seus actos.

Unha vida saudable axuda a manter o cerebro san. Canto nos gusta crer que as cidades asolagadas son contos, que non son froito da desmemoria! Canto festexamos a argucia de Ariadna para evitar o esquecemento do camiño por parte de Teseo! Canto máis felices seremos o día en que os científicos remedien o Alzheimer! Mentres tanto, só nos queda traballar a memoria, tecer lendas que nos manteñan despertas, que alimenten a nosa curiosidade… Porque ese tamén será o xeito de estimular a máquina que consume o 25% da nosa enerxía cada día, que nos orienta e nos dirixe, o noso cerebro, a un 100% de rendemento continuo -mesmo cando durme, ou durme só o noso corpo?

Deixar un comentario

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑