Ecos limiaos (12)


De seguro que nas noites de lúa chea non hai lobishomes en Compostela, nin o Marrequiño (frade chepudo que o dicir popular vende como fantasma) anda a enterrar portugueses que viñeron á vendima, no patio da Escusalla. Máis alá das mareas altas e baixas, das vivas cando Sol, Terra e Lúa se aliñan, o noso satélite non é causante de problemas psiquiátricos nin de nacementos a maiores, ben que sirva de inspiración creativa para poetas e astrólogos.

A Escusalla é unha mansión barroca en ruinas, longamente espoliada, que ben podería ser museo ou casa rural, mais permanece abandoada a carón dunha curva, agochada baixo unha vexetación frondosa que sementa musgo nas pedras e protexe do sol, no verán candente, con follas de carballo. O lugar, na parroquia de Manín, concello de Lobios, semella axeitado para sesións de ouija na noite estrelada. A planta do edificio, construido no século XVIII, ten forma de U, con cortes no piso inferior e múltiples habitacións pequenas de piso de madeira no superior. Os muros e piares de cantería -perpiaño nunhas partes, cachotería noutras- denotan un porte nobre, que se manifesta sobre todo no balcón sobre canzorros moldurados que mira cara ao fondo do val do Lima, hoxe encorado para o seu aproveitamento hidroeléctrico en Lindoso. A carón do edificio residencial, de aire pacego, érguese unha capela de nave única, na que a furnela tras do altar conserva ben veces candeas que alumean. A inscrición do lintel da porta de entrada á capela indica que o lugar é “SACELLUM D JOSEPH”, ou sexa, é lugar sagrado dedicado ao santo, ou á memoria do abade que a mandou erixir?.

A casa, de grandes dimensións, foi encargada como reitoral por don José Martínez y Parga, abade de Manín que debeu exercer de xuiz inquisidor. Tras a desamortización eclesiástica de Mendizábal, a propiedade pasou a mans privadas, ata o seu abandono definitivo en 1931, cando a herdaron os catro fillos dun canteiro de Padrón que a mercara a comezos do século XX; tres dos fillos mantiveron a titularidade da vivenda, o cuarto seica vendeu a súa parte por 1.750 pesetas e un traxe novo. Foi a comezos da Segunda República cando a casa perdeu a súa habitabilidade. Hoxe en día, o 75% da propiedade é do Estado. Mesmo estivo en mente dos técnicos usar o recinto como zona de exposición sobre a riqueza natural e cultural do parque transfronteirizo Xurés/Gerês, ou incluso ubicar alí unha tenda-restaurante con produtos locais como queixo e mel. Mais cando os viandantes se achegan só albiscan un recinto desamparado e tinguido de lenda.

De facermos caso ás revelacións de veciños e espontáneos, á súa inclusión no catálogo de lugares máxicos, A Escusalla é digna de ingresar nos fenómenos paranormais de Charles Fort; mesmo un médium como Zanzic -do que se conta que foi quen de facer crer a un ancián viúvo que fornicaba coa súa muller defunta- podería invocar espíritos de frades en noites escuras. Non semella que a casa sexa máis ca un reclamo para Cuarto Milenio, e só o abandono a adormece no misterio. Que sería dela ben rehabilitada, como fixo o empresario rioxano José María Galán, que volveu á vida as casas da vella aldea de Couso, a carón dun Limia xoguetón e cantarín -aínda co nome de Freixo-, no concello de Sarreaus, cando as augas do río se amosan limpas e transparentes? 

En terras de Lobios úlese a artificial fronteira, o Lima remansa e baléirase por mor da seca ou da sobreutilización para producir electricidade coa forza da auga. É entón cando emerxen as vellas vivendas, campos de sementeira, hórreos e cemiterio de Aceredo, o pobo asulagado cara ao que olla o balcón da Escusalla. Alí abaixo, no fondo do val, tamén se poderían escoitar laios de outrora; nas tardes abafantes de estío, a lembranza arde e encolle o corazón; ás veces, o silencio sepultado dos mortos e emigrados vese roto por quads e motos que aproveitan os antigos camiños para queimar combustible a esgalla. Agradécese, porén, o camiñar silente dos herdeiros daquela traxedia, xunto cos dos viandantes concienciados que honran a memoria daqueles días afogados.

Deixar un comentario

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑