Ecos limiaos (11)


A rá de pedra da praza bispo Idacio é tan límica como o aristócrata galaico-romano que ocuparía na época adulta a sé de Aquae Flaviae, a actual Chaves -acomodada no veciño val do Támega, nunha feraz veiga rebordante de augas para o baño. Un estanque preside o recuncho a carón da estrada principal que atravesa Xinzo, no lugar que os naturais coñecen como “o xardín“, cunha fonte de 1955 surtindo de auga aos camiñantes da Vía da Prata que se internan na vila.

Probablemente Idacio naceu en villa romana campestre, a finais do século IV, cando a punto estaban os suevos de entrar en Gallaecia, cando o imperio de occidente exhalaba o seu último alento de resistencia. As súas orixes están vencelladas ao Forum Limicorum mencionado por Estrabón, e que é obxecto de debate entre investigadores, desde que apuntara -a finais do século XIX- o presbítero Macías que se correspondía co asentamento da Cidá de Monte do Viso, en Nocelo da Pena (Sarreaus). Estudos recentes como a tese de doutoramento de César Candelas recollen a posibilidade de que a “Civitas Limicorum” se asentase propiamente en Xinzo. 

Idacio, terratenente aristocrático apartado da vida ascética que tomaron outros anacoretas do seu tempo, debeu ser elevado ao cargo de bispo de Chaves en 427. A cidade tiña unha importancia significativa xa no século I, de cando data o Padrão dos Povos -ergueito no centro da ponte romana de Aquae Flaviae, monumento que sinala dez comunidades nas que é preeminente esta vila, con minas de ouro nas proximidades e uns 2.000 habitantes en época tardorromana. O status de bispo de Chaves de Idacio foi posto en cuestión a finais do século XX por Ferro Couselo, dado que esta sé non debía existir en tempos da vida do protagonista (non figura no Parroquial Suevo).

Idacio dá conta da extensión por Gallaecia do priscilianismo (“Exim, in Gallaecia Priscilianistarum haeresis invasit”), de pasado pagán, e arremete contra arrianos, maniqueos e herexes na súa “Crónica” -traducida ao galego por José Antonio López Silva-, un dos textos para mellor coñecer a sociedade do século V en Hispania. O límico difunde un afianzamento cuestionable do cristianismo en Gallaecia, segundo Rosa Sanz. Tamén menciona o asalto de 457 á cidade de Braga, por parte dos godos de Teodorico. En 460, os suevos atacaron Chaves e detiveron a Idacio, que conserva na vila lusa unha rúa estreita e peonil co seu nome, das que suben cara ao castelo e asentaban as casas na muralla medieval.

Mentres tanto, o xardín de Xinzo evoca a memoria do bispo, un limiao senlleiro; desde hai medio século loce a placa neste espazo que rezumaba ulido a peixe, nos días de feira, hai unha década. Sitúase nun solar que pertenceu á familia de Ramón Enríquez  Cadórniga, o maxistrado que xulgou os sucesos de Casas Viejas e condeou a José Antonio Primo de Rivera por tenza ilícita de armas; o xuiz pasaba as súas vacacións en Xinzo cando se producíu o levantamento militar de 1936, e inmediatamente foi levado á prisión de Burgos, ata o final da guerra incivil. É un xardín ben máis pequeno e menos romántico ca o do banqueiro Sotto Mayor, nado en Valpaços e que fixo fortuna en Brasil, que doou en 1897 o espazo de 1,5 Ha -cunha canle de auga, plátanos, cedros, palmeiras, roseiras- que había de converterse catro anos máis tarde en xardín público de Chaves, a carón, na súa beira curta, do km. 0 da mítica N2 portuguesa, a vía interior que comunica a rexión trasmontana co Algarve. Cando se accede ao bar que leva o nome do punto inicial desta estrada, unha rá de cartón-pedra albíscanos baixo o moble da entrada.

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑