LabirintOleiros


Como nos conta Kevin R. Wittmann en “La huella de los mapas”, os mapas cartografían a nosa existencia. Son simplificacións dos traxectos cotiáns, das cancións da vida, esquemas de singraduras vitais que nos guían por un camiño persoal. Na busca da cartografía máis antiga, o mapa de Abauntz -descuberto en 2009- remítenos ao Paleolítico -hai máis de 13.500 anos, a tempos en que a caza e a pesca eran actividades esenciais. Outro exemplar, máis recente, é o plano de Çatalhöyük, datado cara a 8570 a.e.c.

Os mapas son labirintos. Artistas como Warlimpirrnga, aborixe australiano, apelan ás songlines, que simulan curvas de nivel, para representar a herdanza do territorio, de cara a construir a súa obra. Os sendeiros son camiños que absorben a historia dos pobos indíxenas e a xeografía da illa-continente. Os mapas son labirintos do mundo coñecido: na Idade Media, o mapamundi de Hereford (ca. 1300) amosa o mundo coñecido daquela (420 cidades, 32 lugares e incontables escenas bíblicas e mitolóxicas, xunto con animais e plantas), presidido pola figura de Deus entronizado. A primeira vez que Galicia semella aparecer nun mapa como centro do mundo -pois a peregrinaxe a Compostela movía a fe neses tempos- é no mapa de Sawley (1190). Os tempos medievais foron momentos de “labirintización” de viaxes e percorridos de santidade: Matthew Paris deseñou un itinerario de Londres a Palestina cara a 1250, o labirinto da catedral de Chartres (ca.1220) inspirou os de catedrais contemporáneas como a de Grace, en San Francisco (e serve de base para moitas das actividades propostas en https://labyrinthsociety.org/).

O territorio galego foi ben documentado por Domingo Fontán no primeiro terzo do século XIX. A súa Carta Xeométrica, publicada en 1845, recolle informacións sobre o territorio con enorme precisión. Hoxe en día, un visor como Iberpix permite a consulta dos mapas topográficos históricos e das fotografías aéreas recentes de toda España. Cada fragmento é unha viaxe de fantasía, unha opción para a imaxinación. Atréveste a facer unha pequena “viaxe iniciática” pola nosa terriña máis próxima, polo Oleiros dos castros, das rúas, dos fitos e dos espazos senlleiros?

  • Atrévete a crear o teu LabirintOleiros, un percorrido pola memoria do concello. Pode ter a forma de imaxe interactiva, de croquis-sendeiro, de labirinto con relevo…

Deixar un comentario

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑