O ano das marabillas

¿Cal é o motor da historia? A economía e as ideoloxías apúntanse como factores relevantes. Mais detrás delas poden estar a xeoloxía, a meteoroloxía ou a velocidade de rotación da Terra: a Natureza, a nai que científic@s e aventureir@s, exploradores e navegantes trataron de desvelar nesta era que vivimos, a “era colombina”.

O tempo e o clima condicionan as colleitas, favorecen excedentes ou truncan froitos. En 1783, a erupción do volcán islandés Laki encheu de néboa os ceos europeos, igual que a do Tambora en 1815 daría lugar ao “ano sen verán” que impulsou o mito de Frankenstein. O verán de 1783 foi treboento en Europa central, e a escaseza inundou Islandia.

Diante de Lois XVI, en Versailles, os irmáns Montgolfier levaron a cabo o primeiro voo en globo tripulado con seres vivos (ovella, parrulo e galo), en agosto de 1783. Seis anos e meses despois, o pazo real era asaltado polo Terceiro Estado. Detrás da revolución de 1789 había un pobo esfameado que reclamaba tamén dereitos políticos, impulsado por unha ideoloxía ilustrada que encamiñaba a quen desexaba ampliar o coñecemento a subir aos ceos e comprobar como era a atmosfera.

E o desexo de coñecer non fixo outra cousa que impulsar o ascenso cara ás alturas de Glaisher e Coxwell, de Piccard, mesmo o desexo de batir récords por parte de Kittinger e Baumgartner.

Aquel 1783 foi tildado de “ano das marabillas”. A historia contemporánea podía ter arrancado alí, e non en 1789. Porque as razóns profundas da historia atópanse na intrínseca natureza da Terra. Somos terrícolas ansiosos por descubrir #AlgoNovoNosCeos.

Esta e moitas outras curiosidades atoparalas no marabilloso último libro de Antonio Martínez Ron, unha verdadeira enciclopedia do descobremento da atmosfera.

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑