Verán ’24

Despois dun ano académico florido e fermoso, un estío que non sexa outro ano sen verán poderá reconciliarnos coa templanza, a curiosidade e a atmosfera. Debe ser tempo de inmersión na natureza, de observación das nubes para descubrir pareidolias, de identificar néboas de advección e arreboles, cumulonimbos e lóstregos, que de todo ofrecerán os ceos.

Un bo libro para identificar os #CeosRetratados é o que José Miguel Viñas ven de publicar en Crítica. Trátase dun percorrido polos estados da atmosfera no mundo da arte, con especial fincapé nas paisaxes que, desde o Renacemento, se afirman nos fondos das obras de Patinir, Mantegna, Brueghel, Velázquez, Vermeer, Goya… e que acadan plena importancia cos románticos ingleses e os impresionistas do XIX. O coñecido meteorólogo descóbrenos as nubes, o vento, a néboa, os ceos encendidos. Nunha mostra de interrelación entre ciencias e humanidades, este libro da terceira cultura ofrécenos un paseo virtual polos museos máis relevantes do continente e por obras que teñen un impacto directo no estudo da bóveda celeste.

A atmosfera ofrécenos calma e ira, azul lapislázuli abundante -cando este mineral era barato- e concentracións de vermello e verde (R/G) por enriba da media, en momentos nos que explosións volcánicas como as do Tambora e o Krakatoa tinguiron os ceos de rosicler. A neve e o xeo poden ser expresión de estados mutantes da natureza, ou amosar cambios climatolóxicos que deron lugar á Pequena Idade do Xeo desde mediados do século XV. Viñas explica os hidrometeoros e situacións meteorolóxicas e climatolóxicas singulares (as árbores batidas polo vento, as inversións térmicas, as néboas de advección e evaporación, a abundancia de aerosois causada pola dispersión de Mie, mesmo o cambio climático deducible da comparación do nivel das augas nos cadros de Canaletto co nivel actual,…), que os británicos Constable e Turner, o romántico Friedrich e o impresionista Monet foron quen de capturar.

A atmosfera é cambiante, só ofrecerá tregua coa presenza continuada do anticiclón das Azores nas nosas latitudes -que incrementa a súa influencia a medida que o Jet Stream ascende en latitude. Poderán ser días de praia ou montaña, momentos de lecer no que disfrutar dun mar de nubes sublime ou dunhas vagas que envolvan os corpos dos nenos, como nos cadros de Sorolla. Pode que nun momento dado aparezan nubes lenticulares a sotavento, ou cúmulos de desenvolvemento vertical por mor da condensación. O solsticio de verán de 2024 arrancará ás 22:51 (hora peninsular) do 20 de xuño, e será momento de lecer e reposición, de aprendizaxe e disfrute. Desde aquí só queda desexarvos que o pasedes a gusto, con quen mellor vos sintades.

Aproveitade para continuar a estimular a vosa curiosidade, que o cerebro se nutra de novas experiencias e saberes. Vémonos de novo en setembro?

Máis labirintos

As cidades asolagadas -tales que Ys, á que honra Alan Stivell– láianse polas transgresións cometidas, e velaí que o océano as engulíu. A podremia e os sedimentos de habitáculos abandoados aséntanse sobre as ruinas das civilizacións. Igual que se perderá no futuro a memoria do formigón, tamén xacen enterrados os segredos dos minoicos e os seus labirintos. A construción do aeroporto de Kasteli, en Creta, descobre un “labirinto” de 3700 anos, un edificio circular en pedra, de aproximadamente 48 m de circunferencia e 1800 m2 de superficie, con oito aneis imbricados entre si mediante pequenas aberturas. Os muros deste espazo teñen un grosor medio de 1,40 m e a altura dun humano estándar (1,70 m), na mesma illa en que o arquitecto de Minos construíu o dédalo no que o rei mandou encerrar ao minotauro. O recinto foi atopado cando se trazaba a ubicación do radar do aeroporto; no seu momento debeu ser un espazo de culto relixioso.

E velaquí que ven á mente o mito no que Teseo foi quen de entrar no labirinto, matar ao minotauro para liberar á cidade de Atenas do tributo anual das sete doncelas que tiñan que enviar a Creta, e saír vivo grazas ao nobelo desenredado que a amada Ariadna lle deixou, para voltar sobre as súas pegadas e non perecer no interior da construción. O fío semella aquí unha artimaña para suplir a desmemoria, o esquecemento que pode levar á inanición.

Un mal diagnosticado a comezos do século XX por un neuropsiquiatra alemán, o Alzheimer, é a mostra máis notable de demencia en anciáns. Esta enfermidade, causada pola perda de conexións entre neuronas e danos ás células cerebrais, está asociada a factores xenéticos, ambientais e de avellentamento. O deterioro do razoamento, problemas de visión e de localización espacial, xunto coa perda de capacidade para expresar verbas, son manifestacións desta doenza; o deterioro acentúase co tempo e, por desgraza, as persoas que padecen este mal acaban non sendo conscientes dos seus actos.

Unha vida saudable axuda a manter o cerebro san. Canto nos gusta crer que as cidades asolagadas son contos, que non son froito da desmemoria! Canto festexamos a argucia de Ariadna para evitar o esquecemento do camiño por parte de Teseo! Canto máis felices seremos o día en que os científicos remedien o Alzheimer! Mentres tanto, só nos queda traballar a memoria, tecer lendas que nos manteñan despertas, que alimenten a nosa curiosidade… Porque ese tamén será o xeito de estimular a máquina que consume o 25% da nosa enerxía cada día, que nos orienta e nos dirixe, o noso cerebro, a un 100% de rendemento continuo -mesmo cando durme, ou durme só o noso corpo?

Ecos limiaos (12)

De seguro que nas noites de lúa chea non hai lobishomes en Compostela, nin o Marrequiño (frade chepudo que o dicir popular vende como fantasma) anda a enterrar portugueses que viñeron á vendima, no patio da Escusalla. Máis alá das mareas altas e baixas, das vivas cando Sol, Terra e Lúa se aliñan, o noso satélite non é causante de problemas psiquiátricos nin de nacementos a maiores, ben que sirva de inspiración creativa para poetas e astrólogos.

A Escusalla é unha mansión barroca en ruinas, longamente espoliada, que ben podería ser museo ou casa rural, mais permanece abandoada a carón dunha curva, agochada baixo unha vexetación frondosa que sementa musgo nas pedras e protexe do sol, no verán candente, con follas de carballo. O lugar, na parroquia de Manín, concello de Lobios, semella axeitado para sesións de ouija na noite estrelada. A planta do edificio, construido no século XVIII, ten forma de U, con cortes no piso inferior e múltiples habitacións pequenas de piso de madeira no superior. Os muros e piares de cantería -perpiaño nunhas partes, cachotería noutras- denotan un porte nobre, que se manifesta sobre todo no balcón sobre canzorros moldurados que mira cara ao fondo do val do Lima, hoxe encorado para o seu aproveitamento hidroeléctrico en Lindoso. A carón do edificio residencial, de aire pacego, érguese unha capela de nave única, na que a furnela tras do altar conserva ben veces candeas que alumean. A inscrición do lintel da porta de entrada á capela indica que o lugar é “SACELLUM D JOSEPH”, ou sexa, é lugar sagrado dedicado ao santo, ou á memoria do abade que a mandou erixir?.

A casa, de grandes dimensións, foi encargada como reitoral por don José Martínez y Parga, abade de Manín que debeu exercer de xuiz inquisidor. Tras a desamortización eclesiástica de Mendizábal, a propiedade pasou a mans privadas, ata o seu abandono definitivo en 1931, cando a herdaron os catro fillos dun canteiro de Padrón que a mercara a comezos do século XX; tres dos fillos mantiveron a titularidade da vivenda, o cuarto seica vendeu a súa parte por 1.750 pesetas e un traxe novo. Foi a comezos da Segunda República cando a casa perdeu a súa habitabilidade. Hoxe en día, o 75% da propiedade é do Estado. Mesmo estivo en mente dos técnicos usar o recinto como zona de exposición sobre a riqueza natural e cultural do parque transfronteirizo Xurés/Gerês, ou incluso ubicar alí unha tenda-restaurante con produtos locais como queixo e mel. Mais cando os viandantes se achegan só albiscan un recinto desamparado e tinguido de lenda.

De facermos caso ás revelacións de veciños e espontáneos, á súa inclusión no catálogo de lugares máxicos, A Escusalla é digna de ingresar nos fenómenos paranormais de Charles Fort; mesmo un médium como Zanzic -do que se conta que foi quen de facer crer a un ancián viúvo que fornicaba coa súa muller defunta- podería invocar espíritos de frades en noites escuras. Non semella que a casa sexa máis ca un reclamo para Cuarto Milenio, e só o abandono a adormece no misterio. Que sería dela ben rehabilitada, como fixo o empresario rioxano José María Galán, que volveu á vida as casas da vella aldea de Couso, a carón dun Limia xoguetón e cantarín -aínda co nome de Freixo-, no concello de Sarreaus, cando as augas do río se amosan limpas e transparentes? 

En terras de Lobios úlese a artificial fronteira, o Lima remansa e baléirase por mor da seca ou da sobreutilización para producir electricidade coa forza da auga. É entón cando emerxen as vellas vivendas, campos de sementeira, hórreos e cemiterio de Aceredo, o pobo asulagado cara ao que olla o balcón da Escusalla. Alí abaixo, no fondo do val, tamén se poderían escoitar laios de outrora; nas tardes abafantes de estío, a lembranza arde e encolle o corazón; ás veces, o silencio sepultado dos mortos e emigrados vese roto por quads e motos que aproveitan os antigos camiños para queimar combustible a esgalla. Agradécese, porén, o camiñar silente dos herdeiros daquela traxedia, xunto cos dos viandantes concienciados que honran a memoria daqueles días afogados.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑