Discurso de graduación 2024

Prezadas alumnas e alumnos, nais, pais e demáis familia, membros da comunidade educativa do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas:
Benchegadas a este acto nun día especial, o día do pan, o día de San Brandán.

Pan é “todo”. Vós sódelo. Personificades a potencia de devenir enxeñeiras, doutoras, economistas, arquitectos, albaneis, electricistas, deseñadoras, xornalistas, técnicos, maxistrados… persoas dignas, guiadas por obxectivos nobres e utilitarios. En vós están depositadas as esperanzas das vosas familias e dunha sociedade que precisa da vosa intelixencia. Mais sabede que, como dicía Carl Sagan, a intelixencia non é só información, senón tamén xuizo para manexala. Intelixencia natural, por suposto, non desa artificial coa que coqueteades hai un tempo.

Ollando o listado de aulas de 2º de Bacharelato deste ano académico, constituistes un viveiro no que sementar, un outeiro cheo de queirugas e soutos, unha horta de pereiras, ameixeiras, un vilariñoin festa”, mesmo vilar que ule a ramos de romeiro, un castro branco e pardo coroado por caxigos con silva e anta no medio dun lameiro. Mesmo poderiades ser lagos de xaspe, vivas portais nas que cedo un conde ou un rei tratarían de mirar a faciana oculta dunha lúa que pousa o seu halo sobre quen naceu para coidar. Cantos de vós me haberiades de deixar un xiz para pintar un trillo, un plano de Ferrol, Mansilla, Miranda ou Bazán? Quizás Marta, Elena, Mauro, Indira, Daniel, Lucas, Ana, Iván, Zas? Pois convosco usamos xiz e teclado, lapis e papel, amasamos os vosos lóbulos frontais candidamente, para facer agromar a curiosidade.

Houbo que elaborar pan en seis pasos, digamos cursos: primeiro, mesturando os distintos ingredientes, pois sodes sementes de variedades diferentes; a continuación houbo que amasar, para deixar levedar e darlle forma; todos estes procedementos foron obrigatorios, ata finalizar a ESO. Xa no bacharelato, unha segunda fermentación e o corte das pezas déixavos ás portas do mundo adulto. O profesorado, parsimonioso, seguíu o proceso que aconsellaba Neruda, hai 70 anos, na súa “Oda ao pan”, que empezaba así:

PAN

con harina, agua y fuego te levantas,

espeso y leve, recostado y redondo,

repites el vientre de la madre,

equinoccial germinación terrestre.

E velaquí o resultado desa xerminación: un verxel, auténtica verdolatría, que diría Santiago Beruete… Intelixencias naturais en busca da felicidade.

O pan faise con esforzo, o mesmo que precisaredes para coñecervos a vós mesmas e mesmos, para continuar a construirvos. Gnóthi seautón, nosce te ipsum, que estaba escrito en letras douradas á entrada do santuario de Delfos. Buscade as vosas fortalezas, seguide o camiño que vos leve a aprender o oficio, a profesión na que mellor vos encarnedes, sede hedonistas, disfrutade sempre.

Agora que vos ides, deixades na retina aquel corcho de aula esnaquizado en 3º de ESO, algunha profe encerrada no seu departamento, o xogo de botar a outro profesor dunha videoconferencia, o pinganillo delator de cometer infraccións en exames, algunha que outra saída de pista en Formigal, mesmo a tendenza de moda das chanclas con calcetín,…

O que queda aquí hoxe é nostalxia, unha sinfonía agridoce ao rematar o período de lecer, o agromar das árbores cando chega a primavera, as robalizas pescadas na ría, os 400 nomes históricos dunha lista que caían como 400 golpes de Truffaut. Cando vaiades aos vosos destinos universitarios en tren, de seguro que moitos teredes ben interiorizada a historia do ferrocarril que aprendestes con Xurxo…

Sapere aude, ousade saber, que dicía Kant -do que este ano conmemoramos 300 anos do seu nacemento-, mantede ese espírito ilustrado que vos faga medrar sen límite. E lembrade que “a cultura non fai á xente, senón a xente á cultura”, como nos di Chimamanda Ngozi.

Para concluir, lémbrovos que San Brandán partíu, xunto con outros catorce freires, no ano 516, á percura do Paraíso terreal, que seica debeu atopar en América. Vós partides agora á busca do voso paraíso, gozade e ensanchade o hipocampo na singradura. Sede amos do voso destino, capitanas da vosa alma, como dicía Henley e recitaba Mandela todos os días en prisión. Xa sodes libres, voade alto, vós tamén seredes “invictus”. Que a forza vos acompañe!!! 

Auditorio Gabriel García Márquez, Mera, 16 de maio de 2024

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑