mardeoleiros

Barca en Santa CruzPraia de Mera  Poñemos a disposición do alumnado de 3º ESO unha información básica para elaborar o proxecto mardeoleiros, un estudo xeográfico-ecolóxico-económico sobre a nosa costa.

Advertisements

Cinema para o período 1914-1945

O imperialismo europeo no Congo -ou o estadounidense trasposto en Vietnam, o pacifismo de Kubrick á hora de abordar un episodio da guerra de trincheiras durante a Primeira Guerra Mundial,  a crítica irónica de Orwell á revolución bolxevique -a partir da súa obra “Rebelión na granxa”- ou a acidez coa que Chaplin apunta contra o nazismo en “O gran dictador” son obxecto de traballo e referencia e estudo neste segundo trimestre do curso 2007-08.

Un tal capitán Rom, que tiña cravadas caveiras de congoleños sobre estacas á entrada da súa cabana, inspirou ó tebroso Kurtz de “O corazón da escuridade” -novela de Joseph Conrad-, un axente da compañía do rei Leopoldo no interior das súas posesións cara a finais do século XIX. E Coppola caracterizou a Marlon Brando como un despiadado militar norteamericano no interior de Cambodia seguindo esta imaxe, en plena intervención estadounidense no Vietnam (1964-1973).

Centrada na Primeira Guerra Mundial, concretamente no período da guerra de posicións, un ataque suicida das tropas francesas ás posicións alemás de Agnoc, serve de fondo a Stanley Kubrick para plantexar unha película pacifista, na que a trama inclúe a análise da estupidez da guerra, sobre todo encarnada no xuizo a tres soldados escollidos ao chou e acusados de cobardía.

A crítica mordaz de George Orwell á revolución bolxevique recréase nunha fábula animal que ten por esceario a granxa Manor. Todos os animais son alegorías revolucionarias, e ao final, o escritor británico pon de relevo o ascenso do totalitarismo exemplificado en Stalin, causante do Gulag.

Estreada en 1940 en Estados Unidos, a sátira de Charles Chaplin contra o fascismo, e máis concretamente contra Hitler e o nacionalsocialismo, pasa por ser un film de imprescindible visionado, que remata cun alegato en favor de recuperar a sinxeleza da humanidade, en gran medida destruída, a dicir de Chaplin, polo maquinismo que tamén criticara en “Tempos modernos”.

Arte islámica

Extendéndose sobre territorios que antes foran romanos, ou paleocristiáns, ou bizantinos, os musulmáns incorporan á súa arquitectura as influenzas de etapas artísticas anteriores, e centran na mesquita os seus obxectivos construtivos. Dentro da variedade das mesquitas prevalecerá a de planta lonxitudinal herdada da tradición paleocristiá. En Al-Andalus incorpórase o arco de ferradura de orixe visigótica, mais modificado e coa adición de alfiz.

Ademáis da arquitectura relixiosa, a civil acada en Al-Andalus un importante papel, coa construción de cidades como Madinat-al-Zahra, na época de meirande esplendor califal cordobés. A construción palacega máis salientable, non obstante, é a da Alhambra, de época nazarí.

Consulta un breve resumo da arte islámica a cargo do profesor Carlos Mas.

Primeira Guerra Mundial

Sirvan de introdución a este tema aquelas lembranzas de Stefan Zweig sobre a Grande Guerra, cando a comparaba coa Segunda Guerra Mundial:

“Unha veloz excursión ao romanticismo, unha aventura tola e viril: velaquí como imaxinaba a guerra o home sinxelo de 1914, e os mozos mesmo temían que lles faltase este marabilloso e apaixonante episodio na súa vida; por iso correron fogosos a agruparse baixo as bandeiras, por iso berraban e cantaban nos trens que os levaban ao matadoiro, a vermella ondada de sangue corría impetuosa e delirante polas veas de todo o imperio. A xeración de 1939, en cambio, xa non se enganaba. Coñecía a guerra. Sabía que non era romántica, senón bárbara. Sabía que duraría anos e máis anos, un lapso de tempo insubstituíble na vida. Sabía que os soldados non ían ao encontro do inimigo engalanados con follas de aciñeira na cabeza e fitas de cores, senón que folgaban durante semanas nas trincheiras e nos cuarteis, comidos polos piollos e medio mortos de sede, que os farían anacos e os mutilarían dende lonxe sen sequera ver o inimigo cara a cara. Coñecían de antemán, a través dos xornais e o cinema, as novas artes de aniquilamento, dunha técnica diabólica, sabían que os enormes tanques esmagaban aos feridos que atopaban ao seu paso e que os avións despezaban mulleres e nenos na cama; sabían que unha guerra mundial no ano 1939, grazas á súa mecanización inhumana, sería mil veces máis vil, brutal e cruel que calquera outra anterior. Xa ninguén da xeración de 1939 cría na xustiza dunha guerra querida por Deus, e peor aínda: xa ninguén cría sequera na xustiza e na durabilidade da paz conseguida por medio da guerra, pois aínda estaba demasiado vivo o recordo de todos os desenganos que trouxera a última: miseria en vez de riqueza, amargura en vez de satisfacción, fame, inflación, revoltas, perda das liberdades civís, escravitude baixo a férula do Estado, unha inseguridade enervante e unha desconfianza de todos cara a todos. Velaquí a diferenza. A guerra do 39 tiña un cariz ideolóxico, tratábase da liberdade, da preservación dun ben moral; e loitar por unha idea fai o home duro e decidido. A guerra do 14, en cambio, non sabía de realidades, servía aínda a unha ilusión, ao sono dun mundo mellor, xusto e en paz. E só a ilusión, non o saber, fai ao home feliz. Por iso as vítimas de entón ían alegres e embriagadas ao matadoiro, coroadas de flores e con follas de aciñeira nos helmos, e as rúas retronaban e resplandecían coma se se tratase dunha festa “.

 

 

 

 

Stefan Zweig: “O mundo de onte. Memorias dun europeo”

Visualiza un esquema da Primeira Guerra Mundial a partir do Manual de Historia Contemporánea Universal coordinado por Carlos Sixirei e publicado por Edicións do Castro

Consulta a web sobre a Primeira Guerra Mundial de Juan Carlos Ocaña.

Visualiza unha presentación sobre a Gran Guerra

* Consulta unha composición de texto sobre as causas da Primeira Guerra Mundial e os enfrontamentos previos.

* Consulta unha composición de texto sobre as fases da Primeira Guerra Mundial.

“O destino de Nunik”

Cartel_destino_de_Nunik    O 28 de decembro estréase en España a adaptación cinematográfica da exitosa novela de Antonia Arslan A casa das lavercas. Trátase de “O destino de Nunik”, dos italianos Vittorio e Paolo Taviani.

A ocasión é boa para reivindicar a memoria histórica dun pobo asentado ao pé do Ararat, que a partir do 301 incorporou o cristianismo como relixión de Estado e tras o século V conta cun alfabeto propio. Terra de igrexas paleocristiás e de estilo bizantino, terras esteparias de dureza extrema no inverno, foi lugar de disputa entre Rusia e o Imperio Otomano no século XIX.

A película que se estrea céntrase no máis coñecido período do xenocidio armenio, o acontecido en 1915, con máis de 1.500.000 armenios deportados ou asasinados, o primeiro dos grandes xenocidios do século XX, aínda que xa viña precedido das matanzas perpetradas en 1895-1896 en Constantinopla, nos finais dos estertores do rexime imperial otomano, con Abdul Hamid II. O embaixador de Estados Unidos en Turquía, testemuña directa da persecución dos armenios -tal e como aparece tamén citado na obra de Micheline Aaronian Marcom Tres mazás caeron do ceo-, escribíu o seguinte: 

Na primeira parte de 1915, os soldados armenios no exército turco foron reducidos a un novo status. Ata ese momento, a meirande parte deles foran combatentes, pero agora foron despoxados das súas armas e transformados en obreiros. En lugar de servir ó seu pais como homes de artillería e de cabaleiría, estes que foran soldados, descubriron que foran transformados en xornaleiros e animais de carga. Todo tipo de abastecemento foi cargado ás súas costas; tropezando baixo o peso e levados a latigazos e polas baionetas dos turcos, foron forzados a arrastrar os seus corpos fatigados dentro das montañas do Cáucaso. (…) Só lles deron cachos de comida; se se poñían enfermos eran deixados onde caían, os seus opresores turcos tal vez se detiveron moito tempo para roubarlles as súas pertenzas -aínda as súas roupas. Se algúns rezagados tiñan éxito de chegar aos seus destinos, eran frecuentemente masacrados. En varias ocasións, os soldados foron eliminados de xeito sumario, volveuse case á práctica xeral de matalos a sangue frío.

(…) Cando tiñan viaxado por cinco ou seis horas e chegado a un val apartado, un grupo de campesiños turcos foise sobre eles con martelos, machadas, gadañas, picos e serras. Tales instrumentos non só causaron mortes máis agonizantes que as armas e as pistolas, senón que, como os mesmos turcos alardearon, estes eran máis baratos, pois non involucraban perde de pólvora e balas.”

H. Morgenthau: O asasinato dunha nación.

Le un artigo publicado polo IGADI en outubro de 2006 sobre a evolución da causa armenia.

Consulta o documental 20 voices sobre as experiencias de supervivintes e protagonistas da diáspora armenia.

Demografía en España

gráfica evolutiva da poboación española

O coñecemento da poboación dun territorio permite coñecer a evolución demográfica do mesmo e planificar a necesidade de servizos para o futuro inmediato e a medio prazo. Por iso, os instrumentos para o estudo da poboación parten da recollida de datos estatísticos, en España encomendados actualmente ó INE, que elabora os Censos de Poboación e Vivendas cunha periodicidade de dez anos.

Aínda que o primeiro censo de poboación tomando como unidade de estudo a todos os seus habitantes se elaborou en España en 1768, baixo o reinado de Carlos III, o primeiro Censo oficial data de 1857. O último realizado ata agora levouse a cabo con referencia ó 1 de novembro de 2001, e dende 1981 véñense realizando todos os anos rematados en 1.

Consulta a información referente á elaboración do Censo de Poboación de 2001 e responde a preguntas como: ¿para que necesitamos o Censo de Poboación e Vivendas?; ¿que diferenzas hai entre Censo de Poboación e Padrón municipal?; antes do século XX, ¿que censos históricos son os máis significativos?; resume os datos principais que se recollen no cuestionario individual, a cubrir por persoas maiores de 16 anos que estuden ou traballen, e compáraos co cuestionario da folla de datos padroais.

Consulta a táboa de datos correspondente á evolución histórica dos resultados dos censos de poboación en España no século XX (presta atención específicamente a táboa 3), e, engadindo os correspondentes a 2001 e 2007 (estes últimos non censais), elabora unha gráfica evolutiva da poboación española. En 2001, a poboación ascendía a 40.847.371 persoas; a 1 de xaneiro de 2007, segundo datos provisionais adiantados en xuño, vivían en España 45.116.894 habitantes.

Consulta o informe sobre poboación publicado polo INE en “España en cifras 2007”

Consulta a relación de núcleos de poboación con máis de 100.000 habitantes en 2006

Consulta a poboación a 1 de xaneiro de 2007 segundo o INE e a evolución demográfica da poboación española ao longo do século XX

gráfica da transición demográfica en España Segundo se pode apreciar na gráfica de evolución das taxas de natalidade (azul) e mortalidade (vermello), España é un país no que se produce o paso do ciclo demográfico antigo (no que destaca o período de sobremortaliade vencellado á epidemia de cólera de 1885) ó ciclo demográfico moderno ó longo do século XX (período da transición demográfica), cun descenso paulatino das taxas de nacementos e defuncións continuado e paulatino, só truncado por episodios catastróficos de mortalidade moi elevada en 1918 (epidemia de gripe) e 1936-1939 (guerra civil). Na década de 1990, España pasa a ter un comportamento demográfico semellante ao dos países máis avanzados de Europa occidental, marcado polas baixas taxas de natalidade e mortalidade. O movemento natural da poboación en España nos últimos 25 anos e as cifras actuais amosan plenamente a nosa incorporación ao réxime demográfico moderno.
* Colorea o mapa do crecemento vexetativo provincial en España no ano 2006.
* Consulta unha nota de prensa sobre os datos do movemento natural da poboación en España publicada polo INE en xullo de 2007.

“España, con 45.116.894 habitantes, ocupa o quinto lugar por volume total de poboación dentro do contexto da Unión Europea. Os 88,4 hab/km2 de densidade media colócana por baixo da media actual, lonxe dalgúns dos países da súa contorna, como Países Baixos, Alemaña, Reino Unido ou Italia, que se achegan ou superan os 200 hab/km2.
Tradicionalmente, a poboación española repartiuse de modo desigual sobre o territorio. Eses desequilibrios son visibles a tres niveis:
Entre Comunidades Autónomas. Catro Comunidades, Andalucía, Cataluña, Comunidade de Madrid e Comunidade Valenciana, que ocupan a sexta parte do territorio, concentran o 57 % da poboación. Pola contra, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón e Estremadura, que comprenden algo máis da metade da superficie, albergan tan só ao 15 % da poboación.
A escala provincial. Algunhas provincias, como Soria ou Teruel, teñen densidades inferiores aos 10 hab/km2, mentres que outras, como Madrid ou Barcelona, exceden os 650 hab/km2. En xeral, as provincias interiores, excepto Madrid, están menos poboadas que as litorais e insulares.
Dentro de cada provincia. Na maior parte das provincias, a poboación concéntrase nas cidades, sobre todo na capital, mentres que o campo está case despoblado. Así por exemplo, Zaragoza concentra ao 71 % da poboación da súa provincia e ao 51 % dos habitantes de Aragón.
O principal resultado é que a poboación española é eminentemente urbana: máis das tres cuartas partes dos habitantes residen en núcleos con máis de 10.000 habitantes.”

Fonte: www.kalipedia.com

* Le un artigo de xornal sobre a despoboación do Oeste peninsular

* Sobre os movementos migratorios na España do século XX, consulta este material elaborado por Josefina Otero. Le tamén unha nova de febreiro de 2008 sobre a inmigración en Galicia no ano anterior.

A estrutura da poboación por idade e sexo exprésase ben nas pirámides de poboación. Podes consultar aquí dous exemplos de comentarios de pirámides: un sobre a pirámide do País Vasco en 2001 e unha presentación sobre a pirámide de España de 2007 por parte do profesor Isaac Buzo.

* Canto ás taxas de actividade, ocupación e paro da poboación española, consulta a recente nota de prensa do INE, publicada en xaneiro de 2008, e referente á EPA do cuarto trimestre de 2007.

Taxa de actividade en EspañaEvolución do paro en España

* Consulta unha interesante web con mapas de demografía de España e a súa actualización.

* Visualiza unha presentación sobre a poboación en España

* Estuda o vocabulario de Demografía

Fontes de enerxía

   As fontes de enerxía subdivídense en non renovables e renovables. A revolución industrial iniciouse co emprego de fontes de enerxía tradicionais, como o carbón, para pasar despois ó uso do petróleo, gas natural e enerxía nuclear.

Consulta unha web con información sobre fontes de enerxía, resume as propiedades de cada unha e clasifícaas segundo sexan renovables ou non renovables. Visita o blog “El fin del aceite del imperio”, sobre a crise enerxética que se pode producir coa caída da produción mundial de petróleo.

Le un artigo de Marcelino Fernández Mallo sobre a nosa dependencia enerxética, especialmente do petróleo. Entre outras cousas, di o autor: “O 76% do consumo enerxético de Europa procede de fontes fósiles, un 50% de petróleo e o 26% restante do carbón e o gas natural. Ademais do tremendo problema que supón o esgotamento destes recursos, debe subliñarse o feito de que representan a causa principal das emisións de CO2 á atmosfera, o que provoca o efecto invernadoiro e, consecuentemente, as ameazas medioambientais que asolan a Terra hoxe en día. ” Presta especial atención ó listado que se fai de enerxías renovables e resúmeas.

Le o seguinte artigo de José Manuel Sánchez Ron sobre a necesidade de replantexarse o uso da enerxía nuclear. Fai unha valoración crítica do mesmo. Pero  habemos de ter en conta que en Europa aínda permanece latente a lembranza de accidentes nucleares como o de Chernóbil, en Ucraína, que fixeron no seu día replantexar o uso desta fonte de enerxía.

Consulta a páxina web do INEGA e fai un listado das centrais de enerxías renovables e as súas características na túa provincia.

Vexetación, ríos e solos en España

España está a cabalo entre tres rexións bioxeográficas diferentes: a eurosiberiana, a mediterránea e a macaronésica. Os pisos vexetais modifícanse en áreas de montaña, dando lugar a cliseries específicas en cada sistema montañoso. Tamén son específicas as formacións correspondentes ós bosques e matogueiras de ribeira, máis hidrófilos,  e nos que están presentes alisos, aveleiras, bidueiros, sauces e outras especies ripícolas.                          

                                              Consulta un cadro-resumo sobre a vexetación en EspañaCliseries vexetais nos sistemas montañosos españois

Consulta unha interesante web sobre a distribución da vexetación na península Ibérica.

Visita un catálogo de plantas invasoras en España.

Dá unha volta pola rede de parques nacionais de España e coñece as características da súa flora.

Visualiza a base de datos do proxecto Anthos, elaborado polo CSIC, para comprobar a distribución das diversas plantas na Península Ibérica. Busca específicamente información sobre características e distribución dos seguintes xéneros: Abies alba, Abies pinsapo, Alnus glutinosa, Betula alba, Castanea sativa, Chamaerops humilis, Corylus avellana, Dracaena draco, Eucalyptus globulus, Fagus sylvatica, Juniperus thurifera, Pinus halepensis, Pinus pinaster, Quercus ilex, Quercus robur, Quercus suber, Salix alba.

Consulta documentos interesantes do Ministerio de Medio Ambiente: a conservación da biodiversidade a través do establecemento da Rede Natura 2000, a loita contra a desertificación ou a prevención e loita contra os incendios forestais.

Sitúa os principais ríos españois con este material interactivo de Enrique Alonso.

Consulta un documento sobre os reximes fluviais dos ríos españois aloxado na rede educativa aragonesa, e outro sobre os tipos de solos da península. Consulta unha clasificación de solos establecida polo Soil Survey Staff de Estados Unidos e usada por Hispagua, en función das aptitudes agrícolas do terreo.

Coñece dun xeito pormenorizado a cartografía cos ríos de Galicia.

Realiza exercicios de repaso sobre os ríos de España

Agriculturas do mundo

  

A través de 10 imaxes do fotógrafo francés Yann-Arthus Bertrand imos descubrir diversas paisaxes agrarias do mundo:

I) En Madagascar, o paso do policultivo tradicional á ricicultura irrigada conlevou o desbrozamento de boa parte das altas terras da illa.

II) A deforestación da Amazonia está a crear inmensas superficies que se destinan esencialmente ó cultivo de cereais destinados ó mercado internacional para mantemento do gando, sobre todo soia.

III) En Malaisia, as tradicionais plantacións de hevea vense sustituídas nun inmenso territorio por plantacións de palmeiras de aceite que, como en calquera agricultura especulativa do Terceiro Mundo, se destinan á exportación.

IV) O relevo volcánico da illa indonesia de Bali aporta unha fertilidade natural moi apta para o cultivo intensivo do arroz.

V) Nos países asiáticos, o arroz remonta as abas máis empinadas das montañas para extenderse en socalcos e constituir a fonte nutritiva esencial da poboación, tal e como podemos apreciar nesta paisaxe nepalí, a 3.000 m. de altitude sobre o nivel do mar. Ou ben nun arrozal próximo ó anterior.

VI) En pleno Sahel, en Tombuctú (Mali), as microparcelas dos agricultores surten de productos hortícolas de autoconsumo a unha poboación que, debido ás periódicas secas, se víu obrigada a abandonar a gandaría extensiva.

VII) Nun medio árido, os israelís teñen desenvolvido unha agricultura mecanizada e baseada no regadío, que co tempo se ten diversificado e non procede da sobreexplotación de cursos fluviais e acuíferos, senón que se basea xa no rego pinga a pinga e na reciclaxe de augas xa usadas para o consumo doméstico. A oliveira destaca alí como cultivo netamente mediterráneo.

VIII) A agricultura mediterránea de secaño ten na triloxía mediterránea de trigo, vide e oliveira os seus cultivos característicos. En países industrializados como Francia, estas paisaxes están hoxe moi mecanizadas, dando lugar a unhas cifras de poboación activa moi baixas no sector primario. Esta paisaxe de Cognac inclúe trigo e oliveira en campos abertos. Ademáis, os openfields tradicionais están hoxe en mans da tecnoloxía. Neste mesmo país, as paisaxes tradicionais de bocage reconvertéronse hoxe en día a pastos para o gando na súa meirande parte.

IX) A agricultura de mercado dos Estados Unidos ben pode ser definida case como unha actividade sen apenas man de obra que produce esencialmente para o mercado interior e internacional. O monocultivo cerealista mecanizado en Montana é boa mostra da especialización que se produce nas distintas áreas do territorio.

X) A agricultura holandesa, netamente intensiva e consumidora de fertilizantes químicos, especialízase en cultivos hortícolas e flores, como estes campos de tulipáns que convirten ó país no primeiro exportador mundial. Os pólders destínanse específicamente á produción de pastos para o gando bovino.

Dominación colonial europea

  “En tempos anteriores á colonización –así que tampouco hai tanto- en África existiran máis de dez mil países, entre pequenos Estados, reinos, unións étnicas, federacións. Un historiador da Universidade de Londres, Ronald Oliver, no seu libro titulado African Experience (Nova Iorque, 1991), centra a súa atención no paradoxo, aceptado de xeito xeneralizado, segundo o cal os colonialistas europeos levaron a cabo a división de África. “¿División?”, exclama Oliver, asombrado. “Brutal e devastadora, pero ¡foi unha unificación! O número dez mil reducíuse a cincuenta.”

Ryszard Kapuscinski: Ébano

“Nós temos comprobado, bárbaros ingleses, que desenvolvestes unha natureza e uns costumes de lobo, saqueando e roubando bens pola forza (…). Viñestes ó noso país con espírito de lucro. ¿Que coñecementos tendes de nós? A vosa ansia de ganancias parécese á voracidade dos animais. En cambio, ignorades as nosas leis e as nosas institucións; nada sabedes de principios xustos (…). Máis alá da fortaleza dos vosos barcos, da violencia do disparo dos vosos fusís e da potencia dos vosos canóns, ¿que outras cualidades tendes?”

Panfleto dunha sociedade secreta chinesa. Cantón, 1856. 

Consulta un esquema-resumo da segunda revolución industrial e o imperialismo

A finais do século XIX prodúcese a segunda revolución industrial, coa aplicación de novas fontes de enerxía como a electricidade e o petróleo ós medios de transporte. Deste xeito, co cambio de século, prodúcense as primeiras experiencias de voo, as inxentes migracións transoceánicas, a difusión do automóbil:

O crecemento económico dos países industrializados, á percura de novos mercados para colocar os seus produtos, é unha das causas do imperialismo, mais non a única.

En febreiro de 1899, en McClure’s Magazine, o escritor británico Rudyard Kipling publica o seu poema “The White Man’s Burden”, expresión dunha ideoloxía pro-civilizadora do home branco sobre o resto da humanidade, un dos elementos que explican o imperialismo europeo de finais do século XIX. Olla criticamente un vídeo inspirado neste poema.

Aproveita para ler O corazón das tebras, narración autobiográfica ambientada no Congo belga devastado por Leopoldo II, a comenzos do século XX. O relato incluso serviría de inspiración para a película de Coppola Apocalypse Now, aínda que ambientada en Vietnam. Le ó respecto un artigo de Raquel Quinteiro sobre esta asociación. É tamén o momento de lembrar un discurso de 1883 do rei belga ós misioneiros, no que, entre outras cousas, di: “Padres, vós ides evanxelizar, mais esta evanxelización debe inspirarse antes que nada no interese de Bélxica.” Tamén podes visualizar un vídeo sobre o xenocidio no Congo (en francés) e ler extractos da obra de Adam Hochschild “A pantasma do rei Leopoldo” (en inglés).

Ó imperialismo europeo sumouse un imperialismo norteamericano inspirado na filosofía do Destino manifesto.

* Consulta unha composición de texto sobre as causas do imperialismo e as pautas para a súa redacción.

* Consulta unha composición de texto sobre as “xustificacións” para o imperialismo e as pautas para a redacción da mesma.

O prezo dos alimentos

  Estes días temos falado do incremento do prezo dos alimentos en destino como consecuencia de toda a cadea de intermediarios que engaden valor ó produto final. A este respecto, La Voz de Galicia publica un artigo, o día 21 de novembro de 2007, sobre o incremento dos prezos de orixe a destino dos produtos alimenticios.

Unha páxina do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ofrécenos información semanal destes datos.

Unha tarde con Anna Leonowens

  Visionamos este xoves 22 de novembro, en sesión de tarde, a película “Ana e o rei”, baseada nas memorias da institutriz británica Anna Leonowens, que chegou en 1862 a Bangkok para facerse cargo da educación dos fillos do rei Mongkut, e en especial do herdeiro Chulalongkorn. A película ambiéntase en Siam, a antiga Tailandia, un territorio que logrou manter a súa independencia, nun difícil equilibrio xeoestratéxico entre a Birmania británica e a Indochina francesa. Neste ambiente refulxe a persoalidade de Anna, que transmite unha imaxe de serenidade e disciplina, partidaria de valores baseados na liberdade e igualdade da muller con respecto ó varón ou a abolición do escravismo. Todos eles son valores propios dunha sociedade vitoriana que está nese momento no seu máximo esplendor.

Ficha técnica e argumento da película

Consulta a ficha de traballo sobre “Ana e o rei”

Potencias europeas na segunda metade do XIX

A segunda metade do século XIX correspóndese cunha forte expansión industrial nos países punteiros de Europa, non exenta de crises económicas como a de 1873. As grandes potencias enfrontáronse a novos retos sociais e políticos, nun crecente clima de competencia e hostilidade.

Bota unha ollada ó resumo sobre a evolución das grandes potencias europeas na segunda metade do século XIX.

Consulta o texto do artigo Eu acuso, de Emile Zola, publicado en 1898, no que o novelista denuncia a actuación antisemita de membros do exército francés no caso Dreyfus.

Soluciona esta ficha con actividades sobre o tema.

Os vellos imperios (austro-húngaro, ruso e otomano) perviven como monarquías absolutas mentres se difunde o liberalismo en occidente. Sobre o imperio austro-húngaro, no que se producen algunhas reformas, podes ler este breve fragmento da obra “O busto do emperador”, de Joseph Roth:

“(…) A persoa da Súa Maxestade real e imperial, á que servira (o conde Morstin), nunca deixou de ser para el unha imaxe enteiramente fóra do común. Tería resultado imposible para o conde, por exemplo, ver ó Emperador como un home sen máis. A fe na xerarquía transmitida por tradición estaba tan firme e fortemente arraigada na alma de Franz Xaver que non amaba ó emperador polas súas cualidades humanas, senón polas imperiais. Rompía toda relación con amigos, coñecidos e parentes se, na súa presenza, deixaban caer algún comentario que ó seu parecer faltase ó respeto ó Emperador. Tal vez xa entón, moito antes da caída da monarquía, intuise que os comentarios á lixeira poden resultar moito máis mortíferos que os atentados dos criminais e os discursos solemnes de ambiciosos e revolucionarios individuos que pretenden arreglar o mundo. En tal caso, efectivamente, a historia tería dado a razón ós presentimentos do conde Morstin. Pois a vella monarquía austro-húngara, dende logo, non morreu por culpa do patetismo oco dos revolucionarios, senón por culpa do escepticismo irónico de quen debería ter constituído o seu fiel apoio.

(…) (O conde Morstin) Non tiña outra paixón ostensible que a de rebater a “cuestión das nacionalidades”. E é que, por aquel entón, o que chamaban a “cuestión das nacionalidades” empezaba a ser un tema candente na monarquía. Todo o mundo se proclamaba -quixérao ou obrigáseno a aparentar que quería- fillo de algunha das moitas nazóns que había no territorio da vella monarquía. Como é ben sabido, no século XIX descubrírase que todo individuo ten que pertencer a unha nazón ou a unha raza determinadas se realmente pretende ser recoñecido como cidadán burgués. “Da humanidade á bestialidade polo camiño da nacionalidade”, dixera o dramaturgo austríaco Grillparzer.”

O chanceler Bismarck tratou de illar a Francia e buscar o equilibrio entre as grandes potencias europeas asinando unha serie de tratados con Austria. Coa chegada ó poder do káiser Guillerme II, a weltpolitik alemá conducirá a un período de rearme e tensións que han de desembocar na Primeira Guerra Mundial. Consulta algúns tratados entre potencias europeas neste período.

Dous retratos de Elizabeth I e Filipe II

  

     

Con motivo da estrea en España de “Elizabeth I (A idade de ouro)” é prudente rescatar a iconografía áulica que se estilaba no retrato do século XVI, e opoñer dúas imaxes que representan ós monarcas enfrontados no contorno daquel ano 1588 en que tivo lugar o ataque da Armada Invencible ás costas británicas.

Unha é a da triunfante Elizabeth I, a Raíña Virxe que se amosa sedente e engalanada coas súas mellores xoias (perlas que se asocian á pureza, brocados que amosan a súa riqueza e poder), ós 55 anos, nunha imaxe de gloria que alude ó seu dominio sobre novas terras americanas –o primeiro descendente de inglés naceu na colonia norteamericana de Virxinia en 1587, e a raíña pousa a man dereita sobre ese territorio bautizado así en honor dela por Walter Raleigh– e á victoria sobre a Armada española que aparece remarcada en dous cadros situados detrás da maquillada faciana de Elizabeth. O retrato -pintado en 1588-89- está atribuido a George Gower.

A outra corresponde ó retrato de pé do monarca Filipe II, realizado por Juan Pantoja de la Cruz en 1590, que continúa a serie de retratos de poder que encadean Tiziano, Sofonisba Anguissola, Antonio Moro e Sánchez Coello. Pero esta vez o rei, de 63 anos, aínda que erguido, apoia a súa man dereita sobre unha cadeira que lle servía de alivio cando tiña habituais ataques de gota. Por enriba do traxe negro cinguido do monarca asoma unha leituguiña que nos permite fixar a mirada na barba branca e canosa dun varón con ollos un tanto afundidos.

A comparación destas imaxes coas da interpretación fílmica de Cate Blanchett e Jordi Mollá nos respectivos papeis de Elizabeth I e Filipe II descúbrenos un esaxerado rexuvenecemento de ambos. Máis ben parece que case esteamos ante a Elizabeth I á idade de 13 anos probablemente retratada por William Scrots e o Filipe II á idade de 24 anos inmortalizado por Tiziano.

Arte paleocristiá e bizantina

 

“A igrexa cristiá non é xa o edificio misterioso que oculta o simulacro dun deus, en certo sentido tampouco é simplemente a casa de Deus, senón un lugar de reunión, de comuñón e de oración dos fieis. É lóxico que os cristiáns se inspirasen na basílica mellor que no templo romano, xa que ela constituíra o tema social do mundo edilicio precedente. Tamén é natural que, a miúdo, tendesen a reducir as proporcións da basílica romana, xa que unha relixión do íntimo e do amor esixía un escenario físico humano, creado a escala daqueles a quen tiña que acoller e elevar espiritualmente. Esta foi a transformación cuantitativa ou dimensional; a revolución espacial consistiu en ordenar todos os elementos da igrexa na liña do camiño humano.”

Bruno Zevi (1981): Saber ver a arquitectura. Ed. Poseidón, Barcelona.



 

Os movementos sociais no século XIX

O vídeo que encabeza este tema corresponde a unha interpretación da “Internacional” -considerada como o himno oficial dos traballadores do mundo enteiro- na película de Ken Loach “Terra e liberdade” (1994), ambientada na guerra civil española de 1936-1939. A “Internacional” foi escrita polo communard Eugène Pottier en 1871, ano do estourido revolucionario da Comuna de París. En 1888 musicalizou a canción Pierre Degeyter.

Consulta un esquema-resumo sobre os movementos sociais no século XIX.

Visualiza unha presentación sobre algúns exemplos de socialismo utópico, marxismo e anarquismo.

Le e resume un comentario de Vargas Llosa sobre a “Viaxe a Icaria” de Étienne Cabet, a xeito de exemplo de como os socialistas utópicos tentaron levar á práctica algunhas das súas visións arcádicas.

Nunha entrevista publicada en El País (13 de novembro de 2007), o historiador británico Eric Hobsbawm di o seguinte canto ó marxismo:

“- O poder do marxismo. “Os marxistas crían que a clase obreira ía medrar, cando o que pasou é que deveceu e que países como Estados Unidos ou Inglaterra ata se están desindustrializando. A loita política baseada na loita das clases xa non é moi efectiva. Pero Marx sobrevive na súa concepción materialista da historia e na súa análise do capitalismo. No século XIX xa vaticinou a globalización, e cando se celebraba o 150 aniversario do Manifesto Comunista, as crises económicas do sueste asiático e de Rusia en 1997 e 1998 confirmaban as súas predicións. O poder do marxismo segue intacto. Non así moitas ideas políticas de Marx que obedecían, máis que á análise, a soños de igualdade.”

Podes consultar algunha definición clave do marxismo na obra “Principios do comunismo”, proxecto de programa da Liga dos Comunistas escrita por Engels en 1847, na que se definen algúns termos clave da doctrina marxista. E tamén a versión do “Manifesto comunista” redactado por Marx e Engels un ano despois.

Realiza a seguinte composición de texto sobre as ideoloxías que influiron nos movementos sociais do século XIX. Ver redacción da composición de texto sobre as ideoloxías do movemento obreiro.

No último cuarto do século XIX ten lugar a institucionalización de partidos socialistas democráticos nos diversos Estados de Europa, que reivindicarán os dereitos do proletariado competindo directamente cos partidos burgueses. En 1875 fúndase o SPD alemán, e catro anos despois Pablo Iglesias funda o PSOE en España. Dende a década seguinte existen partidos socialistas democráticos en Francia e Italia, e será en 1900 cando se cree o Partido Laborista británico.

Actividades de Historia Contemporánea 1º Bacharelato

 Presentámosvos algunhas actividades para aprender sobre o período da transición do Antigo Réxime e as revolucións liberais:

Unha composición de texto sobre a sociedade do Antigo Réxime. Ver redacción

Unha composición de texto sobre os cambios da Revolución industrial. Ver redacción da composición 2

Unha composición de texto sobre o proletariado industrial a comezos do XIX. Ver redacción da composición 3

Unha composición de texto sobre a Revolución Francesa de 1789. Ver redacción da composición 4

Un eixo cronolóxico visualVer resolución do eixo cronolóxico visual

USA independente e Xapón Meixí

  O liberalismo fóra de Europa ten dúas boas representacións na independencia dos Estados Unidos de Norteamérica e na revolución Meixí en Xapón.

Consulta un resumo elemental sobre a expansión do liberalismo en Estados Unidos e Xapón.

Consulta unha presentación sobre a independencia dos Estados Unidos.

“Naqueles tempos, Xapón estaba, en efecto, na outra punta do mundo. Era unha illa composta por illas, e durante douscentos anos vivira completamente separada do resto da humanidade, rexeitando calquera contacto co continente e prohibindo o acceso a calquera estranxeiro. A costa chinesa distaba case duascentas millas, pero un decreto imperial encargárase de mantela aínda máis alonxada, prohibindo en toda a illa a construción de barcos con máis dun mastro. Segundo unha lóxica, ao seu xeito, ilustrada, a lei non prohibía, sen embargo, a expatriación, mais condeaba a morte aos que tentaban regresar. Os mercadores chineses, holandeses e ingleses tentaran repetidas veces rachar con aquel absurdo illamento, pero só lograran crear unha fráxil e perigosa rede de contrabando. Gañaran poucos cartos, moitos problemas e algunhas lendas, boas para contar nos portos polas noites. Onde eles fracasaran, tiveron éxito, grazas á forza das armas, os americanos. En xullo de 1853 o almirante Matthew C. Perry entrou no esteiro de Yokohama cunha moderna frota de buques a vapor e entregou aos xaponeses un ultimato no que se “auspiciaba” a apertura da illa aos estranxeiros. Nunca antes viran os xaponeses unha embarcación capaz de sucar o mar co vento en contra. Cando, sete meses despois, Perry voltou para recibir a resposta ao seu ultimato, o goberno militar da illa asinou un acordo que sancionaba a apertura aos estranxeiros dos portos no norte do país e o establecemento das primeiras, mesuradas, relacións comerciais. O mar que rodea esta illa -declarou o almirante con certa solemnidade- é desde hoxe moito menos profundo.”

Alessandro Baricco: “Seda”

* Así percibiu Lafcadio Hearn o Xapón Meixí cando chegou ó país en 1890:

“O viaxeiro que penetra de súpeto nun lugar en período de cambio social –sobre todo o cambio dun pasado feudal a un presente democrático- é propenso a lamentar o declive do belo e a fealdade do novo. Ignoro aínda o que eu poida descubrir en Xapón de ambas cousas; pero hoxe, nestas rúas exóticas, o vello e o novo combínanse tan ben que o un parece realzar o outro. A ringleira de diminutos e brancos postes telegráficos que levan as noticias do mundo a xornais impresos nunha mestura de carácteres chineses e xaponeses; un timbre eléctrico nun salón de té, en cuxo botón de marfín hai pegado un enigmático texto oriental; unha tenda de máquinas de coser americanas xunto á tenda dun fabricante de imaxinería budista; o establecemento dun fabricante de sandalias de palla… Todo isto non presenta unha incongruencia rechamante, pois cada mostra de innovación occidental está encadrada nun marco oriental que parece adaptarse a calquera cadro.” 

                                     Lafcadio HEARN: No país dos deuses

Estar en Babia e nas Batuecas

  Moitas veces dicimos de alguén que está despistada/o que está en Babia. É feliz. Sen dúbida. Pero esta expresión ten unha evidente orixe xeográfica. Pois Babia é unha comarca natural composta por dous concellos: Babia de Suso e Babia de Yuso, situados no noroeste da provincia de León, e que se corresponde cun territorio natural no que os medievais reis de León atopaban paz entre montañas, ríos, lagoas e castelos. Babia é Reserva da Biosfera desde o 29 de outubro de 2004. Como di a entrada do Índice do libro “As elipses do cronista”, de Pablo Andrés Escapa (Páxinas de Espuma, 2003):

“Badabia: Territorio fuxitivo dos mapas que o sabio Afonso mandou poboar en mil douscentos setenta e ao que concedeu un foro. A manifestación visible da Badabia coincide cunha comarca montañosa ao noroeste do antigo reino de León. Abunda esa xeografía evidente en montañas, herba, ríos e rabaños. O viaxeiro de paso por este terreo adoita reter a cor verde na mirada e algunha parsimonia de esquilas nos oídos. De forma adicional sofre de melancolía a medida que se afasta da paisaxe. A porción invisible de Badabia é inexplicable e motivo de beatitude segreda. Correntes ocultas distraídas das fontes, ou das follas das árbores que o vento fai soar, van gañando a imaxinación do pasaxeiro da Badabia e precipitándoo a evasións sosegadas e a ilusións de tranquilidade. Os límites desta divagación, que unhas veces pérdese como un fume azul monte arriba, outras disípase nun horizonte de nubes, e algunha vez profúndase e xira nun remanso do río, son descoñecidos, pero sábese que obran infatigablemente, polo menos desde os tempos do cabalo Babieca. Os habitantes da Badabia teñen a mirada evadida e son propensos a entreter en círculo as noites invernais. Neses concilios aquietados pola neve, prospera a irmandade do lume e a fabulación. Don Pascual Madoz, no seu admirable Dicionario xeográfico, atribúe unha extensión de corenta e nove leguas ánglicas á parte visible da Badabia. Administrativamente divídea en Alta e Baixa”.

“Estar nas Batuecas”, segundo o dicionario, significa estar distraído ou allea/o a aquilo do que se trata, e así se pode un quedar se visita esta impresionante paraxe salmantina, un val que foi declarado parque natural xunto á Pena de Francia en 1978. Ao longo dos séculos acumuláronse lendas variadas sobre o Val das Batuecas. Dicíase que se achaba habitado por demos e seitas adoradoras de Satanás. Os pastores non se atrevían a entrar nel por medo ao descoñecido. Por outra banda, tamén se falaba das Batuecas como un lugar paradisíaco.

Un espazo para CC. Sociais, Xeografía e Arte